C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

24 jun 2013

A PRIMEIRA!!!!

SÁLVORA C. F. 2 - C. D. BAIO 3

Tras sete temporadas xogando na 2ª Autonómica o CD BAIO volve á 1ª Autonómica logo de conseguir na tarde deste domingo o ascenso de categoría en Ribeira. O equipo local, o Sálvora CF, e o CD Baio chegaban a esta última xornada da fase de ascenso empatados a puntos, pero co golaveraxe favorable para os baieses, polo que un empate favorecía os intereses visitantes. E houbo que sufrir moito, aguantar ata os instantes finais para lograr o obxectivo.
Enorme expectación a que se creou en Baio durante esta semana, o que fixo que se mobilizase a vila en masa camiño de Ribeira, e o club puxo dous autobuses a disposición dos afeccionados, sufragados polo Concello e por Autos Facal, que acompañados de numerosos coches particulares, elevaron a presenza baiesa a máis de 350 nas bancadas da Fieiteira II, superando en número á afección local. Non podían defraudar os xogadores a este apoio masivo, e non o fixeron. Saíron desde o principio polo partido, sen reparar na valía do resultado inicial, e fixeron unha primeira media hora espectacular, na que se marcaron dous goles e puideron ser algúns máis. Foron varias as aproximacións baiesas nos minutos iniciais, ante un Sálvora que se vía desbordado, e puido chegar o primeiro gol aos dous minutos nun balón que rouba Martín en banda, e ao seu centro non chegou Alberto por centimetros. Sería aos sete cando o capitán inaugurase o marcador. Un balón despexado pola defensa local chégalle a Martín no círculo central e vendo o porteiro adiantado non o pensa dúas veces e supérao por alto. O Baio era dono do partido con Martín en plan mariscal no centro do campo e Martín MC, aínda renqueante, levando perigo coas súas internadas desde a banda esquerda. Lanzamentos de Alberto, Eloy Vilas e sobre todo unha de Rubio, foron o preludio do segundo gol, que chegou logo dunha xogada combinativa que acabou en penalti sobre Martín MC. Encargouse de transformalo Alberto, coa súa tranquilidade habitual. O Sálvora parecía dalo todo por perdido e xa se viñeron un pouco abaixo. Parecía que se cocía o terceiro, cando chegou unha internada dos locais por banda dereita, que rematou nun centro ao primeiro pau, no que Manu Millán se adiantou e bateu a Anxo. Este gol espoleou aos locais e fíxolle entrar dúbidas aos baieses, que perderon o control do xogo nestes dez minutos finais de primeiro tempo. Cando xa se disputaban os minutos de desconto, un penalti por unha man de Mario, convertido por Isi, deulles aos locais o inxusto premio do empate sen tempo para máis. 
A segunda parte comezou cunha volta completa a como se desenvolvera o partido ata o momento. O Sálvora foise arriba a por todas, e as dúbidas do Baio convertéronse por veces en pavor, e quedaron completamente a mercede dos locais. Incapaz de combinar os baieses tiveron que recorrer á heroica e defender a portería con uñas e dentes, o Sálvora cercaba a área e aínda que sen crear moitas situacións de perigo si que poñían o medo no corpo. Pero a defensa mostrouse contundente e onde non chegaban os defensas aí estaba Anxo, que con dúas grandes intervencións abortaba as ocasións máis perigosas locais. Foi case media hora de continuo acoso que non tivo os seus froitos por parte local, pero os trocos e o cambio táctico realizado por Félix permitiulle ao Baio volver recuperar o control do balón, e sobre todo logo da entrada de Christian, crear perigo na área rival. Un disparo seu logo dunha gran xogada individual foi o inicio do cambio de rumbo no partido. Outra xogada súa a cinco minutos para o final, acabou cun claro penalti que incomprensiblemente o árbitro non sinalizou. Isto alterou o ánimo en moitos dos seareiros locais, pois vían que un erro arbitral puidese custar un ascenso. Pero o capitán Martín optou por solucionar a papeleta e nun balón rexeitado que colleu no seu propio campo foino conducindo ata a área rival ante o acoso de dous defensores, e cedeu para a chegada de Martín MC desde a banda, que só tivo que empurrar o balón a porta baleira e certificar o ascenso.

Polo SÁLVORA CF xogaron: Javi, Coira, Cristian, Pardavila, Roberto, Isma, Moisés (Vicente 68'), Fernando, Damián, Isi (Fran 51'), Manu Millán. 

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Norberto, Mario, Eloy Lema, Fachal (Chema 56'), Eloy Vilas, Martín (Jorge 89'), Rubio (Christian 58'), Alberto (Yago 71'), Martín MC.

Goles: 0-1 Martín (7'), 0-2 Alberto (30', p.), 1-2 Manu Millán (36'), 2-2 Isi (44', p.), 2-3 Martín MC (89').

Despois do partido celebración dos xogadores no campo e no camiño de volta, e logo toda a noite en Baio ata que abriu o día. Os xogadores percorreron as rúas nun camión, acompañados por turismos de afeccionados, e fixeron a primeira parada fronte á casa do porteiro Manuel, que, enfermo con papeiras, non puido desprazarse a Ribeira. Despois percorrido polos distintos bares co acompañamento incansable dese par de músicos Chema e Ruchy, que non deixaron de "actuar" en todo o día e toda a noite.

Podedes ver xa as primeiras fotos de todo o acontecido o domingo, grazas a Raquel Canosa Mouzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario