C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

13 mar 2012

GOLEADA NO DERBY

SPORTING ZAS 0 - C. D. BAIO 4

Moita xente no campo de San Andrés nunha tarde de sol e calor para presenciar un derby municipal que tivo clara color visitante e que rematou cun 0-4 que marca ben ás claras dúas traxectorias opostas nos dous conxuntos.
Momento do gol de Javi Suárez, que xa leva 20,
coma o seu dorsal.  (Foto: Santi Díaz)
Presentaban os equipos o seu once de gala, salvo as baixas significativas de Jorge nos locais e de José Antonio nos visitantes. Pero axiña se comprobou que o partido non ía ter historia. O Baio fíxose dono do balón e movíao dunha banda á outra, buscando os espazos, mentres o Zas se repregaba atrás e buscaba os balóns en longo para o seu dianteiro Pablo Muíño, coas axudas de Jaime e Rubio por detrás del, pero os defensas baieses estiveron moi seguros durante todo o partido. Non tardou en desequilibrar o marcador o Baio cun lanzamento desde fóra da área de Canay, que botou diante de Elías e fixo inútil a súa estirada. O gol deixou tocado aos locais, que vían como apenas cinco minutos despois Alberto recollía un balón na frontal da área e con calidade colocaba o balón na escuadra de Elías. Non tivo tempo a reaccionar o Zas, pois o Baio manexaba unha e outra vez o balón ao seu antollo facendo que os locais se dedicasen a correr detrás deles, e cando se adiantaban a presionar Matías poñía o balón en longo nos pés dos dous extremos. Non se chegaba ao minuto vinte e unha combinación de MC con Alberto remataba cun lanzamento cruzado deste que establecía o 0-3 no marcador.
Alberto e Canay. Non hai palabras
(Foto: Santi Díaz)
Este gol desesperou aos locais, e máis cando erraron a súa grande ocasión, nun novo lanzamento en longo cara a Pablo Muíño, que tras loitar cos dous centrais, o balón sáelle rebotado aos seus pés e só diante de Manuel envía o balón fóra. Acabou de sentenciar o partido Rubio -o do Zas- coa súa expulsión no minuto 30 por dous cartóns amarelos, o segundo deles por protestar unha decisión do colexiado. Acto seguido, un magnífico pase de Eloy deixaba a Javi Suárez en franquía para bater a Elías polo primeiro pau e poñer o que ía ser o marcador definitivo. Vista a superioridade numérica e sobre todo a de xogo entre un e outro, fixo que os visitantes baixasen o seu ritmo e se dedicasen a contemporizar. Aínda así tiveron varias ocasións antes do descanso para aumentar o marcador, sobre todo a través das internadas de Javi Suárez pola banda, como unha que a piques de chegar ao intermedio se pasou practicamente pola liña de gol saíndo pola liña de fondo sen que chegase MC.


Matías deu unha clase de como mandar o balón
a máis de sesenta metros e que che caia no pé.
Que comerá este home?  (Foto: Santi Díaz)
 
Comezou a segunda parte polos mesmos derroteiros cos que acabou a primeira: o Baio controlando o balón e o Zas pechado atrás. A piques estivo Matías de conseguir un golazo cun lanzamento desde case o medio do campo que salvou milagrosamente Elías. Non tardou moito Tono en facer os trocos, sobre todo pensando no próximo partido fronte ao Muros, e retirou do campo os homes que estaban apercibidos de cartóns. Os trocos pararon o partido e decaeu o ritmo, o que estivo a piques de aproveitalo o Zas para conseguir o gol da honra, tras unha internada de forza e velocidade pola esquerda de Pablo Muíño que centra para Jaime, quen só diante de Manuel dispara ao traveseiro. Para colmo de males dos de Zas, nesa xogada o bravo dianteiro de Baíñas lesionouse ao centrar e tivo que ser sustituído. Axiña retomou o mando o Baio e creou algunha xogada de perigo, sobre todo hai que subliñar unha dobre que tiveron primeiro MC só diante de Elías, que consegue tapar o disparo, pero o rexeite cáelle a Javi Suárez, pero o seu lanzamento é sacado por un defensor na liña de gol. Intentouno MC en varias ocasións, pero non tiña o seu día cara ao gol, aínda así fixo un bo partido. Desta segunda parte, hai que subliñar os magníficos pases de Matías en diagonal sobre Canay, e os non menos espectaculares controis deste que xa pagaron a entrada (aínda que a de onte en San Andrés fose de cinco euros). Tamén Martín tivo as súas opcións de marcar en lanzamentos desde fóra a área, pero o destino non quixo ser cruel co equipo local e deixou o marcador no 0-4 que reflectía xa á media hora de xogo.
Con esta vitoria, atrapa o Baio ao Corme, producíndose un triple empate co Muros, próximo rival o vindeiro domingo no Platas Reinoso. Parece que estes tres equipos van loitar pola quinta praza, pero os empates de Malpica e Fisterra, achéganos un pouco aos postos altos da clasificación.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Fredi (Fermín 61'), Yago, Ramón, Mario (Fachal 71'), Eloy, Alberto (Martín 52'), MC, Javi Suárez, Canay (Rubio 69').

Goles: 0-1 Canay (5'), 0-2 Alberto (9'), 0-3 Alberto (19'), 0-4 Javi Suárez (31'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario