C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 sept 2016

UNHA RIADA DE GOLES

C.D. BAIO 4 - PONTECESO S.D. 2

Once inicial do CD Baio este domingo 
 Unha riada de goles foi o que se viu este domingo no Platas Reinoso, e o río Grande veu máis cargado que o Anllóns, e a dicir verdade, ben puideron ser máis os acadados polos locais, sobre todo nas botas dese pescador de ocasións que é Martín MC, que marchou cun hat-trick, pero da súa cana escapou algunha que outra peza que xa parecía estar no cesto. Ao final os máis de 300 espectadores que presenciaron o partido puideron deleitarse con seis goles que acabaron no trueiro, catro por parte local e dous pola visitante.
Os 11 do Ponteceso que saíron como titulares
Chegaba o Baio con algunha baixas, sobre todo no ataque, coma as de Javi Suárez e Christian, e a do lateral Luis, que o sábado pasaba polo altar e a quen lle desexamos as maiores das felicidades na súa nova vida. Pero volvían outros que non puideran estar en Berdillo, como Martín MC, que aos tres minutos xa fixo acto de presenza ao non dar por perdido un envío en longo e, tras roubarlle a carteira a Brais, puxo o 1-0 no marcador cun tiro desde o lateral da área. O gol tempraneiro tranquilizou o xogo local, que controlou o partido a pracer no centro do campo. Pero o Ponteceso é un equipo dos chamados a estar arriba, e conta con bos xogadores, como o ex-baiés Matías, que mediada a primeira parte lanzou un dos potentes disparos, que desviou Yago e coándose na meta baiesa (m. 23). Mais o Baio non se resentiu e practicamente na xogada seguinte, volveu adiantarse o cadro local grazas a un penalti convertido por Martín MC. A partir de aquí o xogo do Baio converteuse nunha riada de ocasións, nas que MC superaba unha e outra vez a zaga pontecesá. No min. 32 supera por alto a saída de Brais, pero a súa vaselina vaise fóra por pouco, un minuto despois nun novo man a man, MC intenta driblar ao porteiro, pero este consegue tocala e desviala a córner. Non erraría o dianteiro baiés no min. 35, e agora si batía a Brais para poñer un tranquilizador 3-1. Aínda puido aumentar a súa conta MC, pero nunha nova ocasión ante Brais, este conseguía desviar o lanzamento.
CAPITÁN MC, un hat-trick ao trueiro
Comezou a segunda metade como acabara a primeira, cun MC pletórico, que case marcaba o gol da tarde, ao ver adiantado ao porteiro pontecesán lanzou desde 40 metros, pero reaccionou ben o meta e conseguíu desviala a córner coa punta dos dedos. Non só Martín MC foi un pesadelo para a defensa rival, senón que os centrocampistas chegaban á área e creaban accións perigosas, como foi o caso de Moreno (min. 47), que estivo a piques de marcar nun lanzamento que rozou nun defensa e envelenouse para sair lambendo o poste. A única ocasión clara dos pontecesáns veu nun lanzamento de córner, que foi peiteada no primeiro pau, e o balón era sacado baixo o traveseiro por Peke. Pouco a pouco o partido foi decaendo, o Baio gardando esforzos e o Ponteceso impotente para crear perigo. Aínda así viñeron máis goles, despois de que o Platas ovacionase ao heroe da tarde, Martín MC, ao ser substituído. Un pase en profundidade sobre Santi Díaz, era aproveitado por este para marcar o cuarto (min.80), e xa nos últimos minutos viría o golazo de Puente, que recollía un balón no vértice da área e enchufábao na escuadra de Recarey para poñer o definitivo 4-2 (min.89). Moitos minutos de engadido foron os decretados polo colexiado coruñés da 3ª División, Domínguez Manteiga (boa actuación), que só serviron para que o pontecesán Mara vise un dobre cartón amarelo por protestar unha falta.
En definitiva, moi bo partido do Baio, sobre todo na primeira metade, que a pesar das baixas, demostrou que conta cun plantel con garantías para acometer estes partidos ante rivais de máximo nivel e despexar dúbidas despois do partido das Pedreiras da semana pasada. Agora na vindeira xornada toca visitar outro dos grandes da Liga da Costa, o Malpica, pero iso será o domingo.


XUVENIL: C.D. BAIO 2 - CAMARIÑAS C.F. 1

Na tarde do sábado xogaron os xuvenís ante un Camariñas que chegaba ao Platas Reinoso sen puntuar, pero co recordo da eliminación na pasada temporada da Copa da Costa. Quizais por eses precedentes sairon os dous equipos temerosos, como querendo gardar antes a súa portería que buscar a contraria. Pouco a pouco foron chegando xogadas de perigo, iso si, escaso, pero os camariñáns viron que podían facer dano e en dúas contras tiveron a oportunidade de adiantarse. Mais á terceira houbo vez, e aproveitaron a falta de contundencia da defensa para despexar o balón para presentarse ante Julián e conseguir o 0-1. Non espertou nin así o Baio e chegouse ao descanso co marcador favorable para os visitantes.
Pero todo cambiou no segundo tempo, e nada máis iniciarse Luis conseguía o empate e dar tranquilidade aos locais, que pasaron a controlar o partido. Pero as ocasións non eran moitas, pois faltaba o último pase que se puxese aos dianteiros de cara ao gol. Un cambio táctico planeado por Roberto permitiu que os baieses chegasen con máis claridade, e nunha combinación entre Luis e Estefan, este conseguía bater ao porteiro visitante. Repregou liñas o equipo local nos últimos minutos por medo ao arreón final camariñán, pero este non se produciu porque os baiseses conseguiron dominar o tempo do xogo, movendo o balón e non permitindo as chegadas visitantes.
Con esta vitoria suman os xuvenís 4 puntos que o colocan na 5ª praza, e o vindeiro venres visitarán o campo do líder, o Corme, que suma os seus partidos por vitorias.



No hay comentarios:

Publicar un comentario