C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

16 abr 2013

SAN PEDRO ABRE AS PORTAS DO CEO

S. D. CASTRIZ 1 - C. D. BAIO 3

Na fría tarde do domingo, que axiña se foi cubrindo e acabou chovendo en Xallas de Castriz, disputouse o partido da Liga da Costa entre o equipo locatario, a SD Castriz, e o CD Baio no campo de San Pedro. Chegaban os homes de Félix con moito respecto a este campo e a este rival, que xa puxera as cousas difíciles no encontro de ida, pero a concentración e a ambición dos xogadores baieses fixo máis tranquilo o partido do agardado, e incluso puideron conseguir un resultado máis avultado.
Martín, o auténtico capitán do Baio [Foto: Santi Díaz]

Dispuxo o míster baiés o mesmo esquema dos últimos encontros, coa volta de Chema ao centro da defensa, e con Jorge que volvía á que foi a súa casa estes últimos anos. Coma sempre, o Baio fíxose dono do balón e foise achegando a cada pouco con perigo á meta rival, e así chegaron as primeiras ocasións que solventaba a defensa xalleira. E nun saque de banda efectuado por Chema o balón é rematado por Norberto cara a atrás sorprendendo o porteiro que toca minimamente o balón para que pete no traveseiro, e Jorge, moi atento, colle o rexeite do pau e envía o balón ao fondo das mallas. Seguiu o Baio na busca do segundo gol para sentenciar o encontro, ante un Castriz que aproveitaba a fortaleza aérea de moitos dos seus homes para crear perigo en balóns parados, ou en envíos cara ao seu dianteiro Sebas, que aguantaba para a chegada dos centrocampistas que non o pensaban dúas veces á hora de disparar. A súa ocasión máis clara veu cun centro-chut desde a banda dereita por parte de Anxo, que se foi envelenando e entre o gardameta Anxo e o traveseiro sacaron un balón que se colaba. Cando xa esmorecía a primeira parte, chegou unha boa combinación do Baio que en cinco toques se plantaba diante do gardameta Toño, e Norberto cedía para que Jorge anotase o seu segundo gol a porta baleira.
Jorge "Di María" foi profeta na súa terra [Foto: Santi Díaz]
Nada máis principiar a segunda parte chegou a sentenza cunha nova combinación dos centrocampistas baieses e Norberto presentábase de novo diante do porteiro xalleiro e batíao por baixo. Non tivo moita máis historia o encontro, e o Baio xogou un bo segundo tempo controlando a posesión de balón, abrindo o campo e chegando con claridade á área rival, e se non houbo máis goles foi pola inspiración do meta local ou polo mal día dos dianteiros baieses que non conseguiron mollar en San Pedro. Martín MC, só diante do porteiro, vía como no último momento lle sacaba o balón cun pé ao máis puro estilo porteiro de balonmán, e Christian tampouco acertaba nos seus man a man co meta rival. Mediada a segunda parte o Castriz poñía algo de medo no corpo cun gran gol de Luis, que recuperaba o balón na liña de medios e foi avanzando sen que ninguén lle saíse ao paso e dun gran disparo desde fóra da área anotaba o gol da honra para o Castriz. Non creo moitas máis ocasións de perigo, ante unha defensa que se mantivo seria.
Con esta vitoria ascende o Baio á segunda praza aproveitando a derrota do Cee no seu derby en Corcubión, polo que este triunfo en San Pedro abre as portas do ceo, que xa se ven na distancia. Só quedan catro partidos para atravesalas, o vindeiro o próximo domingo ante o combativo Outes no Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Chema, Mario, Eloy Lema, Norberto (Christian 57'), Martín (Fredi 82'), Rubio (Eloy Vilas 45'), Jorge (Pablo 80'), Alberto, Martín MC.

Goles: 0-1 Jorge (16 min), 0-2 Jorge (44 min), 0-3 Norberto (47 min), 1-3 Luis (67 min).
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario