C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

21 nov 2011

CRÓNICAS DOS PARTIDOS DA FIN DE SEMANA

MAZARICOS C. F. 2 - C. D. BAIO 3

Canay adiantou ao Baio
con dous goles seus
Partido duro e disputado este domingo sobre o céspede brando e rápido da Pedra de Ouro mazaricán, que foi controlado polo CD BAIO en todo momento, aínda que o gol local á beira do descanso puxo algo de inquietude no marcador. Saíu moi enchufado o equipo baiés, presionando arriba e buscando o erro dos rivais, e xa no minuto 2 puido marcar MC nun gol fantasma que ben puido entrar antes de que un defensa despexase baixo paus. Pero catro minutos máis tarde si subía ao marcador o primeiro gol visitante, conseguido por Canay, ao rematar de cabeza no segundo pau un córner botado por Alberto. A partir de aquí o Baio pasou a controlar o balón, impedindo que o Mazaricos se achegase á meta de Manuel, e saíndo á contra cando a ocasión o propiciaba. Nunha delas chegou o segundo gol, ao aproveitar Canay o rexeite do pau tras un tiro de MC. Parecía que aí sentenciaba o Baio o partido pois os locais apenas creaban perigo, e nas contras baiesas víase que podía chegar o terceiro. Pero os visitantes descentráronse cando Mario sufriu un cobadazo e tiña que ser atendido na banda por un corte na cabeza. Contra dez homes o Mazaricos conseguíu reducir distancias xa chegando ao descanso no lanzamento dunha falta.
Volveu a furia en Mazaricos:
"Camacho" Mario
Comezou a segunda parte coa presenza de "Camacho" Mario, pois lucía unha aparatosa venda na cabeza ao estilo dos bravos defensas doutros tempos. Nestes primeiros minutos o Mazaricos intentou ir arriba en busca da igualada pero sen crear moitas ocasións de perigo. Si tivo ocasión de poñer terra de por medio o Baio aos quince minutos da reanudación cando o colexiado sinalou un claro penalti sobre Javi Suárez, que Alberto desaproveitou. Parece que este erro deulle azos aos locais, pois tiñan a tiro de pedra a igualada, mais non conseguían superar a defensa baiesa liderada por José Antonio. Pola contra, o Baio conseguía facer o terceiro nunha xogada pola esquerda que chega a MC ao borde da área e coa esquerda coloca o balón pegado ao pau. Non tivo máis historia o partido e foron pasando os minutos en busca do final, mais no desconto o dianteiro mazaricán Kevin aproveitaba un erro de concentración na defensa baiesa para superar a Manuel, e poñer o 2-3 definitivo.
Con esta vitoria o Baio consegue poñerse no noveno posto na clasificación, sempre recordando que conta cun partido menos pois falta por disputar o suspendido contra o Dumbría B.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, José Antonio, Ramón (Yago 72'), Eloy, Mario, Alberto (Martín 60'), MC (Rubio 87'), Canay (Andrés 80'), Javi Suárez.

Goles: 0-1 Canay (6'), 0-2 Canay (30'), 1-2 Aldo (44'), 1-3 MC (74'), 2-3 Kevin (92').

XUVENIL: C. D. BAIO 6 - MUXÍA 2

Pardo deslumbrou cos seus
desprazamentos de balón
Nova vitoria dos xuvenís na tarde do sábado e nova goleada que volve refrendar que este equipo non ten gol. Non opuxo moita resistencia o equipo muxián, que vía como os locais xa se adiantaban en menos de media hora con tres goles, e tan só un fermoso gol dos visitantes no desconto puxo algo de interese á segunda parte. Pero pouca historia tivo a reanudación, pois os locais abandonaron a relaxación deses últimos minutos do primeiro tempo e dedicáronse a atacar a portería muxiá, a pesar dos cambios realizados por Nacho, o que demostra que neste equipo todos son necesarios e que todos poden xogar, como o demostraron xogadores que tiveron menos minutos ata o de agora e que realizaron un magnífico partido. O Muxía só logrou marcar a través dunha falta dende case o medio do campo que sorprendeu por alto a Sergio. Pero os defensas baieses demostraron que tamén poden colaborar con goles, e Maikel e Pardo puxeron a media ducia no marcador.


Con este triunfo os baieses soben á segunda praza da clasificación aproveitando a derrota do Dumbría B en Camariñas, e figuran a cinco puntos do líder Malpica, que conta cun partido máis disputado e aínda ten que visitar o Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Sergio 74'), Pardo, Yago (Penelo 57'), Vereda, Fachal, David, Rubio (Valentín 69'), Cachopo, Lucas (Eloy 78'), Bieito, Martín (Maikel 78'). 

Goles: Martín (2), Lucas, Cachopo, Maikel, Pardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario