C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

3 sept 2012

UNHA DE CAL E OUTRA DE AREA

LIGA DA COSTA:  SP. ZAS 3 - C. D. BAIO 0


Félix, á dereita, non tivo o debut soñado [Foto: Santi Díaz]
No partido disputado na calurosa tarde do domingo entre os dous equipos do concello chegou unha contundente derrota dos baieses que non foi reflexo da diferenza mostrada no campo entre uns e outros. Non puido debutar con bo pé Félix García no banco baiés, que fixo debutar ás novas incorporacións Anxo, Norberto, Jorge e Eloy Lema, mentres que Chema quedou fóra da convocatoria por problemas físicos.
Anxo abandona o campo
logo de ser expulsado.
[Foto: Santi Díaz]
Tampouco debutou con éxito o porteiro Anxo, pois foi expulsado cando apenas se disputaran catro minutos, na xogada que marcou o desenvolvemento do partido. Nunha rápida internada do dianteiro local Pichín, foise da súa marca e logo de driblar o porteiro visitante foi derrubado por este, sinalando o colexiado o claro penalti e a expulsión do meta. Encargouse de transformalo Rubio, batendo a Manuel pola dereita. A pesar do golpe recibido, o Baio foise recuperando pouco a pouco e recolocando as súas pezas sobre o campo de San Andrés. Tivo o empate Martín poucos minutos despois cunha volea que enganchou na beira da área que se foi alta por pouco. O Zas tan só inquietou a meta de Manuel nunha ocasión, iso si, moi clara, na que logo dunha magnífica parada do porteiro baiés, o rexeite é quitado na liña de gol por Yago cando xa se colaba.
Outra xogada polémica tivo lugar ao fío do descanso, cando Martín MC se ía por velocidade do capitán local Pereiro, que non tiña máis remedio que derrubalo cando xa enfilaba a meta. O árbitro tan só lle ensinou o cartón amarelo a defensa local, considerando que aínda que era o último home non era unha clara ocasión de gol (!?). No lanzamento da falta, o capitán Martín volveu rozar o gol, pero Elías nunha magnífica estirada logrou desviar o balón a córner.
Manuel estivo a piques de parar o penalti. [foto: Santi Díaz]
Iniciouse a segunda parte cun novo troco no Baio, coa entrada de Ramón no sitio de Eloy Vilas, e pareceron coller folgos os baieses para ir polo empate, pero aos poucos minutos chegou unha xogada desafortunada que finiquitou o partido. Nun balón que sacou o meta Manuel sobre Martín, é interceptado sen querer polo árbitro que, despistado, non conseguiu apartar da traxectoria do balón, quedándolle franco a Peque man a man co porteiro Manuel, ao que bateu por alto. O Baio desmoralizouse pois vía como con moi pouco o Zas levaba unha clara vantaxe. A pesar dos trocos os baieses non conseguían crear perigo ante un Sporting xa pechado atrás, deixando só dous homes arriba para contragolpear. A pesar da expulsión de Pereiro ao ver o segundo cartón amarelo por cortar coa man un pase sobre MC que o deixaría só fronte a Elías, non conseguíu ter a sorte de perforar a meta visitante. Tivo a opción Martín MC nun pase rápido de Alberto, pero o tiro fóiselle fóra cerca da escuadra; e noutro lanzamento lateral de falta, nin Fachal en primeira instancia, nin Yago na segunda foron quen de levar o balón á meta zasense. Pola contra, nun balón perdido pola defensa baiesa na propia área foi aproveitada por Lagoa para establecer o 3-0 definitivo.
 
Norberto debutou no Baio
[Foto: Santi Díaz]
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Yago, Pablo (Jorge 55'), Eloy Vilas (Ramón 46'), Norberto, Martín (Fachal 77'), Rubio (Manuel 6'), Martín MC, Alberto (Eloy Lema 81').
 
Goles: 1-0 Rubio (6', p.), 2-0 Peque (54'), 3-0 Pichín (76'). 




 
 
XUVENIL: SP. ZAS 0 - C. D. BAIO 3
 
Na tarde do sábado houbo só un equipo sobre o campo de San Andrés, pois a superioridade amosada polos homes de Emilio Corzón foi total, a pesar de que tardaron en cerrar o partido ata a segunda parte. A pesar de cometer algúns erros propios dunha xornada inicial, os baieses dominaron o partido, co seu habitual xogo combinativo, e non permitiron moitas alegrías aos locais facendo que Guillermo tivese unha tarde tranquila.
Santi Díaz, goleador e
fotógrafo
Sensacional foi o primeiro tanto baiés, conseguido por Christian, que logo de irse de dous rivais con senllos caños dentro da área batía ao porteiro local cun forte lanzamento que petaba na base do poste antes de entrar na portería. O acoplamento dos novos xogadores, tanto os chegados desde os cadetes como as incorporacións feitas, tardou en facer o seu efecto, e Emilio foi buscando con continuos cambios de posición a mellor colocación dos seus.
A entrada do cadete Santi Díaz na segunda parte, revitalizou o xogo baiés, e a súa verticalidade foi aproveitada para sentenciar o partido con dous magníficos goles en lanzamentos por baixo que fixeron inútil calquera intento por parte do porteiro local por detelos. Demostraron as dúas estrelas dos cadetes do ano pasado que poden seguir facendo das súas en xuvenís.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Kevin 57'), Xoel, Pablo, Alberto, Fachal, David (Iván 80'), Lucas, Cachopo (Santi Díaz 62'), Pedro (Hío 46'), Christian.
 
Goles: 1-0 Christian (27'), 2-0 Santi Díaz (67'), 3-0 Santi Díaz (82'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario