C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

8 abr 2013

A VIDA SEGUE IGUAL

C. D. BAIO 3 - VOLANTES DE BAÑO F. C. 1

O tempo respectou aos moitos asistentes que na tarde do domingo se achegaron ao Platas Reinoso para presenciar unha xornada máis da Liga da Costa, cun enfrontamento histórico, pois era a primeira vez que o Volantes de Baño xogaba no campo baiés. Partido aburrido e trabado na primeira parte e máis aberto na segunda na que chegaron todos os goles do encontro.
Comezou como sempre o partido co Baio sendo dono do balón, combinando e chegando á área rival, no que foi especialmente relevante a figura de Jorge, que desde a banda dereita superaba ao seu par en velocidade. Estivo a piques de marcar o propio Jorge nunha internada súa, pero tras driblar ao defensa, o seu disparo era despexado polo meta Rubén Santos. Noutra internada súa, o centro chegou aos pés de Martín MC, pero o seu disparo foi ás mans do porteiro visitante. Foron varias as ocasións baiesas en lanzamentos desde a frontal da área, sobre todo por parte de Alberto e Martín, pero os seus lanzamentos ou se ían desviados ou eran detidos con facilidade polo meta muradán. A oportunidade máis clara neste período chegou dun saque de falta que botou Martín, o seu lanzamento é despexado por Rubén Santos, e a pelota morta na área pequena é enviada por Rubio ao largueiro co porteiro batido. Non inquietou moito o Volantes a meta de Anxo, pois limitouse a estar pechado atrás buscando sempre en longo ao seu dianteiro Chenel. Tan só hai que significar unha ocasión de perigo a favor dos de Baño, pero Anxo mostrouse moi seguro, polo que ao final da primeira parte non se moveu o marcador.
Christian, chegar e encher
Principiou a segunda metade con novas ansias nos locais, na busca do gol, que non tardou en chegar. Un centro desde a banda dereita é despexada pola defensa cara á frontal da área, na que estaba só Alberto, que aproveita para controlar e disparar á base do poste da portería de Rubén. Tivo Martín MC o segundo, pero o seu lanzamento fóiselle fóra, antes de que a entrada de Christian resultase providencial. Unha bonita xogada de Martín MC pola banda esqueda, índose dos seus defensores, e dando o pase da morte, para que Christian, no primeiro balón que tocou, o enviase ao fondo das redes. O Volantes estaba entregado e non conseguía inquietar a portería rival, que dominaba o encontro, con numerosos córners pero sen crear moito perigo con eles. Non obstante, nun deles o balón chega ao segundo pau, onde estaba Fachal que de cabeza mete o balón no corazón da área pequena na que estaba Christian co gatillo preparado para sentenciar o partido. O gol final do Volantes, nun erro de Martín que se confiou e Chenel rouboulle o balón para anotar ante a saída de Anxo, puxo punto e final a un encontro que non tivo moita historia.
Unha xornada máis e as cousas seguen igual na clasificación, pois os tres primeiros gañaron con solvencia os seus partidos. A próxima semana o CD BAIO visitará o sempre difícil campo de San Pedro, para enfrontarse ao Castriz.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Ramón (Pablo 76'), Eloy Lema, Norberto (Fachal 71'), Martín, Rubio (Christian 65'), Jorge (Eloy Vilas 60'), Martín MC, Alberto.

Goles: 1-0 Alberto (50'), 2-0 Christian (66'), 3-0 Christian (76'), 3-1 Chenel (87').

No hay comentarios:

Publicar un comentario