C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

1 may 2013

TRES PUNTOS SUFRIDOS EN LOMBÁNS

U. D. CARNOTA 0 - C. D. BAIO 1

Desprazouse moita xente de Baio na tarde do domingo ao campo de Lombáns, moita dela ataviada coas camisetas vermellas do CD BAIO para animar ao equipo. Clima cambiante, con sol, orballo e novamente sol, para un partido disputado, que tivo máis emoción que xogo. 
Arrancou con forza o Baio e creou as primeiras ocasións, ante un equipo local que se pertrechou ben atrás, deixando un único punta arriba. As aperturas á banda facían dano na defensa carnotá e por aí viñeron os primeiros achegamentos, por medio de Martín MC e de Eloy Vilas. E o gol chegaría tamén por unha xogada pola banda: un pase en profundidade de Martín sobre a incorporación do lateral Eloy Lema rematou cun perfecto centro deste para a incorporación desde segunda liña de Rubio, que batía a Luis de la Peña. A partir de aquí o Baio tivo claras ocasións de sentenciar. Dúas delas a cargo de Martín MC, na primeira, tras unha bonita combinación da dianteira, quedaba só diante do porteiro, pero sacou unha man prodixiosa cando se cantaba o gol; mentres que na segunda o dianteiro precipitouse a lanzar a portería de primeiras cando se atopaba totalmente só. Tamén tivo a súa ocasión Alberto, e tiros desde fóra da área de Martín e de Eloy Vilas non chegaron a bo porto. O Baio perdoou moito e puido pagalo caro.
Na segunda parte presionou máis o equipo de Cambeiro, na busca do empate, o que desiquilibrou o xogo dos baieses, que estiveron boa parte deste período perdidos. A entrada de Yago, logo de varios meses lesionado, deulles máis solidez defensiva, e pouco a pouco foi recuperándose o equipo baiés. Por outra parte, as chegadas do Carnota máis perigosas viñan dos saques de banda, que desde un e outro lado lanzaban os laterais na busca dos espigados Jacobo e o veterano Manoliño. Amosaron os defensas do Baio moita seguridade nestas accións, aínda que calquera rexeite podía ser fatídico. Tivo o Baio a sentenza nas botas de Alberto, que tras unha boa xogada tras un córner, deixouno só diante do porteiro, pero o seu tiro a colocar marchou lambendo o pau. A nota desagradable do encontro foron as lesións do local Martín e do baiés Martín MC, que esperemos non sexan nada grave e poidan volver pronto aos terreos de xogo. A saída do pichichi da Costa permitiu a entrada de Christian, que tivo unha boa oportunidade logo do malentendido entre o defensa Pedro e o porteiro Luis, que lle deixou o balón en longo para Christian, que desde a liña de fondo con pouco ángulo non conseguiu introducir na meta carnotá. De aquí ao final, limitouse o Carnota a enviar balóns á área baiesa en busca dalgún remate ou dalgún rexeite dos dianteiros, pero a defensa e o porteiro do Baio estiveron moi seguros e conseguiron atallar o perigo e chegar ao final sen encaixar.
Con esta vitoria continúa o Baio no segundo posto, agora cunha marxe de cinco puntos sobre o Cee, e a dous do líder Esteirana, cando só faltan dúas xornadas para o remate da liga. O vindeiro domingo visita o Platas Reinoso o Sofán, conxunto dunha gran calidade e que estaba chamado a estar pelexando nos postos altos. Pero antes está a Copa, este mércores no Platas Reinoso xogan Baio e Cabana un duelo a vida ou morte. O que gañe pasa a eliminatoria.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fachal 88'), Mario, Ramón (Yago 60'), Eloy Lema, Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Fredi 80'), Alberto, Martín MC (Christian 70').

Gol: 0-1 Rubio (23').

No hay comentarios:

Publicar un comentario