C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

14 nov 2011

PLENO DE VITORIAS

C. D. BAIO 4 - S. D. SAN LORENZO 0

Partido tranquilo e práctico o disputado polo CD BAIO na tarde deste domingo chuvioso. Diante, o San Lorenzo de Chema Eirís, ex-xogador e ex-adestrador dos baieses, que apenas inquietou a porta do meta local Manuel, salvo os perigosos saques de banda de Chucho. Tamén foi noticia a escasez de baixas no Baio, pois tan só Fredi non puido xogar por motivos laborais, e o debut esta temporada de Ramón logo de moitos meses de baixa (desde marzo) pola fractura de peroné.
Ramón volveu xogar
medio ano despois
A primeira parte foi de dominio local cunha mestura de toques en corto e balóns en largo, que desarbolou ao San Lorenzo. Aínda non se cumprira o primeiro cuarto de hora e xa marcara o Baio por mediación de MC que empuxou á rede un centro de Javi Suárez, logo dunha bonita xogada deste pola banda. Este tanto non cambiou a decoración e o Baio seguiu movendo o balón con criterio. Froito deste xogo chegou o segundo gol a piques de chegar á media hora, cando Javi Suárez recolle un balón na esquina da área e supera a Recarey cunha vaselina ao segundo pau. Puido o pichichi baiés aumentar a súa conta minutos despois pero un lanzamento seu petaba no traveseiro. Cando se estaba a piques de chegar ao descanso chegou o finiquito do partido. Unha falta á beira da área do San Lorenzo é lanzada por Matías, o porteiro non consegue atallar o balón e o rexeite quédalle franco a Canay, que só ten que empuxar o balón á rede. Nesta xogada o porteiro verdillés protestoulle ao árbitro que non lle deixara colocar a barreira, e o colexiado expúlsao por insultalo.
 
MC: De mañá vitoria como
adestrador. De tarde, 2
goles como xogador. 

A segunda parte foi soporífera. O San Lorenzo con dez apenas inquietou a portería baiesa, e os locais dedicáronse a contemporizar. Tan só nos quince minutos finais os locais tiveron algunha ocasión para aumentar o resultado, pero tan só MC conseguiu perforar de novo a portería visitante. 
En definitiva, tres puntos que quedan na casa e que serven para afianzar máis ao equipo logo das dúas derrotas consecutivas, quedando na clasificación na 13ª posición, á espera de xogar o partido aprazado contra o Dumbría B (lembremos que será o 8 de decembro). [Se picas aquí á dereita en SD SAN LORENZO podes ler a súa crónica deste partido]

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, José Antonio, Ramón (Fermín 78'), Eloy (Andrés 87'), Mario, Alberto (Pirucho 75'), MC, Canay (Martín 60'), Javi Suárez.

Goles: 1-0 MC (13'), 2-0 Javi Suárez (28'), 3-0 Canay (45'), 4-0 MC (82').

XUVENIL: CABANA S. D. 0 - C. D. BAIO 5

Hat-trick de Bieito
Goleada do equipo xuvenil no seu primeiro partido da segunda volta, o que o reafirma na terceira posición a tiro de pedra dos dous primeiros, Malpica e Dumbría B, que lembremos aínda teñen que visitar o Platas Reinoso. Non tivo moito que destacar este partido, salvo a seriedade defensiva, apoiada nun gran Guillermo, e a perigosidade en ataque co fútbol de toque que practica o equipo. Parece que nas Redondas tamén se esfumou o principal defecto que se lle achacaba a este equipo que era a falta de definición ante a meta rival.
Na primeira parte o Baio adiantábase con dous goles obra de Bieito e de Pablo, e na reanudación redondearían a man Lucas e Bieito con dous goles máis, o que completaba o seu particular hat-trick.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Maikel, Yago, Pablo, Cachopo, Fachal, Rafa, Rubio, Lucas, Bieito, Valentín. Entraron na segunda parte Manuel, Alberto, Penelo, Edgar e Pollo (este como dianteiro).

CADETE: C. D. BAIO 6 - OUTES F. C. 1

Gran vitoria dos cadetes ante un Outes que chegaba invicto ao Platas Reinoso, e que levaba tan só 9 goles en contra na liga. Con todo demostrou o porqué deste feito, sobre todo na primeira parte, na que foi moi superior ao equipo local, baseándose na forza física e na corpulencia de moitos dos seus rapaces. Con todo, conseguía adiantarse o cadro local por mediación de Santi ao cuarto de hora de partido. Creaba perigo o Outes sobre todo a balón parado, e nun córner chegou o gol do empate visitante, tras unha indecisión de meta e defensa. Cando parecía que co empate se chegaba ao descanso, Christian volveu a sacar a súa variña máxica para adiantar ao equipo local, e poñer o 2-1 co que se chegou ao descanso.

Christian, suma e sigue:
26 goles.

A segunda parte xa virou a favor dos baieses, que parece que lle perderon o medo aos da Serra e empezaron a mover o balón con máis criterio e perigo, como adoitan facer normalmente. Cando conseguen mover rápido o coiro os baieses son letais, e Santi e Christian poñen a súa calidade para definir nos últimos metros. Un gol de Santi e outros tres de Christian nesta segunda parte elevaron o marcador local ata a media ducia. O Outes baixou moito o ritmo da primeira e non puideron derrubar a muralla defensiva que puxeron Kevin e Pablo (partidazo dos dous). Con esta vitoria o Baio segue na quinta praza, pero empatado co terceiro e tan só a un punto do segundo.
Polo CD BAIO xogaron: Álex, Cristian, Kevin, Pablo, Alfonso (Fran 76'), Anxo, Estefan (Alberto 70'), José Antonio (Javi 48'), Hío, Santi (Éver 74'), Christian.

INFANTIL: MUXÍA C. F. 1 - C. D. BAIO 2

Sergio leva xa 5 goles
Segunda vitoria consecutiva do equipo infantil, este domingo dirixidos desde o banco por MC. Parece que están cheos de moral, pois a pesar de empezar perdendo non se viñeron abaixo como outras veces, e conseguiron empatar por medio de Sergio antes de chegar ao descanso, e na segunda parte remontar por medio de Éver que transformaba un penalti cometido a el mesmo. Con este triunfo os infantís ascenden un posto na clasificación e achéganse á zona intermedia da táboa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario