C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

16 ene 2012

PARTIDO DOS QUE FAN AFECCIÓN

CAMARIÑAS F. C. 1 - C. D. BAIO 0

Manuel estivo soberbio
no Hnas. Patiño
Extraordinario partido o disputado na tarde do domingo en Camariñas, deses que din que fan afección, na que a emoción e o xogo estiveron na campo durante os noventa minutos. Partido que, a pesar do marcador, tivo moitas ocasións de gol, e se só se converteu unha foi pola formidable actuación dos dous porteiros, posiblemente os máis destacados de cada equipo. O Camariñas chegaba de co-líder coa intención de seguir arriba, coñecedor da vitoria do Club do Mar na tarde do sábado; e o Baio, cunha xeira de oito partidos sen perder, quería engancharse aos postos de arriba e tratar de competir de ti a ti cun dos grandes desta liga. O resultado final decantouse para os locais, pero os baieses fixeron méritos de abondo para sacar algo positivo deste encontro. De feito o partido pódese resumir nunha xogada ocorrida no minuto 35, que foi a que decantou a balanza do lado camariñán: neste minuto MC plántase só diante do porteiro local, pero Pombo nunha magnífica dobre intervención evita o tanto; o seu saque en logo é aproveitado por Leo, despois dun erro da zaga baiesa, para plantarse só diante de Manuel e conseguir o único tanto do partido. En dez segundos pasouse do posible 0-1 ao 1-0.
Empezou o partido cun eléctrico Camariñas, querendo marcar o seu territorio, e non tardou en dispoñer de dúas boas ocasións que foron providencialmente abortadas por Manuel. Pouco a pouco o Baio foise metendo no ritmo frenético do partido e comezou a combinar e a achegarse á área de Pombo.  Foi esta primeira parte xogada de poder a poder, cun experimentado Camariñas, que coma sempre se amosaba expeditivo en defensa, e rápido e "pillo" en ataque, todo baixo o mando de Moriño no medio do campo. O Baio, cun esquema de xogo similar, aproveitaba a velocidade e habilidade dos seus puntas e a condución no centro do campo de Eloy e Alberto. Así ata que chegou a xogada que modificou o partido. Aínda así non cambiou a decoración ata chegar ao descanso, e os dous seguían achegándose con perigo á área rival. O Camariñas aproveitando os saques de banda (case sempre irregularmente sacados, co permiso arbitral); e o Baio en xogadas pola banda do seu tridente. Puido empatar o Baio a pouco para o descanso, nun balón en longo para Javi Suárez, que sortea a Pombo cunha vaselina, pero o seu lanzamento é sacado na raia de gol pola defensa camariñá. Tamén puido marcar o segundo o Camariñas no tempo de desconto, pero unha vez máis Manuel estivo acertado e conxurou o perigo.
Eloy foi o pulmón do Baio
Variou o partido na segunda parte, pois o Camariñas repregouse defendendo o marcador e buscando as contras, e o Baio, co cambio efectuado no descanso e pasando para o centro do campo a Mario, fíxose dono e señor do balón, na busca dun oco na tupida defensa camariñá. Nesta segunda parte houbo menos ocasións de gol, as primeiras foron a balón parado: Matías lanzou unha falta lambendo a escuadra, e poucos minutos despois Alberto obrigaba noutro lanzamento directo a facer un paradón a Pombo cando xa se cantaba o gol. Tivo a sentenza o Camariñas nun balón solto na beira da área que Javi enviou ao traveseiro e o rexeite non foi aproveitado por Leo, que enviou alto. Apretou o Baio aínda máis nos minutos finais, e tivo dúas claras ocasións para empatar; na primeira un tiro de Canay é desviado por Pombo e o rexeite chégalle a MC, que lle pega como vén e o balón dá nun defensa e vaise a córner. E xa co tempo cumprido, MC busca o oco para lanzar desde a beira da área, e o seu disparo é sacado polo porteiro local, o rexeite dá en varias pernas atacantes e defensoras e sae milagrosamente pola liña de fondo. Foi a última xogada do partido.
En definitiva, os dous equipos poden estar satisfeitos co partido realizado, a pesar de que a sorte da vitoria só lles sorríu aos locais. Con este resultado manteñen esa disputa polo título de liga cos caioneses; mentres que o Baio perde un posto na clasificación en beneficio do Corme e achégaselle perigosamente un renovado Malpica coa chegada de David Baña. Pero aínda queda moita liga. Oxalá teñamos máis partidos coma este (e que nos toque gañalos).

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Mario (Valentín 89'), José Antonio (Rubio 78'), Yago (Ramón 45'), Eloy, Alberto (Martín 70'), MC, Javi Suárez, Canay.

No hay comentarios:

Publicar un comentario