Partido intranscendente o disputado na tarde do domingo entre o CD BAIO e a SD CASTRIZ, na que os dous só se xogaban a honra dos puntos, e como tal demostrouse unha falta de intensidade en moitos momentos do encontro. Afrontaba o Baio o partido logo de disputar no día anterior o partido de Copa fronte ao Esteirana, no que xogaron case os mesmos homes, completando a formación varios xuvenís, que tamén tiveran partido na tarde do venres, polo que se deixou sentir certo cansanzo nas filas locais, sobre todo na segunda parte.
| Os xogadores do Baio apoiaron a MC, desexando que pronto volva marcar goles. (Foto: Santi Díaz) |
Antes do partido chegou a nota positiva do encontro ao saíren os xogadores baieses cunha camiseta de apoio ao seu dianteiro Martín MC, operado do menisco o pasado xoves no Hospital Santa Teresa da Coruña. A primeira parte apenas tivo xogadas de mención, cun Castriz pechado atrás e o Baio movendo o balón na busca dos seus dianteiros, que non conseguían desbordar a tupida defensa xalleira. Quizais a ocasión máis clara tívoa Lucas, que se foi en velocidade do seu par pero o seu lanzamento foi atallado por Herrera sen moitas dificultades. Os visitantes só se achegaban á área do xuvenil Guillermo a través do balón parado, sen conseguir impoñerse á defensa nas súas tentativas.
| Partido con moito xogo áereo, pero a defensa baiesa por veces foi unha muralla. (Foto: Santi Díaz) |
Non mellorou o partido no segundo tempo, pero houbo máis ocasións, sobre todo no bando local que se achegaba algo máis á portería contraria, sobre todo no lanzamento de faltas directas. O Castriz seguía ao seu, ben pechado atrás e agardando nunha contra ou nun balón parado crear perigo. E así chegou o gol visitante, nunha falta botada no medio do campo á área, o balón escápalle das mans a Guillermo e cáelle na cabeza a Pablo, que só ten que empurrala á rede. Tentou o Baio ir máis arriba polo menos na busca do empate, pero a rigurosa expulsión de Mario por dobre cartón amarelo (min. 77), deixou tocado aos locais. Aínda así puido empatar un insistente Javi Suárez, que tras canear a varios contrarios era derrubado na área, sinalando o colexiado penalti. Lanzouno o propio dianteiro baiés, pero Herrera atinou ben na dirección e conseguiuno interceptar. Non tivo máis historia o partido e os puntos foron para terras xalleiras. Tan só hai que destacar un novo debut no Baio, neste caso de David.
Con esta derrota o Baio segue na sexta posición a falta de tres partidos para o final, pero pensando máis na Copa que na propia competición ligueira.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Matías, Yago, Fredi (José Antonio 45'), Ramón, Eloy (David 45'), Mario, Lucas (Pardo 74'), Martín, Javi Suárez, Valentín (Andrés 82').
No hay comentarios:
Publicar un comentario