C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

5 mar 2012

NUNCA CHOVEU QUE NON ESCAMPARA


C. D. BAIO 4 - C. F. DUMBRÍA B 0

Despois de tres partidos sen conseguir a vitoria, volveuse encontrar co triunfo o equipo baiés a pesar das baixas que están mermando o equipo, a última esta semana de Iván Pardiñas, que deixa o equipo por motivos laborais. Tivo que botar man Tono dos xuvenís, e ata seis estiveron na convocatoria no día de hoxe, ante un Dumbría B que tamén presentaba varios xuvenís na súa convocatoria polas necesidades do primeiro equipo.
Alberto volveu con forza despois da súa lesión.
(Foto: Santi Díaz)
Non tardou cinco minutos en desequilibrar o choque o Baio, pois un balón en longo de Canay sobre Javi Suárez é interceptado coa man desde o chan por Denís, sinalando o árbitro o conseguinte penalti, que se encargou de transformar Alberto. A partir de aí tratou de combinar o Baio no medio do campo co tridente ofensivo, pero hoxe notouse unha falta de "feeling" que facía estragar unha tras outra xogada de ataque. Con todo dispuxo de varias ocasións claras o Baio, que se lle ían desviadas ou eran detidas polo meta Anxo, a figura do partido. Os disparos de MC, Canay, Javi, Mario ou dun activo Alberto non lograban o obxectivo final do gol e así se chegou ao descanso coa vitoria mínima para os locais.
"Discreto" partido de Javi Suárez [Foto: Santi Díaz]:
dous goles, unha asistencia e un penalti provocado.
Saíron os dumbrieses con ánimos tras o descanso, pois en vista de que o Baio non mataba o partido viñéronse arriba a ver se pescaban algo. Intentárono con balóns en longo para os seus veloces puntas e en disparos de media distancia, pero a defensa mostrouse segura para controlar as acometidas visitantes. Tivo que saír o capitán Martín para impoñer o seu criterio no centro do campo para controlar o partido. Tivo Martín o segundo nunha bonita xogada que acabou nun pase da morte para o capitán pero o seu lanzamento foi magnificamente despexado por Anxo. Pero foi un pase seu sobre Javi Suárez o que supuxo o 2-0 e a sentenza definitiva. A partir de aquí os visitantes baixaron os brazos e non creron xa no milagre, e o Baio aproveitou para conseguir dous goles máis; o primeiro de Alberto que empuxou á rede o balón logo dunha fermosa xogada de Javi Suárez pola banda, e o segundo do dianteiro de Quintáns que bateu por baixo ao porteiro dumbriés.
Nunca choveu que non escampara, e cando escampa xa
está Chino atento co riego (Foto: Toury).
Cómoda vitoria do CD Baio que o mantén na sexta posición da clasificación, e que ten para a semana que desprazarse a Zas para xogar o derby.
  
Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías (Pardo 80'), Yago, Fredi, Ramón, Eloy, Mario (Fachal 76'), Alberto, MC (Martín 59'), Javi Suárez, Canay (Rubio 68').

Goles: 1-0 Alberto (p., 4'), 2-0 Javi Suárez (71'), 3-0 Alberto (74'), 4-0 Javi Suárez (79').

1 comentario: