C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

27 feb 2017

ROMPENDO ESTATÍSTICAS

C.D. BAIO 4 - CAMARIÑAS F.C. 0

Rubio, que xogou de improvisado
lateral esquerdo, acabou marcando
un gol e dando unha asistencia
Adiantado á tarde do sábado de entroido o partido que enfrontaba a CD Baio e Camariñas FC, trouxo menos público do habitual ao Platas Reinoso, congregándose arredor de 150 espectadores, E nun encontro que non tivo máis historia que unha clara vitoria local, que racha as estatísticas favorables aos camariñáns, pois esta é a quinta vitoria baiesa dos trinta partidos ligueiros que levan disputados ente eles na historia do fútbol costeiro.
A pesar da recuperación dalgúns dos puntais do cadro camariñán non deu a impresión de que fose poñer en apertos ao cadro baiés, e aos quince minutos xa o Baio puxera terra de por medio. Foi xa na primeira xogada combinativa cando chegou o primeiro gol, cun pase entre liñas de Bieito para Javi Suárez, e o centro deste ao segundo pau é rematado de volea por Rubio ao fondo da portería (min.4). O segundo veu dun balón sobre Martín MC na frontal que deixa de cara para Martín, que remata ao poste, o rexeite cólleo Rubio que cede para Martín MC, que fusila a Pablo para poñer o 2-0 (min.15). Este gol deixou moi tocado ao Camariñas, que viu como o Baio entraba como quería na súa defensa, e tivo varias ocasións de gol que non chegou a concretar. No min.18 xogada de MC por banda que centra para Bieito pero o remate forzado deste vaise fóra; un minuto despois unha internada na área de Javi Suárez acaba cun remate potente deste que desvía Pablo e no min.21 é de novo Javi Suárez o que non consegue disparar entre os tres paus un bo pase de Bieito. Era tal a superioridade dos baieses, que pouco a pouco foron saíndo do partido e deixando que o Camariñas se achegase á meta de Recarey. O primeiro intento foi un disparo lonxano de David Pasantes que desviou o meta baiés a córner, e despois dúas internadas de Nazo na área que non soubo sacar proveito delas. Pero nun achegamento baiés, logo dunha boa combinación o balón chégalle a Martín MC na frontal e remata de colocado zurdazo á rede (min.35). Puido conseguir o hat-trick na primeira parte o dianteiro baiés nun disparo que rozou nun defensa e saíu lambendo o traveseiro (min.41).
A segunda parte poderiamos dicir que sobrou, pois o peixe estaba todo vendido. Só valeu para que os locais perdoasen varias ocasións claras de gol, sobre todo nas botas de Javi Suárez, que a pesar do seu bo partido, estaba negado cara ao gol. No min. 58 é Pablo quen lle saca cos pés un potente disparo tras internada na área, no min, 66 é o pau o que evita que o balón entre na portería e no min.71 é novamente Pablo o que saca o balón a córner tras disparo do baiés. Cando parecía que non se movería o marcador, chegou o cuarto tras envío longo do xuvenil Fran sobre Javi Suárez, que aproveita o erro do defensa para internarse na área e ceder ante a chegada de Martín MC para que este fusilase a meta camariñán (min.88) e conseguise un novo hat-trick (o seu quinto, polos seis que leva Alejo).
Tres puntos máis para os baieses que seguen na pelexa tras unha xornada na que gañaron os cinco primeiros polo que se manteñen as distancias. A vindeira semana toca ir visitar o campo de Xaviña, para enfrontármonos a outro dos clásicos da Costa, o Buño.

24 feb 2017

PREVIA DO CD BAIO-CAMARIÑAS FC


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1803
698
419
686
2958
2995
TOTAL LIGAS
1579
606
363
610
2521
2628
LIGA DA COSTA
817
324
158
335
1489
1555

Na xornada 24ª o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao Camariñas FC, un dos equipos clásicos da Costa, que leva competindo 40 temporadas ininterrompidas. Este dato colócao no posto 12º dos clubs costeiros, empatado co Soneira, pero se nos atemos ao número de partidos xogados, este sábado vai alcanzar o 7º posto, ao coller á UD Carnota. Desas 40 temporadas, todas elas presididas por Vicente Carril, 3 foron na Preferente, 12 na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, e as outras 25 na Liga da Costa. Nesta competición ocupa, logo, o 16º posto (de novo empatado co Soneira) en temporadas disputadas, e o 15º en partidos xogados. Nas súas vitrinas hai 5 Ligas da Costa: 78-79, 79-80, 87-88, 91-92 e 03-04; e dúas Copas da Costa: 93-94 e 94-95, perdendo tamén dúas finais nas temporadas 80-81 e 86-87. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

CAMARIÑAS F.C.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1296
588
272
436
2395
1963
LIGA DA COSTA
733
383
154
196
1506
958

Esta temporada é a 15ª que coinciden no mesmo grupo o Baio e o Camariñas, 1 delas na Preferente, 3 na 1ª Rexional/Autonómica e as 11 restantes na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento foi o 29 de xaneiro de 1978, no Balsiño, e acabou con empate (3-3), mesmo resultado que se deu nas dúas seguintes confrontacións. Na 88-89, na Preferente, volveron coincidir despois de varios anos, e deuse unha vitoria visitante, mesmo resultado que se deu na 90-91 e 91-92, xa na Liga da Costa, e na 94-95 na 1ª Rexional. Houbo que esperar á 06-07 para que volvesen cadrar, na Liga da Costa, e seguiu gañando o Camariñas en Baio. A primeira vitoria do Baio como local chegou na 07-08, despois de oito partidos, pero á seguinte volveu gañar o Camariñas. Na 09-10 produciuse a segunda, e de momento última, vitoria baiesa como local (3-0), porque nas tres últimas o Camariñas puntuou no Platas Reinoso: gañou na 10-11 e 11-12 e empatou na 13-14, esta na 1ª Autonómica (1-1), que foi a última vez que se viron as caras en Baio. Polo tanto, nos partidos xogados en Baio as estatísticas son favorables ao equipo camariñán, que non fan máis que incrementar a gran superioridade nas estatísticas xerais.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
29
04
05
20
30
62
Xogados en Baio
14
02
04
08
17
26

O partido do domingo
O Camariñas figura na actualidade na 10ª posición, con 29 puntos, colleitados grazas a 9 vitorias e dous empates, mentres que perdeu 12 encontros. Xogou 11 partidos como local e 12 como visitante, sumando 17 puntos na casa e 12 fóra. Leva marcados 46 goles e encaixou 50, o que supón que é o quinto equipo máis goleador. O seu máximo goleador é Yuyo, con 12 goles, seguido de Nazo e Soule, con 8, e Brandon, con 7.
Once do Camariñas no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
Con Rosquilleiro no banco, o equipo sufriu recentemente as importantes baixas de Soule e Brandon -este aínda en idade xuvenil-, polo que incorporou dous novos homes, como De la Sierra (Soneira) e Kevin Martínez. A presenza de xogadores xuvenís é habitual nas convocatorias, algún xa integrado no primeiro equipo como Joseba ou Pablo Suárez. Os xogadores máis habituais no once inicial son Maikel, David Pasantes, Moriño, Nazo, Javi Antelo, Yuyo, Kevin e Gabri. Na portería Álvaro xogou algo máis que Pablo Novo, e outros xogadores importantes na temporada son Sergi, Rodri, Pablo Mouzo, Brais ou os xuvenís antes indicados. O equipo camariñán non empezou ben esta segunda volta, pois despois da súa vitoria no derby co Porteño (2-3), acumula seis partidos sen gañar, cinco deles derrotas, polo que virá a Baio disposto a reverter esta situación.


SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – CAMARIÑAS F.C.
Sábado 25 de febreiro; 17:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Marcos Ordóñez Rodríguez.



20 feb 2017

FACENDO SUFRIR

S.C.R.D. ESTEIRANA 1 - C.D. BAIO 2

Na tarde soleada deste domingo visitaba o CD Baio o campo da Salina, bautizado co nome do mellor xogador saído da Liga da Costa, Xosé Luis Vara, quen por certo, segundo a magnífica historia da Esteirana de Manuel Torres debutara coa camisola azulgrana no campo do Balsiño xogando con ficha falsa por non ter aínda a idade regulamentaria. Os moitos asistentes ao campo, próximos aos 300, puideron ver un encontro que non fixo honor ao nome do campo, pois o bo xogo brillou pola súa ausencia.
Principiou o partido co Baio querendo levar o peso do xogo fronte a unha Esteirana, que se encontraba repregada atrás, e deixando en punta á recente fichaxe Josiño Barreiro, mentres que ao centro da defensa retornaba Dani Rama tras a súa "retirada" da tempada pasada. E controlou facilmente o partido o Baio aínda que os achegamentos eran escasos á meta local. A primeira clara estivo nos pés de Javi Suárez (min.20), que recibiu un balón en profundidade que remata picando sobre a saída do porteiro, e cando o balón se coaba chega Rafa para sacala da raia de gol. No min. 30 chegaría o primeiro gol, mercé a un lanzamento de falta que marcou Martín superando a barreira. O propio Martín tivo unha boa oportunidade dous minutos despois cun forte lanzamento lonxano, que o meta Roberto conseguiu rexeitar. A superioridade visitante era tan manifesta e as chegadas locais non mostraban moito perigo, que o Baio pasada a media hora apagouse e como no partido de Baíñas, permitiu que o seu rival se metese de cheo no encontro aproveitando os graves erros que cometían os baieses. Nos últimos cinco minutos da primeira parte a Esteirana tivo dúas ocasións inmellorables, que só a fenomenal actuación do meta Diego impediron que subisen ao marcador. No min. 40 un balón perdido por Martín cando era o último home permitiulle a Josiño encarar o porteiro, pero este tapou moi ben o seu disparo; e no min. 44 un córner é rematado no punto de penalti por un Rafa totalmente libre que non chegou ás redes pola intervención felina do meta visitante.
A segunda parte iniciouse polo mesmo camiño, e no primeiro minuto un balón claro da defensa que non saca da área e deixa no man a man de Josiño co porteiro, e esta vez puxo o empate no marcador (min.46). A Esteirana colleu forzas e viuse con posibilidades non só de conseguir un empate, senón de darlle a volta ao partido, pois os baieses non eran quen de dar dous pases seguidos sen perdela. Tivo que ser nun balón en longo de Martín para Javi Suárez para que o Baio metese de novo o medo no corpo aos locais, cun lanzamento do dianteiro que saíu lixeiramente desviado (min.53). Os cambios déronlle outro aire ao partido e o Baio deu un paso adiante e a Esteirana un atrás, e así chegou unha oportunidade de Martín MC tras parede con Bieito (min.67), ou un centro lateral de Martín sobre Javi Suárez que corta Rafa rematando cara á súa portería e sacando en gran intervención Roberto (min.69). Tamén tivo a súa a Esteirana nunha contra sobre Josiño, que tras desfacerse de Norberto, tirou ao pau longo, pero aí chegou a man de Diego para desviar a córner (min.71). Co Baio embotellando a Esteirana tivo Bieito unha volea que lle foi lixeiramente alta (min.76) a súa oprotunidade para marcar. Pero houbo que agardar ao primeiro dos sete minutos de engadido para que chegase o gol da vitoria baiesa, que chegou grazas a unha xogada de Isaac que rematou cun forte disparo que conseguiu rexeitar Roberto, pero o balón quedoulle franco a Javi Suárez, que remachou á rede. Non tivo forzas nos minutos restantes o equipo local para ir polo empate, que xa asinaban había moitos minutos e só houbo que agardar a que o árbitro sinalase o final para certificar a vitoria.
Moi mal partido que se resolveu nos minutos finais como nas dúas xornadas anteriores, que lle permiten ao Baio manter as distancias tanto co líder coma cos seus perseguidores. Agardemos que o vindeiro sábado no encontro co Camariñas os baieses mostren a súa mellor versión e non fagan sufrir tanto aos seus afeccionados.


XUVENIL: S.D. LAXE 0 – C.D. BAIO 2

Terceira xornada da fase de grupos da Copa da Costa Xuvenil e terceira vitoria dos baieses. Partido cómodo e tranquilo dun equipo xuvenil baiés que se viu tan superior que se esqueceu de marcar. E iso que tivo boas oportunidades de gol, pero sobre todo faltaba elaborar máis a xogada e combinar con máis precisión para que o balón chegase con claridade aos rematadores. Sen goles se chegou ao descanso, o que lle deu alas aos locais para crer na posibilidade de chegar con perigo á meta rival, algo que no primeiro tempo non lograron. O gol de Estefan (min.62) puxo algo de tranquilidade nuns baieses e decepción nos locais, pero pasaban os minutos e o Baio non pechaba o partido, polo que se mantiña a incerteza. Co gol de Damián (min.74) o encontro quedou visto para sentenza e aínda puido chegar algún gol máis nos minutos finais para os baieses.



17 feb 2017

PREVIA DA SCRD ESTEIRANA-CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1802
697
419
686
2956
2994
TOTAL LIGAS
1578
605
363
610
2519
2627
LIGA DA COSTA
816
323
158
335
1487
1554

Na xornada 23ª o CD Baio viaxa ata Esteiro para enfrontarse á SD Esteirana, un dos clubs que máis temporadas leva participando no fútbol costeiro, pois leva 46 temporadas ininterrompidas competindo. Isto fai que sexa o 7º que máis campañas leva en competición, aínda que por partidos xogados figura no 11º posto. Desas 46 temporadas, 3 foron na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, 16 na 3ª Rexional/Autonómica e as outras 27 na Liga da Costa. Estas 27 ligas fan que ocupe a 11ª posición (empatado co Corme), aínda que por partidos xogados é 13º neste apartado. Nas súas vitrinas figuran dúas Ligas da Costa, nas temporadas 1977-78 e 2012-13, e unha Copa da Costa (1974-75), perdendo outras dúas finais (73-74 e 76-77). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

S.C.R.D. ESTEIRANA
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1204
522
219
463
2401
2210
LIGA DA COSTA
740
313
134
293
1439
1406

Esta temporada é a 15ª que coinciden no mesmo grupo a Esteirana e o Baio, 2 delas na 1ª Autonómica e as outras na Liga da Costa. O seu primeiro enfrontamento foi o 27 de febreiro de 1972, e foi en terras esteiranas, con vitoria final para o Baio (2-4). Nas cinco seguintes visitas, o Baio perdeu nas catro primeiras e volveu gañar na quinta. Despois de seis anos sen coincidir, volveron cadrar na 82-83, con novo triunfo visitante (1-2). Para a seguinte visita baiesa houbo que esperar un cuarto de século, pois foi na 07-08, neste caso con vitoria da Esteirana, aínda que estes acabaron descendendo. Tras un ano no inferno da 3ª, o ascenso esteirán fixo que coinidisen nas seis campañas seguintes: na 09-10 houbo empate (1-1), triunfo local nas dúas seguintes (2-1 e 3-2), e novo empate (1-1) na 12-13, temporada na que acabarían ascendendo os dous á 1ª Autonómica. Nesta categoría semiprovincial, o Baio gañou na 13-14 (2-3) e perdeu na 14-15 (2-0), campaña esta na que descendeu a Esteirana para a Liga da Costa. Polo tanto, nos partidos xogados en Esteiro as estatísticas son máis favorables ao equipo local, mentres que no total as estatísticas están bastante igualadas, aínda que cunha lixeira vantaxe para o Baio.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
29
14
03
12
58
57
Xogados en Esteiro
14
04
02
08
20
36

O partido do domingo
A Esteirana figura na actualidade na 13ª posición, con 21 puntos, colleitados grazas a 6 vitorias e tres empates, mentres que perdeu 13 encontros. Xogou 10 partidos como local e 12 como visitante, mais os puntos sacounos dunha forma similar: 11 na casa e 10 fóra. Leva marcados 39 goles e encaixou 54, o que supón neste aspecto ser o cuarto máis goleado. O seu máximo goleador é Manu Estévez, con 11 goles conseguidos noutros tantos partidos; tras el os irmáns Rama: Álex con 5 e Pablo con 4; e con 3 figuran Jaime, Simón e Damián.
Con Javier Lodeiro no banco, conta cun equipo sénior escaso de efectivos, polo que a presenza de xuvenís é máis que habitual. Ata un total de 29 xogadores foron utilizados polo míster, dos que 10 son xuvenís e mesmo un cadete. Podemos dicir que Martín Nieto, Codesido, Rafa, Álex e o porteiro Roberto son fixos no once. Para os outros postos son de adoito titulares Pablo Rama, Simón, Eloy Campos, Veloso ou o lesionado Adrián. Tamén xogaron moitos minutos o xuvenil Jaime, Damián e o dianteiro Estévez. Contan con minutos, normalmente desde o banco, os xuvenís Íker, Brais ou David Pais. A semana pasada debutou unha das perlas criadas na canteira esteirán, Josiño Barreiro, que regresa á casa tras comezar esta campaña no Noia da Preferente.


SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
S.C.R.D. ESTEIRANA – C.D. BAIO
Domingo 19 de febreiro; 17:00 h.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: Xosé Luís Vara (Esteiro).
Árbitro: Héctor Castiñeira Blanco (3ª División).


XUVENIL: S.D. LAXE – C.D. BAIO

Terceira xornada da liguiña previa da Copa da Costa Xuvenil, na que o conxunto baiés se despraza a terras laxenses para enfrontarse no Cabo da Area á SD Laxe. Tras dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas, os rapaces de Fredi queren rematar esta primeira volta cun pleno de triunfos. Enfronte terán un imprevisible Laxe, que conta os seus partidos por goleada, aínda que de distinto signo. Na xornada inaugural era vapuleado en Sofán (12-1), pero na seguinte conseguía golear en Camariñas (2-10). Polo tanto, figura na 3ª posición con 3 puntos, con 11 goles, que practicamente se reparten entre tres: Bieito, Valentín e Santi Casas, con tres cada un. Santi fora o seu máximo goleador no campionato ligueiro, con seis goles, un campionato no que ocuparon o derradeiro posto no grupo norte. Na visita que o CD Baio fixo na liga a terras laxenses finalizou con vitoria mínima visitante, resultado positivo que agardemos que se repita este sábado.

COPA DA COSTA XUVENIL (GRUPO 2º)
S.D. LAXE – C.D. BAIO
Sábado 18 de febreiro; 16:15 h.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: Cabo da Area (Laxe).
Árbitro: Carlos Martínez Rodríguez.

13 feb 2017

REMAR PARA CHEGAR A BO PORTO

C.D. BAIO 3 - MAZARICOS C.F. 2

Porto rematou o partido
Moi bo ambiente no Platas Reinoso a pesar do clima frío e chuviñento da tarde, pero máis de 300 persoas se achegaron a presenciar un entretido e disputado encontro entre dous dos equipos punteiros desta Liga da Costa. Mais antes temos que facer referencia ao infortunio que se cebou cun dos xogadores baieses, Fachal, que ao iniciarse o quecemento rompía o nariz nun choque cun compañeiro, e tivo que celebrar o seu aniversario nun hospital coruñés. Despois deste lamentable suceso que aumenta máis a enfermería baiesa, viuse un competido partido no que acabou con triunfo do Baio, que quizais foi o equipo que o buscou máis ao longo dos noventa minutos.
Principiou o encontro, con todo, co Mazaricos moi enchufado e disparando varias veces sobre a meta de Diego. Puido marcar Chenel no min.6 logo de irse pola banda da defensa local, pero o seu disparo sacouno o meta baiés. Foi o preludio do primeiro gol do encontro, no que o propio Chenel lle gaña a Norberto por forza e bate por baixo a Diego no man a man (min.8). Curiosamente o gol cambiou o desenvolvemento do encontro, e o Baio fíxose dono do encontro, combinando e chegando á área rival. Nunha desas chegadas, un centro de Isaac é rematada de cabeza no primeiro pau por Martín MC para poñer o empate (min.20). No minuto seguinte, unha nova xogada por banda de Javi Suárez é rematada fóra por Rubio. Sería o dianteiro de Quintáns o que tivese a gran oportunidade ao mandar lambendo o traveseiro un lanzamento desde a frontal, tras xogada ensaiada (min.35). E cando máis dominaba o Baio chegou o segundo gol do Mazaricos nunha xogada a balón parado; no lanzamento dunha falta lateral o balón quedou morto na área e iso aproveitouno Matías para marcar (min.39). Este gol si afectou aos baieses, que viron como Chenel perdoou un man a man con Diego grazas á grande intervención deste no min. 43; e cumpriuse o dito do que perdoa, porque na xogada seguinte, Javi Suárez agarra un forte disparo desde fóra da área e consegue o empate (min.44), co que se chegou ao descanso.
A segunda parte iniciouse cun Mazaricos gardando máis a roupa e as súas saídas á contra xa foron máis escasas. E tampouco en defensa eran quen de deter as acometidas pola banda de Javi Suárez, que foi un pesadelo. Nun dos seus centros, rematou Martín MC pero o balón petou nun defensa (min.50); despois sería Martín o que non aproveitaría dous pases da morte de Javi para marcar (min.57). Visto o visto, os mazaricáns cerráronse máis atrás e o Baio tivo máis dificultades para crear ocasións. Pero nun arreón final, chegaron novas ocasións para os locais, cun remate de Norberto nun balón morto que se foi fóra (min.83), ou unha vaselina de Martín MC desde a frontal que se foi lambendo o traveseiro (min.84), así ata chegar a un córner que rematou de cabeza no segundo pau, o central Porto (min.87). Nos minutos de desconto intentou ir arriba o Mazaricos, pero o Baio estivo firme en defensa e non consentiu máis que lanzamentos desde fóra da área que resolveu ben Diego.
Con esta vitoria o Baio consegue afastar a seis puntos (e golaveraxe) a un rival directo e segue no rebufo do líder Corme, que non afrouxa. A vindeira semana toca visitar a Esteirana e, sobre todo, recuperar algún dos lesionados.



10 feb 2017

PREVIA DO CD BAIO-MAZARICOS CF


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1801
696
419
686
2953
2992
TOTAL LIGAS
1577
604
363
610
2516
2625
LIGA DA COSTA
815
322
158
335
1484
1552


Na xornada 22ª visita o Platas Reinoso o Mazaricos CF, club fundado en 1991, polo que disputa na actual a 26ª temporada consecutiva. É o 29º na clasificación dos clubs costeiros en canto a campañas disputadas así como en partidos xogados. O club mazaricán competiu nunha ocasión na 1ª Rexional provincial, 11 temporadas na 3ª Rexional/Autonómica e as outras 14 na Liga da Costa, dato que o coloca tamén no posto 29º en canto a temporadas e no 28º en partidos xogados nesta categoría. O seu maior éxito veu dado pola consecución da Liga da Costa na campaña 1993-94 e o seu ascenso á 1ª Rexional, gañando con posterioridade a liga da 3ª Rexional na 2000-01. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

MAZARICOS C.F.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
741
323
165
253
1356
1077
LIGA DA COSTA
409
176
91
142
715
568

Esta temporada é a 5ª que coinciden no mesmo grupo o Mazaricos e o Baio, 4 delas na Liga da Costa e a outra na 1ª Rexional. O seu primeiro enfrontamento en terras baiesas foi na temporada 93-94, e deparou a única vitoria mazaricana ata o momento (0-1), o que lle valeu para sentenciar a Liga da Costa que se estaban disputando os dous equipos. O seguinte enfrontamento foi na temporada seguinte, na 1ª Rexional, e nel o Baio gañou pola mínima (1-0). Haberá que agardar aos últimos anos para volver ver esta confrontación, e tanto na 2011-12 como na 12-13 o Baio gañou con comodidade (4-1 e 3-1, respectivamente). Máis recentes están os enfrontamentos da Copa da Costa, nas que o Baio volveu gañar como local: 3-2 na temproada 2013-14 e 3-0 ao ano seguinte. Polo tanto, as estatísticas amosan unha clara superioridade baiesa, con tan só unha vitoria e un empate dos mazaricáns, ambos os dous na primeira temporada que se encontraron.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
09
07
01
01
18
08
Xogados en Baio
04
03
00
01
08
03

O partido do domingo
O Mazaricos figura na actualidade na 3ª posición, a tres puntos do Baio e a seis do líder Corme, equipo co que precisamente empatou a semana pasada. Suma 45 puntos, mercé a 14 vitorias, 3 empates e 4 derrotas; conseguindo practicamente os puntos de maneira similar na casa e fóra : 7 vitorias, 2 empates e 2 derrotas como local, e 7 vitorias, 1 empate e 2 derrotas como visitante. Aínda que non é dos conxuntos máis goleadores, pois suma 41 goles, compensa iso cun gran poder defensivo, pois só encaixou 16 goles, sendo con moito o menos goleado do grupo. O seu máximo goleador é o veterano Chenel, con 8 goles, a pesar de estar lesionado ao comezo de temporada; séguenlle David García e Molinos, con 6, e Estéfano e Matías, con 4.
Once do Mazaricos no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
Con Néstor no banco, o equipo mantén o bloque de xogadores da temporada pasada, con algunha incorporación, como os procedentes do Carnota Oreiro, Manuel Luis e Pedro, e do Castriz Diego Maneiro e Dani Martínez, e recentemente o defensa Xabi, que procede do Noia da Preferente. Dos xogadores utilizados, tres deles foron titulares en todos os encontros, e son o porteiro Miguel, o defensa Matías e o medio David García; e cun partido menos figuran Estéfano, Esteban Pereiro e Molinos, completando a lista dos sete insustituíbles o medio Ricardo, que se perdeu algún encontro por sanción. Os outros catro postos dispútanos os demais membros do plantel, pero fundamentalmente Esteban Riveiro, Chenel, Martín, Dani e Diego Maneiro foron os que máis xogaron; aínda que tamén tiveron moitos minutos Brais, Manuel Luis, Pedro e Oreiro.


SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – MAZARICOS C.F.
Domingo 12 de febreiro; 16:15 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Iago Varela Rodríguez.