C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

14 may 2012

C. D. BAIO CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA XUVENIL

U. C. CEE 2 - C. D. BAIO 3

Contra todo prognóstico o C. D. BAIO foi o campión da LIGA DA COSTA XUVENIL e disputará a promoción de ascenso á Liga Galega como primeiro de grupo. E todo se decidiu nos minutos finais dos dous partidos sobranceiros da xornada: o Malpica-Dumbría B e o Cee-Baio. No primeiro deles producíase a remontada dos dumbrieses, que empataban no min. 87 e conseguían o definitivo 2-3 no tempo de desconto. Outro tanto pasaba no segundo partido, pois houbo que agardar ao tempo engadido para que o Baio certificase o triunfo e lle arrebatase ao Malpica a primeira praza.
O encontro en San Paio de Refoxos na tarde do sábado foi presenciado por numeroso público, tal e como se presaxiaba durante a semana a través da rede. A marea azul local ocupou as bancadas con pancartas e bocinas, mentres que a ampla expedición baiesa se apostaba na banda contraria. Comezou o partido cun gran respecto entre os dous equipos e un nerviosismo latente en moitos dos xogadores. Coma sempre, os baieses intentaban xogar a pelota desde atrás, co seu característico fútbol de toque, mentres que os locais agardaban máis pechados atrás na busca do erro rival e saír na contra. E este chegou cando menos se esperaba, nun saque de porta en curto de Guillermo para Yago, que perde o balón ante Carlos, que bate por baixo a portería baiesa. Os seguintes minutos foron aínda de maior nerviosismo entre os xogadores baieses, con continuos erros nos pases, sen lograr combinar cos mediapuntas nin coa dianteira. Pero pouco a pouco foi recuperando sensacións o Baio, a través da garra de Fachal, e a entrada máis en xogo dos seus homes de ataque, e así chegou a grande ocasión dos visitantes na primeira parte, cun man a man do cadete Christian co porteiro, que salvou este in extremis co pé. Esta ocasión animou aos baieses e meteulle o medo no corpo aos locais, e fixo que ata o final do primeiro tempo fose un monólogo atacante do Baio, pero sen acerto da cara ao gol.
Principiou a segunda parte polos mesmos derroteiros, cun Baio amo do partido, a través das combinacións Bieito-Rubio-Christian en ataque, que roldaban a meta ceense. Tivo unha nova oportunidade clarísima Christian noutro man a man, pero a súa vaselina era detida coa punta dos dedos polo meta Iván, o mellor dos locais. Parecía que non era o día do crack de Bamiro. Para colmo de males nunha boa xogada dos ceenses pola banda dereita chegaba o segundo gol, obra de Sergio cun forte lanzamento á base do poste da portería defendida neste tempo por Pollo. Parecía sentenciado o partido, sobre todo pola desesperación que mostraban as caras dos baieses, que vían como o Cee conseguira dous goles nas súas dúas ocasións claras. Pero aí saíu a relucir a casta dos baieses, que baseándose na súa fortaleza física (outra das claves deste equipo) lograron borrar do mapa aos locais nos últimos vinte minutos. A remontada iniciouse nunha xogada de Rubio pola banda esquerda, que tras internarse na área é derrubado polo seu par, indicando o colexiado o claro penalti. Pena máxima que foi transformada polo propio Rubio, pichichi deste equipo. O gol aumentou aínda máis a confianza baiesa, pois tiña vinte minutos para conseguir un segundo gol que os metese na fase de ascenso. Christian tiña unha espiña cravada co gol, e tiña que quitala, e foi a falta de sete minutos para o final do partido, cunha internada pola esquerda que acabou cun forte lanzamento ao fondo das redes ceense. De aquí ao final, foron minutos de moitos nervios, pois estaba moito en xogo. Os ceenses tiveron que ir arriba na busca da vitoria que os levase á fase de ascenso, pero tanto o porteiro Pollo como a defensa estiveron moi seguros e expeditivos, mentres no ataque Bieito, Rubio e Christian buscaban rápidas contras. Xa en tempo engadido, nunha destas contras unha saída en falso do porteiro ceense fóra da área, perdía o balón ante Christian, que cedía a Fachal que dun magnífico lanzamento en vaselina desde uns 35 metros conseguía introducir o balón na meta local, premiando o seu magnífico partido. O gol foi protestado polos locais, pois argumentaban que había un xogador deles tirado no chan, o que provocou unha pequena tángana entre os xogadores que empañou un pouco este disputado e competido encontro. Co saque de centro, o colexiado sinalou o final do partido coa vitoria baiesa por 2-3.
Esta vitoria premia o gran traballo desenvolvido por Nacho e os seus xogadores ao longo da temporada, e dos tres anos que leva o adestrador baiés ao mando deste equipo, formando un bloque de xogadores que a bo seguro darán moitas tardes de gloria no Platas Reinoso. Celebrárono os xogadores nunha churrascada ofrecida por un grupo de socios no campo baiés, que logo se prolongou ata altas horas en locais de Baio e Ponteceso. Agora terán o premio de disputar a fase de ascenso á Liga Galega (sorteo que se realizará o luns ás 20:00 na sede da Federación Galega). Acabou a Liga da Costa con catro equipos de gran nivel, que disputaron o título e a segunda praza de acceso á fase de ascenso ata o último momento. Ao final o Baio quedou campión con 31 puntos, o Malpica segundo con 29, e o Cee e o Dumbría B quedaron con 28 puntos na terceira e cuarta posición, respectivamente.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Pollo 45'), Maikel (Cachopo 51'), Pardo, Yago, Pablo, Fachal, David (Vereda 74'), Lucas, Rubio, Bieito, Christian.

Goles: 1-0 Carlos (21'), 2-0 Sergio (57'), 2-1 Rubio (p., 70'), 2-2 Christian (83'), 2-3 Fachal (93'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario