C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 sept 2016

TROPEZANDO UNHA VEZ MÁIS NAS PEDREIRAS

S.D. SAN LORENZO 4 - C.D. BAIO 2

Unha temporada máis o CD Baio volve tropezar no campo das Pedreiras, un campo no que non gaña desde a temporada 91-92, cando se impuxera por 1-3. Na tarde deste domingo o partido presentábase cunhas magníficas condicións para a práctica do fútbol, incluso se podería dicir que con excesiva calor. Unhas 150 persoas foron as que se deron cita no campo berdillés, que presenciaron un triunfo local, xusto polas ocasións coas que contou, sobre todo na segunda parte.
O primeiro tempo comezou de maneira igualada, cun Baio querendo dominar o balón ante un San Lorenzo ben plantado no campo. Aos 11 minutos chegou o primeiro gol do partido, na primeira ocasión clara. Veu dun centro do lateral Rubén ao corazón da área, na que Juni se impulsa para colocar o balón na escuadra coa cabeza. Reaccionou o Baio e pasou a chegar con perigo á meta rival, como nunha bonita xogada entre Luis e Christian, que centra para que remate Martín, pero Javi Souto consegue desviar o balón a córner cando se cantaba gol (m.19). Este foi o preludio do gol do empate, nun balón que leva en velocidade Javi Suárez, que só ante o meta local, consegue batelo por baixo (m.23). De aquí ao descanso non houbo moitas oportunidades que sinalar, o dominio do partido parecía que estaba nas mans o Baio, pero nin un nin outro artellaban xogadas de verdadeiro perigo.
Javi Suárez foi o máis incisivo;
marcou e fixéronlle un penalti
A decoración cambiou na segunda metade, onde os baieses foron desaparecendo pouco a pouco do encontro, con continuas imprecisións, que mermaron o seu xogo e déronlle aires aos locais. Cando se levaban disputados dez minutos deste período, Recarey consegue desviar unha boa ocasión de Parafita, mais o rexeite chégalle a Juni, que desde o pico da área consegue introducir o coiro na meta baiesa de tiro pegado ao poste. Puido repetir o propio Juni un minuto máis tarde, pero un providencial Recarey impediu o gol. E cando parecia que o Baio estaba noqueado, chegou unha xogada individual de Javi Suárez, que é derrubado no vértice da área, e o colexiado sinala o correspondente penalti, que se encarga de transformar Luis, para poñer o empate no marcador (m.57). Mais foi flor dun día, porque o Baio non se serenou co empate, e volvía unha e outra vez a dar facilidades ao seu rival. Unha destas estivo a piques de aproveitala Juni, pero o seu tiro foise ao poste (m.63), mais non tardou en chegar o gol local, e sería de novo Juni, o que co seu hat-trick poñería por diante ao San Lorenzo, ao rematar de novo de cabeza e coarse o balón logo de petar no traveseiro. Nunha perda en liña de defensa estivo a piques Jorge Pichel de marcar, pero tras regatear a Recarey o seu lanzamento peta no traveseiro e vaise fóra. Foron estes minutos de quero e non podo para os baieses, que só nas botas de Javi Suárez conseguía achegarse á meta berdillesa, mais a actuación segura da defensa e do porteiro locais, impedía unha e outra vez as tímidas acometidas. Xa co equipo arriba chegou unha contra, que aproveitou Fuentefría para bater por alto a Recarey (m.86), e poñer o definitivo 4-2.
O Baio pagou, xa que logo, unha mala segunda metade, no que nin se amosou seguro na parte defensiva nin con clarividencia no ataque, e viuse superado por un San Lorenzo que tivo en Juni ao factor desequilibrante deste encontro. 
Na vindeira semana o CD Baio recibirá a outro dos equipos sobranceiros desta Liga da Costa, o Ponteceso, que conta na actualidade con un punto máis que o equipo baiés, mercede á súa vitoria en Mazaricos e o empate no Pinguel co Malpica. Agardemos que non haxa máis pedras no camiño dos baieses e se volva de novo á senda dos triunfos. 



XUVENIL: CABANA SD 2 - CD BAIO 0

Fútbol sen ansia, podería ser o titular do encontro disputado polos xuvenís baieses nas Redondas na tarde do sábado. Amosouse o equipo baiés superior no xogo nos primeiros minutos, mais faltaba un plus que o que dá os triunfos en campos difíciles como é o cabanés. Dous erros defensivos custáronlles dous goles aos baieses, que non foron quen de reaccionar e poñer toda a carne no asador para reverter a situación. 
Mellorou un pouco a situación na segunda metade, pero as ocasións eran contadas e non atinaban os xogadores de Roberto a materializar as que tiñan. Os minutos finais convertéronse nun correrrúas, no que os dous equipos demostraron que aínda están comezando a competición, polo que se espera que a situación mellore co paso dos partidos e os rapaces dean o que sabemos que teñen dentro.
A próxima semana visita o Platas Reinoso o Camariñas, conxunto que aínda non sumou ningún punto nos dous encontros disputados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario