C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

3 nov 2014

S.C.D. MALPICA 2 - C.D. BAIO 0

Segunda visita a terras bergantiñás e segunda derrota do CD Baio e novamente cun gol en propia meta que decantou o encontro. Tarde solleira en Malpica para a celebración deste derby, con regular afluencia de espectadores, a maior parte deles de Baio.
Dominio local na primeira parte con ocasións creadas a balón parado ou en saques de banda, que a altura dos xogadores malpicáns complicou a tarefa defensiva dos baieses. Nun deles o balón chegou a impactar no traveseiro. En tres minutos resolveuse o encontro, con dous goles dos locais. O primeiro deles froito do infortunio, xa que un saque de falta de Juanjo sen ningún tipo de perigo acabou impulsado por Mario na súa portería ante o asombro de Dani. Un centro lateral que foi despexado por Dani e aproveitado por Alemán para rematar de estraña volea que se coou lambendo o poste, foi a culminación dos minutos desgraciados. Tan só dúas ocasión tivo o Baio neste primeiro período, e as dúas dos carrileiros: José Antonio enviou alto coa zurda logo de recortar a Juanjo, e Costiña recolleu unha asistencia de MC pero Pombo enviaba a córner.
Na segunda metade o Baio foise arriba polo partido e mellorou algo o seu xogo, pero o Malpica pechado atrás apenas permitiu xogadas de perigo. A ocasión máis clara dos baieses veu dun saque de Dani, que Juanjo deixou pasar e raposeiro MC adiantouse a Pombo, pero o seu remate de cabeza foi sacado por Alemán antes de que entrase na portería. Pouco máis de consideración neste encontro, o peor ata o momento do Baio no que vai de temporada, o que lle custou perder o liderado en mans doutro equipo bergantiñán, a SD Sofán. A vindeira semana visita o Platas Reinoso un vello coñecido, o Agolada.

Aquí vos deixamos os enlaces ás crónicas do partido: Luis Porto e quepasanacosta e as fotos de Santi Soneira: