C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

19 dic 2014

O DOMINGO PARTIDO 1500 EN LIGA DO CD BAIO

CIFRA HISTÓRICA DO CLUB BAIÉS
Formación do primeiro partido de liga xogado polo CD Baio (12-4-64)

O domingo 21 de decembro de 2014 o CLUB DEPORTIVO BAIO vai disputar fronte ao C.D. Unión de Asados o seu partido número 1.500 desde que se federou na temporada 1963-64. Nesta súa 52ª temporada en competición sen interrupción, o club baiés estivo 9 temporadas na Rexional Preferente, 30 na Liga da Costa ou 2ª Rexional e disputa na actualidade a 13ª na 1ª Rexional.
Á parte dos 1500 partidos ligueiros xogou 188 encontros da Copa da Costa e outros 24 da Copa Galicia (competición que disputaban os clubs da Preferente cando non podían xogar as copas das súas zonas), o que daría un total de 1711 partidos oficiais.

Estatísticas dos 1499 partidos ligueiros disputados polo CD BAIO:

Total: PX: 1499 - PG: 569 - PE: 346 - PP: 584 - GF: 2394 - GC: 2514
Casa: PX: 749 - PG: 386 - PE: 157 - PP: 206 - GF: 1449 - GC: 1039
Fóra: PX: 750 - PG: 183 - PE: 189 - PP: 378 - GF: 945 - GC: 1465 

Por categorías os 1499 encontros repártense do seguinte xeito:

· Rexional Preferente: PX; 340 - PG: 110 - PE: 94 - PP: 136 - GF: 385 - GC: 455. 
· 1ª Rexional: PX: 433 - PG: 190 - PE: 116 - PP: 127 - GF: 738 - PP: 593 
· 2ª Rexional: PX: 726 - PG: 269 - PE: 136 - PP: 321 - GF: 1271 - GC: 1466

Dentro dos equipos costeiros o CD Baio é o que máis encontros ligueiros disputou, seguido moi de preto por Fisterra e Cee. Ata o momento o equipo baiés xogou os xa citados 1499 partidos, mentres que a SD Fisterra leva 1495, o UC Cee 1482, a SD Ponteceso 1295 e o Xallas CF 1294 como os cinco primeiros.
Sumando a competición ligueira e a Copa da Costa é tamén o CD Baio o primeiro, con 1687 encontros, seguido por UC Cee con 1681, SD Fisterra 1652, SD Ponteceso 1511 e Xallas CF 1463.


3 nov 2014

S.C.D. MALPICA 2 - C.D. BAIO 0

Segunda visita a terras bergantiñás e segunda derrota do CD Baio e novamente cun gol en propia meta que decantou o encontro. Tarde solleira en Malpica para a celebración deste derby, con regular afluencia de espectadores, a maior parte deles de Baio.
Dominio local na primeira parte con ocasións creadas a balón parado ou en saques de banda, que a altura dos xogadores malpicáns complicou a tarefa defensiva dos baieses. Nun deles o balón chegou a impactar no traveseiro. En tres minutos resolveuse o encontro, con dous goles dos locais. O primeiro deles froito do infortunio, xa que un saque de falta de Juanjo sen ningún tipo de perigo acabou impulsado por Mario na súa portería ante o asombro de Dani. Un centro lateral que foi despexado por Dani e aproveitado por Alemán para rematar de estraña volea que se coou lambendo o poste, foi a culminación dos minutos desgraciados. Tan só dúas ocasión tivo o Baio neste primeiro período, e as dúas dos carrileiros: José Antonio enviou alto coa zurda logo de recortar a Juanjo, e Costiña recolleu unha asistencia de MC pero Pombo enviaba a córner.
Na segunda metade o Baio foise arriba polo partido e mellorou algo o seu xogo, pero o Malpica pechado atrás apenas permitiu xogadas de perigo. A ocasión máis clara dos baieses veu dun saque de Dani, que Juanjo deixou pasar e raposeiro MC adiantouse a Pombo, pero o seu remate de cabeza foi sacado por Alemán antes de que entrase na portería. Pouco máis de consideración neste encontro, o peor ata o momento do Baio no que vai de temporada, o que lle custou perder o liderado en mans doutro equipo bergantiñán, a SD Sofán. A vindeira semana visita o Platas Reinoso un vello coñecido, o Agolada.

Aquí vos deixamos os enlaces ás crónicas do partido: Luis Porto e quepasanacosta e as fotos de Santi Soneira:







28 oct 2014

C.D. BAIO 3 - CORME C.F. 0

Tarde de domingo con moito sol e boa temperatura que resultou idónea para a celebración dun interesante partido entre o CD Baio e o Corme CF, actual campión da Liga da Costa. Moita expectación que trouxo ao Platas Reinoso a máis de 400 afeccionados, moitos deles procedentes da vila mariñeira. Este derby chegaba tras a derrota dos dous contendentes na pasada xornada, que truncaban a boa racha que os dous mantiñan, o que non impediu que os dous seguisen ocupando os postos altos da clasificación.
A primeira parte mantivo o respecto dos dous equipos, que trataban de crear perigo coas mesmas armas: o fútbol combinativo, pero non houbo moitas ocasións na primeira media hora. A primeira oportunidade chegou nas botas de Martin, que se atopou co pau nun lanzamento de falta (min.32); dous minutos despois foi outro clásico da Costa, o cormelán Alejandro o que puido abrir o marcador, pero o seu cabezazo tras lanzamento de córner saíu alto. Quen si o conseguiu foi Fachal (min. 37) que puxo o 1-0 ao aproveitar un pase de MC tras un saque de esquina.
A segunda metade trouxo un Corme máis incisivo na busca do empate e un Baio que se repregou un pouco para aproveitar a velocidade dos puntas nos contraataques. Lucas tivo a mellor oportunidade visitante (min.60) pero o seu lanzamento desde fóra da área fixo lucir a Dani. Foi o previo ao segundo gol baiés, que chegou dun erro do meta Suso que aproveitou Martín MC para batelo de fermosa vaselina (min.62). Puido marcar de novo MC no min. 70 pero non enganchou un pase extraordinario de Bieito. A última ocasión do Corme de meterse no partido estivo na cabeza de Pandi, que nun córner rematou alto. A resposta do Baio foi contundente e novamente a conexión Bieito-MC deu lugar ao 3-0 e á sentenza definitiva (min.79).

Aquí vos deixamos as fotos do partido de Santi Soneira:







20 oct 2014

S.D. SOFÁN 3 - C. D. BAIO 1

Grande ambiente no campo do Carral para a disputa do encontro entre a SD Sofán e o CD Baio, dous equipos costeiros desta 1ª Autonómica. E o partido fixo méritos a esa previa expectación e deparou un enfrontamento emocionante e disputado, moito máis do que reflicte o marcador final. 
O partido podíase resumir en dous lances: no minuto 12 o porteiro baiés Dani sae despexar o balón fóra da súa área e o esférico peta no defensa Yago e entra na meta visitante; un cuarto de hora despois o meta sofanista Bugy sae a despexar o balón fóra da súa área e o esférico peta nun defensa e o balón sae lambendo o pau da meta local. A mala sorte cebouse co equipo de Félix, que a pesar de que na primeira parte non tivo moita chegada á meta rival atopouse con dous goles en contra ao descanso, un o xa referido e o segundo co tempo xa case rematado. E por se foran poucas as desgrazas, aos cinco minutos da reanudación de novo un defensa visitante volvía introducir o balón na súa meta. Un penalti sobre Martín MC convertido por Alberto trouxo novas esperanzas e foron moitas as ocasións para os baieses, fundamentalmente nas botas de Martín, entre elas un balón ao pau, pero tamén Bieito e Alberto puideron marcar nestes minutos nos que o equipo baiés se foi descaradamente arriba e pechou os locais na súa área.
Con este resultado colleita o CD Baio a súa primeira derrota, pero segue mantendo o liderado pola vitoria do Piloño no campo do Cordeiro, segundo clasificado, equipo que ve como o Sofán os supera na táboa por mellor coeficiente goleador.

Aquí vos deixamos unhas fotos de Santi Soneira, das formacións iniciais dos dous equipos e dos xogadores formando co trío arbitral:





E aquí podedes ler as crónicas que ofrecen os medios distintos medios do partido:
www.sdsofan.com (inclúe máis fotos do partido)

13 oct 2014

SD FLAVIA 1 - CD BAIO 4

Na tarde do domingo vitoria do CD BAIO na súa visita ao Campo do Souto, en Padrón, para enfrontarse a un dos clásicos do fútbol galego, a SD Flavia. Triunfo contundente dos rapaces de Félix, que a teor do visto aínda se antolla curto polas facilidades defensivas dos padroneses e o bo xogo desenvolvido polos baiseses. O gol tempraneiro de Christian axudou en boa medida a poñer as cousas de cara, pero o Baio foi amo e señor do partido durante os noventa minutos, e só os locais creaban perigo en balóns parados, por acumulación de homes na área baiesa. Pola contra, Christian e Martín MC mareaban aos defensas locais, que non daban conta deles. Nunha magnífica xogada de MC chegou o 0-2; foise de cantos defensas lle saíron ao paso e deu o pase da morte, para que Brais marcase pola escuadra. Puxo o medo no corpo o longueirón Uxío, ao rematar unha falta lateral, pero antes do descanso o Baio ben puido poñer terra polo medio, con varias ocasións, a máis clara de MC ao pau.
O Flavia botouse adiante na segunda metade e o Baio matouno á contra. Nunha falta rápida sacada por Brais, Bieito bateu por baixo ao desesperado meta local, que vía como unha e outra vez o perigo roldaba a súa área. Yago ao rematar un córner botado por Brais puxo o que sería definitivo 1-4, pero ben puideron ser máis. A ocasión de Alberto, só diante do porteiro que enviou fóra, foi a máis clara.
Tres puntos de ouro ante un rival que contaba con estar arriba, e que nos permiten liderar unha semana máis a clasificación. A próxima saída ao Carral, diante dun Sofán que vén doído da súa derrota de Vimianzo.

Aquí vos deixamos parte do magnífico traballo de Santi Soneira, unhas fotos e os goles do partido:
Inicio do partido

Fachal botándolle sempre narices

Presión ao balón

Final do partido, os xogadores do Baio celébrano

30 sept 2014

BERTAMIRÁNS B 0 - CD BAIO 2

Aquí vos deixamos unhas fotos de Santi Soneira do partido do pasado domingo que enfrontou no Municipal amiense, cunha importante vitoria para os nosos xogadores, que nos permitiu acceder ao primeiro posto da clasificación.
Os dous equipos forman no centro do campo

Saúdo inicial dos contendentes

11 inicial do Bertamiráns B

O trío arbitral comandado por Miguel A. Vilas

Saída dos xogadores dos vestiarios

E aquí un enlace á noticia de QPC, no tamén poderás ver o vídeo dos goles feito tamén por Santi Soneira, e a de Piratas de Muxía

16 sept 2014

SD VILLESTRO 2 - CD BAIO 2

Aquí vos deixamos unhas fotos de Santi Soneira do partido disputado en Villestro o pasado domingo. Bo empate o colleitado polos baieses, tendo en conta as baixas coas que contábamos, ás que se xuntaron as lesións producidas no encontro e a rigorosa expulsión de Norberto por dobre cartón amarelo. Soubo reaccionar moi ben o Baio ao gol inicial local, e grazas aos goles de Brais e Saleta chegouse ao descanso con vantaxe no marcador. Logo da expulsión os baieses intentaron defender a súa renda, pero a cinco minutos do final o Villestro logrou o gol da igualada, que sería definitivo.


11 inicial do CD BAIO en Villestro

11 inicial do SD VILLESTRO 

O trío arbitral saúda ao capi baiés

Saída das dúas formacións ao campo


14 sept 2014

BAIO 1 AMIO 0

C.D. BAIO - AMIO S.D.

Aquí vos deixamos unhas fotos de Santi Soneira do partido inagural desta liga da 1ª Autonómica (Grupo 2º), na que o CD BAIO conseguiu impoñerse pola mínima ao Amio SD, con gol do xuvenil Pablo Costiña. Vitoria curta a teor do visto no Platas Reinoso, con numerosas ocasións de gol erradas polos xogadores baieses, pero que hai que dar por boa xa que o partido das festas sempre é "complicado".

As dúas formacións

11 inicial do CD BAIO

11 inicial do AMIO SD

O trío arbitral, comandado por Rubén Reborido.


CALENDARIO DA 1ª AUTONÓMICA (GRUPO 2º)

Aquí vos deixamos o calendario do CD BAIO nesta nova campaña na 1ª Autonómica, no seu grupo 2º (recorda picar se queres ampliar):








24 jul 2014

ÉXITO DO I MARATÓN DE FÚTBOL SALA DO C.D. BAIO

Os dous finalistas cos seus respectivos trofeos

A pasada fin de semana disputouse no Pavillón Polideportivo de Baio o "I Maratón de Fútbol Sala do C.D. Baio", con gran éxito de participación e de seguidores. Ao final foron 17 os equipos que se presentaron, chegados de moitas localidades da Costa da Morte e incluso de fóra dela.
Moitos equipos dun excelente nivel que fixeron que o torneo estivese moi igualado e que non houbese moita diferenza no marcador. Tras unha primeira fase de catro grupos celebrada durante o sábado e mañá do domingo, do que se clasificaron os dous primeiros de cada un deles, chegouse a uns competidos cuartos de final. Neles, Autos Pombo de Cabana desfíxose pola mínima dos ceenses de Gures, os da Cafetería JB de Malpica e os baieses do At. Osasuna empataban o partido, e tívose que recorrer a unha longa tanda de penaltis que foi favorable aos bergantiñáns. Os coruñeses de Desguaces Boado non tiña problemas para impoñerse aos carballeses de Dolce & Café; e o Baíñas desfacíase nos últimos minutos dun combativo Corme. As semifinais foron moi igualadas: os veteranos de Autos Pombo demostraron que pasaron os anos pero non a calidade e puxéronlle as cousas moi difíciles aos favoritos de Desguaces Boedo; tiveron que suar os de Baíñas para darlle a volta ao marcador fronte aos malpicáns da Cafetería JB, comandados por un gran Eloy (& brother). A pelexa polo terceiro posto decidiuse nos minutos finais a favor dos da Cafetería JB ante uns xa cansos Autos Pombo.
E chegou a gran final que resolveu pola vía rápida o conxunto coruñés de Desguaces Boado. Axiña puxo terra de por medio fronte a un superado Baíñas, que vía como os grandes favoritos sacaban todo o seu arsenal de xogo e sentenciaban axiña, para acabar goleando ante un Baíñas que ben puido marcar polo menos o gol da honra.
Aquí vos deixamos cos resultados e coas fotos do I Maratón, que esperemos que sexa o primeiro de moitos, visto o bo ambiente que había nas bancadas do Pavillón baiés.

PRIMEIRA FASE

GRUPO A
PUENTECESO - SÚPER CARMIÑA........7-4 
AUTOS POMBO - LE PETIT BAIO.........3-0
PUENTECESO - AUTOS POMBO............2-3
SÚPER CARMIÑA - CAFETERÍA JB......1-2
PUENTECESO - LE PETIT BAIO..............5-2
AUTOS POMBO - CAFETERÍA JB..........2-2
PUENTECESO - CAFETERÍA JB..............1-4
SÚPER CARMIÑA - LE PETIT BAIO......6-1
SÚPER CARMIÑA - AUTOS POMBO....0-3
LE PETIT BAIO - CAFETERÍA JB............0-3

GRUPO B
AMIGOS DE GUAU - GURES....................0-3
CARANTOÑA - AT. OSASUNA..............1-3
AMIGOS DE GUAU - CARANTOÑA......3-3
GURES - AT. OSASUNA............................2-4
AMIGOS DE GUAU - AT. OSASUNA.....2-9
GURES - CARANTOÑA.............................2-2

GRUPO C
CORME - E. S. CABREIRAS....................4-1
VILAR - DOLCE & CAFÉ.........................3-5
CORME - VILAR........................................2-1
E. S. CABREIRAS - DOLCE & CAFÉ.....1-3
CORME - DOLCE & CAFÉ.......................1-1
E. S. CABREIRAS - VILAR......................0-0

GRUPO D
DESGUACES BOADO - 4 AMIGOS.......5-3
BAÍÑAS - ASUCRE..................................4-1
DESGUACES BOADO - BAÍÑAS..........3-3
4 AMIGOS - ASUCRE..............................3-1
DESGUACES BOADO - ASUCRE.........3-0
4 AMIGOS - BAÍÑAS..............................1-4

CUARTOS DE FINAL
AUTOS POMBO - GURES...............................1-0
DOLCE & CAFÉ - DESGUACES BOADO.....1-5
AT. OSASUNA - CAFETERÍA JB..................0-0 (pen.: 4-5)
BAÍÑAS - CORME............................................2-0

SEMIFINAIS
AUTOS POMBO - DESGUACES BOADO.....1-2
CAFETERÍA JB - BAÍÑAS...............................1-2

3º/4º POSTO
AUTOS POMBO - CAFETERÍA JB.................1-2

FINAL
DESGUACES BOADO - BAÍÑAS...................5-0

Desguaces Boado, equipo campión

Baíñas, subcampións

Chegado de fóra das nosas fronteiras: Club At. Osasuna

Entrega do 1ª Premio

Entrega do 2º Premio




Entrega do 4º Premio
Entrega do 3º Premio

6 jun 2014

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA E FESTA NA CARBALLEIRA


COPA DA COSTA (CUARTOS DE FINAL - VOLTA)
C. D. BAIO - S. D. CASTRIZ
Domingo 8 de xuño; 11:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Miguel Souto Mínguez.
Asistentes: Eduardo Rodríguez Penas / Francisco Pertierra Martínez.

ALEVÍN/BENXAMÍN (FÚTBOL 8 - COSTA NORTE)
MUXÍA C. F. - C. D. BAIO
Sábado 7 de xuño; 11:00 h / 12:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).