C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

30 ene 2012

REMATOU A PRIMEIRA FASE DA LIGA XUVENIL

Acabouse a primeira fase dos Grupos 3º e 4º da Liga da Costa Xuvenil e agora comeza para uns a segunda fase da Liga (para os catro primeiros de cada grupo) e para os demais queda a Copa (a non ser que se decida outra cousa na reunión coa Federación de hoxe luns, o cal sería unha sorpresa e un sensentido). Como xa quedara definido a semana pasada, os equipos que van disputar a segunda fase da Liga son, polo Grupo 3º: Cee, Fisterra, Santa Comba e Soneira; e polo Grupo 4º: Malpica, Dumbría B, Camariñas e Baio. Esta tarde terá lugar o sorteo do calendario.
O Cee foi o campión do Grupo 3º
(Foto: http://www.unionclubcee.com/)
O Grupo 3º foi gañado polo Cee, que non tivo rivais en toda a liga como o demostran os seus números: 16 vitorias, 2 empates e 0 derrotas. Na segunda posición quedou un Fisterra que non tivo problemas para clasificarse, e que demostrou un gran poder goleador, aínda que tamén frouxo na defensa. Para as outras dúas prazas houbo máis competencia, e foron finalmente conseguidas por Santa Comba e Soneira, quedando ás portas o Outes e xa algo máis descolgado o Corcubión. Na parte negativa, o Muros, que tan só foi capaz de conseguir un punto; pero está claro que nestas categorías sempre hai anos malos.
Malpica, campión do Grupo 4º
(Foto: scd-malpica.blogspot.com)
No Grupo 4º o campión foi un sorprendente Malpica, e digo sorprendente porque o favorito a priori era o Dumbría B, pero os malpicáns gañaron a liga con todo merecemento demostrando ser o conxunto máis forte do norte, e 16 vitorias, 3 empates e 1 derrota demostran ben ás claras o que foi a súa campaña. Segundo quedou o Dumbría B, que a pesar de todo loitou polo título ata a última xornada; demostraron ser moi fortes en ataque, pero amosaron unha febleza defensiva estraña neles que fixo que perdesen moitos puntos. Como no outro grupo, as outras dúas prazas tamén estiveron competidas, e foron o Camariñas e o Baio os que levaron o premio final, cun gran Ponteceso que quedou na quinta posición, e que polo visto nos seus partidos quizais merecese mellor premio. O Camariñas comezou dun xeito moi irregular, pero fixo unha moi boa segunda volta que lle valeu para acabar terceiro. Esperábase algo máis do Zas e do Cabana, que remataron en terra de ninguén; os primeiros quizais se viron influídos pola situación do primeiro equipo; mentres que os cabaneses contaban cunha boa fornada do equipo cadete do ano pasado, e que seguramente o ano que vén van dar moita guerra. O Corme quedou á espera de tempos mellores, despois da magnifica remesa do ano anterior, mentres que Muxía e Laxe pecharon o grupo con máis pena que gloria. Os muxiáns só gañaron dous partidos (ao Laxe) e empataron dous, e ademais foron sancionados con dous puntos por non dispoñer de xogadores suficientes nun partido. Os de Laxe, que volvían a esta competición, tan só sumaron unha vitoria ante os seus veciños de ría, e deixáronse ir no tramo final da liga, con avultadas derrotas.

C. D. BAIO XUVENIL 2011-12   (Foto: Santi Díaz)

CLUB DEPORTIVO BAIO

Rubio é de momento o máximo goleador do equipo.
(Foto: Santi Díaz)
Prometía moito esta campaña o Club Deportivo Baio Xuvenil, a tenor do visto a tempada anterior e na súa participación na Copa, pois continuaba o mesmo plantel coa incorporación de numerosos cadetes, pero polo menos nesta primeira fase demostrou certa irregularidade, que fixo que perdesen puntos contra rivais da zona media e baixa da táboa (empates contra Muxía, Coristanco ou Cabana). Contaba Nacho cunha plantilla de 20 xogadores, que facía presaxiar unha loita por ter minutos entre eles, o que aumentaría a competitividade e con iso as prestacións do equipo; pero parece que non foi así. Os "veteranos" Pablo, Maikel, Pardo e Pollo dispuxeron de menos minutos que outros anos pola irrupción dos chegados desde os cadetes Lucas, David e Guillermo, e a fichaxe de Yago. Tamén é certo que a presenza de moitos xogadores defensivos fixo que os minutos fosen máis repartidos entre todos; mentres que no medio e na dianteira viñeron xogando máis ou menos os mesmos toda a liga. De feito os cinco xogadores que dispuxeron de máis minutos foron os centrocampistas: Bieito, Rafa, Fachal, Rubio e Lucas. Na dianteira foron Valentín e Martín os utilizados, con Alberto esperando a súa oportunidade.
Bieito foi o que xogou máis minutos ata o momento.
(Foto: Santi Díaz)
Con este molde, o equipo demostrou unha fortaleza defensiva, o que o converteu no segundo equipo menos goleado do grupo, con dous porteiros que estiveron a gran nivel (se Guillermo xogou máis tamén puido ser debido á habitual presenza de Pollo co primeiro equipo), e unha defensa que ía variando de homes, pero non de efectividade. Quizais a maior pega do equipo estivo na faceta anotadora, pois tan só se marcaron 56 goles (7º equipo no grupo), a pesar de que se creaban numerosas ocasións. Pero de momento Martín e Valentín non están tendo sorte cara ao gol, e os seus números son inferiores aos habituais (7 e 5 goles). Paliaron esta eiva os centrocampistas, cun Rubio "pichichi" do equipo con 10 goles, seguido por Bieito con 8. É de destacar tamén a achega de Cachopo e Maikel desde os laterais, e de Lucas desde a banda. No que si destacou este equipo é no seu bo xogo, sempre tratando de xogar o balón con criterio e de crear perigo a través de rápidas combinacións.
Agora comeza outra liga, outra competición desde cero, e todos van ter outra oportunidade de reivindicarse e de demostrar a súa valía.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario