C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 ago 2011

EMPEZA A LIGA!!!




O próximo domingo 4 de setembro empeza a liga da Costa coincidindo coas festas de Baio. E para comezar un dos favoritos a gañala, o actual subcampión, o Camariñas FC, visita o Platas Reinoso. Tono conta con toda a plantilla para enfrontarse aos seus veciños; tan só a baixa de Ramón, lesionado desde a pasada campaña. O partido disputarase a partir das 19:00 horas.

C. D. BAIO - CAMARIÑAS F. C.
Domingo 4 de setembro, 19:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Jorge Fernández Iglesias (A Coruña).

29 ago 2011

O TROFEO DO CONCELLO PARA O ZAS

C. D. BAIO - SP. ZAS  3 - 4

Rematou a pretemporada coa disputa do Trofeo Concello de Zas na tarde do domingo no Platas Reinoso. Partido intenso que rematou cunha nova chuvia de goles, sobre todo na segunda parte. Ao descanso chegouse coa vitoria mínima do conxunto visitante, 0-1; pero na segunda axiña empatou o Baio por medio de Canay logo de recoller o rexeite do traveseiro dunha fermosa vaselina de Martín. Non tardou o Sp. Zas en poñerse por diante de novo no marcador. Mais a dupla Martín-Canay volveu funcionar e conseguiron darlle a volta ao resultado, primeiro cun balón en longo a Martín que lle cedeu a Canay para que a empuxara e despois cun gol en propia meta dun defensa zasense a centro de Canay. Cando a vitoria parecía quedar no equipo local, o Sp. Zas con dous goles nos últimos cinco minutos deulle a volta ao marcador e conseguía facerse co Trofeo.

Polo CD BAIO xogaron de inicio: Pollo, Matías, Mario, Iván, José Antonio, Eloy, Pirucho, Martín, Andrés, Alberto e Canay. Entraron na segunda parte os xuvenís Pablo, Pardo e Fachal. Deixáronse sentir as baixas de Fredi, Fermín, Martín MC, Rubio, etc. Agora só queda preparar o partido da próxima fin de semana, contra o Camariñas FC, primeiro partido da Liga da Costa.

Por outra banda, no partidiño que enfrontou aos equipos xuvenís do CD BAIO e SP. ZAS o resultado final foi de 1-1, con gol baiés de Maikel, de tacón á saída dun córner.  

24 ago 2011

TROFEO CONCELLO DE ZAS


 CONCELLO DE ZAS


O próximo DOMINGO 28 DE AGOSTO vaise celebrar unha nova edición do Trofeo Concello de Zas, que coma todos os anos enfronta aos dous equipos deste municipio. Nesta ocasión disputarase no campo Platas Reinoso de Baio.

A xornada futbolística comezará ás 15:30 horas cun partidiño de exhibición das categorías cadete e infantil do CD BAIO. A partir das 16:30 celebrarase un pequeno partido entre os equipos de categoría xuvenil do CD BAIO e SP. ZAS. Xa ás 18:00 horas terá lugar o partido do Trofeo entre os equipos de maiores. Ao rematar haberá churrascada para xogadores e afeccionados.


15:30 horas: Cadete CD BAIO - Infantil CD BAIO.

16:30 horas: Xuvenil CD BAIO - Xuvenil SP. ZAS.

18:00 horas: C. D. BAIO - SPORTING ZAS.

23 ago 2011

NOVOS CALENDARIOS DE CADETES E INFANTÍS

A Federación Galega de Fútbol acaba de modificar os calendarios de Cadetes e de Infantís.  O cambio nos Cadetes (2ª Autonómica - Grupo 3º) débese á inclusión do Muxía C. F., que non figuraba no anterior calendario. Xa que logo, serán 17 os equipos que disputen esta categoría, o que supón 34 xornadas de competición. Por este feito tamén se adianta a data de comezo da liga, que será o sábado 17 de setembro. Haberá xornadas nos festivos 12 de outubro (mércores) e 1 de novembro (martes), e rematará a liga o 12 de maio. Podes descargar aquí o novo calendario:


O CLUB DEPORTIVO BAIO iniciará a competición enfrontándose ao Porteño CF no Platas Reinoso, para continuar coa saída a Dumbría, onde agarda o CF Dumbría, un dos grandes favoritos. Na última xornada o CD BAIO descansará, polo que o último partido será na penúltima xornada contra outro dos favoritos, o Santa Comba CF. O "derby" co Sp. Zas chegará na 9ª e na 26ª xornada, primeiro en Baio (1 de novembro) e logo en Zas (10 de marzo).

A modificación do calendario de Infantís (2ª Autonómica -Grupo 3º) responde a reclamacións dalgúns equipos por coincidencia de horas e campos. Seguen participando os mesmos equipos que estaban previstos no calendario anterior, coas mesmas datas de comezo e final, e xogándose os dous festivos de outubro e novembro. Podes descargar aquí o novo calendario:


O CLUB DEPORTIVO BAIO segue comezando a liga na casa fronte ao SD Coristanco e desprazarase a Esteiro na segunda. Tamén segue pechando a competición fronte ao Fisterra SD no Platas Reinoso. Os ""derbys" co Sp. Zas chegarán na 4ª xornada (9 de outubro, en Zas) e na 21ª xornada (5 de febreiro, en Baio).

21 ago 2011

CHUVIA DE GOLES NO PARTIDO BAIO-SONEIRA

BAIO - SONEIRA 3 - 5

Na tarde do sábado, baixo unha asfixiante calor, disputouse o partido amigable entre o CD BAIO e o SONEIRA SD no Platas Reinoso, que rematou coa vitoria do equipo visitante por 3-5, demostrando porqué pertencen a unha categoría superior. Aínda así o partido foi igualado, e só a mellor definición de cara á porta dos soneiráns inclinou a balanza ao seu favor. Outra proba máis neste bo camiño que parece emprender o CD BAIO para a próxima temporada. Hai que lamentar tan só a lesión muscular de Fermín na primeira parte.

Xogaron polo CD BAIO: Pollo (Manuel 46'), Matías, Mario, José Antonio (Pardo 80'), Fermín (Pablo 35'), Andrés (Canay 46'), Eloy, Alberto (Javi Suárez 46'), Martín, Pirucho (Fachal 70'), Martín MC. 

Polo SONEIRA: Pose (Fran 46'), Ferreiro, Modesto (Fran de Urroa 55'), Vecino, Pablo, Mauro, Víctor García, Darío (Mayor 46'), Mario Toja, Vigo, Iago Dosil.

Goles: 1-0 Alberto (p), 1-1 Iago Dosil, 1-2 Vigo, 1-3 Vigo, 2-3 Martín MC, 2-4 Víctor García, 3-4 Javi Suárez, 3-5 Mario Toja.

17 ago 2011

PRESENTACIÓN DO CLUB DEPORTIVO BAIO

O sábado 20 de agosto, ás 18:00 horas, vai ter lugar a presentación oficial do CLUB DEPORTIVO BAIO diante da súa afección no Platas Reinoso. Será coa disputa dun partido amigable que vai enfrontar ao C. D. BAIO e ao SONEIRA S. D. (equipo de Preferente Autonómica).



C. D. BAIO - SONEIRA S. D.
Sábado 20 de agosto, 18:00 horas
Campo: Platas Reinoso (Baio).

* * *
Por outra parte, o equipo xuvenil do C. D. BAIO disputou o martes 16 un encontro amigable en Abegondo fronte ao R.C. DEPORTIVO B, equipo que milita en Liga Nacional. A pesar das ganas que puxeron os rapaces a diferenza de categoría deixouse notar tanto a nivel técnico como físico, e o partido acabou cun claro 9-0 a favor do equipo local. Nacho desprazou ao Mundo do Fútbol a un total de 20 xogadores, entre eles tres cadetes, repartindo os minutos entre todos eles. Podes descargar aquí a crónica do Depor Sport.

16 ago 2011

CALENDARIOS DAS LIGAS CADETE E INFANTIL

Por fin a Federación sacou á luz os calendarios das ligas da Costa en categoría cadete e infantil para a temporada 2011-12.

A competición de CADETES (2ª Autonómica - Grupo 3º) comezará o día 25 de setembro e rematará o 5 de maio. Está composta finalmente por 16 equipos, o que supón un equipo máis con respecto á temporada anterior. Conta coas baixas do Bergantiños B (vai para a Liga das Mariñas), Concello de Carnota e Corme; e coas altas do Camariñas, Porteño, Santa Comba (descendido da Liga Galega) e Sp. Zas. Podes descargar aquí o calendario completo:


O CLUB DEPORTIVO BAIO iniciará a liga en Camariñas contra o Camariñas C.F., sendo o primeiro partido na casa contra o Outes C.F. na segunda xornada. Rematará a liga en Castriz xogando contra o Santa Comba C.F.. O derby contra o Sp. Zas chegará na penúltima xornada, na primeira volta en Zas (7 de xaneiro) e na segunda en Baio (28 de abril). 
* * *

A competición de INFANTÍS (2ª Autonómica - Grupo 3º) empezará xa o día 18 de setembro e rematará o 13 de maio. Está formada por 18 equipos, o que supón catro máis que na temporada pasada. Con respecto a esta, só causou baixa o Bergantiños B (compite na Liga das Mariñas); mentres que causan alta As Baleas, Corme, Fisterra, Ponteceso e Porteño. Podes descargar aquí o calendario completo:


O CLUB DEPORTIVO BAIO inciciará a liga na casa fronte á S. D. Coristanco, sendo a primeira saída na segunda xornada a Esteiro para enfrontarse á S.D. Esteirana. A liga rematará no Platas Reinoso fronte á S.D. Fisterra. O derby co Sp. Zas chegará moi cedo, na cuarta xornada, na primeira volta en Zas (9 de outubro) e na segunda en Baio (5 de febreiro). 

13 ago 2011

VITORIA CONTRA O PONTECESO

Parece que o C.D. BAIO vai por bo camiño na súa preparación para a próxima temporada 2011-12. Na noite do venres enfrontouse ó PONTECESO S.D. no Platas Reinoso nun disputado partido que rematou coa vitoria dos baieses por 2-1. O encontro serviu para engraxar a maquinaria baiesa, e facer acoplar as novas incorporacións, incluída a de Josiño, xogador que está a proba desde esta semana, así como a dos xuvenís.

Polo CD BAIO xogaron: Pollo (Manuel 46'), Matías, José Antonio (Pardo 70'), Fredi (Mario 55'), Fermín, Eloy (Fachal 70'), Martín (Pablo 70'), Rubio (Alberto 46'), Canay, Josiño (Pirucho 46') e Javi Suárez.

Goles: 1-0 Javi Suárez (2'), 1-1 Luisete (43'), 2-1 Alberto (54').

Por outra banda, o equipo xuvenil tamén disputou o venres un partido amistoso en Fisterra contra o equipo local. A pesar de xogar en moitos momentos un bo fútbol, e de dispoñer de numerosas ocasións, a vitoria quedou no cadro local, por 3-2. Goles dos baieses de Bieito e do cadete Christian.

11 ago 2011

O CALENDARIO DA LIGA XUVENIL


A Federación Galega de Fútbol publicou por fin o calendario da Liga da Costa Xuvenil, que está encadrada na Primeira Autonómica e dividida en dous grupos: o 3º (Costa Sur) e o 4º (Costa Norte).

O grupo 3º está formado por 10 equipos e o grupo 4º por 11. Por este motivo o grupo do Norte comezará a liga xa o vindeiro 3 de setembro, e terá xornadas en festivos como o 12 de outubro (mércores) e o 1 de novembro (martes). O grupo do Sur comezará o 17 de setembro e non xogará en festivos. Rematarán as dúas competicións o 28 de xaneiro nesta primeira fase.

O C. D. BAIO, encadrado no Grupo 4º, tocoulle descansar na primeira xornada, polo tanto non comezará a liga ata o 10 de setembro, que xogará como locatario contra a S.D. CABANA. Na terceira xornada desprazarase a Muxía. A liga rematará cun apaixonante derby SP. ZAS - CD BAIO.

A continuación podedes descargar o calendario completo do Grupo 4º (Costa Norte):


Lembremos que este ano iníciase un novo sistema de competición nesta categoría xuvenil da Costa. Logo de rematar os dous grupos 3º e 4º, os catro primeiros clasificados de cada grupo disputarán outra liga a dobre volta, e os dous primeiros clasificados desta liga disputarán as promocións de ascenso á Liga Galega.

Os que non se clasifiquen entre os catro primeiros de cada grupo disputarán a Copa da Costa. Esta Copa terá de primeiras un formato de liguillas, coa composición de catro grupos (un de catro equipos e tres de tres equipos), que se disputará a dobre volta. Os dous primeiros de cada grupo pasarán a cuartos de final, que xa se celebrará polo sistema de eliminatorias ata a final.

7 ago 2011

CD BAIO - SD PONTECESO, O VENRES 12 DE AGOSTO ÁS 21:00 H. NO PLATAS REINOSO



Novo partido amigable de preparación para a temporada que axiña vai comezar. O venres 12 de agosto o CLUB DEPORTIVO BAIO recibirá ás 21 horas no Platas Reinoso á S. D. PONTECESO, actual campión da Liga da Costa e polo tanto novo equipo da 1ª Autonómica. Este encontro servirá para calibrar o nivel de preparación do equipo logo das dúas cómodas vitorias nos partidos precedentes.


C. D. BAIO - S. D. PONTECESO
Venres 12 de agosto, 21:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CÓMODAS VITORIAS NOS DOUS PRIMEIROS AMIGABLES

 C. D. BAIO - S. D. DUBRA B  5 - 0


O domingo 31 de xullo disputouse no Platas Reinoso de Baio o partido amigable que enfrontou ao CLUB DEPORTIVO BAIO coa S. D. DUBRA "B", equipo que realizou na temporada anterior unha moi boa campaña na 2ª Autonómica (zona de Santiago). Non obstante, neste partido a superioridade do Baio foi aplastante como así o reflicte o marcador final de 5-0. Os goles foron obra de Canay (2), Javi Suárez (2) e Rubio. Neste encontro debutaron as novas fichaxes do equipo baiés (Eloy, Javi Suárez e Iván) e participaron tamén numerosos xuvenís.



S. D. LAXE - C. D. BAIO  0 - 5

O sábado 6 de agosto desprazouse o CLUB DEPORTIVO BAIO a Laxe para disputar un partido amigable no campo do Cabo de Area fronte á S. D. LAXE. Pouca historia tivo tamén o encontro aínda que nos minutos iniciais o equipo locatario contou con algunha ocasión, pero logo de que Martín MC (o goleador da tarde) abrise a conta á media hora de xogo, xa todo foi costa abaixo para os baieses.

Polo CD BAIO xogaron: Pollo (Manuel 46'), Matías, Iván (Fredi 75'), José Antonio (Pardo 52'), Fermín, Mario (Pablo 60'), Pirucho (Fachal 46'), Alberto, Rubio, Martín MC, Canay (Martín 46').

Goles: 0-1 Martín MC (31'), 0-2 Martín MC (43'), 0-3 Alberto (61'), 0-4 Martín MC (66'), 0-5 Martín MC (72')

5 ago 2011

XA ESTÁ AQUÍ A TEMPORADA 2011-2012 !!!

Empeza unha nova temporada e xa está aquí o calendario da Segunda Autonómica (Grupo 3º), que podedes descargar aquí.

O C. D. BAIO comezará xogando na casa o 4 de setembro contra o CAMARIÑAS F.C. e rematará a liga o 13 de maio no campo da S.D. BUÑO.

Os "derbys" contra o SP. ZAS chegarán o 30 de outubro (en Baio) e o 11 de marzo (en Zas).