C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 ene 2013

CLASIFICACIÓNS E GOLEADORES

Aquí van as clasificacións das categorías XUVENIL, CADETE e INFANTIL nas que participa o CD BAIO:
 E aquí as táboas de goleadores da Liga da Costa e do CD BAIO. Na primeira Martín MC colleu máis vantaxe sobre Kike grazas ao seu hat-trick, pero amentou a súa distancia con Anxo na clasificación dos goleadores do Baio, pois o infantil meteu cinco goles esta semana.

28 ene 2013

O BAIO-MUROS (BY SANTI DÍAZ)

Xa temos aquí unha selección das mellores fotos que Santi Díaz sacou do partido Baio-Muros deste domingo:





























SET E PARTIDO



Despois dun día desapracible que fixo que non se congregase tanta xente como é habitual no Platas Reinoso, o tempo deu unha tregua para que se xogase o partido entre o CD BAIO e o Muros SD na tarde deste domingo. Aínda que comezou chovendo, conforme ían caendo os goles tamén se foi abrindo o ceo. Porque a pesar que chegaba o Muros en horas baixas, había moito respecto por este equipo que sempre deu que facer, pero na tarde dominical demostrouse que este ano hai unha gran diferenza entre un e outro conxunto. Tan só un bache que mostrou o Baio antes e despois do descanso, que foi aproveitado polo Muros para marcar, puxeron algo de emoción ao choque. Polo demais o Baio xogou un bo partido, sobre todo a primeira media hora.
Minuto de silencio na honra de Veloso [Foto: S. Díaz]
Comezou o partido gardando un minuto de silencio polo socio nº 1 e fundador do CD BAIO, Manolo Veloso, e non se levaban disputados dous minutos cando chegou o primeiro gol, ao aproveitar Martín un balón na frontal da área, que de forte volea introduciu na meta de Fabio. Sen case tempo para reacionar, un pase de Alberto en profundidade para Martín MC deixouno só ante o porteiro rival e non desaproveitou a ocasión para poñer o segundo no marcador. Tivo o dianteiro baiés outras dúas para aumentar a súa conta goleadora na primeira parte, pero fóronselle fóra. Si aproveitaría a súa ocasión Eloy Vilas, que logo dunha xogada combinativa tamén se presentou ante Fabio e bateuno na súa saída. Tres goles de diferenza e o Muros sen dar mostras de perigo, tan só un centro-chut desde a banda dereita que petou na parte superior do traveseiro de Anxo. Cando a primeira parte esmorecía, chegou unha falta na frontal dá área baiesa que converteu coa súa mestría habitual Mayuyo superando a barreira. 
Iniciouse o segundo tempo co Muros intentando meterse no partido, pero os baieses controlaban o partido. Pero un córner a favor do Baio converteuse logo dunha sucesión de erros, nunha contra mortal que aproveitou Mayuyo de novo para poñer emoción no partido. Pouco lles durou a alegría aos muradáns, pois tres minutos despois Martín MC volvía poñer as cousas no seu sitio cun novo gol. Aínda que houbo tímidos intentos dos visitantes, non chegaron con perigo á área local, pois a defensa baiesa non se deixou sorprender máis. Ben ordenados atrás, o Baio buscaba agora as contras por medio dos seus dianteiros, e atoparía recompensa Alberto ao aproveitar un erro no despexe da defensa muradá para bater por baixo a Fabio na súa saída. E mesmo Martín MC tería tempo de conseguir o seu hat-trick para poñer máis distancia na táboa de goleadores.
Martín MC encarando a Fabio [S. Díaz]
Bo partido, en definitiva dos baieses, que os mantén na loita polos primeiros postos, nos que ninguén afrouxa e mantéñense as tres primeiras posicións como na pasada xornada. Agora teñen os baieses un dobre desprazamento a terras muradás, o vindeiro domingo a Louro e despois a Esteiro. Dous difíciles encontros, pois lembremos que o Monte Louro foi o único que conseguiu gañar no Platas ata o de agora, e o seu campo sempre é complicado, e máis agora que acaban de poñerlle fin a unha racha moi negativa.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guillermo 87'), José Antonio, Chema (Fachal 79'), Mario, Pablo (Fredi 56'), Norberto, Martín (Jorge 86'), Eloy Vilas, Rubio (Christian 71'), Alberto, Martín MC.

Goles: 1-0 Martín (1'), 2-0 Martín MC (8'), 3-0 Eloy Vilas (34'), 3-1 Mayuyo (44'), 3-2 Mayuyo (48'), 4-2 Martín MC (51'), 5-2 Alberto (76'), 6-2 Martín MC (80').

XUVENÍS: S. D. LAXE 1 - C. D. BAIO 3

Na tarde do sábado iniciouse por fin a liguiña previa á fase final da Copa da Costa logo da suspensión do partido da primeira xornada polo temporal. E fíxoo, como era de esperar, con vitoria dos baieses que se impuxeron ao Laxe nun cómodo partido, que só se puxo emocionante logo do gol local. Non tivo moita historia o partido, salvo unha serie de xogadas de mérito por parte baiesa que, a pesar de todo, non conseguían converter en gol. Tivo que ser un autogol do ex-xogador baiés Diego o que inaugurase o marcador, iso si, logo dunha boa combinación pola banda dereita. Outra fermosa xogada de David deixoulle o gol feito a Lucas, pero o porteiro local quitoulle o balón da escuadra. Tivo outra clara ocasión Lucas, antes de chegarlle a fortuna de converter o seu gol, que tanto se lle resisitiu. Parecía xa sentenciado o partido, pero acto seguido, outro ex-xogador baiés, Adrián, aproveitou un erro de marcaxe na defensa baiesa para bater a Guillermo e poñer algo de emoción no encontro. Intentárono os locais antes de chegar ao descanso, pero finalizou a primeira parte con ese marcador.
A segunda parte foi de total control por parte baiesa, e máis logo de que David aproveitase unha boa xogada de Christian para bater a Sergio. A partir de aquí unha sucesión de ocasións para os baieses, pero que non lograron converter, a máis clara a do porteiro-dianteiro Álex, que enviou á escuadra da portería local. 

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Oreiro 61'), Xoel, Kevin, Pablo, Fachal, David (Álex 66'), Anxo, Lucas, Hío (Carlos 53'), Christian.

CADETES: C. D. BAIO 1 - MUXÍA C. F. 3

Mal partido dos cadetes, que seguen na súa mala racha e parece que non levantan cabeza. E cando as cousas van mal, todo se torce. Non ían dez segundos de partido e os muxiáns xa conseguiron marcar. Con todo, o Baio conseguiu empatar antes do descanso por medio de Javi Lema. Pero na segunda parte non melloraron as cousas e dous novos goles dos muxiáns fixeron que outros tres puntos voasen do Platas Reinoso.

Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Cristian, Andrea (Alfonso 48'), Miguel, Javi Muíño, Fran, Pedro, Estefan, José Antonio, Javi Lema, José Figueiras (Ayoub 55').

INFANTÍS: S. D. SOFÁN 2 - C. D. BAIO 9

Cómoda vitoria dos rapaces de Pastoriza no partido disputado no Anexo das Eiroas, ante un rival que está pagando a presenza de moitos alevíns nas súas filas. Dos nove goles dos baieses, cinco foron anotados polo seu pichichi Anxo. Os outros foron obra de Santi, Sergio e dous do alevín Pablo Queiro.



23 ene 2013

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - MUROS S. D.
Domingo 27 de xaneiro; 16:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Carlos Martínez Rodríguez.

XUVENIL (COPA DA COSTA - FASE PREVIA)
S. D. LAXE - C. D. BAIO
Sábado 26 de xaneiro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: Cabo de Area (Laxe).
Árbitro: Carlos Martínez Rodríguez.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - MUXÍA C. F.
Sábado 26 de xaneiro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Bernardo Domínguez Manteiga.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
S. D. SOFÁN - C. D. BAIO
Sábado 26 de xaneiro; 16:30 horas.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: As Eiroas (Bértoa-Carballo).
Árbitro: Luis Emilio Pérez Fernández.

ALEVÍN/PREBENXAMÍN (COSTA BERGANTIÑÁ)
CONCELLO MALPICA - C. D. BAIO
Venres 25 de xaneiro; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 17:15 horas.
Pavillón Municipal de Malpica.

ALEVÍN/BENXAMÍN/PREBENXAMÍN (COSTA BERGANTIÑÁ)
CONCELLO CABANA - C. D. BAIO
Sábado 26 de xaneiro; 10:00 horas.
Saída de Baio ás 09:15 horas.
Pavillón Municipal de Cabana.

XUVENÍS: RESUMO DA LIGA

O equipo xuvenil do CD BAIO rematou a súa competición na Liga da Costa (1ª Autonómica - Grupo 4º) sen conseguir clasificarse para a segunda fase da liga, tendo que disputar agora a fase previa da Copa da Costa. Ao final rematou na cuarta posición do seu grupo (lembremos que é a mesma clasificación que o ano pasado, pero este ano só se clasificaban tres), pero lonxe das tres primeiras prazas, a pesar de estivo boa parte da temporada loitando por ocupar unha delas, e incluso chegou a ocupar a segunda posición. Pero os enfrontamentos directos demostraron a potencia dos tres de arriba, pois os baieses perderon nos dous partidos fronte a Malpica e Cabana, e só puideron empatar un co líder Ponteceso. Xa desde as primeiras xornadas se viu como había moita diferenza entre estes catro equipos e o resto, e ao igual que no Grupo 3º, a loita por entrar entre os tres primeiros foi o que lle deu emoción á liga.
O Baio xogou un total de 18 partidos, gañando 11, empatou 2 e perdeu 5; marcou só 39 goles e recibiu 27 para un total de 35 puntos. Unha das claves de non poder sacarlle Emilio maior rendemento a este equipo pode estar na escaseza de xogadores, tan só había 16 fichas de xuvenís, que axiña quedaron en 15, aos que lle hai que unir a presenza fixa do cadete Santi Díaz, e a incorporación temporal dalgún xogador da categoría inferior. Outra clave é a xuventude deste plantel, pois só tres eran de último ano, o que se notou nos partidos máis trascendentais. Con todo fixeron boa temporada e agora toca seguir loitando pola Copa, para a cal conta Emilio con varias baixas máis, así que esperemos que os que quedan se comprometan para facer un bo papel. 
Analizamos a continuación a actuación de cada un deles:
 
Emilio fixo boa tempada
1- GUILLERMO: Porteiro titular durante toda a liga a excepción de un partido, no que xogou uns minutos como defensa. Cumpriu con solvencia en todos os partidos, coas paradas de reflexos aos que nos ten afeitos. Foi convocado cos maiores e xogou algún minuto con eles. Cos xuvenís xogou 1533 minutos e encaixou 23 goles.
2- HÍO: Bastante irregular no seu primeiro ano como xuvenil, alternou a titularidade coa suplencia, intervindo nun total de 14 partidos. Xogou 526 minutos sen conseguir marcar.
3- MARCOS: Bravo lateral que o dá todo no campo, pero unha sanción de catro partidos e un lesión cortou a súa participación no medio da temporada. Con todo, estivo en 11 partidos xogando 492 minutos.
4- PABLO: No seu primeiro ano como xuvenil cumpriu na súa tarefa defensiva, tanto central como lateral. Botáronse en falta algún gol máis como nos tiña acostumados en cadetes. Só deixou de xogar un partido por sanción, xogou 1481 minutos e marcou un gol.
5- DAVID: Chamado a ser este ano o xefe da defensa alternou bos partidos con outros menos bos. Alternou o centro da defensa co medio do campo e, como Pablo, tamén escasearon os seus goles. Participou en 16 partidos e xogou 1286 minutos, marcando un gol.
Fachal, o motor do equipo
6- FACHAL: O auténtico líder deste equipo e dos máis destacados durante a temporada. As súas ausencias notounas moito o equipo. Foi convocado moitas veces cos maiores, o que provocou que disputase menos minutos cos xuvenís. Con todo, participou en 16 encontros, xogando 1306 minutos, con dous goles anotados.
8- KEVIN: Outro que debutaba cos xuvenís, e tivo unha difícil adaptación á nova categoría. Aínda así acabou collendo sitio no equipo, xogando tanto de central como medio defensivo. Participou en todos os partidos, xogando 1239 minutos.
9- CACHOPO: Esperábase máis deste xuvenil de último ano, no que os estudos fixeron que non puidese adestrar con normalidade. Foi o comodín de Emilio xogando en varias posicións do campo. Participou en 17 partidos, nos que xogou 1132 minutos. Unha vez rematada a liga decidiu colgar as botas.
10- CHRISTIAN: No seu primeiro ano como xuvenil, as lesións impedíronlle empezar o ano en condicións, o que notou moito o equipo. Arrancou neste último tramo e volveu demostrar a súa perigosidade. Convocado en numerosas ocasións co primeiro equipo, fixo que deixase de xogar cos xuvenís. Participou só en 14 encontros, diputando un total de 1013 minutos, nos que marcou 11 goles.
11- CARLOS: A fichaxe deste mediapunta procendente do Cabana, tardou en incorporarse ao ritmo de xogo dos seus compañeiros, pero pouco a pouco foise facendo un oco no equipo. Participou en 16 partidos, nos que xogou 831 minutos, sen conseguir marcar. 
Xoel, o que máis xogou. Foto: S. Diaz
14- XOEL: Non lle tivo medo este bravo defensa á nova categoría e demostrou o seu habitual pundonor, sendo o único do equipo que foi titular nos 18 encontros. Xogou, como central ou como lateral, un total de 1575 minutos, o primeiro do equipo.
15- IVÁN: Volvía o defensa de Coristanco logo dun ano sabático, pero axiña tiña que abandonar o equipo por motivos educativo-laborais. Tan só participou ao comezo de liga en catro partidos, disputando 87 minutos.
19- LUCAS: Despois da magnífica temporada que fixera o ano anterior, esperábase moito del, pero durante moitos tramos da temporada estivo estancado. Como a clase non a perdeu, deslumbrou noutros, e esperemos que vaia para arriba no que queda de temporada. Aínda así, foi o terceiro que máis minutos xogou (1496) e o terceiro máximo goleador (5 goles), participando en todos os encontros.
Santi foi o pichichi [Foto: S. Soneira]
20- SANTI DÍAZ: Aínda en idade cadete, converteuse nunha das figuras do equipo e durante boa parte da temporada na única referencia goleadora. Despois de facer a pretemporada co Deportivo cadete, completou unha gran liga, o que non pasou desapercibido para outros clubs. Acaba de comprometerse co Dumbría para xogar a Liga Galega Cadete. Participou en 17 encontros, nos que xogou 1286 minutos, sendo o pichichi do equipo con 17 goles.
21- ANXO: As lesións impedíronlle a Anxo render como el quería, e non tivo un bo arranque de temporada con continuas recaídas. Parece que na segunda volta volveu coller sensacións de gran futbolista. Participou en 14 partidos, xogando 948 minutos, e marcou un gol.
22- ALBERTO: Tras pasar case desapercibido a temporada pasada, destapouse Alberto como un gran lateral esquerdo, e estaba completando unha gran temporada, sendo un dos máis destacados do equipo ata que o infortunio quixo que rompese a clavícula no partido de Muxía, e causase baixa no que quedaba de temporada. Xogou 10 partidos, todos de titular, nos que xogou 806 minutos.
25- POLLO: Foi a gran decepción da temporada, pois logo de dúas grandes temporadas como xuvenil neste seu último ano aparcou un pouco o fútbol por causa dos estudos. Xogou tantos minutos como dianteiro como de porteiro. Participou en 12 encontros, nove deles como dianteiro, xogando un total de 269 minutos. Como porteiro só foi titular nun partido, encaixando catro goles. Tamén colgou as botas acabada a liga.
CADETES: Participaron co conxunto xuvenil de forma esporádica varios xogadores de categoría cadete: Pedro (6 partidos, 162 minutos), Miguel (2 partidos, 110 minutos), Javi Lema (3 partidos, 77 minutos, 1 gol) e Javi Oreiro (2 partidos, 70 minutos).

GOLEADORES DA LIGA DA COSTA E CD BAIO

Esta semana non poñemos as clasificacións das categorías base do CD BAIO debido á suspensión dos seus partidos, ao igual que moitos das ligas costeiras. Si traemos as clasificacións de goleadores, que aínda que na das distintas categorías do CD BAIO apenas houbo cambios, si os houbo na da Liga da Costa, destacando o ascenso de Juan Chans (Corme) á terceira posición logo do seu hat-trick do domingo.



22 ene 2013

AS FOTOS DE MAZARICOS (BY SANTI SONEIRA)

Aquí vos deixamos coa reportaxe fotográfica que fixo Santi Soneira do partido Mazaricos-Baio, que completan as dúas fotos do xa mítico gol olímpico de Pablo que aparecen na crónica do partido: