C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

30 ene 2017

VITORIA NO PINGUEL NO NOSO PARTIDO 1800

PONTECESO SD 0 - CD BAIO 1

Formación baiesa no Pinguel [FB Ponteceso]
Celebraba o CD Baio o partido 1800 da súa historia, contabilizando todos os seus encontros oficiais, e conseguía a que é a súa vitoria 695. Máis de 200 persoas no campo do Pinguel, con maioría baiesa, para ver un igualado encontro entre o Ponteceso e o Baio, dous dos equipos históricos da Costa e punteiros nesta edición da Liga da Costa. Tarde nubosa con lixeiros orballos que non trouxo un gran fútbol pero si emoción polo resultado ata o asubío final. O Ponteceso viña dunha xeira impresionante de resultados e recibía a un Baio con resultados irregulares nas últimas xornadas.
Comezou o partido cos dous equipos respectándose moito, intentando non cometer erros que penalizasen o seu traballo. E así discorreu practicamente todo o primeiro tempo, con moito centrocampismo e pouco achegamento ás áreas, mantendo sempre a posición e buscando aos dianteiros máis en balóns longos que en combinacións perigosas nas que se puidese perder o balón. Do primeiro período tan só poderiamos mencionar un lanzamento desde a frontal de Recarey (min.18) que sacou perfectamente Diego a córner.
Once do Baio no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
A segunda parte iniciouse con algo máis de mordente e froito diso foi unha combinación que rematou nun pase en profundidade no que tiñan vantaxe defensa e porteiro, pero moi listo Brais cruzouse entre eles e levouse o balón, derrubando a continuación Xurxo ao hoxe dianteiro baiés na súa saída. Do penalti encargouse de lanzalo o propio Brais, pero Xurxo adiviñaba o disparo, pero o rexeite chegáballe a Martín MC, que tras controlar marcaba o 0-1 (min.49). Catro minutos despois puido chegar a sentenza baiesa e a igualada pontecesana na mesma xogada: no ataque visitante Rubio intérnase na área, pero o seu tiro deteno de xeito espectacular Xurxo; o propio porteiro saca a contra e Charro vaise en velocidade da defensa baiesa pero cando se presenta ante Diego envía fóra. Apertou o Ponteceso nestes minutos, e nunha xogada de estratexia, Charro supera ao seu par e o seu centro non o aproveita Mara no segundo pau, enviando o balón por riba do traveseiro. Pero o Baio pasou a controlar de novo o partido, impedindo as chegadas dos locais, que só se producían a través de balóns longos ou parados. Puido sentenciar Martín MC cunha fermosa vaselina, pero esta foise fóra lambendo o pau (min.80), e tamén Moreno lanzou centrado ás mans do porteiro un disparo desde a frontal despois dunha gran xogada por banda de Javi Suárez (min.84). O Ponteceso quería pero non podía ante a contundencia na defensa baiesa, e o resultado non se viu en perigo nestes minutos finais, a pesar de que a vantaxe do resultado era mínima.
Once do Ponteceso [Foto: FB Ponteceso+
Esta vitoria dálles aos rapaces de Pedro unha importante motivación despois dos reveses das últimas semanas, e supón unha consolidación dun proxecto que a pesar das continuas lesións (onte no caso de Luis) non impide competir ao máximo nivel. Agora aproxímanse dous partidos como locatarios ante Malpica e Mazaricos para seguir demostrando o que vai dar de si este equipo.



COPA DA COSTA XUVENIL: CAMARIÑAS FC 0 - CD BAIO 2


Principiaba o equipo xuvenil do CD Baio a Copa da Costa co desprazamento a Camariñas para enfrontarse a un cadro local que puxo as cousas difíciles nun primeiro tempo, no que a igualdade presidiu o encontro. Parece que no segundo tempo o Baio impuxo o seu potencial, e tras o gol de Sergio (min.70) foi amo e señor do partido. Cinco minutos despois, sentenciou Regueira para poñer un 0-2, que puideron ampliar nalgunha contra. Con todo, bo resultado para os rapaces de Fredi, que teñen que adquirir nesta liguiña boas sensacións para facer un bo torneo copeiro e optar ao máximo, pois calidade sóbralles para iso.

28 ene 2017

PREVIA DO PONTECESO SD-CD BAIO

O PARTIDO 1800 DA HISTORIA DO CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1799
694
419
686
2950
2991
TOTAL LIGAS
1575
602
363
610
2513
2624
LIGA DA COSTA
813
320
158
335
1481
1551

Baio-Ponteceso, nesta temporada

A visita ao campo do Pinguel supón para o CD Baio o seu partido 1800 en competición oficial, contando os distintos campionatos ligueiros e os copeiros. Como podedes apreciar no cadro de arriba o balance de vitorias/derrotas é lixeiramente favorable, mentres que o de goles se vai igualando aos poucos. Medio cento de tantos quedan para chegar ao gol 3000 (lembremos que hai pouco celebramos o 2500 en competición ligueira).
Diante teremos ao Ponteceso SD, un dos clubs históricos da Costa, membro fundador desta Liga e un dos que posúe un mellor palmarés. É o cuarto club costeiro en canto a temporadas disputadas e partidos xogados, por detrás de Baio, Cee e Fisterra; mais se falamos só da Liga da Costa pasa xa ao segundo posto neses dous conceptos, aínda que lonxe do líder Carnota. E é que o Ponteceso nas 50 temporadas que participou na Costa (disputou outras dúas na Liga de Arteixo), estivo 9 campañas na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, 4 na 3ª Rexional e as outras 37 na Liga da Costa. No seu palmarés figuran 5 ligas da Costa (67-68, 69-70, 97-98, 08-09 e 10-11) e outra máis da 3ª Rexional (04-05), e son 4 as Copas da Costa que gañou (71-72, 81-82, 99-00 e 07-08), perdendo na final noutras seis ocasións (68-69, 70-71, 89-90, 96-97, 98-99 e 08-09), o que significa que é o club que máis veces chegou á final copeira. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

PONTECESO S.D.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1365
590
298
477
2514
2241
LIGA DA COSTA
945
440
197
308
1871
1532

Esta temporada é a 29ª que coinciden no mesmo grupo o Ponteceso e o Baio, 26 delas na Liga da Costa e tres na 1ª Rexional/Autonómica. Como fundadores os dous da Liga da Costa, o seu primeiro enfrontamento tivo lugar na campaña inaugural. Foi o 19 de abril de 1964 no Balsiño, con vitoria baiesa por 3-0; e o primeiro co Ponteceso como local foi o 7 de xuño de 1964, no campo do Frade, e volveu gañar o Baio (1-2). Con todo, foi un espellismo, pois nas seguintes temporadas o habitual era que o Ponteceso se impuxese nos dous encontros. Será na década dos oitenta e noventa cando o Baio vai colleitando máis vitorias que o seu rival, para igualarse no novo século. Resulta curioso, pero nas 28 temporadas anteriores, excepto en 3 ocasións, nunca se repartiron as vitorias, isto é, se un gañaba na primeira volta tiña case seguro que na segunda ía gañar de novo, ou polo menos empatar.
Con todo, as estatísticas son bastante favorables ao Ponteceso a nivel xeral, e moito máis nos partidos disputados no seu campo, pois o Baio só gañou alí no 25% das veces.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
57
19
08
30
95
121
Xogados en Ponteceso
28
07
04
17
43
67

O Ponteceso a semana pasada en Malpica
O partido do domingo
O Ponteceso preséntase na actualidade na 4ª posición, logo de 6 partidos seguidos gañando. Sumou 22 puntos dos últimos 24 en xogo, o que o converten no mellor equipo da Costa neste período. Iso fixo que se achegase de maneira rápida aos postos altos, recortando sete puntos con respecto ao Baio nos últimos catro partidos, co que se encontra a tres puntos de distancia. Entre estas vitorias cabe sinalar enfrontamentos en Berdillo ou Malpica e na casa co Mazaricos, o que dá boa mostra de que o seu potencial subiu expoñencial desde o inicio da temporada. Só sufriu catro derrotas no que vai de liga, e tres delas ocorreron ao comezo do campionato (xornadas 3, 4 e 5 ante Baio, Esteirana e Camariñas, respectivamente), mentres que a outra veu na xornada 11, en Corme. Dos nove partidos xogados como local, venceu en 7, empatou un e perdeu outro (estes nas xornadas 2 e 4). Isto significa que nos últimos 14 partidos gañou 11, empatou 2 e perdeu 1. Suma un total de 39 goles, mentres que encaixou 26 (destes, 15 foron obra de Camariñas, Baio e Corme). Os seus goles están moi repartidos, pois ata 14 xogadores lograron marcar polo menos un gol, sendo Charro, con 6; Baba, Mara e Nando, con 5, e Matías, con 4, os máximos goleadores.
No que vai de temporada Barca utilizou unha vintena de xogadores sénior e tamén algún xuvenil. Tres xogadores son practicamente indiscutibles nas súas aliñacións, pois Charli, Matías e Nando case o xogaron todo, tamén Cotelo conta con moitos minutos, ao igual que Mendieta, Dieguito e Charro. Recarey é fixo cando as súas obrigas non o impiden e Brais na porteria xogou bastante máis que Xurxo. Puente, Baba, Mara, Dani Cotelo, Yago ou Juanma tamén contan con moitos minutos disputados, e algo menos os irmáns Youssef e Ismail ou Gurita. Xa que logo, un bo plantel que lle poñerá moitos problemas ao Baio neste enfrontamento sempre atractivo.


SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
PONTECESO S.D. - C.D. BAIO
Domingo 29 de xaneiro; 17:00 h.
Saída de Baio ás 15:30 horas.
Campo: O Pinguel (Ponteceso).
Árbitro: Diego Seoane Sánchez.


XUVENIL: COPA DA COSTA

Principia esta semana a fase de grupos da Copa da Costa Xuvenil, que se compón de tres grupos de catro equipos cada un. Destes grupos clasificaranse os tres primeiros de cada un, e o mellor cuarto dos tres grupos. Sumarán así os 10 equipos que se van sumar aos seis que están disputando a segunda fase da Liga e así chegar aos oitavos de final.
O Baio quedou encadrado no grupo 2, xunto con Camariñas, Laxe e Sofán, todos eles rivais no torneo ligueiro, e a quen lles venceu nos dous partidos, polo que deberán demostrar agora a súa capacidade para desenvolver unha boa Copa e mostrar o seu nivel competitivo. O primeiro encontro é este sábado no campo Hermanas Patiño ante un Camariñas que acaba de perder ao seu goleador Brandon hai unhas semanas, fichado polo Calasanz de División de Honor. No partido ligueiro os baieses impuxéranse polo espectacular marcador de 4-7, nun día de moito temporal e non só en forma de goles. Agardemos que vexamos un espectáculo similar.

COPA DA COSTA XUVENIL (GRUPO 2º)
CAMARIÑAS F.C. - C.D. BAIO
Sábado 28 de xaneiro; 16:30 h.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: Hermanas Patiño (Camariñas).
Árbitro: Luis M. Insua Lago.


26 ene 2017

GOLEADORES HISTÓRICOS DO CD BAIO



Este pasado domingo antes de principiar o encontro da Liga da Costa, facíamoslle entrega a Martín dun recordo por conseguir no partido disputado en Corme o gol número 2500 do CD Baio nos distintos campionatos ligueiros nos que este club participou. Podemos velo nas dúas fotos de Santi Soneira, coa entrega por parte do delegado baiés Manuel Espasandín, e despois coa súa filla Begoña.

A colación disto, traemos aquí os goleadores históricos do CD Baio nas 54 temporadas que leva disputadas, facendo unha distinción entre os goleadores en partidos de liga (nas tres divisións nas que estivo: Preferente, 1ª Rexional/Autonómica e 2ª Rexional/Autonómica/Liga da Costa), e os goleadores totais, é dicir, incluíndo ademais dos partidos ligueiros os encontros oficiais da Copa da Costa e da Copa Galicia.
Como podedes apreciar, descoñecemos o dato do gol número 500 en campionato ligueiro, pois en ningunha das crónicas periodísticas que lemos do partido no que se marcou, un Baio-Porteño, se especifican os goleadores do encontro. Con respecto aos demais, atopamos aquí destacados xogadores que foron emblemáticos na historia do club, e algún como Martín aínda o segue sendo.

25 ene 2017

A COSTA DE XANEIRO

C.D. BAIO 1 - S.D. SAN LORENZO 3


Diego foi a figura do partido
Tarde de domingo boa para xogar ao fútbol, e con moita xente nas bancadas, case 300 persoas, disputouse o partido entre o CD Baio e o SD San Lorenzo. Dous conxuntos que apostan polo fútbol combinativo e que o puxeron en xogo no Platas Reinoso. Dous tempos diferenciados, cun San Lorenzo que ao final levou un triunfo merecido, aínda non o conseguiu cando máis o mereceu.
A primeira parte principiou cos dous equipos tanteándose antes de que de repente chegase o primeiro gol, froito dun balón bombeado por Mario á área rival e a defensa berdillesa non consegue despexar e, moi hábil, Javi Suárez gaña a posición e bate a Javi para poñer o 1-0 (min.5). Aquí empezou a coller o mando o San Lorenzo, e na súa primeira ocasión conseguía poñer o empate no marcador, ao aproveitar Juni, libre de marca, un balón solto na frontal da área (min.15). Desde este momento os visitantes foron amos e señores do partido, e puideron sentencialo, con claras ocasións que erraban ante Diego. No min. 27 é Parafita o que remata forte pegado ao pau, pero a estirada de Diego envía o balón a córner. Nunha contra rápida levada por Parafita, que mete o pase da morte cara a Fuentefría, pero o seu lanzamento é sacado de novo por Diego en felina intervención (min. 28). E seis minutos despois era de novo Fuentefría, desta vez de cabeza, o que vía como Diego lle sacaba un balón de gol. Perdoou o San Lorenzo ante a brillante actuación do porteiro baiés e con empate chegouse ao descanso.
O segundo tempo iniciouse cun cambio de ritmo dos dous equipos, pois o Baio deu un paso adiante, e o San Lorenzo parecía botarse atrás para confiar no contragolpe a súa sorte. E co balón nos seus pés en campo contrario o Baio foi creando perigo, aínda que non estaban finos os dianteiros e perderon moitos balóns claros nos controis dentro da área. Unha primeira ocasión clara veu dun lanzamento desde fóra da área de Martín MC, que saíu rozando a escuadra (min.58), e cinco minutos despois chegou a máis clara, nunha contra similar á berdillesa da primeira parte, con Javi Suárez de lanzador dunha contra, e o seu pase da morte para Martín MC é desaproveitado por este ao rematar e chegar Samu para tapar o lanzamento. Cando máis o buscaba o Baio, dúas xogadas a balón parado a favor dos berdilleses modificaron o devir do partido. Na primeira un córner despexado pola defensa baiesa, chégalle a Juni na frontal, que sen oposición remata e o balón vaise lambendo o poste (min.69). E na segunda, un novo córner e mesma xogada, balón despexada pola defensa que lle cae a un berdillés na frontal, pero o seu lanzamento resulta mordido e vai cara a Parafita que engancha unha preciosa chilena que é despexada en fenomenal intervención por Diego, pero o seu rexeite quédalle franco a Fuentefría, que cabecea pracidamente á rede (min.74). A partir de aquí o Baio intentou o empate con máis corazón que cabeza, cun San Lorenzo pertrechado atrás, e cun Diego Varela en punta loitando os balóns que lle chegaban. Nun deles presentouse na área, e tras driblar a Mario, bateu por baixo a Diego e sentenciaba o encontro (min.87).
Foi esta a primeira derrota no Platas Reinoso desta temporada, e a terceira da temporada, que fan que o Corme se escape a cinco puntos, e que por detrás cheguen perigosamente Mazaricos e Ponteceso, xa a tiro de pedra do Baio. E a vindeira semana, dobre enfrontamento entre os catro primeiros, coa visita do Corme ao Pino de Val, e do Baio a Ponteceso. Xornada importante para o devir da competición.


21 ene 2017

PREVIA DO CD BAIO-SD SAN LORENZO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1798
694
419
685
2949
2988
TOTAL LIGAS
1574
602
363
609
2512
2621
LIGA DA COSTA
812
320
158
334
1480
1548


A SD San Lorenzo de Berdillo fundouse en 1979, principiando a súa participación na Liga da Costa na temporada 79-80, sendo o 6º club do concello de Carballo que participaba nesta competición, tras Poniente, Bergantiños, Dep. Carballo, Sp. Bértoa e Xuventude de Bergantiños. Ese mesmo ano creárase tamén o veciño SD Sofán. Desde a súa fundación leva 38 temporadas participando de xeito ininterrompido, o que o coloca no posto 15º (empatado con Laxe e Lira) entre os clubs costeiros, mais baixa un posto se nos atemos ao número de partidos xogados.
Nesas campañas estivo 4 temporadas na 1ª Rexional Provincial, 5 na 3ª Rexional e as outras 29 na Liga da Costa, dato que o coloca na 7ª posición nesta categoría (empatado con Fisterra e Malpica), mentres que se miramos os partidos disputados na Liga da Costa sobe ao 5º posto. O seu único título é unha Liga da 3ª Rexional (93-94), e foi finalista da Copa da Costa en dúas ocasións (94-95 contra Camariñas, e 95-96 contra Lira). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

S.D. SAN LORENZO
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1090
421
250
419
1834
1801
LIGA DA COSTA
852
342
188
322
1460
1379

Esta temporada é a 14ª que coinciden no mesmo grupo o San Lorenzo e o Baio, 12 delas na Liga da Costa e dúas na 1ª Rexional. O seu primeiro enfrontamento tivo lugar hai 37 anos, xustamente o 20 de xaneiro de 1980, no campo do Balsiño, e rematou con vitoria baiesa por 2-1. Nesa campaña e nas tres seguintes -antes de que o Baio ascendese a categorías superiores- o conxunto baiés sempre se impuxo como locatario. Habería que agardar ata a 91-92 para que volvesen coincidir e aquí houbo nova vitoria baiesa, nesta ocasión xa no Platas Reinoso. Ao ano seguinte empataron por vez primeira en Baio, para despois pasar máis dunha década sen coincideren. Faríano xa na 1ª Rexional, na 04-05 e 05-06: na primeira con vitoria local (2-1) e na segunda con empate (2-2). Tras o descenso dos dous volveron cadrar na 08-09, co primeiro triunfo berdillés en Baio (0-1), ao ano seguinte novo empate (2-2) e nova vitoria visitante na 10-11. As dúas últimas campañas nas que se enfrontaron en Baio o triunfo quedou na casa (4-0 e 4-2), deixando unhas estatísticas bastante favorables para o Baio como local, aínda que se atendemos ao total dos enfrontamentos a cousa vaise igualando.
As dúas formacións no partido da primeira volta
Esta temporada, no partido da primeira volta impúxose o San Lorenzo por 4-2. Estas foran as aliñacións; polo SD San Lorenzo: Javi Souto, Rudi (Samu 46), Juanjo, Pablo Díaz, Kevin (Anxo 67), Rubén, Dani Pena, Parafita, Diego Varela (Jorge Pichel 70), Fuentefría, Juni. Polo CD Baio xogaron: Recarey, Isaac, Porto, Yago, Luis, Peke, Brais, Martín, Santi Díaz (Pedro 65), Javi Suárez, Martín MC.
Os goles foran conseguidos do seguinte modo: 1-0 Juni (11), 1-1 Javi Suárez (23), 2-1 Juni (55), 2-2 Luis (60), 3-2 Juni (70), 4-2 Fuentefría (87).

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
27
11
07
09
47
38
Xogados en Baio
13
08
03
02
31
16

O partido do domingo

O SD San Lorenzo atópase nestes momentos na 5ª praza da clasificación, con 34 puntos, colleitados mercé a 11 vitorias e un único empate, con 6 derrotas. Os seus puntos conségueos con bastante paridade tanto como local (18) coma como visitante (16). As súas derrotas fóra viñeron nos campos do Malpica, Buño e Mazaricos, mentres que na casa perdeu con Corme, Coristanco e Ponteceso. Destaca polo seu poder realizador, pois suma 48 goles -os mesmos que o Baio-, mais pola contra tamén encaixa unha cifra alta (31 tantos), que quizais son os que lle impiden ocupar un posto máis elevado na clasificación. No apartado goleador destacan tres homes: Fuentefría con 13, Parafita con 12 e Juni con 10; máis lonxe quedan Álex Taibo, con 6, e Diego Varela, con 4.
No que vai de liga, o seu adestrador Óscar Suárez utilizou 20 xogadores. Podemos dicir que Javi Souto, na portería, Juanjo e Kevin, na defensa, Parafita, Fuentefría e Álex Taibo no medio, e Juni na dianteira, son fixos. Para os outros catro postos apostou máis por Rudi, Dani Pena, Pablo Díaz e Rubén, aínda que tamén xogaron moitos minutos Diego Varela ou Samu, e en menor medida Puñal, Anxo, Pichel e Dani Rey. A todos eles hai que sumar a recente fichaxe de Mario, que retorna tras o seu fugaz paso polo Laracha.
O San Lorenzo no partido contra o Ponteceso
Na pasada xornada o San Lorenzo conseguía impoñerse ao Malpica nun vibrante partido (4-3), co que cortaba unha xeira de dúas derrotas: en Mazaricos (3-1) e na casa co Ponteceso (1-6), que o afastaran un pouco das posicións cabeceiras, ou polo menos do trío de cabeza. Agora ten a oportunidade de engancharse de novo aos postos altos, e por iso virá con ansias de sacar algo positivo do Platas Reinoso. Diante terá un CD Baio que vén de perder dous puntos na súa visita ao Baíñas, e o que é peor unha continua praga de lesións que manteñen apartados a moitos xogadores varias semanas do terreo de xogo. Con todo, os baieses intentarán facer valer a súa fortaleza como locais e sacar o partido adiante.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – S.D. SAN LORENZO
Domingo 22 de xaneiro; 16:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Iván Guerra Domínguez.


XUVENIL

Rematada a Liga da Costa para o equipo xuvenil do CD Baio, agora toca centrarse na Copa. Esta semana vai ser de descanso para esta competición, que principiará o vindeiro sábado 28 de xaneiro. No entanto, aquí vos deixamos os enfrontamentos do grupo no que quedou encadrado o CD Baio nesta liguiña da fase previa da Copa da Costa Xuvenil:

28-01 / 04-03
Camariñas CF - CD Baio

04-02 / 11-03
CD Baio - SD Sofán

18-02 / 25-03
SD Laxe - CD Baio

16 ene 2017

NINGUÉN DIXO QUE ÍA SER FÁCIL

C.D. BAÍÑAS 2 - C.D. BAIO 2

Esta frase ben se pode aplicar ao CD Baio despois do encontro desta semana no Municipal de Vimianzo fronte ao CD Baíñas, conxunto que se atopa nos postos baixos da clasificación, pero que polo visto nos dous enfrontamentos que tivo cos baieses esta temporada podería estar moito máis arriba. E isto é o que vai atopar o conxunto baiés de aquí ao final da liga, conxuntos que o van dar todo porque quen máis quen menos se está a xogar algo, e claro está, cada vez queda menos tempo.
O partido de onte presentábase de inicio cun conxunto baiés dominando o balón e o partido, e o Baíñas agardando atrás e con balóns en longo cara ao seu dianteiro Pablo Muíño. A primeira ocasión veu nas botas de Martín MC, que botou un córner pechado e o balón tras superar ao porteiro peta no traveseiro e Porto non consegue aproveitar o rexeite (min.4). Numerosas chegadas dos baieses sucedéronse nos seguintes minutos, pero faltaba o remate final; remate claro que tivo nas súas botas Martín MC no min.28, tras un balón colgado á área, pero o seu remate en boca de gol vaise fóra para asombro de todos. Foi o preludio do primeiro gol do partido, que chegou dun balón recuperado en campo propio e Rubio envía en profundidade para Javi Suárez, que tras gañar en velocidade á defensa bate de remate cruzado a Maikel (min.30). Novas chegadas do Baio con remates pouco perigosos ante un Baíñas, que modificou o seu esquema, abandonando Braulio o posto de central para situarse no centro do campo. Mais non se moveu o marcador a pesar do dominio baiés.
Principiou a segunda parte cun Baio confiado e o Baíñas apostouno todo coa dupla atacante Pablo Muíño-Braulio, con Víctor na mediapunta. E atopou o gol nun saque de falta colgado á área e Braulio, libre de marca, remata de cabeza a gol (min.52). Este gol descentrou aos baieses, que perderon o control do encontro. Con todo, nun arrouto chegou un minuto despois unha clara ocasión, con varios rexeites na área baiñesa, e un tiro final de Isaac, que sacou un defensa baixo paus. Pero o descontrol do partido era evidente, e diso aproveitouse ao Baíñas, para lanzar un balón en longo que Pablo Muíño lle gañou no corpo a corpo a Norberto, e só ante Diego bateuno por baixo para remontar o marcador (min.56). O Baíñas fixo o seu partido, e o Baio caiu nel, e non saíu del ata a entrada de Martín, que puxo orde no centro do campo. Volveron achegarse á área baiñesa, e nun lanzamento de falta por parte de Martín MC, é peiteado no primeiro pau por Braulio e o balón entra na súa propia portería (min.73). Ao minuto seguinte puido marcar Javi Suárez, pero tras revolverse na área o seu disparo foise lambendo o pau. Os últimos vinte minutos foron un asedio por parte baiesa, co Baíñas limitándose a defender, aínda que Braulio daría un susto ao internarse na área, pero Mario chegou rápido ao corte. Pero as ocasións máis claras chegarían para os baieses, principiando por unha de Martin MC, que tras recibir un pase de Martín, preséntase ante Maikel pero non consegue superalo (min.79). E será o propio porteiro baiñés o que se luza na parada da tarde nun remate de Luis despois dunha falta lateral (min.86). E novamente Luis tería na súa cabeza o gol, pero nesta ocasión o seu remate é sacado por un defensa baixo paus, co porteiro xa batido (min. 89). Os minutos de desconto serviron pra que Norberto vise o seu segundo cartón amerelo por unha falta sobre Pablo Muíño. 
En definitiva, dous puntos que voian das arcas baiesas, que por ocasións ben mereceu gañar o partido, pero os primeiros quince minutos da segunda parte meteron o Baíñas de cheo no encontro e conseguiu colleitar un punto. Son xa 4 os puntos de vantaxe que ten o Corme, e sobe a 4 os de vantaxe sobre o Mazaricos, que onte perdeu en Ponteceso, un equipo que se achega perigosamente a seis puntos. A vindeira semana iníciase o Tourmalet, coa presenza do primeiro dos equipos cabeceiros no calendario baiés.  



C.D. BAIO 6 - SP. ZAS 2

Rematou a Liga da Costa Xuvenil co derby entre o CD Baio e o Sp. Zas, que deixou un encontro disputado e con moitos goles, que serviu para que os espectadores puidesen ver un bo espectáculo. Principiou ben o equipo baiés, e a raíz diso chegou o primeiro gol obra de Damián (min.12), pero axiña viría o empate por medio de Daniel (min.20). Mantívose igualado o choque, pero antes do descanso unha boa combinación rematará co gol de Mohedano (min.35). Mantívose a igualdade no principio da segunda parte, e o Zas aproveitou a súa oportunidade para empatar por medio de Christian (min.56). Pero axiña chegou a reacción baiesa, e Sergio rematou no segundo pau unha falta botada por Fran (min.58). A partir de aquí a superioridade baiesa foi manifesta, e os zasenses non fixeron fronte, lastrados ademais pola falta de trocos. Os goles foron sucedéndose: o primeiro deles obra de Sergio (min.66) de precioso lanzamento desde 30 metros de vaselina por riba de Ferreiro; Josiño aproveitou un pase en longo e presentouse só ante o meta visitante e bateuno na súa saída (min.75) e pechou a conta Fran cun lanzamento de falta desde medio campo, que sorprendeu a un adiantado Ferreiro. 
Aquí remata a liga para o CD Baio nun xa consabido 6º posto final, quizais máis baixo do agardado polos propios xogadores a principio de liga, pero agora tócalles centrarse na próxima competición copeira para demostrar todo o potencial que atesouran.