C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

10 mar 2013

TRES PUNTOS NO NOVO CUBALEIRO

U. D. CORCUBIÓN 1 - C. D. BAIO 4

Tarde nubosa pero que respectou a chuvia no Novo Cubaleiro, a onde chegaba o CD BAIO  a enfrontarse a un equipo local que presentaba unha traxectoria ascendente nos últimos partidos. E chegaban os baieses con moitas dúbidas sobre o seu posible rendemento a tenor das baixas coas que contaba: Manuel, Mario, Yago e Martín non eran da partida, e os dous capitáns tiveron que ver o partido desde a bancada por vez primeira na temporada. En vista do marcador final non os botaron de menos, pero o encontro tivo máis emoción da que indica o resultado final. 
Principiou o partido o Baio cunha liña de tres centrales, para dar seguridade nos balóns aéreos tan propios de campos pequenos coma este, e a novidade de Fachal como carrileiro dereito. Non tivo moito ritmo a primeira parte, que se caracterizou pola escaseza de oportunidades. A primeira clara foi para o Baio, nun envío de Martín MC para a incoporación de Eloy Vilas, pero este, en posición franca, enviou fóra. A primeira ocasión clara do Corcubión foi o gol. Un malentemento entre os defensas e medios nunha xogada embarullada, e o balón chegoulle a David Lourido, que se atopaba só ante Anxo, a quen bateu non sen antes rozala o meta baiés e o balón entrou chorando na portería. Non tardou en reaccionar o Baio, e un bonito pase de Eloy Vilas sobre a incorporación de Alberto desde segunda liña, controlaba co peito e batía a Iago, cando se estaba acabando a primeira metade.
Félix vaise operar esta semana [Foto: Santi Díaz]
Tras o descanso entrou Chema por Fachal e dotou de máis veteranía a defensa baiesa para esta segunda parte. Este período cambiou por completo e o partido rompeuse con moitas ocasións por un e outro bando. Apenas se levaban cinco minutos e Alberto rompía o fóra de xogo para presentarse de novo ante Iago e batelo por alto. Os locais viñéronse arriba e cercaron a porta de Anxo, que de novo volveu facer un partidazo con grandes intervencións e algunha dose de boa sorte. Pero o Baio tamén sacaba perigosos contragolpes, e nun deles Eloy Vilas aproveitou un despexe de José Antonio para romper outra vez a liña de fóra de xogo corcubionesa, e presentarse ante o meta local e batelo de disparo pegado ao poste. Non se renderon os locais, que seguiron intentando acortar distancias, e crearon boas ocasións, sobre todo por parte de Cristian e Lourido, pero entre os postes, Anxo e a defensa, conxuraron unha e outra vez as chegadas corcubionesas, para desesperación dos seus xogadores. A entrada de Christian no Baio deulle aínda máis velocidade arriba, e máis ocasións de gol. Nunha destas xogadas levadas polo xuvenil de Bamiro enviou en profundidade a Martín MC, que se foi en velocidade da defensa, e tras regatear ao porteiro poñía a sentenza no marcador. Conseguía así o pichichi baiés o seu gol, nunha tarde na que non tiña sorte cara ao gol, pois foron varias as que lle sacou Iago, entre elas un lanzamento de penalti, a cinco minutos para o final. Unha marabillosa xogada de Christian, que só puido ser parado en falta, que o árbitro non dubidou en sinalar, pero Martín MC non conseguiu enganar a Iago, que desviaba o seu disparo. Aínda se crearon varias ocasións máis, ante un Corcubión que nos minutos finais baixou os brazos, e que incluso vía como lle expulsaban un xogador.
En resumo, tres puntos máis que non separan un pouco do Cee e nos manteñen na segunda posición da táboa. Xa son 18 as xornadas que leva o equipo sen perder, e a pesar das baixas os que xogan responden á perfección. Para a vindeira semana visita o Platas Reinoso o combativo Buño, para a que teremos a sensible baixa do noso guía Félix, que se opera esta semana. Desde aquí desexámoslle sorte nesa operación e que se recupere o máis axiña posible.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guille 88'), José Antonio, Fredi, Ramón, Fachal (Chema 45'), Eloy Lema (Pablo 69'), Norberto, Eloy Vilas (Jorge 78'), Rubio (Christian 64'), Alberto, Martín MC.

Goles: 1-0 David Lourido (39'), 1-1 Alberto (44'), 1-2 Alberto (50'), 1-3 Eloy Vilas (56'), 1-4 Martín MC (80').

No hay comentarios:

Publicar un comentario