C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 ene 2012

CLASIFICACIÓNS E GOLEADORES

Aquí tendes as clasificacións do fútbol base e da liga de fútbol sala "Costa Bergantiñá" (lembrade picar nas imaxes para agrandalas):


 Tamén tendes as táboas de goleadores das distintas categorías do CD BAIO e a xeral da Liga da Costa:



SEGUNDA FASE DA LIGA XUVENIL

Tivo lugar este luns a reunión da Federacións cos clubs da Costa que teñen equipos en categoría xuvenil para realizar os sorteos da segunda fase da Liga da Costa e tamén da Copa da Costa, que xa comezan a próxima fin de semana.
Principiouse coa segunda fase ligueira, e chegou a sorpresa da renuncia do Fisterra a disputala sen aducir ningunha razón para non facelo non sendo que prefería xogar a Copa. A sorpresa aumentou cando os membros da Federación non lle puxeron reparos, e ofrecéronlle aos seguintes clasificados no seu grupo a posibilidade de xogar esta segunda fase. O Outes renunciou e aceptou o Corcubión, sexto clasificado do Grupo Sur. Sinceramente, cremos que se alguén renuncia a xogar unha competición para a que se clasificou debe xustificalo (pola escaseza de xogadores, por motivos económicos para manter o equipo, etc.), pero nese caso tampouco podería disputar a competición de Copa, como si lle permitiron facer ao Fisterra. En definitiva, seguimos tendo unhas competicións terceiromundistas, e isto non ha de ser a última vez que pase.
Ao final fíxose o sorteo da primeira xornada, sendo o porteiro baiés Pollo, presente na sala, o encargado de quitar as papeletas e este foi o resultado desta xornada que se disputa o día 4 de febreiro:

DUMBRÍA B - SANTA COMBA
CORCUBIÓN - SONEIRA
CAMARIÑAS - C. D. BAIO
MALPICA - CEE

Polo tanto queda un calendario de competición da seguinte maneira [elaboración propia; pica para agrandalo]:


A continuación pasouse á Copa da Costa, á que renunciaron de entrada o Laxe e o Muxía (de forma xustificada e clara no caso dos primeiros; á súa maneira os muxiáns). Tras varias votacións para decidir como se dspoñía a liguilla previa ás eliminatorias, decidiron dividir os 11 conxuntos en dous grupos (un de 6 equipos e outro de 5) que xogarán a dobre volta. Clasificaranse para as eliminatorias os catro primeiros de cada grupo, quedando configurados os cuartos de final cos enfrontamentos entre 4º contra 1º e 3º contra 2º.
Realizouse a continuación o sorteo da primeira xornada dos dous grupos, coa man inocente do centrocampista do Baio Fachal, e deparou o seguinte resultado:

Grupo 1:
DUMBRÍA A - SP. ZAS
ESTEIRANA - CORISTANCO
OUTES - FISTERRA

Grupo 2:
MAZARICOS - PONTECESO
MUROS - CORME
Descansa: CABANA

Advertiron que no plano disciplinario parten de cero todos os equipos en canto a acumulación de tarxetas, aínda que os sancionados deben cumprir a súa sanción; no caso dos que disputen a liga sexa cal sexa o motivo, nos da Copa só os expulsados con cartón vermello directo.
No capítulo de fichaxes, os que disputen a Liga NON poden fichar ningún xogador, pois as normas din que a data límite é antes das catro últimas xornadas da primeira fase. No caso da Copa, os equipos poden fichar xogadores ata antes das semifinais, sempre e cando non xogase nun equipo que estivese no mesmo grupo na liga (neste caso poden facelo se o xogador non disputou máis de catro partidos).

30 ene 2012

REMATOU A PRIMEIRA FASE DA LIGA XUVENIL

Acabouse a primeira fase dos Grupos 3º e 4º da Liga da Costa Xuvenil e agora comeza para uns a segunda fase da Liga (para os catro primeiros de cada grupo) e para os demais queda a Copa (a non ser que se decida outra cousa na reunión coa Federación de hoxe luns, o cal sería unha sorpresa e un sensentido). Como xa quedara definido a semana pasada, os equipos que van disputar a segunda fase da Liga son, polo Grupo 3º: Cee, Fisterra, Santa Comba e Soneira; e polo Grupo 4º: Malpica, Dumbría B, Camariñas e Baio. Esta tarde terá lugar o sorteo do calendario.
O Cee foi o campión do Grupo 3º
(Foto: http://www.unionclubcee.com/)
O Grupo 3º foi gañado polo Cee, que non tivo rivais en toda a liga como o demostran os seus números: 16 vitorias, 2 empates e 0 derrotas. Na segunda posición quedou un Fisterra que non tivo problemas para clasificarse, e que demostrou un gran poder goleador, aínda que tamén frouxo na defensa. Para as outras dúas prazas houbo máis competencia, e foron finalmente conseguidas por Santa Comba e Soneira, quedando ás portas o Outes e xa algo máis descolgado o Corcubión. Na parte negativa, o Muros, que tan só foi capaz de conseguir un punto; pero está claro que nestas categorías sempre hai anos malos.
Malpica, campión do Grupo 4º
(Foto: scd-malpica.blogspot.com)
No Grupo 4º o campión foi un sorprendente Malpica, e digo sorprendente porque o favorito a priori era o Dumbría B, pero os malpicáns gañaron a liga con todo merecemento demostrando ser o conxunto máis forte do norte, e 16 vitorias, 3 empates e 1 derrota demostran ben ás claras o que foi a súa campaña. Segundo quedou o Dumbría B, que a pesar de todo loitou polo título ata a última xornada; demostraron ser moi fortes en ataque, pero amosaron unha febleza defensiva estraña neles que fixo que perdesen moitos puntos. Como no outro grupo, as outras dúas prazas tamén estiveron competidas, e foron o Camariñas e o Baio os que levaron o premio final, cun gran Ponteceso que quedou na quinta posición, e que polo visto nos seus partidos quizais merecese mellor premio. O Camariñas comezou dun xeito moi irregular, pero fixo unha moi boa segunda volta que lle valeu para acabar terceiro. Esperábase algo máis do Zas e do Cabana, que remataron en terra de ninguén; os primeiros quizais se viron influídos pola situación do primeiro equipo; mentres que os cabaneses contaban cunha boa fornada do equipo cadete do ano pasado, e que seguramente o ano que vén van dar moita guerra. O Corme quedou á espera de tempos mellores, despois da magnifica remesa do ano anterior, mentres que Muxía e Laxe pecharon o grupo con máis pena que gloria. Os muxiáns só gañaron dous partidos (ao Laxe) e empataron dous, e ademais foron sancionados con dous puntos por non dispoñer de xogadores suficientes nun partido. Os de Laxe, que volvían a esta competición, tan só sumaron unha vitoria ante os seus veciños de ría, e deixáronse ir no tramo final da liga, con avultadas derrotas.

C. D. BAIO XUVENIL 2011-12   (Foto: Santi Díaz)

CLUB DEPORTIVO BAIO

Rubio é de momento o máximo goleador do equipo.
(Foto: Santi Díaz)
Prometía moito esta campaña o Club Deportivo Baio Xuvenil, a tenor do visto a tempada anterior e na súa participación na Copa, pois continuaba o mesmo plantel coa incorporación de numerosos cadetes, pero polo menos nesta primeira fase demostrou certa irregularidade, que fixo que perdesen puntos contra rivais da zona media e baixa da táboa (empates contra Muxía, Coristanco ou Cabana). Contaba Nacho cunha plantilla de 20 xogadores, que facía presaxiar unha loita por ter minutos entre eles, o que aumentaría a competitividade e con iso as prestacións do equipo; pero parece que non foi así. Os "veteranos" Pablo, Maikel, Pardo e Pollo dispuxeron de menos minutos que outros anos pola irrupción dos chegados desde os cadetes Lucas, David e Guillermo, e a fichaxe de Yago. Tamén é certo que a presenza de moitos xogadores defensivos fixo que os minutos fosen máis repartidos entre todos; mentres que no medio e na dianteira viñeron xogando máis ou menos os mesmos toda a liga. De feito os cinco xogadores que dispuxeron de máis minutos foron os centrocampistas: Bieito, Rafa, Fachal, Rubio e Lucas. Na dianteira foron Valentín e Martín os utilizados, con Alberto esperando a súa oportunidade.
Bieito foi o que xogou máis minutos ata o momento.
(Foto: Santi Díaz)
Con este molde, o equipo demostrou unha fortaleza defensiva, o que o converteu no segundo equipo menos goleado do grupo, con dous porteiros que estiveron a gran nivel (se Guillermo xogou máis tamén puido ser debido á habitual presenza de Pollo co primeiro equipo), e unha defensa que ía variando de homes, pero non de efectividade. Quizais a maior pega do equipo estivo na faceta anotadora, pois tan só se marcaron 56 goles (7º equipo no grupo), a pesar de que se creaban numerosas ocasións. Pero de momento Martín e Valentín non están tendo sorte cara ao gol, e os seus números son inferiores aos habituais (7 e 5 goles). Paliaron esta eiva os centrocampistas, cun Rubio "pichichi" do equipo con 10 goles, seguido por Bieito con 8. É de destacar tamén a achega de Cachopo e Maikel desde os laterais, e de Lucas desde a banda. No que si destacou este equipo é no seu bo xogo, sempre tratando de xogar o balón con criterio e de crear perigo a través de rápidas combinacións.
Agora comeza outra liga, outra competición desde cero, e todos van ter outra oportunidade de reivindicarse e de demostrar a súa valía.   

EMPATE NO CAIRO NUN EMOCIONANTE PARTIDO

CORME C. F. 3 - C. D. BAIO 3

Partido emocionante o xogado este domingo no Cairo en tarde soleada aínda que fría, que por sorte para os abundantes seareiros alí congregados non soprou moito o vento. O Corme e o Baio depararon un encontro de poder a poder coa presenza de numerosos xogadores de calidade en ambos os dous conxuntos, que parecía que ía gañar o Corme e que ao final puido gañar o Baio, polo que os dous quedaron máis ou menos conformes co resultado.
Fermín, un gol que vale
algo máis que un punto
O partido principiou cunha serie de xogadas de tanteo, medíndose os dous rivais, pero sen achegárense ás áreas. Foron as primeiras aproximacións as que trouxeron os primeiros goles. Nunha xogada rápida do Corme o balón chégalle a Iago en profundidade e o seu lanzamento é desviado a córner por Manuel nunha boa intervención; pero na saída do córner, en xogada ensaiada, Lucas recibe só no punto de penalti e fusila a Manuel. Non tardou en reaccionar o Baio, pois tamén no seu primeiro achegamento conseguía marcar por medio de Javi Suárez, que recollía un pase na frontal da área e batía de forte lanzamento a Susiño por toda a escuadra. A partir de aquí volveu o centrocampismo, cun maior dominio dos locais, pero sen crear demasiado perigo (tan só a balón parado), e os visitantes agardando saír á contra, sen moito éxito nos seus intentos. Chegouse ao descanso, logo, co empate no marcador.
Disputado partido no Cairo
(Foto: Santi Díaz)
O comezo da segunda parte trouxo un cúmulo de desgrazas para o Baio, que principiaron aos dous minutos, cando un erro en cadea da defensa fai que o balón lle chegue franco a Iago, para bater a Manuel sen oposición. Apenas uns minutos despois caía lesionado Javi Suárez, cun golpe na súa perna dereita o que facía que tivese que abandonar o campo. Aínda non se fixera o troco e xa o Baio recibira o terceiro, nun balón solto que aproveita Iago para irse en velocidade, e tras sortear a Manuel conseguir o gol. Foron estes minutos de desconcerto nos baieses, que vían como os cormeláns dominaban con facilidade o partido, chegando como e cando querían á área rival. Pero cando se intuía unha posible goleada local, chegou o segundo gol baiés, nun balón en longo sobre MC que se interna na área e fusila a Susiño por baixo. Este gol cambiou por completo o partido. O Baio, que se vía derrotado, cría agora nas súas posibilidades; e o Corme, que xa se cría co partido gañado, colleu medo a perdelo. A isto uniuse que o capítán Martín asumiu o mando (xa o advertira o cormelán Lucas esta semana no Deporsport, ao dicir que é o que move o "cotarro") e que se lesionase nos locais Juan Chans, o mellor hoxe no Cairo. Os últimos vinte minutos foron de asedio dos baieses, pero non conseguían dar o último pase para crear verdadeiro perigo. Tivo que ser como consecuencia dunha xogada a balón parado como chegase o empate, pois unha falta lateral é rexeitada pola defensa, o balón chégalle a Martín no pico da área, e o seu lanzamento pasa por unha nube de xogadores e finalmente é desviado por Fermín ao fondo da portería. 
Celebrando o gol de Javi
(Foto: Santi Díaz)
O Baio foi polo partido nos minutos finais, e non estivo lonxe con algunha xogada trenzada que partía dos pés de Martín, como un pase ao oco que deixaba só a MC, pero este era derrubado antes de entrar na área; ou pouco despois o propio MC non chegaba a un bonito pase de Martín que o deixaba diante do porteiro. Tivo tamén o Corme a súa para levar o partido, nun córner que nin era despexado nin rematado creándose un rebumbio na área ata que foi fóra o balón. Pechou o partido unha ocasión baiesa, nun tiro de Rubio que se vai desviando da portería e a piques estivo de controlala Alberto que chegaba gañándolle as costas ao lateral.
Martín "moveu o cotarro"
nos últimos minutos
Ao final un punto para cada un, que permite que os dous continúen na zona media-alta da táboa, aínda que se viron superados por un Malpica que vén con forza e asaltou a cuarta praza. O Baio pasou con boa nota outra curva máis deste Tourmalet de seis partidos, e que terá a próxima dificultade a vindeira semana coa visita ao Platas Reinoso do Club do Mar, actual líder da Liga da Costa.

Polo CORME CF xogaron: Susiño, Adolfo, Diego (Abel 65'), Pandi, Jesús, Alejandro, Martinciño, Adrián Doldán (Dani 89'), Lucas, Juan Chans (Gonzalo 71'), Iago.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Yago, Ramón (Fermín 60'), Fachal (Martín 54'), Mario, Alberto, Javi Suárez (Rubio 54'), MC, Canay.

Goles: 1-0 Lucas (8'), 1-1 Javi Suárez (11'), 2-1 Iago (47'), 3-1 Iago (53'), 3-2 MC (63'), 3-3 Fermín (82').

28 ene 2012

RESULTADOS

Liga da Costa: CORME C. F. 3 - C. D. BAIO 3
                       [Lucas, Iago (2) / Javi Suárez, MC, Fermín]

Xuvenil: C. D. BAIO 2 - SP. ZAS 2
           [Rubio (p), Valentín]

Cadete: S. D. CORISTANCO 2 - C. D. BAIO 5
                                          [Santi (2), Christian (2), Alfonso]

Infantil: E.M. CONCELLO CARNOTA 10 - C. D. BAIO 0

Alevín: C. D. BAIO 2 - CONCELLO CORISTANCO 5
         [Carlos (2)]

Benxamín: C. D. BAIO 2 - CONCELLO CORISTANCO 0
             [Marcos, Samuel]
* * *
Outros resultados:

LIGA DA COSTA: Fisterra 2 - Castriz 1; Club do Mar 4 - O Pindo 0; Sofán 0 - Camariñas 3; Malpica 2 - Corcubión 0; Muros 1 - Buño 2; Esteirana 0 - Nantón 0; Zas 1 - San Lorenzo 0; Dumbría B 2 - Mazaricos 0.

XUVENIL: Malpica 9 - Dumbría B 1; Ponteceso 5 - Camariñas 4; Cabana 8 - Corme 2; Muxía 5 - Laxe 1.

CADETE: Malpica 2 - Cee 3; Esteirana 4 - Santa Comba 1; Cabana 3 - Ponteceso 3; Zas 1 - Outes 4; Fisterra 1 - Soneira 1; Muxía 0 - Muros 4; Dumbría 12 - Porteño 0.

INFANTIL: Cabana 10 - Ponteceso 3; Corme 0 - Dumbría 13; E.M. Vimianzo 2 - Outes 2; Coristanco 5 - Muxía 3; Fisterra 0 - Santa Comba 3; Esteirana 3 - Os Miúdos 2.

26 ene 2012

PARTIDOS PARA A FIN DE SEMANA


LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
CORME C. F. - C. D. BAIO
Domingo 29 de xaneiro; 16:20 horas.
Saída de Baio ás 14:40 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Daniel Torreiro Ramos.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - SP. ZAS
Sábado 28 de xaneiro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CADETE (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
S. D. CORISTANCO - C. D. BAIO
Sábado 28 de xaneiro; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 09:00 horas.
Campo: A Rocheira (Coristanco).
Árbitro: José Domínguez Martínez.

INFANTIL (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
E.F. CONCELLO DE CARNOTA - C. D. BAIO
Domingo 29 de xaneiro; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 08:30 horas.
Campo: Lombáns (Carnota).

ALEVÍN/BENXAMÍN (FS COSTA BERGANTIÑÁ)
C. D. BAIO - CONCELLO DE CORISTANCO
Sábado 28 de xaneiro; 10:00 horas e 10:45 horas.
Campo: Pavillón Polideportivo de Baio.
Árbitro: Santiago Soneira Muíño.

TÁBOAS DE GOLEADORES


CLASIFICACIÓNS

Clasificacións das categorías base nas que participa o CLUB DEPORTIVO BAIO:

 A partir desta semana tamén poñeremos as clasificacións da Liga de Fútbol-Sala "Costa Bergantiñá", na que participa o CLUB DEPORTIVO BAIO (lembra picar na imaxe para agrandala):

23 ene 2012

NOVA GOLEADA NO PLATAS REINOSO

C. D. BAIO 4 - S. D. SOFÁN 0


Nova vitoria do C. D. BAIO ante un rival que viña con forza desde abaixo para engancharse aos postos altos, pero que non demostrou moito no Platas Reinoso e acabou sucumbindo ante a avalancha local, a pesar da permisividade do árbitro, un dos protagonistas do encontro.
O xuvenil Yago completou
un gran partido, tanto na
defensa coma no medio
Aínda que o partido empezou igualado, pouco a pouco o conxunto local fíxose dono do balón e controlador do ritmo do partido. Non eran moi claras as ocasións, pero o Baio presionaba e chegaba sobre a meta de Luis de la Peña, pero foi pasados os vinte minutos, cando un erro de Miniño é aproveitado por Canay para ceder sobre MC, que diante do porteiro visitante non erra para batelo a media altura. A partir de aquí, o equipo local seguiu controlando o partido, e o Sofán non era quen de crear perigo na meta rival. Tan só é de destacar un lanzamento de Iván Rey, a pouco de chegar o descanso, que se lle foi alto. Precisamente sería este un os protagonistas da xogada que marcou o devir do partido, xa no desconto da primeira parte, ao ser expulsado por agresión sobre un rival, o que derivou nunha tángana que levou camiño dos vestiarios tamén ao sofanista Abel (xa merecedor deste camiño anteriormente por unha escalofriante entrada). Con este marcador, e o Sofán con dous homes menos (e mais Jacobo expulsado no descanso por continuos insultos ao árbitro), rematou a primeira parte.
Javi Suárez marcou dous goles e
creou continuo perigo na meta sofanista.
(Foto: Edu Touriñán)
Principiou a segunda metade con moitos nervios polos dous bandos debidos á actuación arbitral, pouco segura e condescendente, que axiña se demostrou coa compensación ao expulsar a Eloy nunha xogada na que apenas participa (52'). O Sofán colleu azos coa nova situación arbitral e veuse arriba, pero sen crear perigo sobre a meta dun tranquilo Manuel, mentres o Baio esperaba a saída á contra.  Nunha destas, Alberto roubou o balón no centro do campo, e a pesar de ser agarrado insistentemente consegue asistir para Javi Suárez, que bate no un para un a, o seu ex-compañeiro o ano pasado no Zas, Luis de la Peña. Este gol acabou por sentenciar o marcador, pois a pesar de que o Sofán fixo intentos de achegarse á porta rival, a penas creou perigo, e as contras baiesas levaban máis marchamo de gol que os intentos carballeses. Co marcador resolto, Tono deu entrada ao seu banco, no que estaban os xuvenis Fachal e Rubio, que deron conta, xunto co seu colega Yago, dese centro do campo, asistidos polo capitán Martín, recambio do mancado Alberto. Nestes minutos o Baio tivo moitas oportunidades de gol, fronte á xa débil defensa sofanista. Nunha delas MC reamata unha boa xogada de Javi Suárez a porta baleira, e minutos despois o propio MC dilapida unha ocasión similar ao non contar co erro defensivo. E o propio MC, en racha goleadora, é obxecto dun claro penalti que o árbitro, pasa por alto cando encaraba a porta visitante. Nestes minutos tolos tamén o Sofán tamén contou con algunha ocasión debido ao descontrol do xogo por parte dos dous equipos nos minutos finais. Pero será Javi Suárez o que aproveite este descontrol organizativo para roubar un balón na área visitante e marcar o cuarto gol da tarde tras regatear ao porteiro visitante nunha baldosa en plena liña de fondo. Un golazo dos que paga máis que unha entrada.
En definitiva, un marcador que refrenda o bo momento do CD BAIO, e que vén cortar a marcha do equipo rival de once partidos sen perder, pero que no Platas Reinoso deixou unha mala imaxe botándose fóra do partido máis pendentes do árbitro que do rival. Vitoria cómoda, logo, do Baio ante un rival que non puxo en apuros a meta local e a continuar con este Tourmalet ante os equipos da zona alta da táboa. A próxima semana, o Corme.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Yago, Ramón (Fredi 75'), Eloy, Mario (Rubio 65'), Alberto (Martín 71'), MC, Javi Suárez, Canay (Fachal 59'). 

Polo SOFÁN xogaron: Luis, Adrián, Miniño, Juanjo, Pensado, Eloy, Edu (Gurita 50'), Suso Docampo (Bardanca 53'), Iván Rey, David Pensado, Abel.   

Goles: 1-0 MC (23'), 2-0 Javi Suárez (58'), 3-0 MC (78'), 4-0 Javi Suárez (89').

21 ene 2012

RESULTADOS

Liga da Costa: C. D. BAIO 4 - S. D. SOFÁN 0
                 [MC (2), Javi Suárez (2)]
Xuvenil: CORME C. F. 1 - C. D. BAIO 5
                               [Martín, Cachopo, Bieito, Yago, Pablo]

Cadete: C. D. BAIO 0 - C. F DUMBRÍA 3

InfantilC. D. BAIO 1 - S. D. ESTEIRANA 8
               [Éver]
Alevín (FS)CONCELLO DE CABANA 7 - C. D. BAIO 5

Benxamín (FS): CONCELLO DE CABANA 1 - C. D. BAIO 1
* * *
LIGA XUVENIL: Xa están definidos os oito equipos que disputarán a 2ª fase da Liga da Costa Xuvenil. Polo grupo 3º (Sur): Cee, Fisterra, Soneira e Santa Comba. Polo grupo 4º (Norte): Malpica, Dumbría B, Camariñas e Baio.

Outros resultados:

Liga da Costa: Corcubión 0 - Club do Mar 1.

Xuvenil: Dumbría B 4 - Ponteceso 3; Coristanco 3 - Malpica 3.

Cadete: Cee 17 - Muxía 0, Soneira 1 - Esteirana 4; Camariñas 7 - Zas 2; Outes 3 - Malpica 1; Santa Comba 2 - Coristanco 1.

18 ene 2012

PARTIDOS DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA


LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. SOFÁN
Domingo 22 de xaneiro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Iván Yáñez Muíño.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
CORME C. F. - C. D. BAIO
Sábado 21 de xaneiro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Luis E. Pérez Fernández.

CADETE (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - C. F. DUMBRÍA
Sábado 21 de xaneiro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Diego Castelo Pérez.

INFANTIL (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. C. D. ESTEIRANA
Domingo 22 de xaneiro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Enrique M. Patricio Blanco.

ALEVÍN / BENXAMÍN (FS - COSTA BERGANTIÑÁ)
CONCELLO DE CABANA - C. D. BAIO
Sábado 21 de xaneiro; 10:00 h e 10:45 horas.
Saída de Baio (Pavillón) ás 21:20 horas.
Campo: Pavillón de Cabana de Bergantiños.

GOLEADORES


16 ene 2012

PARTIDO DOS QUE FAN AFECCIÓN

CAMARIÑAS F. C. 1 - C. D. BAIO 0

Manuel estivo soberbio
no Hnas. Patiño
Extraordinario partido o disputado na tarde do domingo en Camariñas, deses que din que fan afección, na que a emoción e o xogo estiveron na campo durante os noventa minutos. Partido que, a pesar do marcador, tivo moitas ocasións de gol, e se só se converteu unha foi pola formidable actuación dos dous porteiros, posiblemente os máis destacados de cada equipo. O Camariñas chegaba de co-líder coa intención de seguir arriba, coñecedor da vitoria do Club do Mar na tarde do sábado; e o Baio, cunha xeira de oito partidos sen perder, quería engancharse aos postos de arriba e tratar de competir de ti a ti cun dos grandes desta liga. O resultado final decantouse para os locais, pero os baieses fixeron méritos de abondo para sacar algo positivo deste encontro. De feito o partido pódese resumir nunha xogada ocorrida no minuto 35, que foi a que decantou a balanza do lado camariñán: neste minuto MC plántase só diante do porteiro local, pero Pombo nunha magnífica dobre intervención evita o tanto; o seu saque en logo é aproveitado por Leo, despois dun erro da zaga baiesa, para plantarse só diante de Manuel e conseguir o único tanto do partido. En dez segundos pasouse do posible 0-1 ao 1-0.
Empezou o partido cun eléctrico Camariñas, querendo marcar o seu territorio, e non tardou en dispoñer de dúas boas ocasións que foron providencialmente abortadas por Manuel. Pouco a pouco o Baio foise metendo no ritmo frenético do partido e comezou a combinar e a achegarse á área de Pombo.  Foi esta primeira parte xogada de poder a poder, cun experimentado Camariñas, que coma sempre se amosaba expeditivo en defensa, e rápido e "pillo" en ataque, todo baixo o mando de Moriño no medio do campo. O Baio, cun esquema de xogo similar, aproveitaba a velocidade e habilidade dos seus puntas e a condución no centro do campo de Eloy e Alberto. Así ata que chegou a xogada que modificou o partido. Aínda así non cambiou a decoración ata chegar ao descanso, e os dous seguían achegándose con perigo á área rival. O Camariñas aproveitando os saques de banda (case sempre irregularmente sacados, co permiso arbitral); e o Baio en xogadas pola banda do seu tridente. Puido empatar o Baio a pouco para o descanso, nun balón en longo para Javi Suárez, que sortea a Pombo cunha vaselina, pero o seu lanzamento é sacado na raia de gol pola defensa camariñá. Tamén puido marcar o segundo o Camariñas no tempo de desconto, pero unha vez máis Manuel estivo acertado e conxurou o perigo.
Eloy foi o pulmón do Baio
Variou o partido na segunda parte, pois o Camariñas repregouse defendendo o marcador e buscando as contras, e o Baio, co cambio efectuado no descanso e pasando para o centro do campo a Mario, fíxose dono e señor do balón, na busca dun oco na tupida defensa camariñá. Nesta segunda parte houbo menos ocasións de gol, as primeiras foron a balón parado: Matías lanzou unha falta lambendo a escuadra, e poucos minutos despois Alberto obrigaba noutro lanzamento directo a facer un paradón a Pombo cando xa se cantaba o gol. Tivo a sentenza o Camariñas nun balón solto na beira da área que Javi enviou ao traveseiro e o rexeite non foi aproveitado por Leo, que enviou alto. Apretou o Baio aínda máis nos minutos finais, e tivo dúas claras ocasións para empatar; na primeira un tiro de Canay é desviado por Pombo e o rexeite chégalle a MC, que lle pega como vén e o balón dá nun defensa e vaise a córner. E xa co tempo cumprido, MC busca o oco para lanzar desde a beira da área, e o seu disparo é sacado polo porteiro local, o rexeite dá en varias pernas atacantes e defensoras e sae milagrosamente pola liña de fondo. Foi a última xogada do partido.
En definitiva, os dous equipos poden estar satisfeitos co partido realizado, a pesar de que a sorte da vitoria só lles sorríu aos locais. Con este resultado manteñen esa disputa polo título de liga cos caioneses; mentres que o Baio perde un posto na clasificación en beneficio do Corme e achégaselle perigosamente un renovado Malpica coa chegada de David Baña. Pero aínda queda moita liga. Oxalá teñamos máis partidos coma este (e que nos toque gañalos).

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Mario (Valentín 89'), José Antonio (Rubio 78'), Yago (Ramón 45'), Eloy, Alberto (Martín 70'), MC, Javi Suárez, Canay.

14 ene 2012

RESULTADOS

Liga da Costa: CAMARIÑAS F. C. 1 - C. D. BAIO 0

Xuvenil: C.D. BAIO 8 - S. D. LAXE 0
     [Bieito (2), Martín (2), Pardo, Rubio, Cachopo, Maikel]

Cadete: C. F. PORTEÑO 1 - C. D. BAIO 9
                                [Santi (4), Christian (2), Estefan (2), Pablo]

Infantil: S. D. CORISTANCO 10 - C. D. BAIO 0

Alevín (FS): CONCELLO MALPICA 11 - C. D. BAIO 1

Benxamín (FS): CONCELLO MALPICA 1 - C. D. BAIO 2
* * *
Outros resultados:

LIGA DA COSTA: Club do Mar 3 - Castriz 1; Fisterra 2 - Mazaricos 0; Corme 2 - Corcubión 1; Malpica 3 - Nantón 2; Sofán 9 - O Pindo 0; Esteirana 1 - San Lorenzo 2; Zas 2 - Buño 1; Dumbría B 3 - Muros 3.

XUVENIL: Muxía 0 - Dumbría B 5; Cabana 2 - Camariñas 2; Ponteceso 4 - Coristanco 3; Zas 5 - Corme 1.

CADETE: Dumbría 0 - Santa Comba 0; Camariñas 3 - Malpica 4; Ponteceso 2 - Cee 8; Muxía 1 - Outes 1; Esteirana 3 - Cabana 4; Coristanco 0 - Soneira 2; Fisterra 2 - Muros 1.

Clasificacións actualizadas do fútbol base:

10 ene 2012

PARTIDOS DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
CAMARIÑAS F. C. - C. D. BAIO
Domingo 15 de xaneiro; 16:15 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: Fernando Rodríguez Rodríguez.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - S. D. LAXE
Sábado 14 de xaneiro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Luis Sobrado Carballeira.

CADETE (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. F. PORTEÑO - C. D. BAIO
Sábado 14 de xaneiro; 12:00 horas.
Saída de Baio ás 10:30 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: David Castreje Ferrío.

INFANTIL (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
S. D. CORISTANCO - C. D. BAIO
Sábado 14 de xaneiro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: A Rocheira (Coristanco).
Árbitro: Luis E. Pérez Fernández.

ALEVÍN / BENXAMÍN (FS - COSTA BERGANTIÑÁ)
CONCELLO DE MALPICA - C. D. BAIO
Sábado 14 de xaneiro; 10:00 horas e 10:45 horas.
Saída de Baio (Pavillón) ás 09:15 horas.
Campo: Pavillón de Malpica de Bergantiños.

9 ene 2012

CLASIFICACIÓNS E GOLEADORES

  • Clasificacións das categorías base nas que participa o C. D. BAIO (pica na imaxe para aumentar o tamaño):


  • Táboas de goleadores dos equipos do C. D. BAIO e da Liga da Costa (pica na imaxe para aumentar o tamaño):
  
  

NOVA VITORIA PARA PECHAR A 1ª VOLTA

C. D. BAIO 4 - S. C. D. BUÑO 0

Disputábase este domingo a xornada 17ª e última da primeira volta, e o Baio recibía a un Buño que colleitara importantes vitorias en campos importantes coma o do Camariñas ou Club do Mar. E demostrou o porqué deses triunfos pois púxolle as cousas moi complicadas ao Baio, e non mereceu nin moito menos levar para terras oleiras un marcador tan avultado.
Martín MC leva 14 goles
nos últimos 7 partidos.
Con todo, a primeira media hora foi de dominio completo dos baieses que acurralaron ao Buño no seu campo e non podía nin facer contras. Tivo varias ocasións o Baio neste inicio para sacar unha boa renda, xa no minuto dous o capitán Martín erraba unha clara oportunidade. O gol non tardaría en chegar; aos nove minutos, Canay inicia unha xogada polo centro e logo de irse de dous rivais cede para MC, que de tiro cruzado bate o meta oleiro. Poucos minutos despois Canay erraría a máis clara do partido ao rematar de cabeza só co porteiro batido e enviala contra o poste. Tamén puideron aumentar o marcador Javi Suárez nunha boa xogada persoal que lle sacou o porteiro co pé, e MC que fallou un man a man co meta ao botarlle mal o balón no momento do disparo. Parecía que o partido estaba controlado e decantado e só era cuestión de tempo que chegase o segundo, pero a partir da media hora de xogo o Buño veuse arriba e sacou perigosas contras que crearon temor nas filas locais, sobre todo unha internada de Víctor pola banda e o seu centro non puido ser aproveitado en varios lanzamentos dos xogadores oleiros.

Javi Suárez sumou un novo gol
ante o Buño. Van xa 13 tantos.

A segunda parte comezou co Buño indo claramente polo empate, cambiou por completo a decoración e nos primeiros vinte minutos da reanudación embotellou ao Baio no seu campo e ben puido lograr algún gol. O centro do campo baiés desapareceu e os visitantes chegaban con facilidade ás inmediacións da área de Manuel, a defensa multiplicábase para sacar os continuos balóns que chegaban aos seus dominios. Tivo que facer trocos Tono para parar esta avalancha, e a entrada do xuvenil Rubio polo renqueante Canay (fora dúbida ata última hora) e de Fermín por Alberto déronlle algo de aire aos baieses. O Buño non aproveitou a súa ocasión de sacar algo positivo do seu dominio e polo contra os locais conseguiron marcar o segundo, ao aproveitar Javi Suárez un balón solto na beira da área e logo de irse de dous defensas batía por baixo ao porteiro. A partir de aquí o partido acabouse, pois os visitantes baixaron un pouco os brazos e os locais colleron tranquilidade. E aproveitárona para lanzar perigosas contras ante o xa partido equipo oleiro. Nunha delas Martín rouba un balón no centro do campo, combina con Javi Suárez e este cédelle a MC que consegue o terceiro. Xa no desconto, bonita xogada de MC que en velocidade se vai dos defensas que lle saen ao paso, pero é derrubado ao entrar na área. O penalti foi convertido polo propio MC, que suma un hat-trick por segunda xornada consecutiva, e aumenta a sete os partidos seguidos marcando.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Mario, Iván (Fredi 88'), José Antonio, Yago, Alberto (Fermín 66'), Martín, MC, Javi Suárez (Valentín 81'), Canay (Rubio 61').

Goles: 1-0 MC (9'), 2-0 Javi Suárez (70'), 3-0 MC (79'), 4-0 MC (92' p.).

Canay leva 8 goles, e iso
que o seu son as 2ª voltas
Remata así o CD BAIO a primeira volta na cuarta posición da Liga da Costa con 32 puntos, a catro puntos do terceiro e con dous da vantaxe con respecto ao quinto. Agora mesmo esta posición aseguraría xogar a promoción de ascenso cos cuartos dos grupos de Santiago e Barbanza, subindo dous deles. Facendo resumo desta primeira volta, temos que dicir que houbo dúas partes ben distintas dentro delas; a primeira delas moi irregular, con bos partidos na maioría dos casos pero con resultados dispares, así tanto se gañaba en Sofán, se empataba en Fisterra e se lle gañaba comodamente ao Malpica como se perdía na casa con Corme ou Zas. Pero houbo unha segunda parte, que foron os últimos oito encontros disputados (contando o aprazado en Dumbría), no que o equipo se mostrou moi forte, sobre todo ofensivamente, e a proba está nos resultados, colleitando sete vitorias e un empate (22 de 24 puntos posibles), con 31 goles a favor e 6 en contra. A esta melloría contribuíu en boa maneira o estado de gracia no que se encontran os seus dianteiros; entre MC (con 16 goles) e Javi Suárez (con 13) suman máis que os totais de 10 equipos, e se lle sumamos os de Canay (8 goles), só catro equipos superan en goles ao tridente baiés. Cando un está de bo pé...
Agora comeza a segunda volta, e as próximas seis xornadas marcarán cales van ser as miras desta temporada para o Baio; o caprichoso calendario quixo que non enfrontemos deseguido cos equipos que encabezan a Liga da Costa.

7 ene 2012

RESULTADOS

Liga da Costa: C. D. BAIO 4 - S. C. D. BUÑO 0
                 [MC (3), Javi Suárez]

Xuvenil: CAMARIÑAS C. F. 2 - C. D. BAIO 2
                                              [Valentín, p.p.]

Infantil: FISTERRA S. D. 7 - C. D. BAIO 0
* * *
Outros resultados:

Liga da Costa: Club do Mar 3 - Nantón 0; Fisterra 5 - San Lorenzo 1; Camariñas 2 - O Pindo 0; Corme 3 - Castriz 1; Malpica 3 - Mazaricos 0; Esteirana 3 - Muros 1; Sofán 0 - Corcubión 0; Dumbría B 0 - Zas 0.

Xuvenil: Dumbría B 3 - Cabana 3; Malpica 3 - Ponteceso 0; Laxe 0 - Zas 8; Coristanco 8 - Muxía 1. [Malpica e Dumbría B xa están clasificados para a 2ª fase; Camariñas (35), Baio (31) e Ponteceso (29) loitan polas outras dúas prazas]

Cadete: Dumbría 3 - Soneira 0; Fisterra 1 - Cee 9; Porteño 0 - Santa Comba 2; Esteirana 6 - Muros 1; Coristanco 1 - Cabana 6; Malpica 6 - Zas 2; Muxía 2 - Camariñas 2; Ponteceso 2 - Outes 9.

Infantil: Cee 6 - Coristanco 0; E.M.F. Vimianzo 3 - Os Miúdos 0; Cabana 11 - Muxía 1; Esteirana 0 - Dumbría 5; C. Carnota 9 - As Baleas 0; Ponteceso 2 - Santa Comba 5.

6 ene 2012

FOTOS DA COPA COCA COLA

Aí van o resto das fotos do partido BAIO-RACING DE FERROL da Copa Coca Cola cedidas pola organización. Picar na foto para aumentar o tamaño.


 

 

 

 
 


4 ene 2012

COPA COCA COLA: DESTACADA ACTUACIÓN DO C. D. BAIO

RACING C. FERROL 3 - C. D. BAIO 0

A afección do Baio, ao fondo, apoiou na Coruña
Destacada actuación do equipo cadete do C. D. BAIO na Copa Coca Cola disputada nos campos da Torre na Coruña. Ao final foi o noso o único representante da Costa, pois o outro inscrito, o Outes, non se presentou a xogar no día de onte os seus partidos. Tras a vitoria na fase de liguilla de onte, hoxe tocaba enfrontarse ás eliminatorias para determinar que dous equipos van representar ás provincias da Coruña e Lugo na fase final a disputar en Bilbao. A sorte quixo que no enfrontamento de oitavos de final nos tocase o Racing de Ferrol, un dos equipos punteiros da División Nacional Cadete, que quedara exento de xogar no día anterior.
Santi marcou tres goles na Copa
A pesar da diferencia de categoría e de idade (eles eran cadetes de último ano, nos nosos había ata infantís), os baieses demostraron que no fútbol son once contra once, e a pesar dos nervios iniciais e de controlar as acometidas dun rival máis técnico e con unha velocidade de movementos, que por veces desbordaba aos nosos, sobre todo aos máis débiles fisicamente. Ao final do partido un 3-0, que deixa bo sabor de boca nos rapaces, que como ben dicían eles xa o celebraron onte por se acaso.
Da dificultade desta competición dan boa mostra os equipos clasificados para cuartos de final, a maioría deles de Liga Nacional: Montañeros, Deportivo, Victoria, Racing; ou de Liga Galega: Ural, Orillamar ou Portuarios; quedando eliminados equipos de Nacional como o Bergantiños, o Conxo ou o Lugo.
A defensa tivo traballo ante os rápidos xogadores racinguistas


E non o debeu facer tan mal o CD BAIO cando ao final o Racing de Ferrol foi, xunto co Deportivo da Coruña, un dos gañadores desta Copa Coca Cola 2011-12. Deixámosvos aquí os resultados das eliminatorias:
OITAVOS: Ural 2 -At. Fátima 0; Victoria B 0 - Montañeros 2; Ordes 1 - La Paz 1 (penaltis); Arzúa 0 - Deportivo 5; Conxo A 0 - Portuarios 1; Racing Ferrol 3 - CD BAIO 0; Bergantiños 0 - Victoria A 1; Orillamar 1 - Lugo 0.
CUARTOS: Ural 0 - Montañeros 3; La Paz 0 - Deportivo 3; Portuarios 0 - Racing Ferrol 2; Victoria 1 - Orillamar 0.
SEMIFINAIS: Montañeros 0 - Deportivo 1; Racing Ferrol 1 - Victoria 1 (Racing nos penaltis).