C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

30 ene 2012

EMPATE NO CAIRO NUN EMOCIONANTE PARTIDO

CORME C. F. 3 - C. D. BAIO 3

Partido emocionante o xogado este domingo no Cairo en tarde soleada aínda que fría, que por sorte para os abundantes seareiros alí congregados non soprou moito o vento. O Corme e o Baio depararon un encontro de poder a poder coa presenza de numerosos xogadores de calidade en ambos os dous conxuntos, que parecía que ía gañar o Corme e que ao final puido gañar o Baio, polo que os dous quedaron máis ou menos conformes co resultado.
Fermín, un gol que vale
algo máis que un punto
O partido principiou cunha serie de xogadas de tanteo, medíndose os dous rivais, pero sen achegárense ás áreas. Foron as primeiras aproximacións as que trouxeron os primeiros goles. Nunha xogada rápida do Corme o balón chégalle a Iago en profundidade e o seu lanzamento é desviado a córner por Manuel nunha boa intervención; pero na saída do córner, en xogada ensaiada, Lucas recibe só no punto de penalti e fusila a Manuel. Non tardou en reaccionar o Baio, pois tamén no seu primeiro achegamento conseguía marcar por medio de Javi Suárez, que recollía un pase na frontal da área e batía de forte lanzamento a Susiño por toda a escuadra. A partir de aquí volveu o centrocampismo, cun maior dominio dos locais, pero sen crear demasiado perigo (tan só a balón parado), e os visitantes agardando saír á contra, sen moito éxito nos seus intentos. Chegouse ao descanso, logo, co empate no marcador.
Disputado partido no Cairo
(Foto: Santi Díaz)
O comezo da segunda parte trouxo un cúmulo de desgrazas para o Baio, que principiaron aos dous minutos, cando un erro en cadea da defensa fai que o balón lle chegue franco a Iago, para bater a Manuel sen oposición. Apenas uns minutos despois caía lesionado Javi Suárez, cun golpe na súa perna dereita o que facía que tivese que abandonar o campo. Aínda non se fixera o troco e xa o Baio recibira o terceiro, nun balón solto que aproveita Iago para irse en velocidade, e tras sortear a Manuel conseguir o gol. Foron estes minutos de desconcerto nos baieses, que vían como os cormeláns dominaban con facilidade o partido, chegando como e cando querían á área rival. Pero cando se intuía unha posible goleada local, chegou o segundo gol baiés, nun balón en longo sobre MC que se interna na área e fusila a Susiño por baixo. Este gol cambiou por completo o partido. O Baio, que se vía derrotado, cría agora nas súas posibilidades; e o Corme, que xa se cría co partido gañado, colleu medo a perdelo. A isto uniuse que o capítán Martín asumiu o mando (xa o advertira o cormelán Lucas esta semana no Deporsport, ao dicir que é o que move o "cotarro") e que se lesionase nos locais Juan Chans, o mellor hoxe no Cairo. Os últimos vinte minutos foron de asedio dos baieses, pero non conseguían dar o último pase para crear verdadeiro perigo. Tivo que ser como consecuencia dunha xogada a balón parado como chegase o empate, pois unha falta lateral é rexeitada pola defensa, o balón chégalle a Martín no pico da área, e o seu lanzamento pasa por unha nube de xogadores e finalmente é desviado por Fermín ao fondo da portería. 
Celebrando o gol de Javi
(Foto: Santi Díaz)
O Baio foi polo partido nos minutos finais, e non estivo lonxe con algunha xogada trenzada que partía dos pés de Martín, como un pase ao oco que deixaba só a MC, pero este era derrubado antes de entrar na área; ou pouco despois o propio MC non chegaba a un bonito pase de Martín que o deixaba diante do porteiro. Tivo tamén o Corme a súa para levar o partido, nun córner que nin era despexado nin rematado creándose un rebumbio na área ata que foi fóra o balón. Pechou o partido unha ocasión baiesa, nun tiro de Rubio que se vai desviando da portería e a piques estivo de controlala Alberto que chegaba gañándolle as costas ao lateral.
Martín "moveu o cotarro"
nos últimos minutos
Ao final un punto para cada un, que permite que os dous continúen na zona media-alta da táboa, aínda que se viron superados por un Malpica que vén con forza e asaltou a cuarta praza. O Baio pasou con boa nota outra curva máis deste Tourmalet de seis partidos, e que terá a próxima dificultade a vindeira semana coa visita ao Platas Reinoso do Club do Mar, actual líder da Liga da Costa.

Polo CORME CF xogaron: Susiño, Adolfo, Diego (Abel 65'), Pandi, Jesús, Alejandro, Martinciño, Adrián Doldán (Dani 89'), Lucas, Juan Chans (Gonzalo 71'), Iago.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Yago, Ramón (Fermín 60'), Fachal (Martín 54'), Mario, Alberto, Javi Suárez (Rubio 54'), MC, Canay.

Goles: 1-0 Lucas (8'), 1-1 Javi Suárez (11'), 2-1 Iago (47'), 3-1 Iago (53'), 3-2 MC (63'), 3-3 Fermín (82').

No hay comentarios:

Publicar un comentario