C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

31 may 2013

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA


FASE DE ASCENSO Á 1ª AUTONÓMICA
C. D. BAIO - SÁLVORA C. F.
Domingo 2 de xuño; 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Rubén Reborido Rodríguez.
Asistentes: Carlos Martínez Rodríguez / Pablo M. Patricio Blanco.

COPA DA COSTA (CUARTOS DE FINAL - IDA)
XALLAS SANTA COMBA C. F. - C. D. BAIO
Sábado 1 de xuño; 17:00 horas
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: Fontenla (Santa Comba).
Árbitro: José Luis Zas Vázquez.

PRE-BENXAMÍNS (FÚTBOL-8 LIGA DA COSTA)
S. C. R. D. ESTEIRANA - C. D. BAIO
Domingo 2 de xuño; 12:00 horas.
Saída de Baio ás 10:15 horas.
Campo: Xosé Luís Vara (Esteiro).

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DE SOCIOS

SÁBADO 1 DE XUÑO; 20:00 HORAS.
AUDITORIO DO PAVILLÓN

Orde do día:
1- Elección de nova Xunta Directiva

28 may 2013

XORNADAS "PAIS SUFRIDORES"

XOVES 30 DE MAIO
20:00 horas
Auditorio do Pavillón de Baio

O CLUB DEPORTIVO BAIO organiza o vindeiro xoves unhas Xornadas destinadas aos pais dos xogadores, que completan as realizadas durante toda a temporada. Como todos recordaredes, iniciamos estas xornadas coa presenza do colexiado Óscar Martínez Santos e do nutricionista Manuel Casal, aos que lles seguiu o xogador do Deportivo Álex Bergantiños.

Agora visitarannos o ex-adestrador do Deportivo JOSÉ LUIS OLTRA e o psicólgo do fútbol-base do Deportivo, MACARIO BRAVO. Ambos os dous expoñerán a importancia da participación dos pais e das nais na formación deportiva dos seus fillos, que supón para eles a base fundamental na que asentar os inicios no deporte dos nenos e nenas.

As xornadas están abertas a todo o mundo que queira asistir, pero están especialmente dirixidas aos pais e nais de xogadores e aos adestradores do fútbol-base.

23 may 2013

PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA


COPA DA COSTA (OITAVOS DE FINAL-VOLTA)
LIRA C. F. - C. D. BAIO
Domingo 26 de maio; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 15:45 horas.
Campo: Lombáns (Carnota).
Árbitro: Daniel Lens Ares.

BENXAMÍN/ALEVÍN (FÚTBOL-8 COSTA NORTE)
C. D. BAIO - S. D. CORISTANCO
Sábado 25 de maio; 17:00 horas e 18:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Miguel Antonio González Rey.

PRE-BENXAMÍN (FÚTBOL-8 LIGA DA COSTA)
C. D. BAIO - S. D. PONTECESO
Domingo 26 de maio; 12:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Jesús España Andrade.

20 may 2013

DERROTA NO DEBUT EN AGOLADA

S. D. AGOLADA 2 - C. D. BAIO 1

Empezou a promoción de ascenso á 1ª Autonómica o CD BAIO visitando o campo do Hospitalillo de Agolada, nunha tarde fría e algo desapracible, pero a choiva deu unha tregua e non fixo acto de presenza. Bo partido dos baieses, a quen lles pesou un mal inicio cun gol no primeiro minuto, que foi un xerro de auga fría, e do que tardaron en repoñerse, e aínda máis despois do segundo, pero a segunda metade foi de completo dominio visitante e ben puideron levar algo positivo de ter ese algo de fortuna que fai falta neste tipo de partidos. Dous estilos contrapostos, mentres os locais baseaban o seu xogo en lanzamentos sobre a súa torre, o dianteiro Pablo de case dous metros de altura, que descargaba para a incorporación dos rápidos mediapuntas; mentres que o Baio seguía fiel ao seu xogo de toque e posesión, que aínda que na primeira parte non foi moi efectiva, si deu os seus froitos na continuación, na que pechou ao rival no seu campo.

Pola SD AGOLADA xogaron: Rafa, Méndez, Pedro, José (Rubén 53'), Cristian, Javi, Agra, Galego (Negro 53'), Santi, Víctor, Pablo (Iván 65').

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Chema (Christian 52'), Mario, Eloy Lema, Norberto (Fredi 81'), Fachal, Rubio (Yago 61'), Eloy Vilas, Alberto, Martín. 

Árbitro: Carlos Vázquez Barreiros (Subdelegación de Lalín), nun partido cómodo tivo unha regular actuación, que non influíu no marcador, pero apreciáronse erros en aspectos técnicos: mala colocación nas xogadas, pouca coordinación cos xuíces de liña, etc. Moi bo o labor dos seus asistentes, que atinaron en case todas as súas apreciacións.

Goles
1-0 Pablo (1'), logo de recoller un mal pase de Chema que o deixou só ante Anxo a quen bateu por baixo.
2-0 Víctor (22'), que aproveitou o rexeite de Anxo tras o lanzamento dunha falta.
2-1 Christian (84'), rematando de cabeza un centro de Alberto desde a esquerda.

Ocasións do Agolada:
- Saque do meta local sobre Pablo que peina para a entrada de Santi, que remata desviado (14').
- Lanzamento de Víctor desde a frontal da área que peta no traveseiro e vaise fóra (57').
- Novo lanzamento de Víctor desde fóra da área e Anxo saca unha man prodixiosa cando o balón se coaba pola escuadra (78').
- Xogada de Víctor pola banda e o seu centro non o consegue rematar Santi en posición clara (79').

Ocasións do Baio:
- Pase entre liñas de Martín para Rubio pero o seu remate vai ás mans do porteiro local (3').
- Xogada pola banda de Martín e o seu centro á frontal é rematado en volea por Fachal e vaise lambendo o pau da meta do Agolada (12').
- Novo balón entre liñas sobre Eloy Vilas, pero remata mal e váiselle fóra (34').
- Disparo en posición ventaxosa de Alberto que novamente se vai a rentes do poste (56').
- Pase en profundidade de Martín sobre Christian, que se vai en velocidade e preséntase só diante do porteiro pero o seu remate coa esquerda vaise novamente fóra (76').
- Lanzamento de córner e remate de Fredi só ante o porteiro que consegue despexar milagrosamente o balón (92').

En definitiva un partido no que o Baio puido sacar algo positivo, sobre todo pola súa segunda parte, e que a piques estivo de conseguir na prolongación. Tan só lamentar a lesión do dianteiro local Pablo, cun forte golpe nun ombro nunha caída (por certo, nunha xogada que o xuíz de liña anulara por fóra de xogo varios segundos antes pero o colexiado non se decatou ata que rematou a xogada).
A próxima semana visitará o Agolada ao Sálvora, tocándolle ao Baio descansar. O próximo partido dos baieses será dentro de quince días, fronte ao equipo de Ribeira.

16 may 2013

PARTIDOS: PROMOCIÓN E COPA


PROMOCIÓN DE ASCENSO Á 1ª AUTONÓMICA
S. D. AGOLADA - C. D. BAIO
Domingo 19 de maio; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 16:00 horas.
Campo: Hospitalillo (Agolada).

COPA DA COSTA (OITAVOS DE FINAL IDA)
C. D. BAIO - LIRA C. F.
Venres 17 de maio; 19:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

BENXAMÍN/ALEVÍN (FÚTBOL-8 COSTA NORTE)
E. M. F. VIMIANZO - C. D. BAIO
Xoves 16 de maio; 18:30 horas e 19:30 horas.
Saída de Baio ás 17:30 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).
Árbitro: Alexandre de Vega Domínguez.

15 may 2013

95 GOLEADORES DA LIGA DA COSTA

Acabada a Liga da Costa traemos aquí a clasificación definitiva dos goleadores nos seus primeiros 95 postos. Ao final, o título foi compartido entre o esteirán Kike Paluca e o cormelán Juan Chans, que na última xornada superaron a quen foi líder boa parte da temporada, o baiés Martín MC, que non puido xogar as últimas xornadas por lesión. Entre os 95 primeiros temos seis xogadores do CD BAIO:

Tamén vos deixamos as clasificacións nas catro principais categorías do CD BAIO, na que destacan os 47 goles que conseguiu o infantil ANXO.

14 may 2013

ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DE SOCIOS

O Club Deportivo Baio vai celebrar o vindeiro sábado 18 de maio a súa Asemblea Xeral Ordinaria de socios no Pavillón Polideportivo, en horario de 20:00 horas (1ª convocatoria) e 20:30 horas (2ª convocatoria). A orde do día é a seguinte:

1- Balance deportivo da temporada.

2- Balance económico da temporada.

3- Dimisión da Xunta Directiva e apertura do proceso electoral.

4- Rogos e preguntas.


ACUDE E PARTICIPA. O CLUB É TEU!!!

SORTEO DA FASE DE ASCENSO Á 1ª AUTONÓMICA

Na tarde do luns celebrouse na sede da Federación Galega de Fútbol o sorteo da Fase de Ascenso á 1ª Autonómica entre os segundos clasificados dos grupos 3º, 5º e 6º da 2ª Autonómica, que deparou o seguinte resultado:

Domingo 19 de maio 
S. D. AGOLADA - C. D. BAIO

Domingo 26 de maio
SÁLVORA C. F. - S. D. AGOLADA

Domingo 2 de xuño
C. D. BAIO - SÁLVORA C. F.

Domingo 9 de xuño
C. D. BAIO - S. D. AGOLADA

Domingo 16 de xuño
S. D. AGOLADA - SÁLVORA C. F.

Domingo 23 de xuño
SÁLVORA C. F. - C. D. BAIO

10 may 2013

PARTIDOS DA ÚLTIMA XORNADA DE LIGA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
CORME C. F. - C. D. BAIO
Domingo 12 de maio; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Patricia Rodríguez Cruz.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - XALLAS SANTA COMBA C.F.
Sábado 11 de maio; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Castreje Ferrío.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - U. C. CEE
Domingo 12 de maio; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Vázquez Lema.

ALEVÍN/BENXAMÍN (FÚTBOL 8-COSTA NORTE)
C. D. BAIO - S. D. CABANA
Sábado 11 de maio; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Martín Aguiar Patricio.

7 may 2013

CLASIFICADOS PARA A PROMOCIÓN!!!

C. D. BAIO 0 - S. D. SOFÁN 0

Tarde soleada e calurosa a do domingo que invitaba a ir ao fútbol, e acudiron en masa os afeccionados baieses no último partido de liga no Platas Reinoso. A presenza da maior parte dos xogadores das categorías inferiores ataviados coas camisolas branquiazuis, e a de moitos seguidores que tamén se quixeron unir á festa, fixo que se congregase unha gran cantidade de xente. Aproveitou a directiva para facer a súa tradicional homenaxe aos socios, co agasallo dun vale de 100 Euros a escoller polo afortunado entre os negocios que colaboran coa súa publicidade no campo de fútbol. Realizado o sorteo, tocoulle a sorte a José Antonio Martínez "Tonecho", actual socio número 2. Ao final, houbo churrascada para todos cantos se achegaron a presenciar o encontro, feito polo maestro parrilleiro "Carris".
En canto ao partido, xogábase o Baio a posibilidade de presionar á Esteirana na loita polo título, e ao mesmo tempo certificar de maneira matemática a segunda praza que dá dereito a xogar a promoción de ascenso. Coas baixas de Chema, Jorge e dun Martín MC que ata última hora intentou xogar, presentouse o Baio ante un Sofán que demostrou o porqué da súa clasificación. Saíron os baieses coa súa idea de controlar o partido a través do balón, pero víronse sempre faltos de profundidade, quizais un pouco máis tensos pola trascendencia que se lle deu ao encontro. Non conseguían fiar xogadas perigosas, e os intentos morrían na tupida defensa sofanista, que se pechou ben atrás na busca dalgunha contra. Apenas tivo ocasións de gol a primeira parte, tan só lanzamentos desde fóra da área a cargo de Martín, Alberto e Eloy Vilas, pero ben atallados por Bugy. Conforme pasaban os minutos o Sofán foise achegando á meta de Anxo, pero tampouco creou ocasións de relevancia.
Principiou a segunda parte polo mesmo camiño, e a pesar de que o Baio intentou ir máis arriba na busca do gol, non se notou a frescura no xogo doutras tardes. A ocasión máis clara dos baieses veu dun lanzamento de Alberto, que rexeitou Bugy e que Christian non puido enganchar o remate. Co paso dos minutos o Baio adiantaba máis as liñas, pero non atopaba soltura nos metros finais, perdéndose infinidade de balóns, que aproveitaba o Sofán para saír á contra. Nunha delas, o porteiro Anxo tivo que saír fóra da área, tocando o balón coa man, polo que foi expulsado a falta de pouco máis de cinco minutos. Nese tempo tivo o Sofán as súas ocasións máis claras. No lanzamento da falta que lle custou a expulsión tivo que facer Manuel unha gran parada e nos minutos de desconto, nunha contra Abel lanzou desde corenta metros vendo o porteiro adiantado pero entre Manuel e o poste evitaron o gol.
A pesar da sensación agridoce do resultado, con este empate consegue o Baio matematicamente a súa clasificación para a promoción de ascenso á 1ª Rexional, algo impensable a principios de temporada. A próxima semana haberá que visitar O Cairo, nun encontro no que apenas haberá nada en xogo. Despois virá esa fase, que vai ser un xusto premio ao traballo realizado esta temporada por xogadores e corpo técnico.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Mario, Ramón (Yago 55'), Eloy Lema, Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Pablo 76'), Alberto (Manuel 85'), Christian (Fachal 80').  

4 may 2013

DOMINGO, O DÍA DO SOCIO

ACÓRDATE DE TRAER O CARNET
 
Como todos os anos, a xunta directiva do CD BAIO aproveita o último partido de liga para renderlle homenaxe aos socios que estiveron toda a temporada apoiando e colaborando co club. Por iso, no partido que se vai celebrar este domingo 5 de maio entre o CD BAIO e SD SOFÁN vai ter lugar o tradicional sorteo dun agasallo para o socio. Acórdate de levar o teu carnet de socio, deposítao na urna e entrarás no sorteo dun vale de compra de 100 EUROS, que poderás facer efectivo en calquera dos negocios que colaboran co CD BAIO. 

E, ao remate do partido, haberá unha GRAN CHURRASCADA para todos os socios do CD BAIO!!!

O CARNOTA-BAIO POR SANTI DÍAZ

Si, si, si, xa están aquí as fotos do Carnota-Baio, do que pasou no partido e dos afeccionados que se desprazaron a Lombáns. Todo desde a cámara de Santi Díaz:






















PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. SOFÁN
Domingo 5 de maio; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Iván Guerra Domínguez.

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
MUXÍA C. F. - C. D. BAIO
Sábado 4 de marzo; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 09:00 horas.
Campo: Arliña (Muxía).
Árbitro: Javier Pichel Castro.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
XALLAS SANTA COMBA C. F. - C. D. BAIO
Domingo 5 de marzo; 10:30 horas.
Saída de Baio ás 09:00 horas.
Campo: San Pedro (Castriz).
Árbitro: Miguel Ángel Piñeiro Rial.

ALEVÍN/BENXAMÍN/PREBENXAMÍN
C. D. BAIO DESCANSA

1 may 2013

GOLEADORES E CLASIFICACIÓNS

Xa está aquí as táboas de goleadores das distintas categorías do CD BAIO e da Liga da Costa. Poucos cambios na primeira, tan só destacar nos xuvenís que Christian acabou como máximo goleador con 20 goles, por diante de Santi Díaz, aínda que este cadete só xogou a competición ligueira. Na clasificación da Liga da Costa, o gol anotado por Juan Chans aperta aínda máis as cousas; mentres que son de destacar esta semana os catro goles do xalleiro Sebas, que o levan á sexta posición, e os tres do xogador do Volantes, Chenel.
 En canto ás clasificacións traemos só as dos cadetes e infantís, por canto en fútbol-8 só xogaron os pre-benxamíns. Na categoría xuvenil, rematou a participación do Baio na Copa da Costa cunha forte goleada ante o campión da liga, o Cabana. En cadetes, unha nova derrota, neste caso ante o Coristanco, a pesar das boas intervencións do porteiro infantil Julián, que mesmo parou un penalti. Aos infantís tocoulles esta semana descansar, á espera de rematar a liga contra os dous primeiros clasificados. Alevíns e benxamíns tampouco xogaron, pola disputa da fase final, mentres que os pre-benxamíns perderon no seu partido fronte ao Outes.

TRES PUNTOS SUFRIDOS EN LOMBÁNS

U. D. CARNOTA 0 - C. D. BAIO 1

Desprazouse moita xente de Baio na tarde do domingo ao campo de Lombáns, moita dela ataviada coas camisetas vermellas do CD BAIO para animar ao equipo. Clima cambiante, con sol, orballo e novamente sol, para un partido disputado, que tivo máis emoción que xogo. 
Arrancou con forza o Baio e creou as primeiras ocasións, ante un equipo local que se pertrechou ben atrás, deixando un único punta arriba. As aperturas á banda facían dano na defensa carnotá e por aí viñeron os primeiros achegamentos, por medio de Martín MC e de Eloy Vilas. E o gol chegaría tamén por unha xogada pola banda: un pase en profundidade de Martín sobre a incorporación do lateral Eloy Lema rematou cun perfecto centro deste para a incorporación desde segunda liña de Rubio, que batía a Luis de la Peña. A partir de aquí o Baio tivo claras ocasións de sentenciar. Dúas delas a cargo de Martín MC, na primeira, tras unha bonita combinación da dianteira, quedaba só diante do porteiro, pero sacou unha man prodixiosa cando se cantaba o gol; mentres que na segunda o dianteiro precipitouse a lanzar a portería de primeiras cando se atopaba totalmente só. Tamén tivo a súa ocasión Alberto, e tiros desde fóra da área de Martín e de Eloy Vilas non chegaron a bo porto. O Baio perdoou moito e puido pagalo caro.
Na segunda parte presionou máis o equipo de Cambeiro, na busca do empate, o que desiquilibrou o xogo dos baieses, que estiveron boa parte deste período perdidos. A entrada de Yago, logo de varios meses lesionado, deulles máis solidez defensiva, e pouco a pouco foi recuperándose o equipo baiés. Por outra parte, as chegadas do Carnota máis perigosas viñan dos saques de banda, que desde un e outro lado lanzaban os laterais na busca dos espigados Jacobo e o veterano Manoliño. Amosaron os defensas do Baio moita seguridade nestas accións, aínda que calquera rexeite podía ser fatídico. Tivo o Baio a sentenza nas botas de Alberto, que tras unha boa xogada tras un córner, deixouno só diante do porteiro, pero o seu tiro a colocar marchou lambendo o pau. A nota desagradable do encontro foron as lesións do local Martín e do baiés Martín MC, que esperemos non sexan nada grave e poidan volver pronto aos terreos de xogo. A saída do pichichi da Costa permitiu a entrada de Christian, que tivo unha boa oportunidade logo do malentendido entre o defensa Pedro e o porteiro Luis, que lle deixou o balón en longo para Christian, que desde a liña de fondo con pouco ángulo non conseguiu introducir na meta carnotá. De aquí ao final, limitouse o Carnota a enviar balóns á área baiesa en busca dalgún remate ou dalgún rexeite dos dianteiros, pero a defensa e o porteiro do Baio estiveron moi seguros e conseguiron atallar o perigo e chegar ao final sen encaixar.
Con esta vitoria continúa o Baio no segundo posto, agora cunha marxe de cinco puntos sobre o Cee, e a dous do líder Esteirana, cando só faltan dúas xornadas para o remate da liga. O vindeiro domingo visita o Platas Reinoso o Sofán, conxunto dunha gran calidade e que estaba chamado a estar pelexando nos postos altos. Pero antes está a Copa, este mércores no Platas Reinoso xogan Baio e Cabana un duelo a vida ou morte. O que gañe pasa a eliminatoria.

Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fachal 88'), Mario, Ramón (Yago 60'), Eloy Lema, Norberto, Martín, Eloy Vilas, Rubio (Fredi 80'), Alberto, Martín MC (Christian 70').

Gol: 0-1 Rubio (23').