C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

27 feb 2013

PARTIDOS DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - U. C. CEE
Domingo 3 de marzo; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

XUVENIL (COPA DA COSTA - GRUPO 1º)
C. D. BAIO - S. D. LAXE
Sábado 2 de marzo; 12:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
S. D. FISTERRA - C. D. BAIO
Sábado 2 de marzo; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 08:45 horas.
Campo: Ara Solis (Fisterra).

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. FISTERRA
Domingo 3 de marzo; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

BENXAMÍN/ALEVÍN (F-8 COSTA NORTE)
CABANA S. D. - C. D. BAIO
Sábado 2 de marzo; 18:30 horas.
Saída de Baio ás 17:45 horas.
Campo: As Redondas (Neaño).

25 feb 2013

GOLEADORES E CLASIFICACIÓNS

Aquí traemos, cada vez máis cedo, as táboas de goleadores do CD BAIO e da Liga da Costa. A primeira segue liderada polo infantil Anxo, que leva 35 goles en 19 partidos disputados. Na clasificación costeira, esta semana conseguiron ver porta os catro primeiros clasificados, con especial mención ao esteirán Kike, que anotou un hat-trick. Segue liderando Martín MC, e ollo, que o capitán baiés Martín xa vai sexto.

E tamén traemos as clasificacións das categorías base do CD BAIO, desde os xuvenís ata os pre-benxamíns:



DOS XUVENÍS AOS PRE-BENXAMÍNS

XUVENIL: OUTES F. C. 4 - C. D. BAIO 2

Segunda derrota consecutiva dos xuvenís do CD BAIO neste grupo de clasificación para as eliminatorias da Copa da Costa. Aínda así, e debido á derrota do Muros, os rapaces de Emilio xa están matematicamente clasificados para a rolda de oitavos de final, pois sácanlles trece puntos aos muradáns a falta de catro xornadas (lembremos que o Muros conta con -1 puntos pola sanción federativa).
Xoel marcou o 1º gol como xuvenil
Desprazouse á Serra de Outes o equipo de Emilio con só 10 xuvenís, que foron acompañados de 5 cadetes. As lesións están asolando o equipo, e esta semana ata se lesionou o delegado. Para colmo, o porteiro Guillermo era expulsado no último minuto ao cometer un penalti e será baixa para o próximo encontro. Comezaron adiantándose os baieses por mediación de Fachal aos 12 minutos, pero Rubén conseguiría empatar cando aínda non se chegaba á media hora. Nos minutos finais deste período chegaría o gol de Abraham que adiantaba aos locais, pero Xoel conseguía un impresionante gol para estrearse esta temporada e levar a igualada ao marcador, coa que se chegou ao descanso. E este parecía ser o resultado definitivo do partido, pero nos minutos finais os da Serra aproveitaron un erro defensivo para poñerse por diante por mediación de Eduardo, e un minuto despois chegaba a xogada do penalti e expulsión de Guille, que anotaría Adrián batendo ao reconvertido Álex.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos, Pablo (Álex 63'), Xoel, Oreiro, Fachal, Anxo (Miguel 49'), Kevin (Alfonso 66'), Cristian (Carlos 52'), Christian, Lucas.

CADETE: C. D. BAIO 1 - OUTES F. C. 7

Tempos de crise no equipo cadete, e en vista de que cando veñen mal dadas todo se xunta esta semana lesionábase o seu adestrador Dani Costa. Moitas baixas no equipo local, polo que tivo que recorrer a seis infantís para completar a escasa convocatoria de xogadores. A pesar da ampla derrota amosaron unha mellor cara os cadetes que en xornadas precedentes, pois víronse ganas e loita, cousa que non se apreciou en partidos anteriores, nos que se deixaban levar polos acontecementos. Incluso tiveron momentos de bo xogo, e foron os baieses os que se adiantaron por mediación de Estefan, pero a inspiración e calidade do dianteiro da Serra José Francisco desnivelou un encontro máis igualado do que indica o marcador. Esperemos que nos vindeiros partidos sigan con esta actitude, pois só así chegarán os bos resultados e conseguirán saír desa última posición que agora ocupan. Para iso todos deben remar na mesma dirección, e non só os que xogan.
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Alejandra, Fran Gavín, Fran Caneda, José Antonio, Javi Muíño, Andrea, José Figueiras, Iago (Julián 49'), Pedro, Estefan.

INFANTIL: CABANA S. D. 0 - C. D. BAIO 4

Os infantís a pasada semana [Foto Fuentes]

Sergio lesionouse onte. Ánimo!!!
Impresionante partido dos infantís do CD BAIO e impresionante temporada. Visitaban o terceiro clasificado os rapaces de Pastoriza e en menos de dez minutos xa estaba o partido visto para sentenza. No minuto 4 adiantaba aos baieses José Figueiras e un minuto despois o pichichi Anxo anotaba o seu gol número 35 da temporada. E como non hai dous sen tres, aos oito minutos Sergio anotaba o que sería o seu primeiro gol, pois no minuto 20 conseguía Sergio perforar de novo a portería de Darío, anotando o cuarto gol dos baieses que ao final foi o definitivo. A noticia triste do partido veu da man do propio Sergio, e nunca mellor dito o da man, pois sufría un forte golpe na súa muñeca. Unha vez atendido no Hospital Santa Teresa aprecióuselle unha fisura, polo que terá inmobilizada a man durante unha temporadiña. Desde aquí moitos ánimos ao "cerebro" dos infantís, e que se recupere pronto.
Levan os infantís cinco vitorias nos últimos seis partidos, algunhas delas en campos difíciles como Esteiro ou Neaño, polo que ocupan nestes momentos a cuarta praza na clasificación, a un punto do Cabana.
Polo CD BAIO xogaron: Julián (Cedrón 70'), Fran, Víctor (Antía 65'), Carlos, Queiro (Suárez 54'), Ariel (Iago 62'), Álex, Sergio (Manuel Mª 66'), Anxo, José Figueiras, Eloy.
Podes ver fotos deste partido picando aquí, no Facebook do Cabana.

ALEVÍN/BENXAMÍN/PRE-BENXAMÍN

Disputaron o pasado venres os máis pequenos unha nova xornada de Fútbol-Sala, na súa participación na liga da Costa Bergantiñá. Esta vez o rival que visitaba o pavillón baiés era o Concello de Malpica. Conta este equipo con dous equipos alevíns, pero non ten benxamíns, polo que o míster Fredi tivo que compoñer dous equipos de alevíns para xogar os dous partidos, botando man de bastantes benxamíns. O partido de alevíns entre o CD BAIO e o Concello de Malpica A rematou con empate (1-1), aínda que os locais estiveron a piques de gañar pero un gol visitante nos momentos finais impediuno. O partido contra o Concello de Malpica B rematou coa vitoria visitante por 4-6.
Gran vitoria dos pre-benxamíns, pois pasáronlles por riba aos seus rivais cun claro 6-1, o que supón a súa primeira vitoria, e rompe a racha de empates que viñan colleitando na casa. Proximamente colgaremos as clasificacións destas categorías.
Esta semana non tiveron competición de Fútbol-8, debido á retirada á última hora do Ponteceso.


CANDO NON PODES GAÑAR... O IMPORTANTE É NON PERDER

S. D. SAN LORENZO 2 - C. D. BAIO 2

Tarde fría pero sen choiva no campo das Pedreiras, que presentaba un bo estado, tal e como adoita estar por estas épocas do ano. Partido que se presentaba complicado para o CD BAIO pois sempre é difícil vencer no campo verdillés, ante un rival que se fai forte na súa casa, onde só perdeu un partido co seu veciño Sofán, e nin Esteirana nin Cee puideron gañar. Presentábanse os equipos con algunhas baixas, por parte visitante as de Manuel, Chema, Ramón e Jorge, e durante o partido producíronse as lesións de Norberto e Yago, este, que reaparecía logo de case dous meses de baixa, sufría un forte esguince no seu nocello dereito que o pode ter de baixa varias semanas. 
Anxo aguantou do equipo no 1º tempo
 


Comezaba o partido da mellor maneira para o Baio, pois non ían disputados tres minutos e Martín marcaba un golazo de falta, que entraba pola mesma escuadra de Abraham. Controlaban o partido os baieses coa vantaxe no marcador, pero non tardou en reaccionar o San Lorenzo, sobre todo a través da súa xogada favorita: os saques de banda de Chucho ao corazón da área. Nestas accións a defensa baiesa non estivo tan contundente como noutras xornadas e as ocasións de perigo acumulábanse. Estivo providencial Anxo facendo varias paradas de moito mérito, e incluso contou coa colaboración do traveseiro para impedir que os locais igualasen o encontro. O Baio buscaba a contra a través de Martín MC, pero as súas accións foron ben atalladas pola defensa verdillesa, e non foron moitas as veces que os visitantes se achegaron con perigo á meta local. Con todo, chegouse ao descanso coa vantaxe mínima a favor dos baieses.
A segunda metada principiou polo mesmo camiño que acabou a primeira, cos locais embotellando ao Baio na súa parcela, e creando ocasións nas botas e nas mans de Chucho. Precisamente foi este o que conseguiría o tanto do empate cun potente remate cruzado, ao que Anxo non puido facer nada. Reaccionou Félix con dous trocos ofensivos, pero os baieses non conseguían crear serio perigo. Intentouno Martín MC e Martín, pero non dispoñían de claras oportunidades. Si daba máis sensación de perigosidade os ataques locais, e nunha xogada de rexeites na área baiesa, o balón chégalle a Robin na frontal que de fermosa volea batía a Anxo pola escuadra. Non tardou en reaccionar o Baio grazas a Martín MC, que recibía un pase en profundidade e só ante Abraham batíao por baixo. A partir de aquí viuse ao mellor Baio en Verdillo, pois foise a polo partido ante un xa cansado San Lorenzo, e tivo varios achegamentos á meta rival, nos que nalgúns casos faltou o pase final, ou os lanzamentos eran ben detidos polo porteiro local. Co tempo xa cumprido tivo Alberto un lanzamento de falta, que saíu lambendo a escuadra que lle puido dar os tres puntos aos baieses. 
Yago reapareceu e volveuse lesionar [Foto: S. Soneira]
En definitiva, non se puido gañar en Verdillo, pero visto o partido hai que dar por bo este punto, que nos permite manter a segunda praza da clasificación, nas vésperas do "partido do século" do próximo domingo ante o UC CEE, no que se verá ata onde pode chegar este equipo. De momento son dezaseis xornadas sen perder, a última foi na primeira volta en Cee.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi, Mario, Eloy Lema, Pablo (Alberto 64'), Norberto (Yago 16' (Fachal 85')), Eloy Vilas, Rubio (Christian 64'), Martín, Martín MC.

Goles: 0-1 Martín (3 min.), 1-1 Chucho (56 min), 2-1 Robin (72 min.), 2-2 Martín MC (74 min.).

22 feb 2013

VÍDEOS E FOTOS

O CD BAIO está de moda e moito máis o seu pichichi MARTÍN MC. O periódico dixital quepasanacosta, da man do seu colaborador Anxo Garrido, colgaba un vídeo entrevista co noso goleador. Son catro minutos que podes ver aquí:


Tamén outra páxina deportiva da nosa zona, piratasdemuxia, publicaba unha escolma de fotos dos partidos de fútbol-8 de categoría ALEVÍN e BENXAMÍN que disputaron a pasada semana o Muxía CF e o CD BAIO na Arliña. Podedes velas aquí:


20 feb 2013

PARTIDOS DA PRÓXIMA FIN DE SEMANA


LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
S. D. SAN LORENZO - C. D. BAIO
Domingo 24 de febreiro; 16:15 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: As Pedreiras (Verdillo).
Árbitro: César Dacal López.

XUVENIL (COPA DA COSTA - GRUPO 1º)
OUTES F. C. - C. D. BAIO
Sábado 23 de febreiro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:15 horas.
Campo: O Conchido (A Serra de Outes).

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - OUTES F. C.
Sábado 23 de febreiro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Pablo Rama Cotelo.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
CABANA S. D. - C. D. BAIO
Domingo 24 de febreiro; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 09:15 horas.
Campo: As Redondas (Neaño).
Árbitro: Carlos Cotelo Lafuente.

ALEVÍN/PRE-BENXAMÍN (F-SALA COSTA BERGANTIÑÁ)
C. D. BAIO - CONCELLO DE MALPICA
Venres 22 de febreiro; 18:00 horas.
Pavillón Polideportivo de Baio.


18 feb 2013

CLASIFICACIÓNS E GOLEADORES

Aquí vos traemos as clasificacións das categorías XUVENIL, CADETE e INFANTIL nas que participa o CD BAIO:

Agora podedes ver as táboas de goleadores, tanto das distintas categorías do CD BAIO, como da Liga da Costa. Nesta xornada Martín MC en afeccionados e Anxo en infantís conseguiron marcar catro goles, polo que a diferenza entre eles segue estando en seis goles a favor do infantil. A mesma distancia de seis goles que lle leva Martín MC ao esteirán Kike, que esta semana conseguía un dobrete.



O BAIO-DUMBRÍA B (BY SANTI DÍAZ)

Santi Díaz deixounos unha serie de fotos do partido que enfrontou a CD BAIO e CF DUMBRÍA B este domingo no Platas Reinoso. Algunhas xa as puidestes ver na crónica do partido. Agora ofrecémosvos máis. As sete primeiras son os sete primeiros goles do encontro, o que demostra a calidade deste fotógrafo (nin o Marca!!!):
1-0 Martín MC ¡¡de cabeza!!

2-0 zóupalle Martín

3-0 Martín MC vaise de todos

4-0 Martín MC, violencia extrema

5-0 Christian, sempre pasa por alí

6-0 Christian, que toque de interior

7-0 Jorge, desde Xallas con amor


















CON OITO BASTA

C. D. BAIO 8 - C. F. DUMBRÍA B 0

Domingo tranquilo o vivido no Platas Reinoso coa visita do colista Dumbría B, que non só non puxo en ningún tipo de apuros ao CD BAIO, senón que acabou goleado. Oito goles, facendo bo o título daquela serie televisiva dos anos oitenta: Con ocho basta. Tarde chuviosa que con todo trouxo unha boa presenza de afeccionados, que se abrigaron nas bancadas e na cantina. Contaba Félix coas baixas de Manuel, Pardo, Fredi, Yago e Eloy Vilas, mentres que recuperaba a Jorge, e o xuvenil Lucas debutaba como titular, xogando un bo partido. 
O público abrigouse na cantina e deulle choio aos camareiros
Non tardou en facerse efectiva a superioridade que manifesta a táboa clasificatoria entre os dous equipos, pois non se disputaran dous minutos e Martín MC anotaba o seu primeiro gol aproveitando un gran centro de Lucas desde a dereita. Poucos minutos despois puido sentenciar Martín, só diante do porteiro, pero preferiu ceder para Martín MC, pero o porteiro adiantouse ao remate do pichichi. Desquitouse Martín ao marcar o segundo gol do Baio, grazas a un forte disparo desde a frontal da área. As seguintes ocasións claras foron para Alberto, primeiro a través dun lanzamento de falta que se lle foi lambendo a escuadra, e despois nunha serie de paredes que acabaron cun remate seu, pero o meta Fernando conseguía desviar o balón co pé. Antes do descanso chegarían dous novos tantos, estes do goleador Martín MC; o primeiro logo de roubarlle a carteira a un defensa e regatear ao porteiro, e o segundo aproveitando un pase en profundidade de José Antonio que o deixou só ante o gardameta visitante ao que bateu de forte disparo.
Martín MC anotou catro goles e xa leva 28 [Foto: S. Díaz]
Saíron relaxados os homes de Félix tras o descanso, controlando o partido e sen facer excesivo dano na meta rival. Tan só hai que subliñar nestes primeiros minutos unha ocasión de Martín, que logo dunha bonita xogada combinativa plantábase diante do Fernando, pero este conseguía desviar o lanzamento cunha gran parada. O meta dumbriés foi o máis destacado do seu equipo e evitou que a derrota fose maior. Tivo tamén a súa ocasión Rubio antes de ser substituído por Christian, pero sería este o que entrase con fame de gol, e en apenas tres minutos conseguía dous novos tantos, un ao aproveitar na frontal varios rexeites e o segundo tras irse en velocidade dos defensas e bater con clase na saída do meta rival. Foron nestes minutos "da basura" cando o Dumbría creou as súas únicas ocasións, pero Anxo estivo excelente ante os seus ex-compañeiros, antes de darlle o relevo ao xuvenil Guille. Nos minutos finais chegou o primeiro gol de Jorge coa camisola do Baio, cun lanzamento raso ao segundo pau, e mesmo Martín MC tivo tempo de anotar o seu cuarto gol, logo dun pase entre liñas de Norberto. O árbitro debeuse apiadar dos dumbrieses e sinalou o final do partido cando quedaba máis dun minuto para o final regulamentario. El tamén pensou que con oito bastaba.
Félix tivo unha tarde tranquila [Foto: Santi Díaz]
Con esta vitoria e a derrota inesperada do Cee, o Baio sitúase en solitario na segunda praza, a tres puntos do líder Esteirana, e elevando a quince as xornadas seguidas que leva sen perder. A próxima semana visita ao sempre difícil campo das Pedreiras, no que espera un San Lorenzo que leva varias semanas colleitando moi bos resultados (a excepción desta semana), grazas ao labor do seu adestrador Gueli, ex-xogador do CD Baio.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo (Guille 73'), José Antonio (Ramón 55'), Mario, Eloy Lema, Pablo (Chema 45'), Norberto, Martín, Rubio (Christian 66'), Lucas ( Jorge 60'), Martín MC, Alberto.

Goles: 1-0 Martín MC (2'), 2-0 Martín (16'), 3-0 Martín MC (32'), 4-0 Martín MC (40'), 5-0 Christian (69'), 6-0 Christian (72'), 7-0 Jorge (82'), 8-0 Martín MC (88').

15 feb 2013

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - C. F. DUMBRÍA B
Domingo 17 de febreiro; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Adrián Pardiñas García.

XUVENIL (COPA DA COSTA - GRUPO 1º)
CAMARIÑAS C. F. - C. D. BAIO
Sábado 16 de febreiro; 15:45 horas.
Saída de Baio ás 14:15 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: Adrián Pérez Rellán.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - PONTECESO S. D.
Sábado 16 de febreiro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Adrián Varela García.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - OUTES F. C.
Domingo 17 de febreiro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Julián Carlos Brea Sánchez.

BENXAMÍN/ALEVÍN (F-8 COSTA NORTE)
MUXÍA C. F. - C. D. BAIO
Sábado 16 de febreiro; 11:00 horas.
Saída de Baio ás 10:00 horas.
Campo: Arliña (Muxía). 
Árbitro: Rubén Reborido Rodríguez.

14 feb 2013

ESA MARABILLOSA AFECCIÓN!!!

Santi Soneira déixanos varias imaxes da afección do CD BAIO no seu partido disputado en Esteiro. Foron moitos os que se achegaron a terras esteirás, ben en coche propio, ben nos autobuses que se puxeron ao efecto. Moitos deles chegaron disfrazados, aproveitando o carnaval e as ganas de festa.

Dous "entruidos" no autobús.





Con este equipo o Baio gañaba a liga de calle.