C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

29 sept 2016

PREVIA DO MAZARICOS CF-CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1556
593
354
609
2494
2622
LIGA DA COSTA
798
310
155
333
1445
1535
Último partido ligueiro do Baio en Pino de Val

Despois de dous clásicos, este domingo chega para o CD Baio un rival ao que se enfrontou en poucas ocasións, pois tan só coincidiron en catro temporadas. O Mazaricos CF fundouse hai 26 anos, e esta é a súa 14ª campaña na Liga da Costa; as outras foron 11 en 3ª Rexional e 1 na 1ª Rexional provincial. O seu maior éxito veu na 93-94, na que gañou a Liga da Costa, precisamente en dura competencia co Baio, e ascendeu á 1ª Rexional. Logo, na 2000-01 gañaría a liga da 3ª Rexional.
O equipo mazaricán ocupa o posto 30º en temporadas disputadas e 29º en partidos xogados dentro do total dos equipos costeiros, pero se facemos só referencia á Liga da Costa é o 29º en temporadas disputadas e 28º en encontros xogados. Estas son as súas estatísticas nas diferentes ligas ata o momento actual:

MAZARICOS C.F.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
724
310
163
251
1317
1063
LIGA DA COSTA
392
163
89
140
676
554

Como dixemos, apenas coincidiron o Mazaricos CF e o CD Baio ao longo da historia. Foron só catro temporadas, tres delas na Liga da Costa e a outra na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento deuse na campaña 93-94, en Pino de Val, con empate no marcador (2-2). No encontro de volta, o Mazaricos gañaría no Platas Reinoso e sentenciaría aquel campionato ligueiro. Esta foi a única vitoria dos mazaricáns nos oito enfrontamentos ligueiros, pois as estatítiscas mostran unha clara superioridade baiesa, con seis vitorias nos partidos das outras tres temporadas nas que coincidiron (94-95, 11-12 e 12-13). A última vez que acudiu o Baio ao campo da Pedra d'Ouro impúxose por 0-2, nunha campaña na que acabaría ascendendo de categoría. Mais tamén temos que falar do enfrontamento destes dous clubs na Copa da Costa, que se deu nas edicións de 2014 e 2015; na primeira o Baio conseguiu gañar en Pino de Val (1-2) e na segunda produciuse un empate (1-1).

Enfrontamentos Totais
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
08
06
01
01
17
08
Xogados en Pino de Val
04
03
01
00
09
05

O partido do domingo

Titulaba La Voz de Galicia, no seu especial sobre a Liga da Costa deste ano, que Baio e Mazaricos eran os favoritos desta edición. É ben certo, que son varios os equipos chamados a estar nos postos sobranceiros, ademais destes dous, pero o Mazaricos ben demostrando estes últimos anos un bo traballo e xuntando un bo plantel de xogadores, co que temporada a temporada van mellorando os seus resultados. Así chegou o seu cuarto posto do ano pasado na Liga da Costa, e a súa participación na Copa da Costa, na que chegaron ata as semifinais, nas que lle deron moito que facer ao Xallas.
11 inicial do Mazaricos ante o Ponteceso [Foto: FB Ponteceso]
Mantén practicamente o bloque da campaña pasada con cinco incorporacións novas: procedentes do desaparecido Carnota chegaron Pedro, Oreiro e Manuel Luis, e do Castriz Diego Maneiro e Dani Martínez. A eles hai que unirlles os xa destacados Estéfano, Ricardo, Chenel, Molinos, David García, Matías... Principiou mal o equipo esta temporada, con derrotas na casa ante Ponteceso (0-1) e na súa visita a Cee (1-0), pero endereitou o rumbo nestas dúas últimas xornadas, con vitoria ante o Malpica (2-0) e empate co Corme no difícil campo do Cairo (0-0). Como vemos, os seus partidos son de poucos goles, todo o contrario do que ocorre nos partidos que disputa o Baio. Así que veremos que se impón este domingo na Pedra d'Ouro, o rigor defensivo local ou o poder goleador dos baieses. Como comprobamos nas estatísticas, o Baio nunca perdeu co Mazaricos, así que esperemos que se manteña este dato.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
MAZARICOS C.F. - C.D. BAIO
Domingo 2 de outubro; 16:30 h.
Saída de Baio ás 14:30 h.
Campo: Pedra D'Ouro (Pino de Val).
Árbitro: Iago Varela Rodríguez.


XUVENIL: S.D. LAXE - C.D. BAIO

Na Liga da Costa Xuvenil tamén o equipo baiés volve repetir partido en campo rival, neste caso no campo do Cabo d'Area ante o Laxe. Despois do bo partido disputado en Corme, esperemos que ao outro lado da ría continúe a boa xeira dos rapaces de Roberto. Enfronte estará un equipo que leva nesta liga tres puntos, colleitados na primeira xornada ante o Camariñas, para despois perder con Coristanco, Corme e Sp. Zas. Os baieses non deben confiarse, pero non poden desaproveitar a ocasión de gañar para achegarse aos postos altos da clasificación, que comparten neste momento catro equipos. Será este un partido especial para os rapaces da canteira baiesa, que son orixinarios de Laxe, e Iago e Mohedano seguro que lles van transmitir as súas ganas aos seus compañeiros para traer a vitoria para Baio.

XUVENIL (1ª Galicia – Grupo 2º)
S.D. LAXE - C.D. BAIO
Sábado 1 de outubro; 16:30 horas
Saída de Baio ás 15:15 horas
Campo: Cabo d'Area (Laxe).
Árbitro: Iván Miño Rojas.


26 sept 2016

SUMANDO DE TRES EN TRES

SCD MALPICA 1 - CD BAIO 4
Julián debutou como titular

Fenomenal tarde de domingo, óptima para xogar ao fútbol, a que atopamos na Pedra Queimada, a onde acudiron unhas 150 persoas a contemplar un dos clásicos da Liga da Costa, dous equipos que acumulan unha gran cantidade de partidos nesta competición. É que este era o encontro 800 do equipo malpicán na Liga da Costa, dous máis dos que leva o Baio. 
A este partido chegaba o equipo baiés con algunha que outra sensible baixa, sobre todo na portería, polo que Pedro tivo que convocar os dous porteiros do xuvenil. Debutou como titular en partido oficial Julián, e ao remate Cedrón tamén tivo os seus minutos para estrearse na Liga da Costa. 
Comezou o encontro con dominio alterno, pero axiña chegaría o primeiro gol, obra do corcubionés Brais Lado, que aproveitou un balón ás costas dos centrais para bater a Julián e poñer o 1-0 no marcador (min.4). Foi a única ocasión clara do equipo local en todo o partido, que aproveitou a vantaxe para cerrarse atrás e buscar o contraataque. Tardou un pouco o Baio en sobrepoñerse, pero pasado o cuarto de hora de encontro, comezaron a chegar as ocasións baiesas, que en dez minutos se acumulaban e parecía incrible que non chegase o empate. No min.18 Martín remataba fóra un pase da morte de MC, dous minutos despois Norberto vaise polo extremo e cando se atopaba franco ante Ángel prefire pasar sobre MC, que dispara como lle vén pero o seu lanzamento é desviado a córner por un defensa. No lanzamento dese córner, Porto engancha unha volea desde o vértice da área que fai lucir a Ángel; e non quedou aí a cousa pois no min.23, unha boa xogada por banda esquerda remata con centro de Santi Díaz, que MC en boca de gol envía fóra. Este vendabal foi o previo á expulsión por dous cartóns amarelos do defensa malpicán Diego. Curiosamente foi o punto de inflexión no xogo baiés, pois os malpicáns pecháronse aínda máis atrás e o Baio xa non chegaba tan claramente. Habería que agardar ao min.40, cando o Malpica perde o balón nun ataque e o Baio aproveita para lanzar un rápido contragolpe, que remata cunha escapada de Javi Suárez, que é derrubado por Óscar Moscoso cando se dispoñía a rematar a gol. Expulsión do defensa e lesión do dianteiro e penalti que transforma Martín MC para poñer o 1-1 no marcador (min.41).
