C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

8 dic 2011

CRÓNICAS

S. D. CASTRIZ 2 - C. D. BAIO 2

Entretido e disputado partido o xogado na tarde-noite do domingo no campo de San Pedro, que deixa nos visitantes a sensación de dous puntos perdidos polo seu bo xogo e polas ocasións desperdiciadas, sobre todo na segunda metade. Tarde chuviosa en Castriz que non arredou aos afeccionados baieses que acudiron en bo número a terras xalleiras.
A primeira parte non tivo un dominador claro, o xogo estivo algo embarullado, pero aínda así era o Baio o que ofrecía sensación de perigo cando se achegaba á área rival. Con todo adiantaríanse os locais a través dun balón parado, que foi como crearon case todo o seu perigo. Unha falta lateral é mal despexada por Mario e o balón quédalle nos pés a Pablo que só ten que empurrala á rede. Foise o Baio polo empate e non tardaría en chegar nun dobre remate, primeiro de Canay que saca o porteiro, pero o rexeite chégalle a MC fóra da área que bate por baixo a Herrera. A partir do aquí o Baio seguiu tendo o control do balón, pero nun novo lanzamento de esquina o Castriz volvía poñerse por diante, ao adiantarse Toniño á defensa baiesa e rematar sen que Manuel poida facer nada. Con vitoria local chegábase ao descanso.
Saíu con máis forza o Baio na reanudación, cun cambio fundamental como foi a entrada do capitán Martín, que se fixo dono do centro do campo e cos seus pases creou numerosas oportunidades de perigo na porta contraria. Xa no primeiro minuto tivo unha clarísima MC, que logo de recibir un centro de Javi Suárez, vía como o seu remate franco era desviado coa cara por Herrera. Non tardou en chegar o empate nun fermoso contrataque de toda a dianteira do Baio, que resolveu Javi Suárez cun lanzamento cruzado ante a saída do porteiro. Tivo varias ocasións para levar o partido o Baio, as máis claras foron un lanzamento de Canay só diante de Herrera que saíu rozando o poste, un lanzamento de falta de Martín ao traveseiro ou unha internada de MC que se lle foi lambendo o largueiro cando estaba diante do porteiro.
Este empate rompe a racha de tres vitorias consecutivas e impide alcanzar o quinto posto, pero rectifica o bo xogo e as ganas que lle poñen uns xogadores nunhas condicións tan duras de frío e chuvia como as sufridas este domingo no campo de San Pedro.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Yago (Martín 45'), José Antonio, Ramón, Eloy, Mario, Alberto, MC, Javi Suárez, Canay (Rubio 87').

Goles: 1-0 Pablo (15'), 1-1 MC (23'), 2-1 Toniño (41'), 2-2 Javi Suárez (53').

XUVENIL: C. D. BAIO 1 - S. C. D. MALPICA 3

Importante partido que tiñan os xuvenís este sábado no Platas Reinoso, por canto chegaba o líder deste grupo, e era necesario sumar puntos para conseguir canto antes clasificarse para a segunda fase da liga, pois achéganse perigosamente por detrás Camariñas e Ponteceso. Empezou ben o partido, aínda que con nervios por parte dos dous conxuntos, que non conseguían facer boas xogadas. Aínda así o cadro local foi superior nestes primeiros 45 minutos, creando moito perigo pola banda de Lucas, que superaba unha e outra vez ao seu marcador. Froito deste dominio chegou o gol de Rubio, que cun lanzamento desde fóra da área sorprendía ao porteiro malpicán. Con este resultado chegouse ao descanso.
Na segunda parte o Baio saíu durmido e pagouno moi caro. En dous minutos os malpicáns conseguían darlle a volta ao partido, e o que foi máis importante deixaron moi tocados aos locais. Pouco a pouco fórono intentando os baieses, tratando de combinar ante a daquela xa pechada defensa visitante, pero só crearon perigo intermitentemente, como un remate de cabeza de Fachal á saída dun córner. Pola contra, os de Malpica poñían en práctica a súa efectividade cun fermoso lanzamento de falta de Eme que se coaba pola escuadra de Guillermo. Seguíuno intentando o Baio, sobre todo por medio de Cachopo, que se fixo dono da súa banda, pero os seus centros e remates non acabaron por modificar o marcador. Agora hai que procurar volver á boa racha que se viu truncada nestes dous últimos partidos, para manter o colchón que teñen co Ponteceso e asegurar unha desas catro prazas.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, David, Pardo (Vereda 88'), Pablo, Fachal, Rafa, Rubio (Alberto 81'), Lucas, Bieito, Valentín, Martín (Cachopo 51').   

CADETES E INFANTÍS: EMPATE E DERROTA

Saíu cun empate o equipo cadete do seu desprazamento a terras cabanesas no partido disputado o sábado á noite, que ben puido ser unha vitoria se non fose polo segundo gol local conseguido no desconto do partido. Adiantouse o Baio na primeira parte por mediación de Christian, pero os cabaneses conseguiron empatar. Na segunda Pablo poñía de novo por diante aos visitantes, no que parecía ser o gol da vitoria, pero a última hora tiveron que conformarse cun empate a dous goles, nun partido no que presentaban moitas baixas.
Na mañá do domingo os infantís tentaron facerlle fronte ao Ponteceso, pero non lograron aumentar a súa puntuación na táboa clasificatoria, e perdían contra os da vila do bardo, por un claro 2-5, con goles locais de Javi Muíño e Éver.

No hay comentarios:

Publicar un comentario