C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

28 abr 2017

PREVIA DO CD BAIO-CF PORTEÑO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1811
706
419
686
2983
2997
TOTAL LIGAS
1587
614
363
610
2546
2630
LIGA DA COSTA
825
332
158
335
1514
1557

Na xornada 32ª o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao CF Porteño, un dos clubs fundadores da Liga da Costa en 1964, pero non competiu en todas as temporadas, pois estivo ausente entre as campañas 65-66 á 68-69 e entre a 83-84 e a 96-97. Polo tanto, son 36 as temporadas que leva en activo, o que supón ser o 20º (empatado con Nantón e Outes) entre os clubs costeiros, aínda que se miramos os partidos xogados baixa ata o posto 25º. Desas 36 temporadas 11 foron na 3ª Rexional/Autonómica e as outras 25 na Liga da Costa; este último dato colócao no posto 16º nesta categoría (igualado con Camariñas e Soneira), mentres que por partidos xogados a súa posición é a 21ª. Nas súas vitrinas destaca a Copa da Costa conseguida na temporada 72-73. Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

C.F. PORTEÑO
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
935
327
179
429
1667
2075
LIGA DA COSTA
651
185
125
341
1060
1596

Esta temporada é a 17ª que coinciden no mesmo grupo o Baio e o Porteño, todas elas na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento tivo lugar en Baio o 15 de maio de 1964, con vitoria visitante (1-2), mesmo resultado que se deu ao ano seguinte. Tras cinco temporadas sen competir do Porteño, volveron atoparse na 69-70, con novo triunfo visitante (1-4); para xa na seguinte gañar o Baio por vez primeira como local (2-1). Na 71-72 o Porteño volveu levar os puntos do Balsiño (1-2), pero na 72-73 o Baio goleou (4-1). Empates nas tres seguintes confrontacións, para gañar de novo os baieses na 76-77 (2-1); tras un novo empate sen goles na 77-78, o Baio volveu gañar na 79-80 (2-1).
Tiveron que pasar 28 anos para que volvesen coincidir, e xa no Platas Reinoso, con empate na 07-08 (2-2), vitoria baiesa na 08-09 (1-0) e dous empates nas dúas últimas visitas dos porteños: 1-1 na 09-10 e 3-3 na 10-11. Polo tanto, as estatísticas indican certa igualdade nos partidos xogados en Baio, nos que o Porteño puntuou 11 das súas 16 visitas, aínda que non gaña desde hai 35 temporadas. En cambio, as estatísticas xerais si que son bastante favorables ao Porteño, pois gañou practicamente a metade dos partidos disputados.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
33
07
10
16
36
70
Xogados en Baio
16
05
07
04
22
21

O partido do domingo
O Porteño figura na actualidade na 16ª posición, con 29 puntos, colleitados grazas a 8 vitorias e 5 empates, con 18 derrotas. Xogou 16 partidos como local e 15 como visitante, sumando 21 puntos na casa e tan só 8 fóra, o que fai que sexa o que menos puntos leva sumado como visitante no grupo. Marcou ata o momento 55 goles e encaixou 85, o que supón ser o segundo equipo máis goleado. Os goles están moi repartidos, pois o seu máximo goleador é Jorge, con 9 goles, seguido de Piti con 8, Marcos leva 6, e con 5 figuran Mario Toja, Pego e Porto.
Once do Porteño no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
Coa presenza no banco de Javier Baña, acompañado de Sergio Varela, son 23 os xogadores empregados no que vai de temporada, un deles aínda en idade xuvenil. A base do equipo está formada pola presenza habitual no once inicial de Marcos, Jorge, Pego, Adrián, Carlos e Roi Carril. Na portería Martín leva máis partidos que Jimy, titular este ultimamente; mentres que os outros postos son ocupados polos Quilmes, Manuel, Rodrigo, Cachi, Ismael, Mario Toja, Cousillas ou Porto. Menos minutos acumulan Pepe Wii, o xuvenil Manuel, Xoel ou Mario. Aínda que o equipo non empezou mal, tras unha xeira de sete derrotas seguidas meteuse en postos de descenso, dos que lle está custando saír. A vitoria da semana pasada contra o Malpica, logo de tres derrotas seguidas, fíxoo sacar a cabeza do pozo e ver con máis optimismo o final ligueiro, no que teñen que seguir loitando polo igualado da clasificación e os posibles arrastres.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – C.F. PORTEÑO
Domingo 30 de abril; 17:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Carlos Martínez Rodríguez.



24 abr 2017

AVANTE TODA

UD CORCUBIÓN 1 - CD BAIO 5

Tarde de sol e calor a deste domingo no que se disputou unha nova xornada da Liga da Costa na que o CD Baio visitaba o Novo Cubaleiro para enfrontarse ao locatario UD Corcubión. Cerca de 200 espectadores, na súa maioría baieses, para ver un encontro, que amosou unha clara superioridade visitante que, non obstante, só se viu reflectida no marcador na segunda parte.
A pesar do que poden dicir o marcador as oportunidades baiesas foron maioritarias na primeira parte, na que a obsesión por marcar quizais impediu que chegase o gol visitante. Xa no min.2 puido inaugurar Yago o marcador, pero o seu lanzamento é sacado polo porteiro Beto cos pés. Puido marcar tamén o Corcubión dous minutos despois nun lanzamento de Toja, que tras rebotar en Norberto acabaría envelenándose e sae fóra rozando o pau. Isaac tivo a súa oportunidade no min.7, pero tras internarse na área e quedar fronte ao porteiro preferiu ceder para Martín MC, pero o lanzamento deste peta nun defensa. Catro minutos despois foi Bieito o que envía alto un novo pase da morte desde a banda dereita. E no min.12 chegou o gol local nun desaxuste defensivo que lle permitiu a Roi presentarse só ante Diego e batelo por baixo. Dous minutos despois puido empatar Martín cun remate de volea que saca Beto a córner, e no seguinte minuto Martín MC preséntase no man a man ante o porteiro pero este consegue sacala a córner. No min.26 Martín gaña cal pivote de fútbol sala un balón na área pero o seu remate á reviravolta é sacado por un defensa cando se coaba; e será o propio Martín o que remate alto un pase atrás desde a frontal da área (min.35). Só un minuto despois Javi Suárez intérnase na área e preséntase ante Beto pero o seu lanzamento vaise desviado. E para rematar esta selección das oportunidades máis claras temos que falar dunha vaselina de Bieito que sae fóra tras superar a saída do meta local (min.39). Chegábase ao descanso co marcador favorable aos locais, a pesar das múltiples ocasións de gol que tivo o Baio.
Seguiu pola mesma tónica o partido no inicio do segundo tempo, e xa aos tres minutos un remate de cabeza de Martín no segundo pau é sacado por Beto da escuadra. Pero no min.51 chegou o gol do empate baiés, grazas a un lanzamento escorado de Martín MC que se coou no pau longo. Tan só dous minutos despois chegou o gol da remonta, que veu dunha xogada de Isaac, que se presenta ante Beto, pero o seu lanzamento é rexeitado polo meta, pero o balón cáelle a Martin MC, que tan só ten que empurrala. Puido redondear o hat-trick o pichichi baiés en dúas oportunidades máis, primeiro cunha vaselina que se lle vai alta por pouco (min.58), e logo nun lanzamento tras recorte que é sacado pola defensa no último momento (min.61). Afrouxou un pouco o ritmo o equipo baiés e permitiu algunha chegada do equipo local, como un tiro de Tito que levaba boa dirección e colocación, pero Diego conseguiu desviar a córner nunha boa intervención (min.66). Pero foi un espellismo, pois no min.70 Martín obtivo o premio á súa insistencia e marcou o seu gol, cun lanzamento desde a frontal. Baixou definitivamente os brazos o Corcubión e o Baio limitouse a controlar o partido e a facer os trocos. Con todo, habería máis ocasións, e nunha delas Javi Suárez vaise en velocidade da defensa e tras driblar ao porteiro marca o cuarto gol baiés (min.83). E Santi Díaz, tras enviar fóra nunha primeira oportunidade, non erraría á segunda ao roubarlle a carteira porteiro e defensa local, e bater de forte disparo a meta corcubionesa (min.89).
Con esta vitoria continúa a boa xeira do equipo baiés, que lle permite, despois dos resultados desta xornada, quedar a unha vitoria do título ligueiro. A primeira oportunidade o vindeiro domingo no Platas Reinoso fronte ao Porteño.


21 abr 2017

PREVIA DO UD CORCUBIÓN-CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1810
705
419
686
2978
2996
TOTAL LIGAS
1586
613
363
610
2541
2629
LIGA DA COSTA
824
331
158
335
1509
1556

Na xornada 31ª o CD Baio visita o Novo Cubaleiro para enfrontarse ao local UD Corcubión, club fundado en 1972, e que desde entón leva competindo ininterrompidamente 45 temporadas, o que o coloca no posto 8º (empatado co Buño), mesmo posto se nos atemos aos partidos xogados. Desas 45 temporadas, 3 foron na Preferente, 4 foron na 1ª Rexional provincial ou semiprovincial, 12 na 3ª Rexional/Autonómica, e as outras 26 na Liga da Costa. Esta cifra fai que sexa o 13º nesta categoría (igualado con Lira e Sp. Zas), aínda que é o 16º en partidos xogados nesta liga. Nas súas vitrinas figuran 1 Liga da Costa (88-89) e 2 ligas da 3ª Rexional (99-00 e 02-03); ademais gañou 2 Copas da Costa (87-88 e 88-89), perdendo a final noutras dúas ocasións (78-79 e 79-80). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

U.D. CORCUBIÓN
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1300
488
248
564
2203
2434
LIGA DA COSTA
722
234
140
348
1144
1478

Esta temporada é a 12ª que coinciden no mesmo grupo o Baio e o Corcubión, unha delas na 1ª Rexional semiprovincial, e as outras 11 na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento tivo lugar en Baio o 21 de xaneiro de 1973 (4-0), mentres que o primeiro xogado en Corcubión foi o 25 de marzo de 1973 e gañaron os corcubioneses (1-0). Cadraron na mesma liga as catro seguintes temporadas, con vitoria sempre local nos partidos disputados no Cubaleiro. Haberá que agardar sete temporadas para que volvesen coincidir, e foi na 1ª Rexional, na 83-84 e produciuse un empate (2-2). Novo salto no tempo ata a temporada 89-90, xa na Liga da Costa, e por vez primeira gañou o Baio (1-2); tamén gañarían os baieses no seguinte enfrontamento catro campañas despois (2-3). Moito máis houbo que agardar para o seguinte vez que cadrasen, pois pasaron nada menos que 15 temporadas, e foi na 08-09 na que o Baio goleou no Novo Cubaleiro (1-5). As dúas últimas veces que coincidiron foi nas temporadas 11-12 e 12-13; na primeira a vitoria foi para o Corcubión (2-0), mentres que na segunda o Baio impúxose con claridade (1-4). Polo tanto, as estatísticas indican que os corcubioneses dominan lixeiramente nos encontros xogados no seu campo, aínda que o Baio foi igualando os datos nos últimos enfrontamentos; todo o contario sucede coas estatísticas xerais, nas que o Baio é lixeiramente superior.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
23
11
05
07
43
28
Xogados en Corcubión
11
04
01
06
17
19

O partido do domingo
O Corcubión figura na actualidade na 16ª posición, con 27 puntos, colleitados grazas a 8 vitorias e 3 empates, con 19 derrotas. Xogou 15 partidos como local e outros tantos como visitante, sumando 18 puntos na casa e 9 fóra. Leva marcados 47 goles e encaixou 77, o que supón ser o cuarto máis goleado. Os goles están moi repartidos, pois os seus máximos goleadores son Nes e Roi, con 8 goles, seguidos por Iago Lema, que leva 7, con 6 está Tito, e con 5 Toja e Samu Rama.
Coa presenza no banco de Emilio Corzón, ex-adestrador das categorías de base do CD Baio, foron 24 os xogadores empregados no que vai de temporada, cinco deles xuvenís. A base do equipo está formada pola presenza sistemática no once inicial de Pablo Castro, Iago Lema, Gabri, Sebas, Adrián Ozón e Mario, ademais do porteiro Abelleira, que marchou para o Dumbría hai un mes. Son tamén moi utilizados de inicio Tito, Samu Rama, Antón Lestón, Toja ou Alan Insua. Menos minutos, aínda que importantes ao longo da campaña, tiveron Nes, José María, Roi, Mario Atán, ou os xuvenís Luis Lojo e Samu Sambade. Tras unha primeira volta na que se mantiveron na zona media, un punto sumado en sete partidos no comezo da segunda, levounos a postos de descenso. Reaccionou nas últimas cinco xornadas, con dúas vitorias (en Laxe e ao Ponteceso) e un empate co Baíñas, que fan que se manteña vivo para salvar a categoría e para iso loitará estas derradeiras catro xornadas.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
U.D. CORCUBIÓN – C.D. BAIO
Domingo 23 de abril; 17:00 h.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: Novo Cubaleiro (Corcubión).
Árbitro: Mario Sabio Sánchez.



11 abr 2017

QUE BONITO É O FÚTBOL (DA COSTA)


C.D. BAIO 3 – CORME C.F. 0

Once do Baio contra o Corme [Foto: Jorge Parri]
Espectacular. Non cabe outro calificativo para falar do ambiente vivido na tarde do domingo no Platas Reinoso. Dous equipos, dúas afeccións exemplares que dignifican aínda máis esta Liga da Costa, envexa de moitos, e que fan difícil de explicar para alleos o que se pode vivir nun campo costeiro aínda que se xogue nunha 2ª Autonómica. Máis de 1200 persoas ateigaron as bancadas e as varandas do campo, algo impensable mesmo en categorías superiores no fútbol afeccionado de hoxe en día, que lembran outras épocas. Os máis veteranos lembraban o cheo a rebordar do Balsiño nun tamén decisivo Baio-Soneira que supoñería o primeiro título para os locais, aló na -lonxana temporada 82-83. E que dicir do comportamento exemplar das afeccións, animando sen cesar aos seus, con camisolas, bandeiras, música... e mantendo a deportividade unha vez rematado o encontro, felicitando aos vencedores e animando as non gañadores, porque no partido do domingo non houbo perdedores. Cando consegues mobilizar a tal cantidade de xente é que algo estás facendo ben, e que no Platas Reinoso se congregase máis xente que a poboación de Baio ou de Corme di moito destes equipos. Evidentemente, tamén se deixou ver xente de todas as partes da Costa.
Pero vaiamos ao partido en si, que se presentaba como decisivo, aínda que non definitivo, para a sorte desta liga. Practicamente coas aliñacións de gala nos dous equipos, coas baixas de Porto nos locais e as molestias de Martín, condicións físicas que tamén impediron a saída de inicio de Jesús nos visitantes. Boa parte da primeira parte veu marcada pola ansia dos dous equipos en non perder o conseguido, é dicir, tratar de minimizar os erros que puidesen custar moi caros. E así tardaron en chegar as ocasións de perigo, pois a primeira que podemos considerar como tal foi un disparo desviado de Bieito, superado o cuarto de hora. A ocasión máis clara da primeira parte veu nunha contra rápida baiesa, pero Martín MC rematou alto ante a saída de Suso (min.24). Aínda que o Corme se presentou en varias ocasións na área rival, tan só podemos citar como clara un lanzamento de Alejo, que se lle foi alto (min.30). Tivo Moreno o gol nun típico lanzamento seu desde a frontal da área, pero Suso demostrou a súa calidade e fixo unha gran intervención (min.35). Foi o preludio do primeiro gol, que chegou nun balón en longo cara a Martín MC, que aguantou o balón na espera da chegada de compañeiros, e o compañeiro apareceu na persoa de Javi Suárez, que recibiu un balón filtrado entre os defensas e presentouse ante Suso baténdoo por baixo (min.40). Con vitoria mínima chegouse ao descanso, mentres os espectores facían cola na cantina para refrescarse da calor da tarde primaveral.
Como traballou a cantina!!! Con xente así é máis fácil
[Foto: Jorge Parri, ese crack]
Modificou o plantexamento Lente na reanudación, pasando Toniño a xogar en posicións avanzadas quedando o Corme coa súa habitual defensa de tres. E os ocos son un perigo para homes como os dianteiros do Baio. Martín MC fixo unha das súas habituais xogadas persoais e o seu lanzamento xa se cantaba como gol nas bancadas, pero Suso sacou unha man imposible e desviou a córner (min.49). Estaba sendo superior o Baio sobre o campo, e o Corme non lograba activar a Lucas e a Alejo, e só Toniño parecía levar a intranquilidade á defensa baiesa, pero unha falta desmedida acabou coa súa participación no encontro ao ver o segundo cartón amarelo (min.62). Se os cormeláns se sentían impotentes, cun home menos o empeño parecía xa cousa da inspiración momentánea das súas estrelas. Pero os locais non deron lugar ás dúbidas, e foron na busca da sentenza. E esta chegou nun centro sen perigo aparente de Isaac, pero o despexe de Pandi caeulle no segundo pau a Martín MC, que non tardou en controlar e lanzar ao pau contrario sen que Suso puidese facer nada (min.74). Un novo pase entre liñas de Martín MC para a internada de Moreno, acabou cun remate deste pero o porteiro cormelán saíu rápido e tapou o disparo (min.78). Con todo visto para sentenza os adestradores déronlles entrada aos suplentes, entre eles Santi Díaz que volvía aos campos tras varios meses lesionado. E nos minutos finais aínda quedou tempo para o gol máis bonito da tarde, que chegou dunha saída desde atrás de Yago, que filtra un bonito pase entre os rivais para a subida de Luis, que se desfai do lateral cun autopase para ceder na frontal a Martín MC, que tras desfacerse dos defensas cunha ruleta dispara colocado á base do poste, convertendo o 3-0 que había de ser definitivo.
Con este triunfo o Baio supera ao seu rival en cinco puntos cando quedan doce en xogo. Unha boa renda que terá que refrendar na súa visita a Corcubión dentro de quince días, ante un rival que tamén se está xogando moito.

Ficha do partido da FGF
Clasificación da Liga da Costa

A repercusión mediática do choque fixo que moitos medios futboleiros lle dedicasen un apartado especial a este encontro. Aquí podedes acceder a algúns deles:

La Voz de Galicia. Carballo
Quepasanacosta. G.Parga
Diario Deportivo. David Castro
Piratas de Muxía. X. Búa
A Pipa de Corredoira

XUVENIL: C.D. BAIO 1 – C.F. PEDREIRAS 0

Na calorosa tarde do sábado vivimos un enorme partido de fútbol que foi preludio do visto o domingo. Moita xente nas bancadas e emoción a mans cheas nun enfrontamento copeiro que máis parecía de séniors que de xuvenís. E é que esta Copa da Costa Xuvenil está sacando o mellor dos rapaces de Fredi, que se cren importantes ante rivais que na Liga foron superiores. Con todo, comezaron o partido con temor á categoría dun rival que acababa de gañar a Liga da Costa, pero co paso dos minutos foron collendo o mando do xogo e igualando a contenda. Non hai que destacar moitas ocasións de gol ao longo do encontro, pero si chegadas a unha e outra área.
Na segunda parte, o Baio intensificou o seu dominio e o Pedreiras mesmo se botou atrás deixando só arriba o seu home-gol Brais. A lesión de Sergio descompuxo un pouco aos locais, que por un momento estiveron algo perdidos, pero axiña colleron o temón e no último cuarto de hora chegaron as mellores ocasións. A máis clara veu dun lanzamento de Estefan que intercepta un defensa e o balón quédalle a Luis, pero o seu lanzamento vaise ao pau. Respondeu o Pedreiras con outra gran ocasión, pero o cabezazo de Brais á escuadra é sacado por Julián nunha excepcional parada. E a continuación chegou o único gol do partido, obra de Estefan, que nunha internada na área dispara e o balón entra na portería tras rebotar nun defensa. Controlou moi ben a defensa baiesa os intentos berdilleses dos momentos finais e conseguiu rematar o partido cunha mínima vantaxe para viaxar a terras carballesas o vindeiro xoves.

Ficha do partido da FGF


7 abr 2017

PREVIA DO CD BAIO-CORME CF


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS + COPAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1809
704
419
686
2975
2996
TOTAL LIGAS
1585
612
363
610
2538
2629
LIGA DA COSTA
823
330
158
335
1506
1556

Na xornada 30ª o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao Corme CF, club fundado en 1980 como moitos outros equipos costeiros. Leva competindo ininterrompidamente 37 temporadas, o que o coloca no posto 18º (empatado co Coristanco), mais se nos atemos aos partidos xogados, sobe ata o 14º posto. Desas 37 temporadas, 7 foron na 1ª Rexional/autonómica provincial ou semiprovincial, 3 na 3ª Rexional, e as outras 27 na Liga da Costa. Esta cifra fai que sexa o 11º nesta categoría (igualado coa Esteirana), aínda que é o 9º en partidos xogados nesta liga. Nas súas vitrinas figuran 2 Ligas da Costa (95-96 e 13-14) e unha liga da 2ª Rexional (87-88) cando a Liga da Costa se xogaba na 1ª Rexional; ademais gañou 1 Copa da Costa (98-99), perdendo a final noutra ocasión (14-15). Estas son as súas estatísticas ligueiras ata o momento actual:

CORME C.F.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1133
462
232
440
1833
1918
LIGA DA COSTA
817
347
173
298
1393
1347

Esta temporada é a 19ª que coinciden no mesmo grupo o Baio e o Corme, catro delas na 1ª Rexional/Autonómica provincial ou semiprovincial, e as outras 15 na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 1 de febreiro de 1981 en Ponteceso (1-1), mentres que o primeiro xogado en Baio foi o 17 de maio de 1981 e gañou o Corme (1-3). Cadraron na mesma liga as dúas seguintes temporadas, con vitorias claras do Baio (4-1 e 5-2); houbo que esperar ata a 89-90 para que volvesen coincidir, e nesta e nas seguintes tres campañas vitorias claras baiesas (4-0, 5-0, 6-0 e 2-1). Tras varios anos sen coincidir, volvérono facer na 1ª Rexional provincial, nas temporadas 99-00 e 00-01, e en ambos os dous casos o Baio gañou polo mesmo resultado (2-1). Será na Liga da Costa 06-07 na que volverían cadrar, con vitoria mínima local (1-0), triunfo que tamén se deu no seguinte ano (2-1). Na 08-09 o Corme empatou por vez primeira en campo baiés (2-2), mais na temporada seguinte foi goleado (6-1). Novo empate co mesmo resultado (2-2) na 10-11, e segunda vitoria do Corme (0-3) en Baio na seguinte. Na 12-13 o Baio volveu gañar (2-0), antes de pasaren un ano separados, para reencontrarse na 1ª Autonómica semiprovincial as dúas últimas temporadas, nas que o Baio saíu vencedor, por 3-0 e 1-0, respectivamente. Polo tanto, as estatísticas indican que os baieses foron dominadores nos encontros disputados no seu campo, e como nos celebrados en terreo cormelán os datos falan dunha igualdade as estatísticas xerais son tamén favorables ao equipo baiés.

Enfrontamentos Totais Liga
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
37
20
08
09
86
48
Xogados en Baio
18
14
02
02
50
18

O partido do domingo
O Corme figura na actualidade na 2ª posición, con 70 puntos, colleitados grazas a 21 vitorias e 7 empates, con tan só unha derrota. Xogou 15 partidos como local e 14 como visitante, sumando 38 puntos na casa e 32 fóra. Leva marcados 93 goles, o que é a cifra máis alta do grupo, e encaixou 32, o que supón ser o terceiro menos goleado. O seu máximo goleador, e tamén da Liga da Costa, é Alejo, con nada menos que 51 goles, ou o que é o mesmo, máis que a metade dos equipos do grupo; tras el figura Toniño, con 13, e Lucas, con 7.
Once do Corme no Pinguel [Foto: FB Ponteceso]
Coa volta esta temporada ao banco cormelán de Lente, conta cun plantel de xogadores moi curto, apenas 15 sénior, e dous xuvenís fixos nas convocatorias. As lesións respectárono esta temporada pois 9 xogadores xogaron de inicio case todos os partidos, e deles Alejo e Lucas a súa totalidade. Xunto a eles Pandi, o xuvenil Eloy, Alejandro, Brais Corral, Toniño, Jesús e Adrián Doldán son imprescindibles. Para a portería estiveron turnándose Suso e Illote, aínda que xogou máis o primeiro, e para o outro posto pelexaron Dani Cousillas, Uru e Diego Bermúdez. Menos utilizado, ou saíndo do banco, temos que falar de Sergio Sueiro, Brais Torrado e o xuvenil Manu Bermúdez. O Corme leva unha temporada fantástica, con 26 partidos invicto, manténdose sempre nas primeiras posicións, e no liderato moitas xornadas, e ademais conta con Alejo, un dianteiro que este ano puido demostrar, sen que o acosasen as lesións, ser un xogador que vai pasar á historia do fútbol da Costa.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – CORME C.F.
Domingo 9 de abril; 17:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Alberto Baña Tajes.
Asistentes: Óscar Regos Martínez / Óscar Rey Sánchez.


XUVENIL: C.D. BAIO – C.F. PEDREIRAS XUVENIL

Cuartos de final da Copa da Costa Xuvenil, e ao CD Baio tocoulle en sorte ao CF Pedreiras, o equipo xuvenil do San Lorenzo, que acaba de proclamarse campión da Liga da Costa Xuvenil, e xunta co subcampión Xallas xogará a fase de ascenso á Liga Galega. O equipo carballés, non obstante, sufriu para clasificarse nos oitavos de final, pois só puido empatar nos minutos finais co Monte Louro, e despois pasou na quenda de penaltis. Pero no torneo ligueiro mostrouse moi fiable, e mellorando co paso dos partidos. De feito na segunda fase ligueira tan só perdeu un partido e foi o máximo goleador, con case tres goles de media por partido, e na primeira perdeu tres partidos, pero dous deles foron cando xa estaba clasificado para disputar a segunda fase. O seu máximo goleador é Brais Cancela, que sumou 30 goles na liga, 17 na primeira fase e 13 na segunda; David Lorenzo, con 12, e Álex Cotelo, con 10, ségueno na clasificación. Nos enfrontamentos ligueiros entre o Baio e o Pedreiras gañaron estes nos dous encontros, pero os xogadores baieses deron moita guerra e a pesar do marcador final apiques estiveron de sacar algo positivo, sobre todo no partido xogado en Berdillo. Polo tanto os baieses deben ter confianza en pasar esta eliminatoria, mantendo a concentración e seguindo na liña demostrada o pasado sábado contra o Outes, outro equipo que disputou a segunda fase ligueira.

COPA DA COSTA XUVENIL (CUARTOS IDA)
C.D. BAIO – C.F. PEDREIRAS XUVENIL
Sábado 8 de abril; 17:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Castreje Ferrío.