C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

26 sept 2016

SUMANDO DE TRES EN TRES

SCD MALPICA 1 - CD BAIO 4
Julián debutou como titular

Fenomenal tarde de domingo, óptima para xogar ao fútbol, a que atopamos na Pedra Queimada, a onde acudiron unhas 150 persoas a contemplar un dos clásicos da Liga da Costa, dous equipos que acumulan unha gran cantidade de partidos nesta competición. É que este era o encontro 800 do equipo malpicán na Liga da Costa, dous máis dos que leva o Baio. 
A este partido chegaba o equipo baiés con algunha que outra sensible baixa, sobre todo na portería, polo que Pedro tivo que convocar os dous porteiros do xuvenil. Debutou como titular en partido oficial Julián, e ao remate Cedrón tamén tivo os seus minutos para estrearse na Liga da Costa. 
Comezou o encontro con dominio alterno, pero axiña chegaría o primeiro gol, obra do corcubionés Brais Lado, que aproveitou un balón ás costas dos centrais para bater a Julián e poñer o 1-0 no marcador (min.4). Foi a única ocasión clara do equipo local en todo o partido, que aproveitou a vantaxe para cerrarse atrás e buscar o contraataque. Tardou un pouco o Baio en sobrepoñerse, pero pasado o cuarto de hora de encontro, comezaron a chegar as ocasións baiesas, que en dez minutos se acumulaban e parecía incrible que non chegase o empate. No min.18 Martín remataba fóra un pase da morte de MC, dous minutos despois Norberto vaise polo extremo e cando se atopaba franco ante Ángel prefire pasar sobre MC, que dispara como lle vén pero o seu lanzamento é desviado a córner por un defensa. No lanzamento dese córner, Porto engancha unha volea desde o vértice da área que fai lucir a Ángel; e non quedou aí a cousa pois no min.23, unha boa xogada por banda esquerda remata con centro de Santi Díaz, que MC en boca de gol envía fóra. Este vendabal foi o previo á expulsión por dous cartóns amarelos do defensa malpicán Diego. Curiosamente foi o punto de inflexión no xogo baiés, pois os malpicáns pecháronse aínda máis atrás e o Baio xa non chegaba tan claramente. Habería que agardar ao min.40, cando o Malpica perde o balón nun ataque e o Baio aproveita para lanzar un rápido contragolpe, que remata cunha escapada de Javi Suárez, que é derrubado por Óscar Moscoso cando se dispoñía a rematar a gol. Expulsión do defensa e lesión do dianteiro e penalti que transforma Martín MC para poñer o 1-1 no marcador (min.41).
A segunda parte non pasará á historia da competición, pois apenas houbo xogo e si continuas interrupcións. O cadro malpicán, con dous homes menos, pechouse na súa área e, como é lóxico, perdía todo o tempo posible. Mentres tanto o Baio non conseguía fiar unha xogada de mérito e ter ocasión de disparar á portería con perigo. Tan só un man a man de MC que consegue desviar Ángel (min. 54) se pode considerar digna de mención. O cambio dun renqueante Javi Suárez, desde o penalti, diminuiu aínda máis a pólvora baiesa, mais a sensación era que o gol visitante ía chegar. Puido ser Rubio quen marcase ao pouco de saír, pero non chegou por pouco a un centro-chut de MC (min.65), pero foi unha xogada ensaiada de estratexia cando chegaría o gol, que aproveita no segundo pau un centro de Santi Díaz para poñer o 1-2 (min.78). Seguían torcéndose as cousas na dianteira baiesa co cambio de Martín MC por un forte golpe, pero aí tomou os mandos Santi Díaz, que aproveitou un balón en profundidade para bater a Ángel e sentenciar o encontro (min.81). Tivo nas súas botas Moreno o cuarto (min.84) antes de ser reemprazado polas molestias que xa arrastrou durante a semana, pero si chegaría o 1-4 no treito final por medio de Rubio, que aproveitou unha gran xogada por banda de Isaac (min.88).
Gran vitoria a conseguida polo cadro baiés ante un Malpica que principiou ordenado, que se viu superado mediada a primeira parte polo xogo baiés, e que despois entrou nunha fase de desquiciamento coa actuación arbitral do cormelán Bruno Méndez, con continuas protestas ao seu labor. Destacar o traballo de Julián, que estivo moi seguro en todo o partido e atento aos lanzamentos lonxanos dos atacantes locais. Esperemos que as lesións non revistan gravidade e poidan estar dispostos para o vindeiro partido, no que visitamos outro dos favoritos neste Tourmalet que nos tocou para comezar a Liga da Costa: o Mazaricos CF.



XUVENIL: CORME CF 2 - CD BAIO 2

Visitaba na tarde do venres o club baiés ao líder do grupo norte costeiro e daba a mellor das impresións, escapándolle a vitoria nos minutos finais. O Corme contaba os seus partidos por vitorias, e parecía seguir nese camiño cando Aitor marcaba nada máis principiar o partido, pero pouco a pouco os baieses foron facéndose donos do encontro e dominando todas as facetas do xogo. Así chegou o empate de Estefan no min. 12, que facía xustiza ao visto no Cairo. Mantívose a tónica no resto da primeira parte e en boa parte da segunda, e foi de novo Estefan, e de novo no min. 12 deste período, o que marcase e puxese por diante aos rapaces de Roberto. Tiveron oportunidades de marcar o terceiro, pero este non chegou, e a pesar de que o conxunto visitante notou a baixa de Estefan parecía que a vitoria estaba amarrada. Mais un erro defensivo a cinco minutos para o final foi aproveitado por José para establecer o definitivo 2-2 no marcador. 
Deben tomar boa nota os rapaces da súa capacidade para xogar partidos tan intensos como este para vindeiros encontros e poder achegarse aos postos altos da clasificación. A próxima parada o sábado no Platas Reinoso, e o rival o Laxe.


No hay comentarios:

Publicar un comentario