C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

23 oct 2011

CRÓNICAS DA XORNADA DO 22 E 23

Xornada atípica para os equipos do CD BAIO, pois dous dos partidos previstos non chegaron a disputarse. O primeiro equipo veu de Dumbria sen poder xogar o partido da Liga da Costa a causa das adversas condicións atmosféricas. Unha tromba da auga anegou por completo o campo do Conco e o árbitro coruñés Zas Vázquez decidiu suspender o partido. Agora os dous clubs deben poñerse de acordo para a súa disputa. Con este partido aprazado o Baio ocupa o 11º posto, aínda que esta zona media está bastante igualada.
Por outra parte, na tarde do sábado tampouco se disputou o partido de categoría CADETE entre o CD BAIO e o MUXÍA CF ao non presentarse este último a xogar. Segundo nos avisaron da Federación o equipo muxián presentouse na mañá do sábado en Baio ao descoñecer que o horario fixado oficialmente do Baio para toda a temporada é das 16:00 horas. Ante esta situación o Muxía comunicoulle á Federación que non se ía presentar pola tarde, e así foi comunicado desde o ente federativo ao Baio. De todos os xeitos o árbitro personouse no Platas Reinoso e estendeu acta da non presentación do Muxía. Seguramente a Federación resolverá dar por gañador ao Baio por 3-0, e o Muxía será castigado con dous puntos menos e algunha sanción económica. Con todo, os rapaces do Baio estaban desgustados por non poder xogar o partido pois contaban acadar un bo número de goles (o Muxía levaba unha media de máis de 10 goles en contra por partido) que os aupase máis na igualada clasificación desta categoría; pero con este resultado estipulado pola normativa perderán un posto na clasificación (serán sextos).

XUVENIL: LAXE C. F. 1 - C. D. BAIO 4

Gran partido de Maikel:
un muro en defensa,
dous goles en ataque.

Feo partido de rivalidade o que disputaron o Laxe e o Baio logo de moitos anos sen enfrontarse nesta categoría. Partido especial para tres xogadores do Baio (Rafa, Bieito e Martín) naturais de Laxe que se enfrontaban aos seus veciños, e partido especial para algún xogador do Laxe, como Manuel, que se enfrontaba ao que fora seu club en categorías inferiores. O bo tempo fixo que se desen cita moitos espectadores nas bancadas, que puideron contemplar unha primeira parte con moitas ocasión por parte baiesa, que se viron reflectidas no marcador, xa sentenciado ao chegar ao descanso con tres goles de vantaxe. A segunda parte foi moi insulsa pois o Baio limitouse a deixar pasar o tempo e de vez en cando lanzaba algunha contra, pero sen moitas ocasións de cara á porta. Tamén hai que ter en conta que o vento soprou con forza nalgúns momentos, o que impedía o correcto control do balón. Por parte do Laxe, apenas creou perigo en todo o partido, salvo nalgún balón parado. Con todo seu foi o gol máis bonito da tarde, xa no desconto do partido, ao aproveitar Manuel un erro da defensa baiesa e marcar desde trinta metros de vaselina por riba de Sergio. Con este resultado o Baio ascende á terceira praza neste grupo, e mantense dentro das catro que dan acceso á segunda fase ligueira.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Sergio 62'), Maikel (Pardo 55'), Yago (Penelo 62'), David (Pablo 62'), Fachal, Rafa, Rubio (Eloy 65'), Lucas, Bieito, Valentín, Martín. 

Goles: 0-1 Maikel (15'), 0-2 Rubio (23'), 0-3 Rubio (40'), 0-4 Maikel (52'), 1-4 Manuel (92').

INFANTIL: C. D. BAIO 1 - C. F. DUMBRÍA 5


Ariel, un dos catro alevíns
que xogaron o partido

Bo partido o disputado polo equipo baiés ante o todopoderoso Dumbría. Parece que os nosos se crecen cando se enfrontan a grandes rivais. A primeira parte rematou co marcador favorable aos dumbrieses por 0-3, pero na segunda recortou distancias o Baio por medio de Santi (aínda que na acta figura o alevín Ariel), e xa nos minutos finais sentenciaron os visitantes con dous goles máis. A ver se o bo partido os anima a conseguir mellores resultados no futuro e saír desa penúltima praza que ocupan.

Polo CD BAIO xogaron: Julián (Cedrón 62'), Alejandra (Ariel 62'), Queiro, Fran, Andrea, Santi, Sergio, Javi Muíño (José Antonio 19'), Eloy (Sabela 52'), Éver, Anxo (Manuel Mª 62').

1 comentario: