C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

8 oct 2011

VAI POLO VENTO, VÉN POLO AIRE

S. D. FISTERRA 2 - C. D. BAIO 2


O xuvenil Yago debutou
co primeiro equipo
O partido deste sábado no Ara Solis tivo un protagonista destacado: o vento. Foi o maior condicionante dun encontro disputado que tivo dúas partes claramente diferenciadas, conforme fose o equipo que o tivese a favor. Comezou o partido co equipo local axudado polo vento e dominou por completo estes corenta e cinco minutos ante un Baio que non fixo máis que defenderse, iso sí, con mérito pois contaba no once inicial con cinco xuvenís, entre eles o debutante Yago, debido ás numerosas baixas por sancións, lesións e traballo. Creaba moito perigo o equipo fisterrán, sobre todo a balón parado, pois embotellaba aos baieses na súa área e non eran quen de sacar con solvencia o balón dos seus dominios. Froito da insistencia local chegou o primeiro gol local, un fermoso gol olímpico de Mané, que coa zurda superaba a Pollo e entraba o balón na meta baiesa logo de bater no poste.
MC, "o rei da asistencia"
Tras este gol parece que se calmou un pouco o partido, e tan só hai que sinalar nos seguintes minutos a lesión do meta baiés Pollo, que tivo que deixarlle o seu sitio a Manuel por culpa dun golpe na man. A pouco para chegar o descanso chegaba o segundo gol dos fisterráns, nunha falta sacada rapidamente por Nico, que dende trinta metros sorprendía a un adiantado Manuel; o balón pegou no traveseiro e botou presumiblemente dentro (o árbitro non o entendeu así), pero o rexeite chegoulle franco a Mané que a empurrou coa cabeza.
Tras o descanso cambiou a decoración. Tono sacou ao campo a dinamita que tiña no banco, coa idea de remontar o partido. Con todo, o Fisterra sorprendeu presionando arriba, o que desconcertou aos baieses durante uns minutos. Pero unha bonita internada de MC pola banda foi aproveitada por Canay para recortar distancias no marcador, e ao mesmo tempo serviu para meterlle o medo no corpo ao equipo local, que vía como podía perigar a vitoria. Combinou máis o Baio, animado pola posibilidade de darlle a volta ao encontro, e dunha xogada de Canay chegou unha falta na beira da área que foi materializada por Alberto cun forte lanzamento pola escuadra. Tivo a vitoria o Baio nos seguintes minutos ao dispoñer de claras ocasións, como un cabezazo de MC que se lle foi arriba cando se atopa só, ou unha internada de Javi Suárez que se foi de todos en velocidade, pero que en vez de rematar á porta quixo ceder a MC pero anticipouse a defensa local. Nos últimos quince minutos o encontro decaeu, quizais dando por bo os dous equipos o empate, e non arriscaron o máis mínimo. En definitiva, un punto para cada equipo que reflice o visto no Ara Solis nesta ventosa tarde.

Polo CD BAIO xogaron: Pollo (Manuel 31'), Fermín, Iván, Yago, José Antonio, Mario, Fachal, Rubio (MC 46'), Alberto, Canay, Valentín (Javi Suárez 46').

Goles: 1-0 Mané (24'), 2-0 Mané (41'), 2-1 Canay (56'), 2-2 Alberto (66'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario