C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

28 oct 2014

C.D. BAIO 3 - CORME C.F. 0

Tarde de domingo con moito sol e boa temperatura que resultou idónea para a celebración dun interesante partido entre o CD Baio e o Corme CF, actual campión da Liga da Costa. Moita expectación que trouxo ao Platas Reinoso a máis de 400 afeccionados, moitos deles procedentes da vila mariñeira. Este derby chegaba tras a derrota dos dous contendentes na pasada xornada, que truncaban a boa racha que os dous mantiñan, o que non impediu que os dous seguisen ocupando os postos altos da clasificación.
A primeira parte mantivo o respecto dos dous equipos, que trataban de crear perigo coas mesmas armas: o fútbol combinativo, pero non houbo moitas ocasións na primeira media hora. A primeira oportunidade chegou nas botas de Martin, que se atopou co pau nun lanzamento de falta (min.32); dous minutos despois foi outro clásico da Costa, o cormelán Alejandro o que puido abrir o marcador, pero o seu cabezazo tras lanzamento de córner saíu alto. Quen si o conseguiu foi Fachal (min. 37) que puxo o 1-0 ao aproveitar un pase de MC tras un saque de esquina.
A segunda metade trouxo un Corme máis incisivo na busca do empate e un Baio que se repregou un pouco para aproveitar a velocidade dos puntas nos contraataques. Lucas tivo a mellor oportunidade visitante (min.60) pero o seu lanzamento desde fóra da área fixo lucir a Dani. Foi o previo ao segundo gol baiés, que chegou dun erro do meta Suso que aproveitou Martín MC para batelo de fermosa vaselina (min.62). Puido marcar de novo MC no min. 70 pero non enganchou un pase extraordinario de Bieito. A última ocasión do Corme de meterse no partido estivo na cabeza de Pandi, que nun córner rematou alto. A resposta do Baio foi contundente e novamente a conexión Bieito-MC deu lugar ao 3-0 e á sentenza definitiva (min.79).

Aquí vos deixamos as fotos do partido de Santi Soneira:







20 oct 2014

S.D. SOFÁN 3 - C. D. BAIO 1

Grande ambiente no campo do Carral para a disputa do encontro entre a SD Sofán e o CD Baio, dous equipos costeiros desta 1ª Autonómica. E o partido fixo méritos a esa previa expectación e deparou un enfrontamento emocionante e disputado, moito máis do que reflicte o marcador final. 
O partido podíase resumir en dous lances: no minuto 12 o porteiro baiés Dani sae despexar o balón fóra da súa área e o esférico peta no defensa Yago e entra na meta visitante; un cuarto de hora despois o meta sofanista Bugy sae a despexar o balón fóra da súa área e o esférico peta nun defensa e o balón sae lambendo o pau da meta local. A mala sorte cebouse co equipo de Félix, que a pesar de que na primeira parte non tivo moita chegada á meta rival atopouse con dous goles en contra ao descanso, un o xa referido e o segundo co tempo xa case rematado. E por se foran poucas as desgrazas, aos cinco minutos da reanudación de novo un defensa visitante volvía introducir o balón na súa meta. Un penalti sobre Martín MC convertido por Alberto trouxo novas esperanzas e foron moitas as ocasións para os baieses, fundamentalmente nas botas de Martín, entre elas un balón ao pau, pero tamén Bieito e Alberto puideron marcar nestes minutos nos que o equipo baiés se foi descaradamente arriba e pechou os locais na súa área.
Con este resultado colleita o CD Baio a súa primeira derrota, pero segue mantendo o liderado pola vitoria do Piloño no campo do Cordeiro, segundo clasificado, equipo que ve como o Sofán os supera na táboa por mellor coeficiente goleador.

Aquí vos deixamos unhas fotos de Santi Soneira, das formacións iniciais dos dous equipos e dos xogadores formando co trío arbitral:





E aquí podedes ler as crónicas que ofrecen os medios distintos medios do partido:
www.sdsofan.com (inclúe máis fotos do partido)

13 oct 2014

SD FLAVIA 1 - CD BAIO 4

Na tarde do domingo vitoria do CD BAIO na súa visita ao Campo do Souto, en Padrón, para enfrontarse a un dos clásicos do fútbol galego, a SD Flavia. Triunfo contundente dos rapaces de Félix, que a teor do visto aínda se antolla curto polas facilidades defensivas dos padroneses e o bo xogo desenvolvido polos baiseses. O gol tempraneiro de Christian axudou en boa medida a poñer as cousas de cara, pero o Baio foi amo e señor do partido durante os noventa minutos, e só os locais creaban perigo en balóns parados, por acumulación de homes na área baiesa. Pola contra, Christian e Martín MC mareaban aos defensas locais, que non daban conta deles. Nunha magnífica xogada de MC chegou o 0-2; foise de cantos defensas lle saíron ao paso e deu o pase da morte, para que Brais marcase pola escuadra. Puxo o medo no corpo o longueirón Uxío, ao rematar unha falta lateral, pero antes do descanso o Baio ben puido poñer terra polo medio, con varias ocasións, a máis clara de MC ao pau.
O Flavia botouse adiante na segunda metade e o Baio matouno á contra. Nunha falta rápida sacada por Brais, Bieito bateu por baixo ao desesperado meta local, que vía como unha e outra vez o perigo roldaba a súa área. Yago ao rematar un córner botado por Brais puxo o que sería definitivo 1-4, pero ben puideron ser máis. A ocasión de Alberto, só diante do porteiro que enviou fóra, foi a máis clara.
Tres puntos de ouro ante un rival que contaba con estar arriba, e que nos permiten liderar unha semana máis a clasificación. A próxima saída ao Carral, diante dun Sofán que vén doído da súa derrota de Vimianzo.

Aquí vos deixamos parte do magnífico traballo de Santi Soneira, unhas fotos e os goles do partido:
Inicio do partido

Fachal botándolle sempre narices

Presión ao balón

Final do partido, os xogadores do Baio celébrano