C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 may 2012

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA



XUVENIL (FASE DE ASCENSO Á LIGA GALEGA)
C. D. BAIO - C. D. SAN MARCOS
Sábado 02 de xuño; 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

BENXAMÍN-ALEVÍN (FÚTBOL 7 - COSTA NORTE)
SP. ZAS - C. D. BAIO
Venres 01 de xuño; 18:00 horas e 19:00 horas.
Saída de Baio ás 17:00 horas.
Campo: San Andrés (Zas).
Árbitro: Manuel Trillo López.

29 may 2012

DURA DERROTA EN SAN MARCOS

C. D. SAN MARCOS 5 - C. D. BAIO 0

Na tarde do sábado disputábase o partido de ida da primeira eliminatoria da Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil entre o CD SAN MARCOS santiagués e o CD BAIO. Despois dunha mañá chuviosa, a tarde despexada serviu para xuntar unha boa cantidade de público no campo municipal de Bando, case toda ela chegada de terras baiesas, nun autobús fletado para os afeccionados, ademais dos chegados en coches particulares.
O desenvolvemento do encontro estuvo claramente influído polo terreo de xogo, un campo de terra cuberto de area, que presentaba algunha que outra poza da chuvia que foi secando conforme pasaban os minutos. Ademais, as súas dimensións (90 x 49 metros) impedían o xogo de toque e combinación, e propiciaban que as xogadas a balón parado (córners e saques de banda) fosen as protagonistas do partido. Comentaban algúns dos seareiros veteranos que lembraba un partido de hai trinta anos no Balsiño. E de todo isto sacaron proveito os xogadores locais, afeitos a este campo, e mermou as capacidades do rival. Polo demais non se demostrou gran diferenza entre ambos os dous equipos.
Comezou moi temeroso o partido o CD BAIO, moi preocupado polo campo e polo balón (o lendario Mikasa), e pagouno moi caro, pois non se disputaran dez minutos e xa levaba dous no lombo. Falábase da calidade do dianteiro do San Marcos, Lucas, a dicir de moitos seguidores da liga xuvenil compostelá como o máis desequilibrante deste grupo, e abofé que o demostrou. Unha xogada súa cunha apertura á banda, remata nun frouxo remate que debido a un bote falso no campo se lle escapa a Pollo e o rexeite chégalle a Lucas que bate con suspense a meta baiesa, pois chegou a sacar o balón Pablo, pero o xuíz de liña indicou que atravesara por completo a liña de gol. Este tanto puxo máis nerviosos aos xuvenís baieses, que vían que era imposible practicar o seu xogo naquel terreo e non sabían como chegar á meta rival. Si que o sabía o San Marcos, e Lucas en particular, que se foi en velocidade do seu par e bate a Pollo por baixo na súa saída. Os máis de trinta minutos que restaban para o descanso foron soporíferos, cun San Marcos pechado atrás, que só se achegaba nalgunha contra e nos saques de banda, que colgaban unha e outra vez á área sobre os seus homes altos ao estilo do clásico fútbol inglés. Da outra banda, o Baio, que non sabía como atacar aquela defensa ao non poder facelo coas combinacións dos seus técnicos xogadores. Intentouno Bieito e Fachal, pero non daban coa tecla, e tan só algún lanzamente exterior poñía algo de perigo.
Comezou a segunda parte, cos baieses a por todas en busca dun gol que puxese a eliminatoria de cara, e foise arriba, moitas veces máis co corazón que coa cabeza, o que deixaba moitos ocos atrás. Se a isto lle sumamos que a defensa baiesa, case sempre segura, non estaba nada fina, o resultado foi o que reflectiu o marcador final. O pesadelo do dianteiro local Lucas, volveu de novo co seu terceiro gol, ao irse por forza dunha defensa que non atinou a sacar o balón polos irregulares botes e conseguiu bater a Guillermo. Por se todo isto non fose abondo, a mala sorte tamén se cebou cos baieses, como se demostrou nos dous últimos tantos. Unha falta lateral a favor dos locais é mal despexada por Maikel e o balón quédalle franco a un dianteiro local que só ten que empurrala. Cando quedaban menos de cinco minutos, tras varios balonazos ao aire santiagués un xogador local engancha unha volea desde trinta metros que se coa pola escuadra. Ocasións visitantes case non houbo, pois as súas chegadas non creaban perigo, tan só subliñar un disparo de Christian que foi sacado con apuros polo porteiro local na base do poste.
Duro castigo para os xuvenís ante un rival que non demostrou nada do outro mundo, no que tan só destacou a calidade do seu dianteiro Lucas, fronte a un Baio, que con todo non estivo nunca cómodo no partido, e que botou en falta a presenza do sancionado Rubio. Agora esperan o desquite os baieses o próximo sábado, sabedores de que 90 minutos no Platas Reinoso "son molto longos".

23 may 2012

O COMITÉ DE APELACIÓN DÁLLE A RAZÓN AO CD BAIO NO RECURSO POLO RESULTADO CONTRA O PINDO

Reunido o Comité de Apelación da F.G.F. no día de onte, para resolver o recurso interposto polo C. D. BAIO contra o acordado polo Comité Territorial de Competición e Disciplina na súa reunión do 9 de maio, decidiu darlle a razón ao C. D. BAIO e revogar parcialmente o acordado por dito Comité.

Na resolución do Comité de Competición e Disciplina, referida ao partido CD BAIO - O PINDO CF disputado o pasado 6 de maio (suspendido no minuto 50 co marcador de 8-1, ao quedar o cadro visitante con só seis xogadores sobre o campo pola lesión de dous dos seus xogadores); o mencionado comité sancionara outorgarlle os tres puntos ao CD BAIO polo resultado de 3-0, ademais de descontar da clasificación  dous puntos ao club visitante e impoñerlle unha multa económica.
Ante esta resolución o CD BAIO decidiu presentar un recurso ao Comité de Apelación, pois consideraba que se debía manter como definitivo o resultado que reflectía o marcador no momento da suspensión e non outorgarlle un 3-0.
O Comité de Apelación considera que o Comité de Competición e Disciplina fixo unha mala interpretación do Regulamento, pois segundo o artigo 102 dos Estatutos federativos e Réxime Disciplinario "el club culpable será sancionado, en caso de competición por puntos, con la pérdida del encuentro al infractor con el resultado de cero goles a tres -salvo que el oponente hubiese obtenido un resultado superior-". Ademais, engaden que no artigo 59.1 do Código Disciplinario disponse que "en los supuestos en que la infracción cometida lleve aparejada la sanción de pérdida de encuentro, se declarará vencedor al oponente con el resultado de tres goles a cero -salvo que se hubiere obtenido un tanteo supeior-, si la competición fuere por puntos".

Xa que logo, o Comité Territorial de Apelación acorda: "Estimar el recurso de apelación formulado por el C. D. Baio, revocando parcialmente el acuerdo impugnado, dictado por el Comité Territorial de Competición y Disciplina de fecha 9 de mayo de 2.012, en sentido de declarar como vencedor del encuentro, mediante la adjudicación de tres puntos y por el resultado de C. D. Baio (8) - O Pindo C. F. (1), y manteniendo el resto de los pronunciamientos de la resolución apelada".

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA



XUVENIL (FASE DE ASCENSO Á LIGA GALEGA)
S. D. SAN MARCOS - C. D. BAIO
Sábado 26 de maio; 16:00 horas.
Campo: Municipal de Bando.

BENXAMÍN-ALEVÍN (FÚTBOL 7 - COSTA NORTE)
C. D. BAIO - S. D. SOFÁN
Venres 25 de maio; 19:00 horas e 20:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).


INDICACIÓNS PARA CHEGAR AO CAMPO DE FÚTBOL DE BANDO:

- Ir de Baio a Santiago pola ruta que queiras.
- Unha vez na capital coller a estrada Lavacolla-Lugo.
- Ao chegar a San Marcos, buscar a Raxería San Marcos (á man dereita).
- Xusto antes da Raxería hai unha pista pola que colleremos.
- Seguimos esa pista uns 400 m. e collemos a 2ª á dereita e xa vemos o campo.

19 may 2012

CD SAN MARCOS, RIVAL DO CD BAIO XUVENIL

Despois da última xornada do Grupo 6º da 1ª Autonómica Xuvenil (zona de Santiago) xa temos a clasificación definitiva, que non varía da ofrecida na anterior xornada, á espera da confirmación oficial. O cuarto clasificado ao final é o CD SAN MARCOS, de Bando-Santiago, que casualmente foi o único dos cinco primeiros que non conseguiu a vitoria nesta última xornada, pero o seu empate na casa a ceros, serviulle para manter a cuarta praza, empatado co Villestro, pero co golaveraxe a favor.
O San Marcos gañou 20 partidos, empatou 3 e perdeu 11. Rematou de forma excepcional a liga, con cinco vitorias e un empate no último encontro, o que lle valeu para distanciarse doutros clubs con máis nome.

O rival do outro equipo da Costa, a SCD MALPICA, é a Escola de Fútbol Lalín, campión dese grupo 6º.
Si, este o campo de Bando, no que xoga o San Marcos.
Por moito que amplíes a imaxe o campo non vai medrar.
Polo tanto, a próxima fin de semana teremos que acudir en masa ao campo de Bando para animar os xuvenís baieses, nun campo de fútbol que fala por si mesmo.

17 may 2012

JAVI SUÁREZ, PICHICHI DA LIGA DA COSTA

Javier Suárez Amado, "Javi Suárez", xogador do C. D. BAIO, foi o máximo goleador da Liga da Costa, alcanzando a cifra de 30 goles. Superou por un gol a Vituco, do Club do Mar, e a Leo, do Camariñas.
Javi Suárez incorporouse na presente temporada á disciplina do C. D. BAIO, procendente do Sp. Zas, e demostrou ao longo da temporada un gran relación do gol, fomentado nun gran regate e na capacidade de desmarque.
Javi Suárez en velocidade encarando a meta rival.
[Foto: Santi Díaz]
A capacidade goleadora do equipo, con 88 goles a favor, demostra a potencia deste equipo en tarefas ofensivas. Na táboa de goleadores figuran outros xogadores entre os 25 primeiros. Na sétima posición quedou MARTÍN MC, con 20 goles, que non puido disputar as últimas xornadas por unha grave lesión (no momento de lesionarse MC figuraba na 2ª posición na táboa de goleadores). No posto 18º figura CANAY, con 13 goles, completanto o tridente ofensivo que tantas tardes de gloria lle deu este ano ao CD BAIO. Un centrocampista como ALBERTO, rematou na 25ª posición, cun total de 10 goles ao longo da temporada.
O tridente do Baio (Javi Suárez, Canay e MC) logrou 63 goles.
[Foto: Santi Díaz]

A continuación ofrecemos a CLASIFICACIÓN FINAL DOS 50 MÁXIMOS GOLEADORES DA LIGA DA COSTA 2011-12 (pica para ampliar):

VAISE PERFILANDO O RIVAL DO BAIO XUVENIL

Na tarde deste xoves disputouse a penúltima xornada do Grupo 6º da Primeira Autonómica Xuvenil e clarificáronse algúns aspectos da clasificación. Como sabedes ao CD BAIO correspondeulle no sorte da fase da ascenso á Liga Galega o 4º clasificado deste grupo. Despois da xornada de hoxe, quedaron definidos os cinco conxuntos que xogarán a promoción neste grupo: EF Lalín, Sp. Estrada, CD Unión, CD San Marcos e SD Villestro; quedando descartados o Silleda e o Puebla. O que non está decido é o posto que ocuparán estes equipos.
Na xornada de hoxe déronse estes resultados: Villestro 10 - EF Arzúa 4; Grixoa 0 - Sp. Estrada 1; Puebla 2 - San Marcos 4; Abanqueiro 3- Unión 4; Trazo 1 - Silleda; Porto do Son 1 - EF Lalín 3. Con estes resultados a clasificación queda como segue:

1º - EF LALÍN..................  75 ptos. 33 - 23-06-04 -   97-43 
2º - SP ESTRADA............  74 ptos. 33 - 23-05-05 - 101-34
3º - CD UNIÓN................. 62 ptos. 33 - 19-05-09 -   82-56
4º - CD SAN MARCOS.... 62 ptos. 33 - 20-02-11 -   92-66
5º - SD VILLESTRO........  60 ptos. 33 - 19-03-11 - 109-73

Na última xornada terán lugar os seguintes enfrontamentos: EF Lalín-Grixoa; Sp. Estrada-Cacheiras; Unión-Noia; San Marcos-At. Oleiros; Silleda-Villestro. Polo tanto, se os resultados son os normais deberan gañar os cinco equipos implicados e manterse as posicións arriba indicadas. De ser así o rival do CD BAIO sería o CD San Marcos santiagués; mentres que o da SCD Malpica serían as EF Lalín (non confundir co CD Lalín). 

CLASIFICACIÓNS E GOLEADORES

Ofrecemos a continuación as clasificacións das distintas categorías de fútbol base nas que participa o CD BAIO, que chegaron á súa fin en xuvenís, cadetes e infantís. Destacar o título conseguido polo noso club na Liga da Costa Xuvenil.

 Tamén ofrecemos aquí a clasificación definitiva dos goleadores das distintas categorías do CD BAIO, que foron encabezadas por Javi Suárez nos afeccionados, Rubio nos xuvenís, Christian nos cadetes e Sergio nos infantís.

VITORIA EN BUÑO PARA PECHAR A TEMPADA

S. C. D. BUÑO 1 - C. D. BAIO 2

Na tarde do domingo, de moito sol pero tamén de vento, na vila oleira disputouse o último partido desta liga 2011-12, no que apenas había nada en xogo, tan só asegurar a sexta praza por parte do CD BAIO. E foi este equipo o que máis ganas puxo, a pesar de contar nas súas filas con varios xuvenís que no día anterior gañaran a liga da Costa da súa categoría. O resultado final non foi reflexo do que sucedeu no campo de Xaviña, pois o Baio dominou e creou numerosas ocasións para levar un resultado máis amplo.
Comezou o partido co Baio máis enchufado, movendo o balón a pesar das dificultades que ofrecía o vento para controlalo, e axiña chegaron as primeiras ocasións por parte de Javi Suárez, Bieito e Martín que non se materializaron. Produto do seu dominio chegou o primeiro gol nunha rápida combinación dos seus homes de ataque, que transformaría en gol Javi Suárez batendo o porteiro na súa saída. Puido Bieito ampliar o marcador instantes despois de que chegase o gol do xuvenil, ao rematar de cabeza un centro de Javi Suárez. Só co 0-2 espertou o Buño, creando algunha ocasión, sobre todo en balóns longos buscando as costas da defensa baiesa, sobre os seus puntas Víctor e Dourado, e que tivo o seu premio nunha delas, ao arrancar Dourado en posición máis que dubidosa e bater a Manuel na súa saída. De aquí ao final da primeira parte foi de dominio local, animado polo gol, pero sen crear moitas ocasións de perigo.
Bieito creou xogo e marcou o seu primeiro gol cos grandes.
(Foto: Santi Díaz)
Comezou a segunda parte e o Baio volveu coller o mando do encontro. As combinacións de Martín e Bieito na media punta creaba moitos problemas ao sistema defensivo oleiro, e as internadas de Javi Suárez supuñan un constante perigo para a meta de Brais. O punta de Quintáns gozou de numerosas e claras ocasións de gol, que ía errando unha tras outra, demostrando que non tiña o seu día. Tamén puido marcar Martín nun balón para empurrar, pero fóiselle alto. De todos os xeitos, o Buño non se achegou con perigo ningún á meta defendida neste periodo polo xuvenil Guillermo, non poñendo en perigo a vitoria visitante.
Con este marcador o Baio remata a liga na sexta praza con 57 puntos, completando unha gran temporada. Puido ser mellor se as lesións de homes importantes neste treito final non mermasen o potencial do equipo, e poderíase estar loitando polas prazas de ascenso e promoción ata o final, pero a escaseza de efectivos xunto co bo papel que desenvolveron os xuvenís na súa liga fixeron que tivéramos que conformarnos con este sexto posto. É de destacar a capacidade goleadora deste equipo ao anotar 88 goles nos 34 partidos, só superados polos 90 do Camariñas.
Remata a Liga da Costa co campionato logrado polo Club do Mar de Caión, que ascende á 1ª Autonómica, xunto co Camariñas e Corme (ou Fisterra se os cormeláns renuncian ao ascenso). Xogará a promoción de ascenso o Fisterra (ou o Malpica se os fisterráns ascenden directamente).

No último partido da tempada xogaron polo CD BAIO: Manuel (Guillermo 45'), Matías, Yago, José Antonio (Mario 87'), Pablo, Eloy, Fachal, Martín, Lucas (Andrés 80'), Bieito (Fredi 89'), Javi Suárez.

Goles: 0-1 Javi Suárez (12'), 0-2 Bieito (19'), 1-2 Dourado (39').

15 may 2012

RESULTADO DO SORTEO DA FASE DE ASCENSO Á LIGA GALEGA XUVENIL

DESCOÑÉCESE AÍNDA O RIVAL DO C. D. BAIO

Celebrouse este luns na sede da Federación Galega de Fútbol o sorteo da fase de ascenso á Liga Galega Xuvenil, para a que estaban clasificados 32 equipos, 16 na zona Norte (provincias da Coruña e Lugo) e 16 na zona Sur (Ourense e Pontevedra). De cada zona ascenderán catro equipos, é dicir, para ascender hai que superar dúas eliminatorias. Na zona Norte clasifícanse os dous primeiros do Grupo 1 (A Coruña), Grupo 2 (As Mariñas), Grupos 3 e 4 (Costa), Grupo 5 (Ferrol) e os cinco primeiros do Grupo 6 (Santiago-Barbanza); así como os campións dos Grupos 7 e 8 (Lugo) e o gañador da promoción entre os segundos destes dous grupos lucenses. Condicionado o sorteo a que non se puidesen enfrontar na primeira eliminatoria dous primeiros entre si, nin dous equipos que estivesen no mesmo grupo; do mesmo xeito, o partido de volta disputarase no campo do primeiro de grupo. Tamén queda pendente coñecer quen serán os representantes do Grupo 6º, pois faltan por disputar dúas xornadas de liga (xoves e sábado próximo).

O resultado da primeira eliminatoria, que se disputará o 26/27 de maio e 2/3 de xuño, foi o seguinte:

1) 4º clasificado Grupo 6º - C. D. BAIO
2) IMPERÁTOR OAR - O VAL
3) GALICIA MUGARDOS - 2º clasificado Grupo 6º
4) 5º clasificado Grupo 6º - ORILLAMAR
5) OLÍMPICO - MILAGROSA
6) POLVORÍN - BETANZOS
7) 3º clasificado Grupo 6º - BURELA
8) S. C. D. MALPICA - 1º clasificado Grupo 6º

A seguinte e definitiva eliminatoria, 9/10 e 16/17 de xuño, terá os seguintes emparellamentos:

Vencedor 1) - Vencedor 2)
Vencedor 3) - Vencedor 4)
Vencedor 5) - Vencedor 6)
Vencedor 7) - Vencedor 8)

Na disputa das eliminatorias terase en conta os goles marcados en campo contrario en caso de empate, de persistir este habería que proceder ao lanzamento de penaltis, non habendo en ningún caso prórroga. No aspecto disciplinario comeza un novo ciclo de cartóns, pero deberán cumprir sanción aqueles que fosen expulsados (directa ou dobre amarelo) e aqueles que cumpran acumulación de cinco tarxetas.

CAL SERÁ O RIVAL DO C. D. BAIO?

Como dixemos non rematou a liga no Grupo 6º e non sabemos quen ocupará a cuarta praza que lle dá dereito a enfrontarse co noso equipo. Nestes momentos, a falta de dúas xornadas, son cinco os equipos que poden ocupar esta praza. Mentres loitan polo título dous equipos (un deles será o rival do Malpica), outros cinco están bastante igualados e nestas dúas xornadas mesmo hai enfrontamentos entre eles. A clasificación actual do grupo é a seguinte:

1º - E. F. LALÍN                      72 puntos
2º - SPORTING ESTRADA   71 puntos
3º - UNIÓN ASADOS            59 puntos
4º - SAN MARCOS                59 puntos
5º - VILLESTRO                    57 puntos
6º - SILLEDA                         56 puntos
7º - PUEBLA                          55 puntos
(Esta é a clasificación que figura na FGF, outras páxinas web danlle 58 puntos ao Puebla)

O próximo sábado sairemos de dúbidas e xa informaremos do resultado oficial. O que si sabemos é que de pasar a primeira eliminatoria o rival sería o gañador da eliminatoria entre o Imperátor coruñés e O Val ferrolán.

14 may 2012

C. D. BAIO CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA XUVENIL

U. C. CEE 2 - C. D. BAIO 3

Contra todo prognóstico o C. D. BAIO foi o campión da LIGA DA COSTA XUVENIL e disputará a promoción de ascenso á Liga Galega como primeiro de grupo. E todo se decidiu nos minutos finais dos dous partidos sobranceiros da xornada: o Malpica-Dumbría B e o Cee-Baio. No primeiro deles producíase a remontada dos dumbrieses, que empataban no min. 87 e conseguían o definitivo 2-3 no tempo de desconto. Outro tanto pasaba no segundo partido, pois houbo que agardar ao tempo engadido para que o Baio certificase o triunfo e lle arrebatase ao Malpica a primeira praza.
O encontro en San Paio de Refoxos na tarde do sábado foi presenciado por numeroso público, tal e como se presaxiaba durante a semana a través da rede. A marea azul local ocupou as bancadas con pancartas e bocinas, mentres que a ampla expedición baiesa se apostaba na banda contraria. Comezou o partido cun gran respecto entre os dous equipos e un nerviosismo latente en moitos dos xogadores. Coma sempre, os baieses intentaban xogar a pelota desde atrás, co seu característico fútbol de toque, mentres que os locais agardaban máis pechados atrás na busca do erro rival e saír na contra. E este chegou cando menos se esperaba, nun saque de porta en curto de Guillermo para Yago, que perde o balón ante Carlos, que bate por baixo a portería baiesa. Os seguintes minutos foron aínda de maior nerviosismo entre os xogadores baieses, con continuos erros nos pases, sen lograr combinar cos mediapuntas nin coa dianteira. Pero pouco a pouco foi recuperando sensacións o Baio, a través da garra de Fachal, e a entrada máis en xogo dos seus homes de ataque, e así chegou a grande ocasión dos visitantes na primeira parte, cun man a man do cadete Christian co porteiro, que salvou este in extremis co pé. Esta ocasión animou aos baieses e meteulle o medo no corpo aos locais, e fixo que ata o final do primeiro tempo fose un monólogo atacante do Baio, pero sen acerto da cara ao gol.
Principiou a segunda parte polos mesmos derroteiros, cun Baio amo do partido, a través das combinacións Bieito-Rubio-Christian en ataque, que roldaban a meta ceense. Tivo unha nova oportunidade clarísima Christian noutro man a man, pero a súa vaselina era detida coa punta dos dedos polo meta Iván, o mellor dos locais. Parecía que non era o día do crack de Bamiro. Para colmo de males nunha boa xogada dos ceenses pola banda dereita chegaba o segundo gol, obra de Sergio cun forte lanzamento á base do poste da portería defendida neste tempo por Pollo. Parecía sentenciado o partido, sobre todo pola desesperación que mostraban as caras dos baieses, que vían como o Cee conseguira dous goles nas súas dúas ocasións claras. Pero aí saíu a relucir a casta dos baieses, que baseándose na súa fortaleza física (outra das claves deste equipo) lograron borrar do mapa aos locais nos últimos vinte minutos. A remontada iniciouse nunha xogada de Rubio pola banda esquerda, que tras internarse na área é derrubado polo seu par, indicando o colexiado o claro penalti. Pena máxima que foi transformada polo propio Rubio, pichichi deste equipo. O gol aumentou aínda máis a confianza baiesa, pois tiña vinte minutos para conseguir un segundo gol que os metese na fase de ascenso. Christian tiña unha espiña cravada co gol, e tiña que quitala, e foi a falta de sete minutos para o final do partido, cunha internada pola esquerda que acabou cun forte lanzamento ao fondo das redes ceense. De aquí ao final, foron minutos de moitos nervios, pois estaba moito en xogo. Os ceenses tiveron que ir arriba na busca da vitoria que os levase á fase de ascenso, pero tanto o porteiro Pollo como a defensa estiveron moi seguros e expeditivos, mentres no ataque Bieito, Rubio e Christian buscaban rápidas contras. Xa en tempo engadido, nunha destas contras unha saída en falso do porteiro ceense fóra da área, perdía o balón ante Christian, que cedía a Fachal que dun magnífico lanzamento en vaselina desde uns 35 metros conseguía introducir o balón na meta local, premiando o seu magnífico partido. O gol foi protestado polos locais, pois argumentaban que había un xogador deles tirado no chan, o que provocou unha pequena tángana entre os xogadores que empañou un pouco este disputado e competido encontro. Co saque de centro, o colexiado sinalou o final do partido coa vitoria baiesa por 2-3.
Esta vitoria premia o gran traballo desenvolvido por Nacho e os seus xogadores ao longo da temporada, e dos tres anos que leva o adestrador baiés ao mando deste equipo, formando un bloque de xogadores que a bo seguro darán moitas tardes de gloria no Platas Reinoso. Celebrárono os xogadores nunha churrascada ofrecida por un grupo de socios no campo baiés, que logo se prolongou ata altas horas en locais de Baio e Ponteceso. Agora terán o premio de disputar a fase de ascenso á Liga Galega (sorteo que se realizará o luns ás 20:00 na sede da Federación Galega). Acabou a Liga da Costa con catro equipos de gran nivel, que disputaron o título e a segunda praza de acceso á fase de ascenso ata o último momento. Ao final o Baio quedou campión con 31 puntos, o Malpica segundo con 29, e o Cee e o Dumbría B quedaron con 28 puntos na terceira e cuarta posición, respectivamente.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo (Pollo 45'), Maikel (Cachopo 51'), Pardo, Yago, Pablo, Fachal, David (Vereda 74'), Lucas, Rubio, Bieito, Christian.

Goles: 1-0 Carlos (21'), 2-0 Sergio (57'), 2-1 Rubio (p., 70'), 2-2 Christian (83'), 2-3 Fachal (93'). 

13 may 2012

RESULTADOS

Liga da Costa: S. C. D. BUÑO 1 - C. D. BAIO 2
                                   [Víctor / Javi Suárez, Bieito]

Xuvenil: U. C. CEE 2 - C. D. BAIO 3
                             [Rubio, Christian, Fachal]

Infantil: C. D. BAIO 4 - S. D. FISTERRA 5
        [Álex, Senande, Fran (2)]

11 may 2012

ÚLTIMA XORNADA DA TEMPADA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
BUÑO S. C. D. - C. D. BAIO
Domingo 13 de maio; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: Xaviña (Buño).

XUVENIL (LIGA DA COSTA - 2ª FASE)
U. C. CEE - C. D. BAIO
Sábado 12 de maio; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: San Paio de Refoxos (Cee).

INFANTIL (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. FISTERRA
Domingo 13 de maio; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

BENXAMÍN-ALEVÍN (FÚTBOL 7 - COSTA NORTE)
C. D. BAIO - PONTECESO S. D.
Sábado 12 de maio; 17:00 e 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

10 may 2012

8 may 2012

O SÁBADO 12, A "FINAL" XUVENIL

O SÁBADO TODOS A CEE!!!!

O próximo sábado 12 de maio ás 17:00 horas vai ter lugar no campo de San Paio de Refoxos o último partido da segunda fase da Liga da Costa Xuvenil, que vai enfrontar a U. C. CEE e C. D. BAIO. O premio nin máis nin menos que a clasificación para disputar a fase de ascenso á Liga Galega.
Nestes momentos o Baio e o Cee están empatados con 28 puntos, a un do líder Malpica, que ten 29 puntos e xa está clasificado. Deste xeito, se os malpicáns non gañasen fronte ao Dumbría B, tanto Baio como Cee poderían acabar primeiros se gañan o seu partido. Pero o importante é clasificarse entre os dous primeiros, que son as prazas que dan dereito á fase de ascenso. Para iso, ao Baio chégalle con empatar en San Paio, pois no partido da primeira volta ese foi o resultado rexistrado e a golaveraxe xeral é favorable aos baieses. Tamén nun caso de triple empate se verían beneficiados o Malpica e o Baio. Xa que logo, aos ceenses só lles vale a vitoria.

 
O choque xa está fervendo na rede. Podedes animar os xuvenís do Baio a través do twitter, no hashtag #vamosbaio.
Tamén hai un par de vídeos colgados no YouTube por cada unha das afeccións. Podedes ver aquí o elaborado por Santi Díaz:


E aquí o elaborado polo UC Cee:

7 may 2012

DÚAS VITORIAS NESTA FIN DE SEMANA

CAMARIÑAS F. C. 0 - C. D. BAIO 1


Guillermo, "o gato de Bamiro"
deixou a portería a cero
Na tarde do sábado desprazábase o Baio a Camariñas para disputar o encontro de volta dos dezaseisavos de final da Copa da Costa, un partido case intrascendente logo da ampla vitoria camariñán no encontro de ida. Con todo, o Baio, cunha mestura de xogadores afeccionados e xuvenís, xogou un bo partido e demostrou que foi superior ao Camariñas nos dous encontros da eliminatoria a pesar do que poida dicir o marcador final da serie.
Ao igual que no partido de ida, o Baio moveu con criterio o balón facendo que os locais se dedicasen a cerrar liñas e a enviar o balón o máis lonxe posible da súa portería. Con todo, non foron moitas as opcións de gol, e as poucas que houbo foron ben atalladas polo meta Pombo, con moito o mellor xogador dos camariñáns na eliminatoria.
Tono non puido ser profeta na súa
terra e eliminar o Camariñas.
A segunda metade seguiu coa mesma tónica, co Baio buscando combinar para achegarse á meta rival, e o Camariñas buscando as contras a través dos balóns longos de Pombo sobre Javi ou Juan, pero sen inquietar nunca ao xuvenil Guillermo. Mediada a segunda parte conseguía bater Javi Suárez a meta camariñana, e volveríao facer poucos minutos despois pero o colexiado anulouno por un axustado fóra de xogo. Non había noticias do cadro local, e tan só a expulsión do seu xogador Juan polas súas continuas protestas ao longo do partido, fixo que se pechasen máis atrás esperando o paso dos minutos. O Baio foise con todo arriba pero non aproveitou as súas ocasións, e vía como o Camariñas tiña as súas mellores opcións nestes últimos minutos logo da entrada do xuvenil Yuyo, o único que inquietou a Guillermo.
Quedou eliminado o Baio, pois da Copa, que xogou máis e mellor que o Camariñas, pero no fútbol o que importan son os goles, e os do Vilán aproveitaron as súas ocasións no partido de ida e pasan a oitavos de final.

Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Matías, José Antonio, Yago, Ramón, Eloy, Martín, Alberto, Bieito, Javi Suárez, Valentín (Rubio 45').

Gol: Javi Suárez (64').


C. D. BAIO 8 - O PINDO C. F. 1

Despedía este domingo o Platas Reinoso a competición de liga coa visita do Pindo, e a xornada non puido ser máis triste. Presentábanse os pindexos con só sete xogadores a xogar o partido (iniciado este incorporaríase un oitavo), unha mostra máis da mala imaxe que está a dar a Liga da Costa, na que hai un superávit de equipos, sobre todo nalgúns concellos. Á parte da mala planificación que ano tras ano fai a Federación (sen que os clubes fagan nada, claro está), coa coincidencia de Liga e Copa, desvirtuando a competición ligueira.

Con todo, desde a directiva do Pindo fixeron constar a súa "vergonza" por non poder presentar un once inicial e deron a cara presentándose a xogar, e non quedando na casa como foi o caso doutros clubes que se viron na súa situación.

Javi Suárez marcoulle 7 ao Pindo
e leva 29 na liga  (Foto:Touri)
Xa que logo, o partido non tivo moita historia e o Baio cercou a portería pindexa, na busca de sentenciar canto antes o partido. Así abría a lata Javi Suárez aos 9 minutos, e logo Martín poñía o segundo. A sucesión de goles non se fixo esperar, a pesar de incorporar os visitantes o seu oitavo xogador aos 20 minutos de comezado o partido. A sorpresa saltou co gol do Pindo, un magnífico lanzamento de Bicho desde corenta metros que entraba pola escuadra dun adiantado Manuel. Ao descanso chegouse cun marcador propio dun partido de tenis, 6-1, a pesar de que o Baio errou numerosas ocasións de gol.

Inicíabase a segunda parte cunha baixa nos visitantes, pois o seu porteiro caera "lesionado" no final da primeira. Aproveitou estes primeiros minutos Javi Suárez para anotar dous goles máis, e subir a súa cifra a sete neste encontro, que fai que alcance os 29 no total da temporada e loite con Vituco polo pichichi. Nada máis marcar o oitavo gol os locais, unha nova "lesión" nos visitantes poñía fin ao partido cando só se disputaran 50 minutos.
Con esta vitoria, á espera de que a certifique a Federación, o Baio ascende á sexta praza, que deberá conservar no derradeiro partido do ano en Buño o vindeiro domingo. O mellor do día de hoxe foron os pinchos que os xogadores do Baio lle ofreceron a todos os afeccionados que se achegaron ao Platas Reinoso, así como ao equipo visitante.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, José Antonio (Ramón 45'), Fredi, Pablo, Eloy, Mario, Andrés, Alberto, Martín, Javi Suárez.

Goles: 1-0 Javi Suárez (9'), 2-0 Martín (11'), 3-0 Javi Suárez (19'), 4-0 J. Suárez (27'), 5-0 J. Suárez (31'), 5-1 Bicho (38'), 6-1 J. Suárez (42'), 7-1 J. Suárez (46'), 8-1 J. Suárez (50').

RESULTADOS

Liga da Costa: C. D. BAIO 8 - O PINDO C. F. 1
                  [Javi Suárez (7), Martín / Bicho]
(O Pindo xogou con 8 xogadores e ao "lesionarse" dous suspendeuse o partido no minuto 50)

Copa da Costa: CAMARIÑAS F. C. 0 - C. D. BAIO 1
                                                               [Javi Suárez]

Xuvenil: C. D. BAIO 4 - S. C. D. MALPICA 0
        [Christian (2), David, Cachopo]

Cadete: C. D. BAIO 1 - SANTA COMBA C. F. 3
             [Kevin]

Infantil: E. M. F. VIMIANZO 2 - C. D. BAIO 3
                                             [Noelia, Fran, José Figueiras]

Alevín: E. M. F. VIMIANZO 6 - C. D. BAIO 2

Benxamín: E. M. F. VIMIANZO 7 - C. D. BAIO 1

3 may 2012

PARTIDOS DESTA SEMANA



COPA DA COSTA (DEZASEISAVOS DE FINAL - VOLTA)
CAMARIÑAS F. C. - C. D. BAIO
Sábado 5 de maio; 18:30 horas.
Saída de Baio ás 16:45 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: Juan Alberto Blanco Bravo.

LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - O PINDO C. F.
Domingo 6 de maio; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Santiago Vázquez Passannante.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - SEGUNDA FASE)
C. D. BAIO - S. C. D. MALPICA
Venres 4 de maio; 20:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Adrián García Rodríguez.

CADETE (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - SANTA COMBA C. F.
Sábado 5 de maio; 11:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Alfonso Santiago Souto.

INFANTIL (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
E. M. F. VIMIANZO - C. D. BAIO
Sábado 5 de maio; 20:00 horas.
Saída de Baio ás 18:45 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).
Árbitro: Jacobo Gesto Lado.

BENXAMÍN-ALEVÍN (FÚTBOL 7 - COSTA NORTE)
E. M. F. VIMIANZO - C. D. BAIO
Sábado 5 de maio; 16:00 horas e 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).
Árbitro: Santiago Boedo Varela.