A segunda parte non pasará á historia da competición, pois apenas houbo xogo e si continuas interrupcións. O cadro malpicán, con dous homes menos, pechouse na súa área e, como é lóxico, perdía todo o tempo posible. Mentres tanto o Baio non conseguía fiar unha xogada de mérito e ter ocasión de disparar á portería con perigo. Tan só un man a man de MC que consegue desviar Ángel (min. 54) se pode considerar digna de mención. O cambio dun renqueante Javi Suárez, desde o penalti, diminuiu aínda máis a pólvora baiesa, mais a sensación era que o gol visitante ía chegar. Puido ser Rubio quen marcase ao pouco de saír, pero non chegou por pouco a un centro-chut de MC (min.65), pero foi unha xogada ensaiada de estratexia cando chegaría o gol, que aproveita no segundo pau un centro de Santi Díaz para poñer o 1-2 (min.78). Seguían torcéndose as cousas na dianteira baiesa co cambio de Martín MC por un forte golpe, pero aí tomou os mandos Santi Díaz, que aproveitou un balón en profundidade para bater a Ángel e sentenciar o encontro (min.81). Tivo nas súas botas Moreno o cuarto (min.84) antes de ser reemprazado polas molestias que xa arrastrou durante a semana, pero si chegaría o 1-4 no treito final por medio de Rubio, que aproveitou unha gran xogada por banda de Isaac (min.88).
Gran vitoria a conseguida polo cadro baiés ante un Malpica que principiou ordenado, que se viu superado mediada a primeira parte polo xogo baiés, e que despois entrou nunha fase de desquiciamento coa actuación arbitral do cormelán Bruno Méndez, con continuas protestas ao seu labor. Destacar o traballo de Julián, que estivo moi seguro en todo o partido e atento aos lanzamentos lonxanos dos atacantes locais. Esperemos que as lesións non revistan gravidade e poidan estar dispostos para o vindeiro partido, no que visitamos outro dos favoritos neste Tourmalet que nos tocou para comezar a Liga da Costa: o Mazaricos CF.



XUVENIL: CORME CF 2 - CD BAIO 2

Visitaba na tarde do venres o club baiés ao líder do grupo norte costeiro e daba a mellor das impresións, escapándolle a vitoria nos minutos finais. O Corme contaba os seus partidos por vitorias, e parecía seguir nese camiño cando Aitor marcaba nada máis principiar o partido, pero pouco a pouco os baieses foron facéndose donos do encontro e dominando todas as facetas do xogo. Así chegou o empate de Estefan no min. 12, que facía xustiza ao visto no Cairo. Mantívose a tónica no resto da primeira parte e en boa parte da segunda, e foi de novo Estefan, e de novo no min. 12 deste período, o que marcase e puxese por diante aos rapaces de Roberto. Tiveron oportunidades de marcar o terceiro, pero este non chegou, e a pesar de que o conxunto visitante notou a baixa de Estefan parecía que a vitoria estaba amarrada. Mais un erro defensivo a cinco minutos para o final foi aproveitado por José para establecer o definitivo 2-2 no marcador. 
Deben tomar boa nota os rapaces da súa capacidade para xogar partidos tan intensos como este para vindeiros encontros e poder achegarse aos postos altos da clasificación. A próxima parada o sábado no Platas Reinoso, e o rival o Laxe.


22 sept 2016

PREVIA DO SCD MALPICA-CD BAIO


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1555
592
354
609
2490
2621
LIGA DA COSTA
797
309
155
333
1441
1534
Outro dos clásicos da Liga da Costa chega este domingo ao campo da Pedra Queimada, o SCD Malpica-CD Baio. O cadro malpicán é o cuarto club que máis veces se enfrontou ao Baio, pois coincidiron un total de 23 temporadas, desde que a formación bergantiñá debutou na temporada 73-74. O primeiro enfrontamento da historia tivo lugar o 13 de xaneiro de 1974, na xornada 3ª, cunha vitoria clara dos malpicáns na Pedra Queimada (4-0).
A SCD Malpica disputa coa actual a súa temporada 44ª consecutiva, nas que estivo en todas as categorías: 1 na 3ª División, 2 na Preferente, 10 na 1ª Rexional provincial ou semiprovincial, 2 na 3ª Rexional e con esta son 29 na Liga da Costa. É o 10º club que máis temporadas disputou, mentres que por número de partidos xogados ocupa o 6º posto. Se facemos referencia só á Liga da Costa, ocupa o posto 7º tanto en temporadas disputadas como en partidos xogados. Os títulos acadados por este club son unha liga da Preferente, outra da 1ª Rexional e 3 Ligas da Costa, ademais dunha Copa da Costa. Estes son os seus datos estatísticos da súa participación ligueira:

S.C.D. MALPICA
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1314
566
264
483
2282
2044
LIGA DA COSTA
799
361
167
271
1441
1197

As coincidencias dos dous equipos nesas 23 temporadas anteriores foron, na súa maior parte, na Liga da Costa, aínda que en cinco delas foi na 1ª Rexional. Este foi o caso dos últimos tres anos, nos que os dous clubs disputaron o grupo II da 1ª Autonómica. As estatísticas xerais amosan na actualidade unha igualdade que foi conseguindo o Baio nesta última década, pois os enfrontamentos dos primeiros anos foron case sempre favorables ao cadro malpicán. Nos partidos disputados na Pedra Queimada, o Malpica móstrase aínda superior, pero nos últimos anos o Baio foi conseguindo puntuar alí. E é que o Baio non conseguira puntuar en terras malpicás ata a súa novena visita (1-2, na 1ª Rexional 83-84). Das últimas cinco visitas, tres vitorias locais e dúas visitantes, a última delas a temporada pasada (1-3).

Enfrontamentos Totais
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
46
19
09
18
80
83
Xogados en Malpica
23
05
03
15
29
49

O partido do domingo

11 inicial do Malpica no partido do Pinguel [FB Ponteceso]
O Malpica e o Baio son equipos chamados a estar nos postos altos da clasificación. Os dous descenderon da 1ª Autonómica, aínda que con distintas sensacións. Mentres o equipo baiés conserva practicamente o bloque da campaña anterior, os malpicáns sufriron unha boa renovación, con moitas baixas e altas. Aínda así quedan importantes xogadores da temporada pasada, como Eloy, Álex Márquez, Petís, Migueliño ou Cololo, aos que se suman as fichaxes do porteiro Rubén (Paiosaco), e os xogadores de campo Alberto (Soneira), Mario Casal, Pablo Rey e Eloy Cabeza (Baíñas), Ismael (Zas), Brais Lado (Mazaricos), Brais Ortiz (Ameixenda), e Alberto e Cristian (Ponteceso Xuvenil). O Malpica tan só disputou un partido como local, vencendo ao San Lorenzo (2-0) na xornada inaugural, para empatar e perder nas dúas seguintes xornadas, nas visitas a Ponteceso e Mazaricos, respectivamente. O Baio conta con dous puntos máis, mercé ás súas vitorias como local, ante Baíñas e Ponteceso, mais non acadou un resultado positivo na súa única saída a Berdillo. Aínda que con algunha que outra baixa, esperemos que demostre unha boa imaxe na súa visita a terras bergantiñás, e confirme o bo partido realizado ante o Ponteceso.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
S.C.D. MALPICA - C.D. BAIO
Domingo 25 de setembro; 18:00 h.
Saída de Baio ás 16:15 h.
Campo: Pedra Queimada (Malpica).
Árbitro: Bruno Méndez Castro (3ª División)


XUVENIL: CORME C.F. - C.D. BAIO

Na Liga da Costa Xuvenil tamén chegamos á 4ª xornada, na que o club baiés visita na tarde do venres o campo do líder, un Corme CF que conta os seus partidos por vitorias. Conta o cadro cormelán cun bo equipo, aínda que escaso, pero que sabe sacarlle proveito ao bo facer dalgún dos seus futbolistas, como é o caso de Eloy, un home que xa é titular habitual do conxunto sénior. O Baio tratará de traer un resultado positivo, que refrende o bo resultado acadado na xornada anterior ante o Camariñas, para o que deberán xogar cos cinco sentidos, pois o Corme non dará opcións aos despistes.

XUVENIL (1ª Galicia – Grupo 2º)
CORME C.F. - C.D. BAIO
Venres 23 de setembro; 18:30 horas
Saída de Baio ás 17:00 horas
Campo: O Cairo (Corme).
Árbitro: Alejandro Vilariño Hidalgo.

20 sept 2016

UNHA RIADA DE GOLES

C.D. BAIO 4 - PONTECESO S.D. 2

Once inicial do CD Baio este domingo 
 Unha riada de goles foi o que se viu este domingo no Platas Reinoso, e o río Grande veu máis cargado que o Anllóns, e a dicir verdade, ben puideron ser máis os acadados polos locais, sobre todo nas botas dese pescador de ocasións que é Martín MC, que marchou cun hat-trick, pero da súa cana escapou algunha que outra peza que xa parecía estar no cesto. Ao final os máis de 300 espectadores que presenciaron o partido puideron deleitarse con seis goles que acabaron no trueiro, catro por parte local e dous pola visitante.
Os 11 do Ponteceso que saíron como titulares
Chegaba o Baio con algunha baixas, sobre todo no ataque, coma as de Javi Suárez e Christian, e a do lateral Luis, que o sábado pasaba polo altar e a quen lle desexamos as maiores das felicidades na súa nova vida. Pero volvían outros que non puideran estar en Berdillo, como Martín MC, que aos tres minutos xa fixo acto de presenza ao non dar por perdido un envío en longo e, tras roubarlle a carteira a Brais, puxo o 1-0 no marcador cun tiro desde o lateral da área. O gol tempraneiro tranquilizou o xogo local, que controlou o partido a pracer no centro do campo. Pero o Ponteceso é un equipo dos chamados a estar arriba, e conta con bos xogadores, como o ex-baiés Matías, que mediada a primeira parte lanzou un dos potentes disparos, que desviou Yago e coándose na meta baiesa (m. 23). Mais o Baio non se resentiu e practicamente na xogada seguinte, volveu adiantarse o cadro local grazas a un penalti convertido por Martín MC. A partir de aquí o xogo do Baio converteuse nunha riada de ocasións, nas que MC superaba unha e outra vez a zaga pontecesá. No min. 32 supera por alto a saída de Brais, pero a súa vaselina vaise fóra por pouco, un minuto despois nun novo man a man, MC intenta driblar ao porteiro, pero este consegue tocala e desviala a córner. Non erraría o dianteiro baiés no min. 35, e agora si batía a Brais para poñer un tranquilizador 3-1. Aínda puido aumentar a súa conta MC, pero nunha nova ocasión ante Brais, este conseguía desviar o lanzamento.
CAPITÁN MC, un hat-trick ao trueiro
Comezou a segunda metade como acabara a primeira, cun MC pletórico, que case marcaba o gol da tarde, ao ver adiantado ao porteiro pontecesán lanzou desde 40 metros, pero reaccionou ben o meta e conseguíu desviala a córner coa punta dos dedos. Non só Martín MC foi un pesadelo para a defensa rival, senón que os centrocampistas chegaban á área e creaban accións perigosas, como foi o caso de Moreno (min. 47), que estivo a piques de marcar nun lanzamento que rozou nun defensa e envelenouse para sair lambendo o poste. A única ocasión clara dos pontecesáns veu nun lanzamento de córner, que foi peiteada no primeiro pau, e o balón era sacado baixo o traveseiro por Peke. Pouco a pouco o partido foi decaendo, o Baio gardando esforzos e o Ponteceso impotente para crear perigo. Aínda así viñeron máis goles, despois de que o Platas ovacionase ao heroe da tarde, Martín MC, ao ser substituído. Un pase en profundidade sobre Santi Díaz, era aproveitado por este para marcar o cuarto (min.80), e xa nos últimos minutos viría o golazo de Puente, que recollía un balón no vértice da área e enchufábao na escuadra de Recarey para poñer o definitivo 4-2 (min.89). Moitos minutos de engadido foron os decretados polo colexiado coruñés da 3ª División, Domínguez Manteiga (boa actuación), que só serviron para que o pontecesán Mara vise un dobre cartón amarelo por protestar unha falta.
En definitiva, moi bo partido do Baio, sobre todo na primeira metade, que a pesar das baixas, demostrou que conta cun plantel con garantías para acometer estes partidos ante rivais de máximo nivel e despexar dúbidas despois do partido das Pedreiras da semana pasada. Agora na vindeira xornada toca visitar outro dos grandes da Liga da Costa, o Malpica, pero iso será o domingo.


XUVENIL: C.D. BAIO 2 - CAMARIÑAS C.F. 1

Na tarde do sábado xogaron os xuvenís ante un Camariñas que chegaba ao Platas Reinoso sen puntuar, pero co recordo da eliminación na pasada temporada da Copa da Costa. Quizais por eses precedentes sairon os dous equipos temerosos, como querendo gardar antes a súa portería que buscar a contraria. Pouco a pouco foron chegando xogadas de perigo, iso si, escaso, pero os camariñáns viron que podían facer dano e en dúas contras tiveron a oportunidade de adiantarse. Mais á terceira houbo vez, e aproveitaron a falta de contundencia da defensa para despexar o balón para presentarse ante Julián e conseguir o 0-1. Non espertou nin así o Baio e chegouse ao descanso co marcador favorable para os visitantes.
Pero todo cambiou no segundo tempo, e nada máis iniciarse Luis conseguía o empate e dar tranquilidade aos locais, que pasaron a controlar o partido. Pero as ocasións non eran moitas, pois faltaba o último pase que se puxese aos dianteiros de cara ao gol. Un cambio táctico planeado por Roberto permitiu que os baieses chegasen con máis claridade, e nunha combinación entre Luis e Estefan, este conseguía bater ao porteiro visitante. Repregou liñas o equipo local nos últimos minutos por medo ao arreón final camariñán, pero este non se produciu porque os baiseses conseguiron dominar o tempo do xogo, movendo o balón e non permitindo as chegadas visitantes.
Con esta vitoria suman os xuvenís 4 puntos que o colocan na 5ª praza, e o vindeiro venres visitarán o campo do líder, o Corme, que suma os seus partidos por vitorias.



16 sept 2016

PREVIA DO CD BAIO-PONTECESO SD


A Historia

C.D. BAIO
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1554
591
354
609
2486
2619
LIGA DA COSTA
796
308
155
333
1437
1532

Aliñación do Ponteceso o pasado domingo [FB Ponteceso SD]
Un dos clásicos da Liga da Costa, todo un CD Baio-Ponteceso SD, vai ter un novo capítulo este domingo no Platas Reinoso. Desde que o 19 de abril de 1964 se enfrontaron no Balsiño, na segunda xornada da Iª Liga da Costa, con vitoria local (3-0), foron 56 os encontros ligueiros nos que coincidiron. 28 temporadas xogando no mesmo grupo e categoría, case todas na Liga da Costa, mais en tres delas participaban na 1ª Rexional.
O Ponteceso foi, xa que logo, un dos oito fundadores da Liga da Costa, e disputa este ano a súa temporada 50ª como club costeiro (xogou outras dúas na Liga de Arteixo). É o 3º club que máis temporadas disputou, por detrás de Baio e Cee, e empatado co Fisterra, mentres que por número de partidos xogados ocupa o 4º posto. Das 50 campañas disputadas, 9 corresponden á 1ª Rexional provincial ou semiprovincial, 37 na Liga da Costa e as outras 4 na 3ª Rexional. Os éxitos veñen dados por 5 Ligas da Costa e outra máis da 3ª Rexional, ademais de 4 Copas da Costa. Estes son os seus datos estatísticos da súa participación ligueira:

PONTECESO S.D.
TOTAL LIGAS
P. X.
P. G.
P. E.
P. P.
G. F.
G. C.
1348
579
296
473
2476
2215
LIGA DA COSTA
928
429
195
304
1833
1506

Como dixemos coincidiron en 28 temporadas, con clara superioridade estatística nos 56 partidos disputados para o equipo pontecesán, mais se nos atemos aos xogados en campo baiés xa se igualan un pouco, aínda que seguen sendo favorables aos da vila de Pondal. A última vez que coincidiron foi na temporada 2013-14, na 1ª Autonómica, con empate no Platas Reinoso (0-0) e vitoria baiesa no Pinguel (0-1). Esta campaña o Ponteceso rematara descendendo de categoría. Para buscar un precedente na Liga da Costa, temos que remontarnos á tempada 2010-11, no que o Baio lle gañou ao Ponteceso (5-4), no último partido dunha Liga que gañara o club pontecesán.

Enfrontamentos Totais
P. X.
P. G.
CD Baio
P. E.
P. P.
CD Baio
G. F.
CD Baio
G. C.
CD Baio
56
18
08
30
91
119
Xogados en Baio
28
11
04
13
48
52

O partido do domingo

O Baio tentará volver gañar despois da derrota en Berdillo
Preséntase esta 3ª xornada con dous rivais chamados a estar nos postos altos da clasificación final. O cadro baiés chega despois da vitoria na xornada inicial e a derrota contra o San Lorenzo, mentres que o Ponteceso conseguiu gañar en Mazaricos (0-1) e empatou co Malpica (0-0) a semana pasada. O equipo dirixido por Barca conserva practicamente o plantel da temporada anterior, coas incorporacións do ex-baiés Matías (Baíñas), de Gurita (Buño) e dos ex-malpicáns Mara e Charro, así como a confirmación de Iago, procedente dos xuvenís, como un dos destacados do equipo pontecesán.
O cadro baiés, mermado polas baixas nas dúas primeiras xornadas, vai recuperando algúns dos seus efectivos, mais van caendo outros, polo que esperemos que os que salten o domingo ao campo despreguen un bo xogo e lle dean unha nova alegría á súa afección.

SEGUNDA GALICIA (GRUPO 2º)
C.D. BAIO – PONTECESO S.D.
Domingo 18 de setembro; 16:30 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Bernardo Domínguez Manteiga (3ª División).

XUVENIL: C.D. BAIO – CAMARIÑAS C.F.

Na Liga da Costa Xuvenil tamén chegamos á 3ª xornada, na que o club baiés recibe ao Camariñas no Platas Reinoso. Despois do empate na xornada inicial ante o Sofán e a derrota na visita ao Cabana, esperan os rapaces de Roberto Lozano acadar a primeira vitoria. Para iso deberán superar ao Camariñas que aínda non puntuou nesta liga, mais que poñerá as cousas difíciles aos locais, como demostrou o ano anterior ao eliminalos da Copa.

XUVENIL (1ª Galicia – Grupo 2º)
C.D. BAIO – CAMARIÑAS C.F.
Sábado 17 de setembro; 17:00 horas
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Borja Sánchez García.