C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

22 abr 2013

UN PASO MÁIS NO CAMIÑO

C. D. BAIO 2 - OUTES F. C. 0

Foise cubrindo o ceo na tarde do domingo e o sol deixou paso a un incómodo vento que non impediu que un bo número de persoas se achegasen ao Platas Reinoso para presenciar un novo partido da Liga da Costa. Visitaba o Outes o Platas Reinoso despois de 19 anos (a última vez que o fixo o Baio ascendeu á 1ª Rexional), e fíxoo deixando a boa imaxe que xa ofrecera no encontro de ida, coa condición dun equipo ben traballado e que practica un bonito fútbol, polo que ao noso entender a súa clasificación non está acorde cos seus méritos futbolísticos. O Baio, na súa liña de toque e combinacións, con máis paciencia que outras tardes, despregou un bo fútbol, o que converteu o partido de onte nun bo espectáculo que deixou satisfeitos aos espectadores que se achegaron ao terreo baiés.
Empezou o partido co Baio moi enchufado, e na primeira xogada xa estivo Alberto de aproveitar un erro dun defensa rival, pero este reaccionou a tempo para impedir que se inaugurase o marcador. A pesar do xogo combinativo dos dous conxuntos non se viron moitas ocasións neste primeiro tempo, a pesar dos intentos baieses de achegarse con perigo á meta rival, pero o Outes moi ben pertrechado non deixaba ocos atrás. Intentárono Martín MC, Alberto e Martín pero non tivo problemas o meta da Serra en conxurar o perigo, polo que se chegou ao descanso co empate inicial.
Como na 1ª volta, Martín volveulle marcar ao Outes
Puxo unha marcha máis o Baio no segundo tempo na busca do gol da vitoria, abrindo moito o campo a través de Martín MC e Eloy Vilas, pero os remates non eran francos. A primeira grande oportunidade veu dun violento remate de Mario desde fóra da área que era rexeitado polo porteiro e Martín MC non conseguía aproveitar o balón morto pola boa intervención do porteiro na segunda acción. O Outes, ao que quizais se lle notou falta de contundencia nos metros finais, tivo a súa oportunidade nun córner, que tras ser peinado no primeiro pau, a intervención prodixiosa de José Antonio impedíu o remate a pracer da dianteira outiense. A entrada de Christian deulle máis mordente ofensiva ao Baio, e encerraba ao Outes no seu campo, ata que se abriu a lata grazas a unha combinación entre Martín MC con Martín, que tras driblar ao seu rival lanzaba un forte disparo desde fóra da área ao que non podía facer nada o porteiro Gato. Non tivo resposta o Outes para este gol, e o Baio cerrou o partido cunha combinación entre Martín MC con Christian, que mete moi ben entre liñas para a chegada de Alberto que remata colocando o balón xunta o poste da portería visitante e sentenciaba o encontro. A pesar de que Martín MC tivo dúas novas oportunidades o marcador non se moveu e a vitoria quedaba na casa.
Con este triunfo continúa o Baio na segunda praza, con tres de vantaxe sobre o Cee, e a dous puntos do líder, a Esteirana, que onte empataba no seu campo co Castriz. A vindeira semana hai que visitar o campo de Lombáns, no que espera un sempre combativo Carnota.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Ramón 76'), Chema, Mario, Pablo (Eloy Lema 45'), Norberto, Martín, Eloy Vilas (Jorge 73'), Rubio (Christian 64'), Alberto, Martín MC.

Goles: 1-0 Martín (74'), 2-0 Alberto (80').


No hay comentarios:

Publicar un comentario