C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

9 ene 2012

NOVA VITORIA PARA PECHAR A 1ª VOLTA

C. D. BAIO 4 - S. C. D. BUÑO 0

Disputábase este domingo a xornada 17ª e última da primeira volta, e o Baio recibía a un Buño que colleitara importantes vitorias en campos importantes coma o do Camariñas ou Club do Mar. E demostrou o porqué deses triunfos pois púxolle as cousas moi complicadas ao Baio, e non mereceu nin moito menos levar para terras oleiras un marcador tan avultado.
Martín MC leva 14 goles
nos últimos 7 partidos.
Con todo, a primeira media hora foi de dominio completo dos baieses que acurralaron ao Buño no seu campo e non podía nin facer contras. Tivo varias ocasións o Baio neste inicio para sacar unha boa renda, xa no minuto dous o capitán Martín erraba unha clara oportunidade. O gol non tardaría en chegar; aos nove minutos, Canay inicia unha xogada polo centro e logo de irse de dous rivais cede para MC, que de tiro cruzado bate o meta oleiro. Poucos minutos despois Canay erraría a máis clara do partido ao rematar de cabeza só co porteiro batido e enviala contra o poste. Tamén puideron aumentar o marcador Javi Suárez nunha boa xogada persoal que lle sacou o porteiro co pé, e MC que fallou un man a man co meta ao botarlle mal o balón no momento do disparo. Parecía que o partido estaba controlado e decantado e só era cuestión de tempo que chegase o segundo, pero a partir da media hora de xogo o Buño veuse arriba e sacou perigosas contras que crearon temor nas filas locais, sobre todo unha internada de Víctor pola banda e o seu centro non puido ser aproveitado en varios lanzamentos dos xogadores oleiros.

Javi Suárez sumou un novo gol
ante o Buño. Van xa 13 tantos.

A segunda parte comezou co Buño indo claramente polo empate, cambiou por completo a decoración e nos primeiros vinte minutos da reanudación embotellou ao Baio no seu campo e ben puido lograr algún gol. O centro do campo baiés desapareceu e os visitantes chegaban con facilidade ás inmediacións da área de Manuel, a defensa multiplicábase para sacar os continuos balóns que chegaban aos seus dominios. Tivo que facer trocos Tono para parar esta avalancha, e a entrada do xuvenil Rubio polo renqueante Canay (fora dúbida ata última hora) e de Fermín por Alberto déronlle algo de aire aos baieses. O Buño non aproveitou a súa ocasión de sacar algo positivo do seu dominio e polo contra os locais conseguiron marcar o segundo, ao aproveitar Javi Suárez un balón solto na beira da área e logo de irse de dous defensas batía por baixo ao porteiro. A partir de aquí o partido acabouse, pois os visitantes baixaron un pouco os brazos e os locais colleron tranquilidade. E aproveitárona para lanzar perigosas contras ante o xa partido equipo oleiro. Nunha delas Martín rouba un balón no centro do campo, combina con Javi Suárez e este cédelle a MC que consegue o terceiro. Xa no desconto, bonita xogada de MC que en velocidade se vai dos defensas que lle saen ao paso, pero é derrubado ao entrar na área. O penalti foi convertido polo propio MC, que suma un hat-trick por segunda xornada consecutiva, e aumenta a sete os partidos seguidos marcando.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Mario, Iván (Fredi 88'), José Antonio, Yago, Alberto (Fermín 66'), Martín, MC, Javi Suárez (Valentín 81'), Canay (Rubio 61').

Goles: 1-0 MC (9'), 2-0 Javi Suárez (70'), 3-0 MC (79'), 4-0 MC (92' p.).

Canay leva 8 goles, e iso
que o seu son as 2ª voltas
Remata así o CD BAIO a primeira volta na cuarta posición da Liga da Costa con 32 puntos, a catro puntos do terceiro e con dous da vantaxe con respecto ao quinto. Agora mesmo esta posición aseguraría xogar a promoción de ascenso cos cuartos dos grupos de Santiago e Barbanza, subindo dous deles. Facendo resumo desta primeira volta, temos que dicir que houbo dúas partes ben distintas dentro delas; a primeira delas moi irregular, con bos partidos na maioría dos casos pero con resultados dispares, así tanto se gañaba en Sofán, se empataba en Fisterra e se lle gañaba comodamente ao Malpica como se perdía na casa con Corme ou Zas. Pero houbo unha segunda parte, que foron os últimos oito encontros disputados (contando o aprazado en Dumbría), no que o equipo se mostrou moi forte, sobre todo ofensivamente, e a proba está nos resultados, colleitando sete vitorias e un empate (22 de 24 puntos posibles), con 31 goles a favor e 6 en contra. A esta melloría contribuíu en boa maneira o estado de gracia no que se encontran os seus dianteiros; entre MC (con 16 goles) e Javi Suárez (con 13) suman máis que os totais de 10 equipos, e se lle sumamos os de Canay (8 goles), só catro equipos superan en goles ao tridente baiés. Cando un está de bo pé...
Agora comeza a segunda volta, e as próximas seis xornadas marcarán cales van ser as miras desta temporada para o Baio; o caprichoso calendario quixo que non enfrontemos deseguido cos equipos que encabezan a Liga da Costa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario