C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

30 oct 2012

PARTIDOS DESTA PONTE DE DEFUNTOS



LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
BUÑO S. C. D. - C. D. BAIO
Domingo 4 de novembro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:15 horas.
Campo: Xaviña (Buño).

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - MUXÍA C. F.
[Partido aprazado da xornada 2ª]
Xoves 1 de novembro; 16:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: José Antonio Díaz Mirás.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - SP. ZAS
Sábado 3 de novembro; 16:15 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CADETE (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
PONTECESO S. D. - C. D. BAIO
Sábado 3 de novembro; 16:00 horas.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: O Pinguel (Ponteceso).

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - PONTECESO S. D.
Xoves 1 de novembro; 11:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).

CRÓNICA DOS PARTIDOS DESTA SEMANA

C. D. BAIO 1 - U. D. CORCUBIÓN 1

No partido disputado na tarde do domingo enfrontáronse o CD BAIO e o UD CORCUBIÓN ante un numeroso público que acudiu ao Platas Reinoso, e que non puido presenciar un bo encontro, que tan só mantivo o interese polo axustado do marcador. Posiblemente fose o peor partido dos baieses, nun partido que axiña tiveron de cara co gol de Eloy Vilas, que máis que serenar os ánimos parece que revolucionou aos xogadores locais, que en ningún momento puideron despregar o seu habitual xogo.
O gol do malpicán Eloy na primeira ocasión do encontro prometía un choque tranquilo para o Baio, pero a pesar de controlar o tempo do xogo nesta primeira parte, non conseguía fíar boas xogadas e crear perigo na meta visitante. Tan só hai que destacar unha clara ocasión de Jorge, que se presentou só ante o meta Iago, que conseguía despexar a córner o lanzamento do baiés. O Corcubión só creaba perigo a balón parado, e puideron empatar nun par de lanzamentos de córner, pero non encontraron a meta de Anxo.
A segunda parte non fixo máis que empeorar as cousas para os baieses, que non só perderon o control do partido, senón que viron como a presión dos corcubioneses os pechaba atrás e non conseguían saír do seu campo con perigo. Tampouco é que os visitantes creasen claras ocasións de gol, e o seu perigo seguíase reducindo ás xogadas a balón parado, pero o axustado do marcador mantiña nerviosos aos baieses. Os cambios realizados por Félix non modificaron o desenvolvemento do partido, e só algunha contra poñía o medo no corpo dos corcubioneses, como a que acabou cun lanzamento de Martín MC ao poste da portería de Iago, na máis clara ocasión dos baieses. Cando parecía que o partido ía rematar coa vitoria local, chegou a xogada desafortunada para os locais, cando nun lanzamento de córner o balón petaba na man de Christian no borde da área e o colexiado sinalaba o penalti. Encargouse Lema de transformalo con tranquilidade, e con el rematou o encontro, cun resultado máis que xusto para os méritos de un e de outro.
Haberá que agardar ao próximo domingo para darlle a volta a estes dous resultados negativos e retornar á senda do bo xogo e da vitoria. Con todo, seguimos na parte alta dunha liga cada vez máis igualada e na que calquera lle pode gañar a calquera.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, Mario, Chema, Ramón (Fredi 77'), Pablo, Yago, Martín, Eloy Vilas (Fachal 73'), Jorge (Christian 52'), Martín MC, Alberto.
 
Goles: 1-0 Eloy Vilas (4'), 1-1 Lema (89', p.).

Aquí vos van as fotos do partido xentileza de Santi Díaz e Santi Soneira:









 
 




















 












XUVENIL: C. D. BAIO 1 - S. D. CORISTANCO 1
 
Se os maiores non están de bo pé, outro tanto se pode dicir do equipo xuvenil, que parece que a praga de lesións que sufriron semanas atrás, fixéronlle perder o nivel que demostraron no principio da liga. Unha primeira parte bastante frouxa dos baieses, que non conseguían mover con claridade o balón, con continuos erros, que por riba se viron incrementados coa mala sorte de encaixar un gol nunha xogada desafortunada, na que David desviou un centro cara á súa portería e despistaba a Guillermo, que non puido impedir que o balón se introducise no seu marco. Si mellorou na segunda metade o xogo dos baieses, que a base de esforzo e despregue físico cercaron a meta do Coristanco, pero non conseguían finalizar con éxito as xogadas, e houbo que esperar ao minuto 80 para que Santi Díaz aproveitase un rexeite do gardameta visitante a tiro de Alberto. Foi o porteiro bergantiñán o mellor sobre o céspede, demostrando gran seguridade, e impedindo que os locais se levasen a vitoria. Puidérona lograr no desconto nun espectacular remate de semichilena de Pollo, reconvertido en dianteiro, que pasou lambendo a escuadra.
Con este empate mantense o Baio no quinto posto, iso si, a tiro do terceiro posto que obstenta o Cabana. Pode achegarse este xoves no partido aprazado que teñen que disputar fronte ao Muxía, antes de que o sábado se inicie a segunda volta co derby fronte ao Zas.
 
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Xoel, David (Anxo 57'), Pablo, Alberto, Fachal, Kevin, Carlos (Christian 45'), Cachopo (Hío 66'), Lucas (Pollo 82'), Santi Díaz.
 
CADETE: C. D. BAIO 2 - CABANA S. D. 4
 
No primeiro partido do campionato os baieses non puideron puntuar ante o potente Cabana, pero deixaron boas sensacións, sobre todo na primeira parte, na que conseguiron superar aos cabaneses, e mesmo chegaron ao descanso coa vitoria por 2-1. O empate visitante nos primeiros minutos da segunda parte, deixou un choque igualado, que se decantou de lado visitante contra o final nunha xogada desafortunada de Álex que introduciu sen querer o balón na súa meta nunha melé na área local; e o cuarto, nun lanzamento de falta xa no desconto, só serviu para finiquitar o partido.
Polo CD BAIO xogaron: Alberto, Javi Muíño, Miguel, Álex, Alfonso (Iago 65'), Fran, Oreiro, Pedro, José Antonio, Estefan, Javi.
Goles: 1-0 Oreiro (12'), 1-1 José Ángel (32'), 2-1 Fran (38'), 2-2 Nico (54'), 2-3 Álex (pp. 66'), 2-4 José Ángel (77').
 
INFANTIL: S. D. FISTERRA 1 - C. D. BAIO 3
 
Sensacional vitoria do equipo infantil baiés, que chegaba á fin do mundo para enfrontarse a un Fisterra que contaba por vitorias todos os seus encontros. Pero a seriedade dos rapaces adestrados por Pastoriza fixo que os tres puntos voasen do Ara Solis e viñesen para Baio, grazas aos goles do seu pichichi Anxo (2) e da colaboración dun defensa fisterrán que anotaron o terceiro en propia meta.
 
 

22 oct 2012

TRES DERROTAS, TRES

U. C. CEE 3 - C. D. BAIO 0

Na fría e ventosa tarde do domingo disputouse o partido correspondente á oitava xornada do Grupo 3º da 2ª Autonómica entre os dous conxuntos históricos da Costa, pois son os que máis temporadas levan participando (49 os ceenses e 50 o Baio).
Anxo volveu xogar na súa
terra [Foto: Santi Díaz]
O encontro moveuse no terreo da igualdade, con ocasións para os dous equipos que non obstante deixan un avultado resultado a favor dos locais, que a todas luces non fai xustiza ao visto no San Paio de Refoxos. A primeira parte comezou cun intento local de achegarse á porta do porteiro Anxo, pero axiña os baieses lograron controlar a posesión de balón e movelo con facilidade chegando con perigo, deixando dúas claras oportunidades de Martín MC que se presentou só ante Parroto, pero non logrou convertelas en gol. O Cee puxo o medo no corpo nun remate de cabeza de Rafa, que saíu milagreiramente por riba do traveseiro, pero en boa parte desta primeira metade eran os baieses os que daban máis sensación de perigo, e que podían marcar en calquera momento.
Comezou a segunda parte e a decoración cambiou completamente. A pesar de xogar co vento a favor, o Baio desapareceu do partido e foi superado polos ceenses, sobre todo no primeiro cuarto de hora, no que a entrada no campo de Angeliño deulle outro dinamismo. Un gol seu aos oito minutos e outro de Penedo pouco despois poñía as cousas costa arriba. Tivo que recorrer Félix ao xuvenil Christian, que volvía logo da súa lesión, e tivo a grande ocasión do Baio para metelos no partido, logo dunha gran xogada, na que logo de irse de varios defensores o seu remate petou no pau da portería dun Parroto xa batido. A pesar de non elaborar un fútbol fluído, con bastantes erros na circulación do balón, tivo algunha oportunidade máis o Baio, sobre todo nas botas de Martín MC, que novamente era incapaz de bater o porteiro ceense en dous man a man. Non tivo o seu día cara ao gol o pichichi da categoría. O gol final de Angeliño foi unha anécdota máis neste partido no que o Baio perdeu a oportunidade de achegarse á cabeza da clasificación.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Christian 62'), Mario, Ramón (Fredi 85'), Pablo, Yago, Norberto (Jorge 80'), Eloy Vilas, Alberto (Rubio 68'), Martín MC, Martín.  
 
Goles: 1-0 Angeliño (53'), 2-0 Penedo (60'), 3-0 Angeliño (98').
 
XUVENIL: S. C. D. MALPICA 4 - C. D. BAIO 1

Moi mal partido o disputado polo xuvenil baiés na tarde do sábado no campo de Pedra Queimada malpicán, entre dous conxuntos chamados a loitar polas tres prazas que dan dereito a loitar pola Liga da Costa xuvenil. Como aconteceu o ano pasado, parece que non se lles dá ben este campo aos baieses pois demostraron moi pouco do que é habitual neles. Quizais as baixas de Christian e Anxo, e que David e Santi andan aínda renqueantes logo das súas lesións, sexan unha escusa, pero o sábado os malpicáns foron claramente superiores. Mediada a primeira parte chegaron os dous primeiros goles locais, convertidos por Martín Maradona, nun erro defensivo dos baieses, e por Diego, que aproveita unha bonita xogada de Juny pola banda, aínda que arrancaba nun máis que posible fóra de xogo. Estes dous goles puxeron a sentenza ao partido, pois os visitantes nunca deron sensación de poder remontar. A segunda parte pouca historia tivo, salvo os tres goles restantes convertidos por Diego e Pitís, por parte local, e o visitante por medio de Pablo, dende o círculo central que sorprende por alto ao porteiro malpicán. No medio deles a parte negativa, os continuos roces entre os xogadores que remataron coa expulsión do local Juny e do visitante Marcos, por un encaramento mutuo. Na parte positiva, o debut do cadete Miguel, que disputou os seus primeiros minutos como xuvenil.
 
Polo CD BAIO xogaron: Pollo, Xoel, Kevin, Pablo, Alberto, Fachal (Guillermo 87'), Cachopo (Miguel 76'), David (Marcos 52'), Lucas, Carlos (Hío 47'), Santi (Pedro 89'). 
 
Podedes ler a crónica do partido feita polo amigo Luis Porto, se picades aquí.
 
INFANTIL: C. D. BAIO 3 - CABANA S. D. 4
 
Goles baieses de Anxo (2) e Santi.
 
Quedades coa reportaxe fotográfica do partido do equipo xuvenil, realizada por Iván López "Vilas" (coa cámara de Santi Díaz, iso si):
Equipo titular en Malpica









Falta lanzada por Fachal nunha boa ocasión baiesa
 

17 oct 2012

PARTIDOS DA FIN DE SEMANA ELECTORAL


LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
U. C. CEE - C. D. BAIO
Domingo 21 de outubro; 16:30 horas.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: San Paio de Refoxos (Cee).
Árbitro: Fco. Xabier Rodríguez Campos.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
S. C. D. MALPICA - C. D. BAIO
Sábado 20 de outubro; 16:30 horas.
Saída de Baio ás 14:45 horas.
Campo: Pedra Queimada (Malpica).
Árbitro: Raúl Benito Martínez.

INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - CABANA S. D.
Domingo 21 de outubro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Jorge López Lesta.

15 oct 2012

DA GOLEADA AO SUFRIMENTO

C. D. BAIO 4 - S. D. SAN LORENZO 2
 
Na tarde chuviosa do domingo visitaban os de Verdillo o Platas Reinoso, nun encontro que se prevía igualado, pois xa se enfrontaran na pretemporada e os de Gueli Cotelo deixaran boas sensacións. Non obstante este Baio nada ten que ver con aquel pois o equipo foi a máis e agora mesmo está dando unha gran sensasión, sobre todo no campo ofensivo, pois consegue crear multitude de ocasións de gol. Ademais, Félix vai pouco a pouco recuperando efectivos e agardemos que pronto dispoña da totalidade do plantel para dar máis solucións tácticas.
No partido de onte, baieses e verdilleses comezaron con calma, como non querendo mostrar as súas armas, intentando controlar o partido, e expoñendo o máis mínimo. Os locais, como sempre, movendo o balón e os visitantes ben colocados atrás, sen deixar ocos na súa defensa. Non houbo moitas ocasións na primeira media hora, pois o movemento de balón baiés aínda non era do todo fluído e os carballeses non daban enganchado con Fuentefría, o único punta, por veces moi desasistido. Pero nos últimos quince-vinte minutos desta parte, o Baio volveu ser un ciclón en ataque e creou infinidade de ocasións, a cada cal máis clara, pero que non daban o seu froito no marcador, sobre todo polas intervención de Puyi, algunhas delas máis que milagreiras. Norberto, Martín, Alberto e Martín MC tiveron a súa dobre oportunidade, pero parecía imposible. Tivo que ser a clase de dous veteranos a que cambiase as cousas pouco antes do descanso: un pase medido de Alberto sobre Martín, facía que este cun sutil toque fixese inútil a estirada do meta visitante.
Martín volveu dar clases
de fútbol [Foto: Santi Díaz]
A segunda parte comezou co Baio decidido a sentenciar o partido, e abofé que o conseguiu, pois creou moitas ocasións, pero neste caso si que concretaron varias delas. Comezou avisando Jorge cun lanzamento ao pau cando se encontraba nunha posición franca para marcar, pero tivo que ser o goleador Martín MC o que anotase o gol ao aproveitar un gran pase de Eloy Vilas. Non tardou en anotar de novo o pichichi baiés ao aproveitarse da pillería de Martín, que sacou rápido unha falta que deixou só ao punta para anotar o seu 14º gol da liga [Se non puideches ver a reseña do Deporspor pica aquí]. Non se cumprira o cuarto de hora da segunda parte e o Baio anotaría o cuarto gol, a través dunha xogada persoal de Martín, que se foi do seu rival cun autopase e un cambio de ritmo que recordou o Martín doutra época, e presentouse ante o porteiro rival e xeneroso cedeulle o balón a Rubio que só tivo que empurrala á rede. Foron varias as ocasións que seguiron creando os baieses, a pesar de baixar o ritmo, nos minutos seguintes. Do San Lorenzo non había noticias en ataque, ata que o Baio baixou tanto a súa intensidade, que chegou a desconcentración que meteron o rival no partido. Unha falta lateral botada sobre a frontal da área, fixo que fose rematada con tranquilidade por Chucho, que batía a Anxo logo de rebotar en varios xogadores. Un novo erro dos baieses, ao perder o balón na saída da xogada, deixaba o coiro nos pés de Fuentefría que anotaba un gran gol e poñía o nerviosismo no conxunto local e a esperanza nos visitantes. Tiveron estes a oportunidade de conseguir un terceiro gol, pero Carlos enviou alto, antes de que o árbitro sinalase o final dun encontro no que os baieses puideron golear e no que acabaron pedindo a hora.
Haberá que corrixir esta desconcentración que se dá nalgúns partidos, pero o equipo está en moi boa liña e ocupa unha das prazas altas da clasificación, antes de render visita o próximo domingo ao Cee, un encontro dos dous clubs históricos da Costa, e que nestes momentos figuran empatados presentando a súa candidatura ao título.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio (Fachal 73'), Mario (Eloy Lema 72'), Ramón, Pablo, Yago, Norberto, Alberto (Eloy Vilas 45'), Jorge (Rubio 56'), Martín MC, Martín.
 
Goles: 1-0 Martín (43'), 2-0 Martín MC (52'), 3-0 Martín MC (54'), 4-0 Rubio (59'), 4-1 Chucho (71'), 4-2 Fuentefría (82').

Coma sempre quedades coa reportaxe fotográfica de Santi Díaz [Se non viches a reportaxe sobre os nosos fotógrafos do Deporsport pica aquí]: