C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 oct 2016

PREVIA DO CORME CF- CD BAIO

A ELIMINATORIA Nº 100 DO CD BAIO NA COPA DA COSTA

A Historia

COPA DA COSTA

P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
CD BAIO
198
082
048
068
396
325
CORME CF
115
038
027
050
162
189

A 54ª Edición da Copa da Costa empeza o vindeiro martes 1 de novembro e faino con 32 equipos en liza, que esperan chegar ata a final que se vai disputar o 25 de xuño. No sorteo realizado en Baio o pasado luns, ao club baiés correspondeulle principiar ante o Corme CF. Os dous son clubs que xa saben o que é gañar este trofeo, pois levantaron cadansúa Copa da Costa. O Baio foi na temporada 1982-83 e o Corme na 1998-99; os baieses chegaron tamén á final nas campañas 83-84, 03-04 e 04-05, mentres que os cormeláns perderon a da tempada 14-15.
Esta será a 47ª vez que participe o Baio nesta competición (moitos dos anos nos que estivo en Preferente non puido facelo) e para o Corme será a súa 33ª presenza (renunciou tres veces cando militaba na 1ª Rexional). No caso baiés, tan só o Ponteceso (48 veces) participou en máis edicións copeiras, e por número de partidos o Baio leva disputados 198, co que ocupa a 3ª posición por detrás de Ponteceso e Cee, os auténticos reis da Copa. Pola súa parte, o Corme leva xogados 115 encontros, que o converten no 19º equipo por número de partidos disputados desta competición.

A eliminatoria 100 do CD Baio na Copa da Costa

Esta vai ser a eliminatoria número 100 do CD Baio na Copa da Costa; das 99 anteriores superou un total de 54. O Cee e o Carnota, con sete, son os rivais aos que máis veces se enfrontou, seguido de Ponteceso, con 6, e Xallas e Soneira, con 5. Presenta números negativos no seu enfrontamento co Cee, ao que só superou dúas veces das sete, ou co Laxe, ao que non lle gañou nas tres veces que coincidiron, incluída unha final; mentres que polo lado contrario, o Corcubión foi superado nas catro veces que se enfrontaron. Estas 99 eliminatorias depararon a disputa de 198 partidos, dos que gañou 82, empatou 48 e perdeu 68; e 41 foron os seus rivais nesas confrontacións.
Pola súa parte o Corme CF vai disputar a súa eliminatoria número 62, gañando 29 das 61 ata o momento disputadas. Destaca como rival seu nese torneo o Coristanco, co que coincidiu en seis ocasións (con igualdade de vitorias), para despois ser un grupo de novo equipos os que se enfrontaron a el en tres oportunidades. No lado positivo, están as eliminatorias con At. Milagrosa e Esteirana, sempre favorables, mentres que o Dumbría impúxose nas tres veces que cadraron. As 61 eliminatorias tan só depararon 115 partidos, pois en máis dunha ocasión a eliminatoria resolveuse por non presentarse o rival á volta, por ser a partido único ou por cometer aliñación indebida no paritido de ida.

O enfrontamento entre o CD Baio e o Corme CF vaise dar por terceira vez na historia da competición copeira, con vitoria baiesa nas dúas anteriores. Pero diso xa choveu.
Crónica de La Voz do partido
de ida no Platas Reinoso
A primeira vez que se enfrontaron foi na 21ª Edición da Copa da Costa, na temporada 1983-84, nos oitavos de final desta competición. O partido de ida xogouse no Balsiño o 24 de xuño e gañou o Baio por 4-1, e a volta en Corme, o 1 de xullo, tamén tivo vitoria baiesa por 2-3. Nesta edición o Baio chegaría á final, que perdeu na prórroga co Laxe logo de incrible remontada laxense.
Crónica do partido de volta (6-6-90)
A segunda, e de momento última, foi na 27ª Edición, pertencente á temporada 1989-90, e coma na anterior, tamén se xogaban os oitavos de final. E igualmente, o partido de ida xogouse en Baio, pero non foi un encontro calquera, senón que foi o primeiro partido oficial que se xogou no campo Platas Reinoso. Tivo lugar o 27 de maio, e o Baio impúxose por 2-0, con goles de Marcos e de Javier, polo que o primeiro deles ten a honra de marcar o primeiro gol nese campo. Na volta no Cairo, o 3 de xuño, produciuse un empate (1-1), co que o Baio avanzaba aos cuartos (onde quedaría eliminado polo Ponteceso).
Polo tanto, dos catro partidos disputados o Baio gañou tres e empatou un, con dez goles a favor e catro en contra. En terras cormelanas o estatística sinala unha vitoria baiesa e un empate.

Enfrontamentos Totais Copa
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
04
03
01
00
10
04
Xogados en Corme
02
01
01
00
04
03

O CD Baio estreando o Platas Reinoso ante o Corme CF
O partido do martes

Chega o partido cos dous equipos encaramados no máis alto da Liga da Costa, empatados a puntos logo de nove xornadas, pero co Corme por diante por mellor diferenza de goles. A maiores temos que dicir que os cormeláns mantéñense invictos no campionato ligueiro, pois só perdeu puntos mercede a tres empates, colleitando a vitoria nos demais encontros. O poder do cadro dirixido por Lente, está na facilidade goleadora dos seus homes atacantes, pois conseguiron marcar 30 goles nestas 9 xornadas, pero tamén están recibindo poucos goles, tan só 8, o que o converten no segundo menos goleado da liga, por detrás do Mazaricos.
O Corme CF apenas presenta cambios sobre o que competiu na 1ª Autonómica a temporada pasada. Mantén o mesmo cadro de xogadores, coa única baixa subliñable de Juan Chans, que foi contrarrestada coa fichaxe de Uru (Malpica); aínda que tamén hai que falar da total recuperación do seu goleador Alejo, aqueixado de problemas físicos o ano anterior, que apenas o deixaron participar. Un cambio tamén se produciu no banco, ao que volve Lente despois dun "ano sabático", e parece que se nota a súa man, pois o equipo volveu ser tan competitivo como hai dous anos, coa súa boa campaña na 1ª Autonómica e na Copa da Costa, e o título da Liga da Costa a temporada anterior.

O Baio preséntase ilusionado a este partido, acumulando moitas baixas por lesións, pero como se demostra na liga, iso non é obvice para que o rendemento do equipo siga sendo alto. Agardemos ver un bo partido entre dous equipos que gustan do fútbol ofensivo, como adoitan ser os encontros entres eles dos últimos anos.

COPA DA COSTA (16º DE FINAL IDA)
CORME C.F. - C.D. BAIO
Martes 1 de novembro, 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14.15 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Felipe Gómez Otero.

PETANDO NAS PORTAS DE SAN PEDRO

S.D. CASTRIZ 1 - C.D. BAIO 2

Pouco máis de cen persoas (a metade delas baiesas) se deron cita no campo de San Pedro para ver unha nova vitoria do CD Baio nesta temporada na Liga da Costa. Partido de moito control e poucas ocasións, sobre todo na primeira parte, na que foron escasos os achegamentos con perigo á meta rival. 
Peke acompañado dos xogadores convocados, o míster e o delegado
Non houbo no primeiro período moito que contar en canto a xogadas de gol, mais o control do balón e do partido estaba nas mans do Baio, mentres o Castriz limitábase a agardar ordenado atrás na busca do erro do rival para facer algunha contra. Pero o erro non chegou e o Castriz só inquietou a meta de Recarey logo dun rexeite da defensa nun lanzamento de córner; o balón caéulle a Pablo que lanzou sen aparente perigo pero o balón desviouno un defensa e foi petar na parte superior do traveseiro (min.14). O Baio intentábao por bandas, sobre todo coas incorporacións de Pedro pola esquerda, pero faltaba o último pase para que a xogada tivese verdadeiro perigo. Nunha desas incorporacións, Pedro preséntase na área e o seu lanzamento é desviado por Herrera pero cáelle o balón nas botas a Javi Suárez, que só ten que empurralo á rede (min.31). Pouco máis que salientar deste primeiro tempo, polo que se chegou ao descanso coa vitoria mínima para os visitantes.
Nada máis iniciarse o segundo período, puido o Baio sentenciar pero Santi Díaz non atinou a marcar no seu man a man ante Herrera, que sacou moi ben cos pés (min.46). A decoración non cambiaba, co Baio controlando e o Castriz agardando, aínda que nos primeiros minutos os xalleiros intentaron presionar un pouco máis arriba, con escaso éxito. Cómodo como estaban os baieses tampouco se prodigaban moito pola área contraria, pois os ataques adoecían de claridade no pase definitivo. A falta dun cuarto de hora, o Baio parecía sentenciar o choque, cando Moreno desde a liña de tres cuartos mete con rosca un balón á cabeza de Martín MC, que bate a Herrera para poñer o 0-2 (min. 75). O Castriz baixou os brazos e parecía sentenciado o partido, pero nun córner o balón é despexado por Recarey de puño e chégalle na frontal a Pablo Landeira que engancha unha volea que se coa pola escuadra (min.83). Apertou o equipo xalleiro a raíz do gol e veuse arriba, mentres ao Baio entroulle o medo no corpo ao ver que podían empatar un partido que cría gañado. Con todo, a única ocasión destes minutos finais estivo nas botas de Brais, que vendo o porteiro Herrera adiantado, enviou un bonito lanzamento desde uns 35 metros que bateu no pau, co gardameta xa batido (min.87).
Traballada e xusta vitoria do Baio no sempre difícil campo de San Pedro, que refrenda o traballo destes xogadores que a pesar das continuas baixas por lesión deste comezo de temporada, seguen a mostrar un gran nivel competitivo. Os dezaseis que foron hoxe convocados quixeron darlle o seu ánimo a Peke, presente no partido, que a pasada semana sufría un importante accidente laboral, e cunhas camisolas alusivas fixeron a foto de rigor. A vindeira semana renderá visita o Monte Louro ao Platas Reinoso, pero no medio está a Copa da Costa, que celebra o martes a súa estrea, no caso do Baio vai ser en Corme.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

XUVENIL: SP. ZAS 5 - C.D. BAIO 0
O equipo xuvenil estreou equipación patrocinada por GASTHOF

E de santo a santo, o sábado en San Andrés chegaba o noso derbiño e facíao cunha clara e contundente vitoria local que deixou moi tocados aos xogadores baieses, que vían como cada chegada do seu rival se convertía en gol, mais tampouco se viu unha reacción en ataque para meterse no partido en ningún momento. Agardemos que se tratase dun lunar nesta recuperación que parecía ter o equipo nas dúas últimas semanas e para a semana endeireitar de novo o rumbo. Capacidade para facelo teñen, agora fai falta a voluntade. A próxima semana principia a segunda volta, e toca visita a Sofán.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte

28 oct 2016

PREVIA DO SD CASTRIZ-CD BAIO E DO NOSO DERBIÑO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1786
686
415
685
2916
2975
TOTAL LIGAS
1564
595
360
609
2487
2613
LIGA DA COSTA
802
313
155
334
1455
1540


A última visita a Castriz do Baio foi na 12-13 [Foto: S. Díaz]
Este vindeiro domingo o CD Baio vai desprazarse a terras xalleiras para enfrontarse á SD Castriz. Un club este que se fundou en 1992, polo que celebra na actual a súa 25ª temporada, o que o coloca entre os clubs costeiros no posto 30º, tanto en número de campañas en activo como en partidos xogados. Das 25, unha delas foi na 1ª Rexional provincial, 2 na 3ª Rexional e as outras 22 na Liga da Costa (é o 21º club en temporadas disputadas nesta competición, e o 20º por partidos xogados). O seu maior éxito veu co título da Liga da Costa na temporada 1999-2000 e o seu ascenso á 1ª Rexional; na Copa da Costa tivo boas actuacións, chegando a disputar dúas finais: na 05-06 co Sp. Zas e na 10-11 co Soneira. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

S.D. CASTRIZ
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
721
364
138
269
1261
1049
LIGA DA COSTA
645
325
131
239
1092
927

Desas 25 temporadas que leva competindo o Castriz, a actual é a décima vez que coincide no mesmo grupo co CD Baio. Das 9 anteriores, 8 foran na Liga da Costa e a outra na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento data do 7 de novembro de 1993, no Platas Reinoso, con vitoria baiesa (4-0); mentres que o primeiro partido en terras xalleiras foi o 13 de febreiro de 1994, tamén con triunfo do Baio (1-3). Terían que pasar uns anos ata a seguinte vez que se encontraron, e foi na 1ª Rexional, con vitoria baiesa nos dous encontros polo mesmo resultado (3-1). Ata o descenso do Baio desa categoría non houbo máis enfrontamentos, que deron sete temporadas seguidas. Nas catro primeiras o Castriz gañou no seu campo, pero nas tres últimas o Baio conseguiu puntuar (dúas vitorias e un empate). A última visita a San Pedro foi na 12-13, e rematou cun claro 1-3, con goles de Jorge (2) e Norberto.
As estatísticas globais son favorables ao Baio, aínda que estas pasaron por varias épocas, pois se nos primeiros enfrontamentos o balance era claramente aos baieses, os xalleiros conseguiron igualalo nas catro temporadas seguintes, para torcerse de novo a favor do Baio nas tres últimas. En canto aos partidos xogados en Castriz, o mesmo se podería dicir, con estatísticas favorables aos baieses ao principio, remontada dos xalleiros e logo dos últimos encontros chegaron a unha igualdade case absoluta.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
18
10
02
06
29
20
Xogados en Castriz
09
04
01
04
16
15

O partido do domingo
11 do Castriz no último partido en San Pedro [FB Ponteceso]

Preséntase o Castriz esta temporada case completamente renovado con respecto á temporada pasada, pois perdeu a maior parte dos seus homes, algúns de renome na Costa, caso de Álex Flores, David Agra, Uru ou Capelo, que se foron para clubs de superior categoría. Do plantel que o ano pasado quedou na 7ª posición na Liga da Costa, só continúan seis homes: Álex, Gerpe, Martín, Mata, Miguel e Pastoriza. O ex-xogador e ex-adestrador baiés, José Manuel Mata, segue esta temporada á fronte do equipo, do que se fixo cargo nas últimas xornadas da anterior. Como é lóxico incorporou un bo número de xogadores, ata completar os 19 que conforman actualmente o plantel. Algúns viñeron do seu equipo xuvenil ou do xuvenil do Sp. Zas, outros estaban sen xogar e da Liga da Costa ficharon en Carnota (Nakata e Raúl) e en Coristanco (Herrera).
Esta renovación non fixo que o equipo sufrise nas primeiras xornadas para acoplarse, senón todo o contrario, pois o Castriz sorprendeu a propios e a estraños ao encaramarse no alto da clasificación logo de gañar os tres primeiros partidos, empatar o cuarto e gañar novamente o quinto. Un punto nas últimas tres xornadas fixo que descendese ata a 6ª praza, pero a tiro de pedra da cabeza. No seu campo conseguiu vencer a Corcubión, Cerqueda e Baíñas, mentres que perdeu co Ponteceso (1-2) no seu último encontro en San Pedro. Fóra da casa conseguiu golear na Ponte do Porto, saíu goleado de Berdillo, e foi quen de empatar sen goles en Laxe e en Malpica a semana pasada. Leva 15 goles a favor e 9 en contra, sendo Pablo Landeira o seu máximo goleador con 4, seguido de Adrián con 3, e Mata e Kevin con 2. Ata oito xogadores son practicamente fixos nas aliñacións de Mata, con Herrera xogando máis que David Gerpe na portería, Carlos, Álex, Adrián, Steven, Nakata, Pastoriza e Raúl parecen de momento indiscutibles. Para os outros tres postos túrnanse Rubén, Marcos, Martín, Mata e arriba Pablo Landeira e Kevin; Matías e Luis son trocos case seguros en todos os partidos.
A seguridade defensiva do Castriz (dos nove goles, catro foron en Berdillo), contrasta co poder ofensivo do Baio, autor de 23 goles. O equipo baiés conseguiu ademais deixar a súa porta a cero no partido da semana pasada co Buño, algo que só sucedera nunha ocasión nesta liga. Agardemos que a liña defensiva siga demostrando o seu nivel, e que os atacantes estean atinados para traer unha vitoria do perigoso campo de San Pedro.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
S.D. CASTRIZ – C.D. BAIO
Domingo 30 de outubro; 17:00 h.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: San Pedro (Xallas de Castriz).
Árbitro: Diego Cedeira Méndez.


XUVENIL: SP. ZAS – C.D. BAIO

Chega o noso derbiño na última xornada da primeira volta, e faino logo das boas sensacións que deixou o equipo xuvenil baiés a semana pasada ante o Coristanco. Asentado na sexta praza da clasificación visita o Baio ao Sporting Zas, que figura no sétimo posto, con seis puntos colleitados en dúas vitorias ante Laxe e Sofán, e que vén de perder nas tres últimas xornadas, a última delas en Corme (5-1). O equipo zasense leva marcados case o dobre de goles que o baiés, un total de 19, sendo Álvaro e Andrés, con 5, e Dani, con 3, os seus máximos realizadores. Pola contra leva encaixados un total de 35, o que o converte no segundo máis goleado do grupo.
Con todo, faría moi ben o equipo baiés en non confiarse das estatísticas, pois xa quedou demostrado no trofeo do Concello as dificultades para gañarlle ao equipo local. Coa actitude mostrada nas últimas datas seguro que os rapaces de Roberto van disputar o partido coas ganas que deben.

XUVENIL (1ª Autonómica – Grupo 3º)
SP. ZAS – C.D. BAIO
Sábado 29 de outubro; 19:00 horas
Saída de Baio ás 17:45 horas.
Campo: San Andrés (Zas).
Árbitro: Pedro Rodríguez Penas.


24 oct 2016

MÁIS VALE TARDE...

C.D. BAIO 4 - BUÑO S.C.D. 0

Moreno, un dos destacados
Con tres cuartos de hora de atraso comezou o partido pola confusión do colexiado no horario do partido, que fixo que os máis de 200 espectadores que se achegaron ao Platas Reinoso pasasen o tempo chuvioso na cantina, ata que fixo acto de presenza o árbitro, que foi recibido con grande ovación.

Comezou o partido cos equipos medio durmidos pola espera e apenas houbo ocasións nos primeiros minutos, aínda que Javi Suárez puido adiantar ao Baio logo dun remate mordido que sacou un defensa baixo paus (min.8). No minuto 27 Álex tivo a mellor e única ocasión do partido para o Buño, pero o seu remate ante Julián foise alta. Esta oportunidade parece que espertou aos locais, que nos seguintes minutos comezaron a enfiar ocasións de gol, que incriblemente non se converteron. A primeira veu dun remate de Porto á saída dun córner, que sacou Toni (min.29); logo Javi Suárez non aproveitaba no segundo pau un centro pola esquerda e mandaba o balón alto (min.35). Cinco minutos despois Martín MC controla no centro da área e só ante Toni remata ás mans do porteiro; e xa co tempo cumprido nunha xogada de estratexia de novo MC preséntase ante Toni, pero o seu remate vaise fóra.
2º hat-trick de MC
esta temporada
Comezou a segunda parte e aí Martín MC non perdoou na primeira que tivo, e o seu remate escorado convertíase no 1-0 (min.47).Un gran pase de Martín poñía a MC en clara vantaxe para marcar, pero o seu disparo cruzado vaise fóra. Outro dos goleadores do equipo local, Santi Díaz, fixo a xogada do partido pero tras un eslalon desde o centro do campo sorteando rivais, o seu remate é desviado por Toni (min.71). O propio Santi tivo o gol un minuto despois pero o seu remate vaise a rentes do pau da portería visitante. Foi o preludio á sentenza do partido, co gol de Martín MC (min.74), que rematou colocando o balón no segundo pau tras unha boa xogada por banda de Javi Suárez. Sería o propio Javi Suárez (min.77) o que puxese o 3-0 logo de marcar de vaselina ante a saída de Toni. No minuto 89 Martín MC aproveita un roubo de balón para irse en velocidade e completar o seu hat-trick, e xa no desconto Javi Suárez puido redondear a goleada pero o seu remate foise fóra.
Ánimo Peke!!!
En defiintiva, partido cómodo para o CD Baio ante un Buño que apenas creou perigo ante Julián, e que tan só a ineficacia amosada na primeira parte por parte da dianteira local lle deu algo de emoción a un encontro que estivo sempre nas botas da dupla de centrocampistas Martín-Moreno. Un triunfo que, non podía ser doutra maneira, foi dedicado a Peke, que o sábado sufriu un importante accidente laboral que o vai ter lonxe dos terreos de xogo unha boa temporada.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa
Táboa de Goleadores

XUVENIL: C.D. BAIO 2 - CORISTANCO S.D. 2

Tarde do sábado con boa temperatura que fixo que se achegasen numerosos espectadores ao Platas Reinoso, moitos deles desde Coristanco, en virtude da boa marcha do equipo visitante. Presentábase invicto o equipo bergantiñán, que marchou do campo baiés cun empate, pero que ben puido ser peor se os locais estivesen máis atinados ante a porta rival. De feito, o Baio dominou boa parte do encontro con boas ocasións de gol, aínda que iso si escasas, pero foi o Coristanco o que golpeou primeiro e por partida dobre ao aproveitar dous contragolpes. Non se veu abaixo o equipo de Roberto Lozano, como lle tiña pasado outras veces, e conseguiu reducir distancias antes do descanso por medio de Luis. E aínda puido igualar o encontro antes de ir aos vestiarios, pero chegouse ao descanso coa vitoria parcial para os visitantes.
Na segunda metade o Baio foise arriba polo empate e este chegaría tras unha magnífica incorporación por banda de Iago e o seu centro é rematado en boca de gol por Sergio. Estivo máis cerca o terceiro para os locais que para os visitantes, aínda que estes tamén creaban perigo nas contras, pero fíxoselles longo o partido e deron por bo o punto. Dúas oportunidades finais do Baio puideron deixar os tres puntos na casa, pero o importante foron as sensacións de recuperación que deu o equipo, que fan que aumenten as súas expectativas para os vindeiros encontros.

Ficha do partido da FGF
Clasificación do Grupo Norte
Táboa de Goleadores

21 oct 2016

PREVIA DO CD BAIO-BUÑO SCD

A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1785
685
415
685
2912
2975
TOTAL LIGAS
1563
594
360
609
2483
2613
LIGA DA COSTA
801
312
155
334
1451
1540

Foto da última visita do Buño ao Platas Reinoso
Reproducimos arriba as estatísticas xa definitivas e cotexadas do CD Baio despois de atopar graves erros nunha clasificación -da Preferente- tirada da prensa. E ofrecémolos antes de recibir a un dos clásicos do fútbol costeiro, o Buño SCD, que aínda que non disputou a primeira Liga da Costa si que xa participou na primeira Copa da Costa. A partir de aquí participou noutras 45 temporadas, non todas consecutivas, pois deixou de xogar entre as campañas 71-72 á 74-75 e entre as 88-89 e 91-92. É, xa que logo, o 8º club en número de temporadas disputadas (empatado co Corcubión), pero é 13º en número total de partidos xogados. Desas 45 ligas, 11 foron na 3ª Rexional/Autonómica, e as outras 34 foron na Liga da Costa, o que o sitúa no 4º posto (tanto en temporadas como en partidos xogados) entre os clubs que disputaron esta competición, por detrás de Carnota, Ponteceso e Xallas. Os seus maiores éxitos acadounos nos seus primeiros anos de vida, e así conserva nas súas vitrinas dúas Ligas da Costa (68-69 e 78-79) e unha da 3ª Autonómica (09-10), e dúas Copas da Costa (67-68 e 69-70), perdendo outras dúas finais (64-65 e 77-78). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

BUÑO S.C.D.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1140
469
234
435
2090
1939
LIGA DA COSTA
870
329
179
362
1507
1596

Esta é a 22ª temporada na que os dous clubs comparten grupo, todas elas na Liga da Costa, desde que o 30 de maio de 1965 se enfrontaron por vez primeira no Balsiño, con vitoria local (2-0). Os seus enfrontamentos tiveron importantes paróns, como as nove temporadas entre 82-83 e a 92-93 ou as doce entre as 93-94 e a 06-07, polos anos desaparecido do equipo oleiro ou pola presenza do Baio en categorías superiores. As estatísticas globais presentan unha igualdade entre os partidos gañados e perdidos, pero non así no número de goles, pois na historia do CD Baio figura o partido en Buño da temporada 68-69 como a súa maior derrota (13-1), e os oleiros aínda tiveron máis que dicirlle ao pobre Pepe de Agosto por marcar o gol baiés (de forte lanzamento desde campo propio), pois o Buño estábase xogando a Liga co Muxía e cada gol podía ser decisivo.
Os números en campo baiés xa son máis favorables, como é normal, ao equipo local, aínda que tampouco son moi superiores. Abonde dicir que das súas últimas cinco visitas (as celebradas neste século), o equipo oleiro puntuou en tres delas (dúas vitorias e un empate). O seu último enfrontamento en Baio, na campaña 12-13, acabou coa sorprendente vitoria visitante por 2-3. O Baio tomaría o desquite na segunda volta e gañaría en Xaviña (0-1), na que foi a última vez que coincidiron.

Enfrontamentos Totais
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
42
17
07
18
70
96
Xogados en Baio
21
11
02
08
47
40

O partido do domingo

O Buño preséntase medianamente renovado con respecto á temporada pasada, no que quizais a súa principal figura é o seu adestrador Mauro García, ex-xogador de Compostela e Celta na 1ª División, e que dirixe o club oleiro desde mediada a campaña pasada. No plantel continúan clásicos xogadores oleiros, como o porteiro Toni, ou os Emilio, Richard, Miguel Dourado e os irmáns Calvete, logo de que Jorge retornase desde o Baíñas. Non estará o seu histórico goleador, Víctor Vilar, retirado ao final da temporada pasada despois de tres lustros marcando goles para o Buño.
11 do Buño no Pinguel hai quince días [Foto:FB Ponteceso]
O equipo base está formado por Toni, Miguel Dourado, Aitor, Canedo, Eloy, Emilio, Richard, Adrián Rama, Dani Calvete, Jorge Calvete e Martín, aínda que tamén xogan bastantes minutos Jordan, Fran, Mario, Eloy Añón ou Álex.
Ocupa actualmente o 11º posto, con 9 puntos, colleitados en tres vitorias (na casa fronte a Laxe e San Lorenzo e fóra fronte ao Baíñas), mentres que perdeu os outro catro (na casa con Porteño e Malpica, e fóra con Cerqueda e Ponteceso). As súas estatísticas mostran que perdeu os dous primeiros, gañou os tres seguintes e volveu caer nos dous últimos, aínda que estes foron pola mínima e nos últimos minutos, e ademais en encontros de máxima rivalidade ante Ponteceso e Malpica. O equipo oleiro marcou 11 goles e recibiu 12, sendo Martín o seu máximo realizador con 4, seguido de Richard e Dani Calvete con 2.
Curiosamente o Baio recibiu máis goles en contra a pesar da súa mellor clasificación, dato negativo que contrastra co seu poder realizador, a pesar das baixas nas últimas semanas de Javi Suárez e Christian. A recuperación do "killer de Quintáns" pode dar novas perspectivas ao ataque baiés para impoñerse este domingo no Platas Reinoso a un perigoso Buño.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – BUÑO S.C.D.
Domingo 23 de outubro; 16:30 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Alejandro Gesto Moral.


XUVENIL: C.D. BAIO – CORISTANCO S.D.

Penúltima xornada da primeira volta, e nela o Baio Xuvenil recibe a un dos galiños do grupo, o Coristanco. O equipo pataqueiro leva unha boa traxectoria, refrendada en bos resultados como o acadado a semana pasada ante o perigoso Corme (4-0). Mantense invicto na segunda posición, pois só permitiu dous empates, e destaca polo seu poder realizador, con 31 goles en 7 partidos (o seu dianteiro Diego leva 12 tantos), o que contrasta cos datos do Baio, que con tan só 8 goles é o menos efectivo de cara a gol do grupo. Un Baio parece que mellorou en actitude e xogo a pasada xornada en Ponteceso, e seguindo nesa liña han de chegar os resultados. Esperemos que sexa xa nesta xornada ante o Coristanco.

XUVENIL (1ª Autonómica – Grupo 3º)
C.D. BAIO – CORISTANCO S.D.
Sábado 22 de outubro; 16:30 horas
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Noé Giráldez Teixeira.