C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 mar 2012

XUVENIL E CADETE

XUVENIL: S. C. D. MALPICA 3 - C. D. BAIO 0


Rafa presionando a saída do balón
(Foto: Pablo Rodríguez)

Moito ambiente na Pedra Queimada nunha tarde soleada, aínda que coma case sempre naquel campo tamén fría, para ver un partido entre dous dos mellores conxuntos desta categoría na Costa, dous conxuntos que practican un fútbol moi distinto pero que tanto a uns coma a outros lles está dando moitas alegrías. O fútbol directo e de balóns longos dos malpicáns impúxose este sábado ao fútbol de toque e combinativo dos baieses con un contundente marcador que non reflicte o que realmente sucedeu no campo.
Momento do penalti sobre Santi.
(Foto: Pablo Rodríguez)
Non ía transcurrido medio minuto e xa se adiantaron os locais cando un balón en longo non é despexado pola defensa baiesa nin polo porteiro Pollo, e Adra máis listo aproveita o regalo para marcar de vaselina. O gol parece que noqueou aos baieses e estiveron uns minutos perdidos no campo. Os malpicáns pola súa parte xa tiñan o marcador de cara e podían practicar o xogo que mellor lles gusta: pecháronse atrás e balóns en longo sobre os seus rápidos puntas. Mais só tivo o Malpica outras dúas ocasións nesta primeira parte: un lanzamento de falta de Adra que despexou Pollo e foi ao travesaño, e unha xogada de contra sen aparente perigo pero que a defensa baiesa, moi errática neste partido contra do que é habitual, despexa mal e déixalle o balón franco a Uruguaio que empalma con forza pero Pollo realiza unha boa intervención, pero o seu despexe cáelle a Camilo que de cabeza pon o dous a cero. A pesar deste segundo gol os baieses estaban xogando ben e chegando á meta dos locais pero pecaban de falta de acerto; xa antes do segundo gol puideron empatar cun remate de Silvariño que, aínda escorado, tiña o porteiro batido tras unha fermosa xogada pola esquerda; e Fachal rematou mal un centro medido dun saque de córner, pero chegouse ao descanso cun inmerecido 2-0 para os locais.
Que toque de balón!! Que calidade!!  (Foto de Santi Díaz
feita por Pablo Rodríguez coa cámara de Santi Díaz)
Cambiou o sistema Nacho tras o descanso e pasou a xogar con tres defensas para presionar máis arriba e ter máis homes preto da área rival, pero o dominio abrumador non se vía reflectido no marcador, e pola contra a única vez no segundo tempo que os visitantes se achegaron con perigo á portería baiesa chegou o terceiro por medio de Juny. Desesperábanse os baieses pois os malpicáns con catro ocasión fixeron tres goles e eles non conseguían materializar ningunha. A saída do cadete Santi revitalizou un pouco o ataque baiés, e aos tres minutos de entrar xa forzaba un penalti ao irse en velocidade dos seu marcador, e ser derrubado por Pepis cando entraba na área, falta que lle custaba ao defensa malpicán o seu segundo cartón amarelo e conseguinte expulsión. Pero estaba claro que non era o día dos baieses e Rubio erraba o penalti e tampouco aproveitaba o rexeite do porteiro. Baixaron os brazos os xogadores visitantes pois vían que non tiñan a sorte de cara e que o Malpica se pechaba aínda máis atrás polo que a remontada era misión imposible.
Non deben decaer os xuvenís por este resultado adverso, pois manteñen todas as opcións nesta segunda fase da Liga da Costa debido aos resultados colleitados por Dumbría B e Cee, que tampouco conseguiron a vitoria nesta xornada.
Polo CD BAIO xogaron: Pollo, Pardo (David 67'), Yago, Pablo, Cachopo (Santi 66'), Fachal, Rafa, Rubio, Silvariño (Lucas 45'), Bieito, Martín.
Goles: 1-0 Adra (1'), 2-0 Camilo (37'), 3-0 Juny (62').


CADETES: SPORTING ZAS 1 - C. D. BAIO 7

Por momentos os do Baio "bailaron"
aos de Zas. (Foto: Santi Díaz)
Na mañá do sábado xogábase o derby na categoría cadete, previo ao derby dos maiores do domingo. Non tivo historia este partido dada a superioridade dos baieses, que a pesar de contar coa baixa do seu segundo máximo goleador Santi, non tiveron problemas para impoñérense aos zasenses. A pesar de que o marcador do descanso (1-3) dera a entender certa igualdade a diferenza entre estes equipos é moi grande, e máis se dispón dun xogador coma Christian, que xa leva 46 goles no que vai de liga. Hai que destacar no partido do sábado o debut goleador de Anxo, de Kevin e do infantil José Antonio, que acompañaron os tres goles de Christian e o de Estefan.
Felicitacións a Kevin polo seu primeiro
gol da temporada. (Foto: Santi Díaz)
Con esta vitoria ascenden os cadetes á sexta praza e seguen loitando por asaltar esa quinta posición que agora ostenta o Outes. A próxima semana reciben ao Camariñas no Platas Reinoso antes de render visita ao da Serra.
Polo CD BAIO xogaron: Álex, Diego (Fran 63'), Miguel, Pablo, Adrián (Hío 48'), Kevin, Anxo, Estefan, José Antonio (Alfonso 60'), Pedro (Pazos 53'), Christian.

Momento histórico do gol de Anxo. Tivo que ser de penalti.
(Foto-montaxe: Santi Díaz)


1 comentario: