C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

20 dic 2013

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA


PRIMEIRA AUTONÓMICA (GRUPO 2º)
SIGÜEIRO F. C. - C. D. BAIO
Domingo 22 de decembro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 13:30 horas.
Campo: Lino Balado (Sigüeiro-Oroso).
Árbitro: Carlos Villaverde Mogo
Asistentes: Rubén Rodríguez Vaamonde / Marco A. Castro Liñares

HISTORIAL: PX: 02 / PG: 02 / PE: 00 / PP: 00 / GF: 11 / GC: 03

Visita o CD Baio ao Sigüeiro logo de encadear dúas duras derrotas e buscando romper esta xeira negativa, o mesmo que lle acontece aos locais, que perderon os seus dous últimos encontros e levan desde a terceira xornada sen gañar na casa. Pero ninguén puido gañar esta temporada no Lino Balado, pois dos sete partidos disputados o Sigüeiro gañou os dous primeiros e empatou os cinco seguintes. A actracción do choque vai ser a presenza dun xogador mítico nas filas locais: Juanito, que con 44 anos aínda segue marcando goles no club que o viu nacer. Neste club marchara no seu primeiro ano de xuvenil, xa xogando co primeiro equipo, para fichar polo Compostela. De aquí ao Deportivo, Betis, Racing Ferrol, Mérida ou Levante, combinando a 1ª coa 2ª División. Logo de sete temporadas no Narón, volveu esta temporada ao Sigüeiro, no que xa leva 5 goles. Aínda así, non é o máximo goleador do seu equipo, pois Pereira leva 11, compartindo o liderato dos goleadores con Benson do Flavia. Será o terceiro enfrontamento na historia entre o Sigüeiro e o Baio. Os anteriores foron na temporada 2002-03, con vitoria nos dous encontros dos baieses, 1-3 na ida en terras santiaguesas e 8-2 no Platas Reinoso, co Sigüeiro xa descendido.
No partido xogado en Sigüeiro xogaran polo Baio: Trucho, Ramón, Rodri, Santi, Canillas, Chema Eirís, Víctor, Gueli (Mario Toja 80'), Martín, Lilo, Óscar (David Toja 63'). Os goles foran de Lilo (2) e Víctor.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - CAMARIÑAS F. C.
Sábado 21 de decembro; 10:45 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Daniel Rama Rama.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
AS BALEAS F. S. - C. D. BAIO
Sábado 21 de decembro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: Irmás Patiño (Camariñas).
Árbitro: Alberto Carro Suárez.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
CABANA S. D. - C. D. BAIO
Domingo 22 de decembro; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 09:30 horas.
Campo: As Redondas (Neaño-Cesullas).
Árbitro: David Brun Pintor.

12 dic 2013

EXPOSICIÓN 50 ANIVERSARIO DO C. D. BAIO

INAUGURACIÓN: SÁBADO 14 DE DECEMBRO
18:00 HORAS - CASA OVIDIO

O Club Deportivo Baio foi inscrito oficialmente na Federación Galega de Fútbol o 5 de abril de 1964, e o día 12 do mesmo mes celebraba o seu primeiro partido oficial da súa historia fronte ao Laxe. Aínda que xa se viñan disputando partidos de maneira máis ou menos organizada desde principios da década de 1950 (lembremos que o Balsiño foi inagurado en 1958 e xa substituía ao anterior campo do Valonco), tomamos a data da inscrición oficial coma a da orixe do club, polo que este ano se vai celebrar o seu 50 aniversario, as súas vodas de ouro.
 
Con tal motivo creouse hai xa certo tempo unha Comisión para a organización dos actos conmemorativos desta celebración e o vindeiro sábado 14 de decembro van botar a andar. Xa se escollera hai uns meses a imaxe representativa deste acontecemento, para o cal se creara un concurso de ideas entre os alumnos do IES Maximino Romero de Lema de Baio. Máis de trinta rapaces, coa colaboración do profesor de debuxo Carlos Fernández Concheiro, se prestaron a facer o seu deseño. Ao final, o xurado composto por membros da Comisión decidiu que fose o gañador o presentado por Noelia Varela Veloso, de 2º da E.S.O., que casualmente é neta dun dos fundadores deste club, Manolo Veloso.
Logo creado por Noelia Varela Veloso
Agora anunciamos que se vai inagurar unha exposición sobre os 50 anos do C. D. Baio, ou máis ben poderiamos dicir sobre toda a historia do club, pois o material exposto inclúe tamén os anos anteriores a se federar o club. Consta a exposición dun completo repaso fotográfico pola historia, cunha fotografía do equipo de cada unha das cincuenta temporadas, ademais doutras salientables, curiosas, festivas, e tamén das categorías de base do club e de todos os seus presidentes. Ao lado da exposición fotográfica, tamén se fai un percorrido pola prensa, con recortes de periódicos nos que o club baiés é o protagonista. Fichas dos xogadores e adestradores de todas as épocas completarán a mostra gráfica.
 
Á par disto tamén se expoñerán os trofeos conseguidos polo club, ocupando un lugar sobranceiro a Liga da Costa e Copa da Costa da temporada 1982-83, que supuxo un antes e un despois na historia do C. D. Baio. Tamén terán un lugar destacado os outros títulos de liga, os subcampionatos das copas, os das categorías inferiores e galardóns individuais de moitos dos futbolistas no seu paso polo Baio, así como aqueles trofeos conseguidos antes de se federar o club, na que moitos consideran a primeira época dourada do club. Espallados polo local poderase contemplar unha serie de bandeiríns, que os equipos cos que se foi enfrontando o Baio lle ían entregando, como era costume, e incluso as camisetas que vestiron os xogadores en moitas das súas épocas.
 
A exposición que se inaugura o sábado vai estar aberta posteriormente durante un mes, en horario de sábados e domingos de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, con entrada gratuíta. Ademais, todos os asistentes que así o desexen poderán adquirir calquera das fotos expostas, así como outro material conmomorativo do 50 Aniversario: bufandas, camisetas, polos, mochilas, paraugas e, incluso, viño.
 

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA


PRIMEIRA AUTONÓMICA (GRUPO 2º)
C. D. BAIO - S. D. PILOÑO
Domingo 15 de decembro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

Primeiro enfrontamento na historia entre o CD Baio e o SD Piloño, un equipo que compite por segunda temporada consecutiva na 1ª Autonómica. A pesar dun mal inicio o equipo de Vila de Cruces foise recuperando e achegando á zona media da táboa clasificatoria. Aínda que se fai forte na súa casa (alí sumou 13 dos 16 puntos que ten), colleitou resultados salientables nas súas saídas, como foron os empates en Malpica ou Bertamiráns. Pola súa parte, o Baio tratará de romper a xeira de tres partidos seguidos sen gañar no seu campo e brindarlles aos afeccionados unha vitoria no último partido do ano como locais.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
CORME C. F. - C. D. BAIO
Sábado 14 de decembro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: José Luis Zas Vázquez.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - U. D. CORCUBIÓN
Sábado 14 de decembro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Miguel Antonio González Rey.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. SOFÁN
Sábado 14 de decembro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Julián Carlos Brea Sánchez.

ALEVÍN/BENXAMÍN/PREBENXAMÍN (FS - C. BERGANTIÑÁ)
C. D. BAIO - CONCELLO DE MALPICA
Sábado 14 de decembro; 10:00 / 10:50 / 11:40 / 12:30 horas.
Pavillón Polideportivo de Baio.

5 dic 2013

PARTIDOS DESTA SEMANA (VENRES/SÁBADO)


PRIMEIRA AUTONÓMICA (GRUPO 2º)
S. D. VILLESTRO - C. D. BAIO
Venres 6 de decembro; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 15:45 horas.
Campo: A Barrosa (Villestro-Santiago)
Árbitro: Borja Santos Romero.
Asistentes: Pablo Botana Rey / Jesús Calvelo Iglesias.

Primeiro enfrontamento na historia entre estes dous equipos. O equipo santiagués partía como un dos aspirantes ás primeiras prazas, e está confirmando os prognósticos, cun conxunto moi sólido que poñerá as cousas difíciles aos baieses. Ambos os dous veñen de empatar na pasada xornada, e han querer sumar os puntos en xogo para non descolgarse dos postos altos.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - LAXE C. F.
Sábado 7 de decembro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
MUROS S. D. - C. D. BAIO
Sábado 7 de decembro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:00 horas.
Campo: Eleuterio Balayo (Muros).
Árbitro: Pedro Mirazo Insua.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
E. M. F. VIMIANZO - C. D. BAIO
Venres 6 de decembro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:45 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).

3 dic 2013

BRAIS GARRIDO, NOVO XOGADOR DO CD BAIO

Brais celebrando o ascenso do Baio a temporada pasada

Brais Garrido acaba de asinar como novo xogador do C. D. BAIO. Brais é natural da veciña parroquia de Anos (Cabana de Bergantiños), e cumprirá o vindeiro mes de xaneiro os 20 anos. 
O novo xogador baiés desenvólvese en varias posicións do centro do campo, e procede do Bergantiños, da Preferente Autonómica. Formado nas categorías de base do equipo carballés logo de xogar no Baio, chegou esta temporada, a súa primeira como sénior, ao primeiro equipo (aínda que xa disputara partidos en temporadas anteriores). Aínda que foi convocado en todos os encontros que levaba disputados o equipo bergantiñán, tan só interveu en nove deles, cun número escaso de minutos (en total, 104).
Desexámoslle a Brais Garrido as mellores das sortes nesta súa nova andaina no CD BAIO.