C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

25 jun 2013

FÉLIX SEGUIRÁ ADESTRANDO AO C. D. BAIO


Despois de pechar con éxito a temporada 2012-13 este pasado domingo, co ascenso do equipo á 1ª Autonómica, a nova Xunta Directiva do CD BAIO púxose a traballar xa na vindeira campaña 2013-14. 

E o primeiro paso era o corpo técnico, polo que esta tarde noite se mantiveron conversas co actual adestrador, Félix García, con vistas á súa continuidade no club. E logo de varias horas as negociacións chegaron a bo porto, polo cal o CD BAIO está en condicións de confirmar que FÉLIX GARCÍA RAPOSO vai ser o adestrador deste club a próxima temporada. Félix seguirá contando coa colaboración do seu preparador físico EFRÉN RODRÍGUEZ GALLEGO.

Nos vindeiros días a xunta directiva e o corpo técnico poñeranse a traballar na planificación deportiva para a ilusionante campaña que nos espera na 1ª Autonómica.

24 jun 2013

A PRIMEIRA!!!!

SÁLVORA C. F. 2 - C. D. BAIO 3

Tras sete temporadas xogando na 2ª Autonómica o CD BAIO volve á 1ª Autonómica logo de conseguir na tarde deste domingo o ascenso de categoría en Ribeira. O equipo local, o Sálvora CF, e o CD Baio chegaban a esta última xornada da fase de ascenso empatados a puntos, pero co golaveraxe favorable para os baieses, polo que un empate favorecía os intereses visitantes. E houbo que sufrir moito, aguantar ata os instantes finais para lograr o obxectivo.
Enorme expectación a que se creou en Baio durante esta semana, o que fixo que se mobilizase a vila en masa camiño de Ribeira, e o club puxo dous autobuses a disposición dos afeccionados, sufragados polo Concello e por Autos Facal, que acompañados de numerosos coches particulares, elevaron a presenza baiesa a máis de 350 nas bancadas da Fieiteira II, superando en número á afección local. Non podían defraudar os xogadores a este apoio masivo, e non o fixeron. Saíron desde o principio polo partido, sen reparar na valía do resultado inicial, e fixeron unha primeira media hora espectacular, na que se marcaron dous goles e puideron ser algúns máis. Foron varias as aproximacións baiesas nos minutos iniciais, ante un Sálvora que se vía desbordado, e puido chegar o primeiro gol aos dous minutos nun balón que rouba Martín en banda, e ao seu centro non chegou Alberto por centimetros. Sería aos sete cando o capitán inaugurase o marcador. Un balón despexado pola defensa local chégalle a Martín no círculo central e vendo o porteiro adiantado non o pensa dúas veces e supérao por alto. O Baio era dono do partido con Martín en plan mariscal no centro do campo e Martín MC, aínda renqueante, levando perigo coas súas internadas desde a banda esquerda. Lanzamentos de Alberto, Eloy Vilas e sobre todo unha de Rubio, foron o preludio do segundo gol, que chegou logo dunha xogada combinativa que acabou en penalti sobre Martín MC. Encargouse de transformalo Alberto, coa súa tranquilidade habitual. O Sálvora parecía dalo todo por perdido e xa se viñeron un pouco abaixo. Parecía que se cocía o terceiro, cando chegou unha internada dos locais por banda dereita, que rematou nun centro ao primeiro pau, no que Manu Millán se adiantou e bateu a Anxo. Este gol espoleou aos locais e fíxolle entrar dúbidas aos baieses, que perderon o control do xogo nestes dez minutos finais de primeiro tempo. Cando xa se disputaban os minutos de desconto, un penalti por unha man de Mario, convertido por Isi, deulles aos locais o inxusto premio do empate sen tempo para máis. 
A segunda parte comezou cunha volta completa a como se desenvolvera o partido ata o momento. O Sálvora foise arriba a por todas, e as dúbidas do Baio convertéronse por veces en pavor, e quedaron completamente a mercede dos locais. Incapaz de combinar os baieses tiveron que recorrer á heroica e defender a portería con uñas e dentes, o Sálvora cercaba a área e aínda que sen crear moitas situacións de perigo si que poñían o medo no corpo. Pero a defensa mostrouse contundente e onde non chegaban os defensas aí estaba Anxo, que con dúas grandes intervencións abortaba as ocasións máis perigosas locais. Foi case media hora de continuo acoso que non tivo os seus froitos por parte local, pero os trocos e o cambio táctico realizado por Félix permitiulle ao Baio volver recuperar o control do balón, e sobre todo logo da entrada de Christian, crear perigo na área rival. Un disparo seu logo dunha gran xogada individual foi o inicio do cambio de rumbo no partido. Outra xogada súa a cinco minutos para o final, acabou cun claro penalti que incomprensiblemente o árbitro non sinalizou. Isto alterou o ánimo en moitos dos seareiros locais, pois vían que un erro arbitral puidese custar un ascenso. Pero o capitán Martín optou por solucionar a papeleta e nun balón rexeitado que colleu no seu propio campo foino conducindo ata a área rival ante o acoso de dous defensores, e cedeu para a chegada de Martín MC desde a banda, que só tivo que empurrar o balón a porta baleira e certificar o ascenso.

Polo SÁLVORA CF xogaron: Javi, Coira, Cristian, Pardavila, Roberto, Isma, Moisés (Vicente 68'), Fernando, Damián, Isi (Fran 51'), Manu Millán. 

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Norberto, Mario, Eloy Lema, Fachal (Chema 56'), Eloy Vilas, Martín (Jorge 89'), Rubio (Christian 58'), Alberto (Yago 71'), Martín MC.

Goles: 0-1 Martín (7'), 0-2 Alberto (30', p.), 1-2 Manu Millán (36'), 2-2 Isi (44', p.), 2-3 Martín MC (89').

Despois do partido celebración dos xogadores no campo e no camiño de volta, e logo toda a noite en Baio ata que abriu o día. Os xogadores percorreron as rúas nun camión, acompañados por turismos de afeccionados, e fixeron a primeira parada fronte á casa do porteiro Manuel, que, enfermo con papeiras, non puido desprazarse a Ribeira. Despois percorrido polos distintos bares co acompañamento incansable dese par de músicos Chema e Ruchy, que non deixaron de "actuar" en todo o día e toda a noite.

Podedes ver xa as primeiras fotos de todo o acontecido o domingo, grazas a Raquel Canosa Mouzo.

20 jun 2013

CHEGOU O DÍA



FASE DE ASCENSO Á 1ª AUTONÓMICA
SÁLVORA C. F. - C. D. BAIO
Domingo 23 de agosto; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 12:00 horas, 14:30 horas e 15:45 horas.
Campo: A Fieiteira II (Santa Uxía de Ribeira).
Árbitro: Adrián Fernández Lodeiro (Preferente Autonómica).
Asistentes: Rubén Maquieira Otero / Rubén Rodríguez Vaamonde.

Podes ver a previa do partido nos seguintes medios:

· Piratas de Muxía

12 jun 2013

VITORIA PARA SEGUIR ASPIRANDO A TODO

C. D. BAIO 5 - S. D. AGOLADA 0

Acolleu este domingo o Platas Reinoso o terceiro partido da fase de ascenso á 1ª Autonómica que disputaba o CD BAIO, e o seu rival era a SD AGOLADA, que conseguira gañarlles aos baieses na xornada inagural. Excelente ambiente no campo de fútbol, con máis de 500 afeccionados presenciando o encontro, cunha boa representación forasteira, que animou ao seu equipo en todo momento a pesar do resultado. Pola súa parte o público local superou se cabe o espectáculo ofrecido a semana pasada e converteu o Platas nunha festa, levando aos xogadores a unha vitoria inapelable.
Equipo do CD BAIO convocado este domingo [Foto: Santi Díaz]
Estaba necesitado o Baio dun triunfo logo de que só sumase un punto nos dous encontros anteriores, a pesar de mostrar máis calidades que os seus opoñentes. Contaba coas baixas dos defensas José Antonio, de viaxe, e Chema, este por sanción. Pola súa parte, o Agolada viña en busca da vitoria que lle outorgase o ascenso matemático, para o que contaba coas baixas do sancionado Cristian e do seu espigado dianteiro Pablo. Aínda que os primeiros minutos foron de tanteo, axiña se viu que o Baio ía ir polo partido, e así foi pois foi amo e señor do encontro durante os noventa minutos, creando innumerables ocasións de gol, e sentenciando axiña o resultado. Innovou Félix colocando a Norberto como central, acompañado no lateral polo xuvenil Fachal, mentres que Martín exercía de mediocentro. A presenza de Martín MC no once titular foi outra inxección de moral para os seus compañeiros, que a pesar de xogar moi mermado fisicamente o seu compromiso foi máximo e así se viu reflectido coa consecución de tres goles. Tamén destacou, dentro do gran nivel xeral, o xuvenil Christian, que sobre todo na primeira parte foi un pesadelo para a defensa visitante. 
11 inicial da SD AGOLADA [Foto: Santi Díaz]
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, Fachal, Norberto, Mario (Yago 83'), Eloy Lema, Martín (Fredi 89'), Eloy Vilas, Rubio, Christian, Alberto (Ramón 74'), Martín MC (Jorge 88').

Pola SD AGOLADA xogaron: Rafa (Cuíña 80'), Pallares (Carballo 52'), Pedro, Méndez, Miguel, Diego (José 68'), Iván, Zasky, Rubén, Santi, Víctor (Juan 82').    

Árbitros: Diego Gándara Bello (Colexio da Coruña), acompañado por Sergio Bermúdez Seoane e Marco Gil Soriano. 

Goles
1-0 Martín MC (16'), a pase de Alberto en profundidade.
2-0 Martín MC (30'), de novo a pase de Alberto.
3-0 Christian (32') preséntase ante o porteiro e báteo por baixo.
4-0 Rubio (86'), a pase en profundidade de Norberto.
5-0 Martín MC (87'), de tiro desde fóra da área.

Outras oportunidades:
- Christian vaise de varios defensas e o seu tiro coa esquerda é atrapado por Rafa (12').
- Saque de esquina e o remate de Eloy Lema é sacado por Pedro baixo paus (24').
- Novo pase de Alberto sobre Martín MC, que non atina a bater a Rafa no man a man (49').
- Falta directa que saca Martín, que desvía o porteiro Rafa (63').
- Novo lanzamento de falta de Martín á base do poste, que desvía de gran estirada Rafa (71').
- Lanzamento de falta de Víctor á mesma escuadra, pero Anxo saca unha man extraordinaria e envía a córner (73').
- Balón ás costas da defensa local que recibe Iván, pero o seu disparo vaise por riba da meta local (91').

Con esta vitoria o CD BAIO colócase na primeira posición, empatado a puntos co Sálvora e un máis co Agolada, aínda que os ribeirenses teñen un partido menos. A vindeira semana o Agolada recibe ao Sálvora, e se os locais non conseguen gañar, o Baio asegúrase unha das dúas prazas de ascenso. En caso de vitoria local, sería o Agolada o clasificado e a outra praza disputaríase no Sálvora-Baio da última xornada.

Podes ver as fotos do encontro realizadas por SANTI DÍAZ no noso FACEBOOK (pica aquí)

Se picas enriba podes ler a crónica do partido de:
La Voz de Galicia.
Quepasanacosta

7 jun 2013

O PARTIDO DO ANO (E OUTROS)


FASE DE ASCENSO Á 1ª AUTONÓMICA
C. D. BAIO - S. D. AGOLADA
Domingo 9 de xuño; 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Diego Gándara Bello.
Asistentes: Sergio Bermúdez Seoane / Marco Gil Soriano.

COPA DA COSTA (CUARTOS - VOLTA)
C. D. BAIO - XALLAS SANTA COMBA C. F.
Sábado 8 de xuño; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: José María Carro Moreira.

BENXAMÍN/ALEVÍN (FÚTBOL 8 - COSTA NORTE)
SP. ZAS - C. D. BAIO
Sábado 8 de xuño; 17:00 horas e 18:00 horas.
Saída de Baio ás 16:00 horas.
Campo: San Andrés (Zas).
Árbitro: Fabián Blanco Rodríguez.