O BAIO, BRILLANTE CAMPIÓN; O SAN LORENZO TAMÉN ASCENDE
CASTRIZ, CORCUBIÓN, PORTEÑO E LAXE DESCENDEN
|
CD BAIO, CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA 16-17 |
Despois
de oito meses e medio e 34 xornadas acabou a Liga da Costa 16-17, que
se caracterizou por unha serie de rachas (de vitorias ou de derrotas)
que tiveron varios equipos e pola fragmentación en claros bloques de
equipos na táboa clasificatoria ao longo da temporada. As rachas
máis significativas foron as do Corme (26 partidos sen perder), Baio
(13 vitorias seguidas), San Lorenzo (16 partidos sen perder), Castriz
(8 derrotas seguidas) ou Laxe (12 derrotas seguidas), que os levaron
a destacar positiva ou negativamente na clasificación. Unha
clasificación que tivo, como dixemos, varios bloques ou grupos de
equipos que a fragmentaron durante a temporada. Por unha parte está
o bloque de cinco equipos que loitaron polo título e pola praza de
promoción: Baio, San Lorenzo, Corme, Mazaricos e Ponteceso, aínda
que os pontecesáns descolgaríanse e quedarían en terra de ninguén.
Un segundo bloque de equipos que non foron capaces de engancharse aos
que loitaban polo título nin tampouco pasaron apuros de descenso:
foi o caso de Malpica, Cerqueda, Monte Louro e, en boa parte da liga,
Camariñas, Castriz ou Cee, aínda que unha serie de rachas fixeron
modificar o estatus destes equipos. E o último bloque, no que
estaban os que intentaban eludir o descenso, complicado esta
temporada polo feito de aumentar a tres os descensos directos debido
á redución de equipos para a vindeira campaña e tamén aos máis
que posibles arrastres que se aventuraban -e que se cumpriron- de
equipos costeiros da 1ª Galicia: Laxe, Porteño, Corcubión,
Coristanco, Buño, Baíñas e Esteirana estiveron nos postos baixos
durante boa parte da liga, mais algún deles aproveitou un xiro
brusco para escapar da queima e asentarse na zona media. Analicemos
brevemente cada un dos equipos da Liga da Costa seguindo a súa
clasificación final:
1-
CD BAIO: Foi o brillante campión cumprindo os prognósticos que
o sinalaban como un dos candidatos despois do descenso da temporada
anterior. Tras un inicio dubitativo con dúas derrotas nas sete
primeiras xornadas e bastantes goles encaixados, en canto conseguiu
asentarse defensivamente, o da súa dianteira fixo o resto. As
moitas lesións que sufriu ao longo da temporada non foi impedimento
para que chegase ao intermedio a dous puntos do líder Corme. Despois
dun comezo de segunda volta no que chegou a terceira derrota,
encadeou unha xeira impresionante de 13 vitorias seguidas que
lle permitiron escapar na clasificación e darlle o título de liga
xa na antepenúltima xornada. Nos 25 partidos que van da x.8º á
32ª sumou 66 puntos dos 75 que estaban en xogo. Rematou a liga
con 84 puntos, igualando o récord de puntuación establecido polo
Fisterra SD a temporada pasada, sendo o mellor tanto nos partidos
xogados como local como nos que era visitante.
2-
SD SAN LORENZO: Segunda praza para os verdilleses que confirmaron
esta temporada o realizado en anteriores campañas. O filial do
Bergantiños comezou de maneira irregular, perdendo moitos partidos e
afastándose dos postos cabeceiros. Ata seis partidos perdeu na
primeira volta, o que fixo que chegase ao seu remate a doce puntos do
líder Corme. Pero a segunda volta foi outra historia, e mantívose
16 partidos sen perder (deles un único empate), o que o
converteu no mellor equipo deste segundo tramo. Isto permitiulle dar
caza, e incluso superar, ao Corme e alcanzar o subcampionato. Foi o
segundo mellor equipo como local e tamén como visitante, escapando
da lenda de que gaña polo seu campo, e ademais superou a marca
particular de goles establecida a temporada pasada e chegou aos 107
goles. Remataría a súa boa liga conseguindo o ascenso
logo de mostrarse moi superior aos seus rivais na promoción.
3-
CORME CF: O equipo estrela en boa parte do campionato, en gran
medida polo feito de manterse invicto ata a xornada 27ª. 19 vitorias
e 7 empates permitíronlle sumar 64 puntos nesas 26 xornadas,
o que fixo que fose líder en case dous terzos da liga (da x.7ª á
26º). Aínda que en boa parte da primeira volta se mantivo no máis
alto empatado co Baio, chegou ao seu remate con dous puntos de
vantaxe, que mesmo logrou incrementar no inicio da segunda. Pero coa
derrota no Cairo ante o San Lorenzo na x.27ª non só perdeu a
condición de invicto senón que tamén perdeu o liderado en favor do
Baio, non podendo xa recuperalo. A derrota en Baio apartouno
definitivamente do campionato e co seu mal final ligueiro, perdeu
tamén a segunda praza. Destacou a súa capacidade realizadora,
superando o centenar de goles, co seu dianteiro Alejo conseguindo
máis da metade deles.
4-
MAZARICOS CF: Un cuarto candidato ao título e que finalmente
optou case ata o final ao posto de promoción foi o equipo do
Mazaricos. Cunha base de xogadores bastante fixa, na que igual
botaron a faltar a Chenel en boa parte da primeira volta, mantívose
sempre como outsidder, pero sen chegar a confirmarse como alternativa
real. Rematou o primeiro tramo ligueiro a cinco puntos do líder,
tras estar as súas 12 últimas xornadas sen perder (un só
empate). Baseado nun forte sistema defensivo -foi o equipo menos
goleado-, o seu punto débil veu nos enfrontamentos directos nos
que só sumou catro puntos nos oitos partidos cos outros catro
equipos do quinteto cabeceiro.
5-
PONTECESO SD: Mantívose aí na parte alta pero non acabou de dar
o paso definitivo para aspirar a algo máis. Acabou a primeira volta
na 4ª posición, a dez puntos do líder, e non mellorou os seus
números na segunda volta, polo que pouco a pouco se foi afastando do
grupo cabeceiro ata acabar en terra de ninguén, asegurando a quinta
praza. Mellorando a súa puntuación como forasteiro será un duro
rival para a loita ligueira da vindeira campaña.
6-
SCD MALPICA: Era, por nomes, un dos chamados a estar arriba, logo
do descenso da temporada anterior, pero non solucionou moitos dos
problemas que o fixeron descender e non deu sinais de poder chegar a
estar nas prazas de privilexio. Intentou dar un xiro na segunda volta
coa chegada dun novo adestrador e de varias fichaxes pero a súa
mellora foi efémera e ao remate asinou os mesmos números nas dúas
voltas, quedando nunha cómoda sexta praza final.
7-
UD CERQUEDA: Un dos equipos sorpresa da temporada, que iniciou
moi ben o campionato, chegando incluso a liderar a clasificación nas
primeiras xornadas. Aproveitou ese bo inicio para manterse en postos
cómodos da clasificación e a pesar de rematar a primeira volta con
oito partidos sen gañar, non caeu no desánimo e logrou recuperarse
e non pasar ningún tipo de apuro. Destacou polo proveito que soubo
sacarlles aos seus escasos goles, pois foi o segundo menos goleador
da liga (45 goles), pero aínda así colleitou 49 puntos.
8-
SD ESTEIRANA: Con escasos efectivos e de pouca experiencia a
maioría deles, iniciou a liga o equipo esteirán, que non obstante
destacaba polo seu xogo e foise asentando na zona media. Pero axiña
foi caendo para os postos baixos, e tras sumar seis puntos nas nove
primeiras xornadas da segunda volta tocou fondo. O troco de míster e
a volta ao equipo dos Rama, Josiño e Pladur fixo que reaccionase de
xeito impresionante e seis vitorias en sete partidos upárono ata a
8ª posición final.
9-
CD BAÍÑAS: Outro dos equipos que presentaba nomes destacados no
seu plantel, pero que principiou moi mal a liga, o que o levou a
relevarse co Laxe na última posición. Rematou a primeira volta
sumando só 11 puntos e tivo que dar un golpe de temón, coa chegada
de Álex Canedo e a recuperación da súa dupla atacante
Muíño-Blanco. A súa segunda volta foi bastante boa, co quinto
mellor rexistro dos participantes, o que o fixo ir escapando dos
postos perigosos e chegar ata a 9ª posición final, con once
partidos seguidos sen perder.
10-
UC CEE: Equipo que conxuntaba a xuventude de moitos dos seus
membros coa gran veteranía doutros, que foi nun principio un quero e
non podo chegar arriba, polo que se asentou no grupo dos equipos que
viviron sen problemas. Pero os problemas logo chegan e foise
acercando perigosamente na segunda volta á zona baixa, pero soubo
reaccionar con solvencia e ocupar a 10ª praza final, pagando un
pouco a súa escasa colleita como visitante.
11-
UD MONTE LOURO: Volvía á Liga da Costa o equipo loureán e
facíao cun equipo moi novo, que tardou en collerlle o pulso á
categoría pero axiña se adaptou e, para sorpresa de moitos,
asentouse na zona media. Con millo vello foi levando a segunda fase
ligueira e só o apertón final dos de abaixo sacou o equipo da súa
tranquilidade. Máis que meritorio 11º posto final, para un equipo
que tivo no aspecto defensivo e nos partidos lonxe de Louro o seu
talón de Aquiles.
12-
CAMARIÑAS FC: Principiaron moi ben os camariñáns con vitorias
de mérito ante Baio ou Ponteceso, e acabou a primeira volta asentado
na zona media, a só tres puntos do San Lorenzo. Pero na segunda
volta o equipo resentiuse das baixas e do curto do plantel, e estivo
dez partidos seguidos sen gañar que o levaron a acabar a liga metido
en problemas. Tan só sumou 11 puntos nesta segunda parte da
competición e tivo que suar para non verse envolto nos arrastres.
13-
SD BUÑO: Asumiu o equipo oleiro que esta temporada ía pasar
problemas e soubo ir sacando puntos nos partidos da súa liga. Con
dificultades para marcar goles acabou o primeiro tramo ligueiro fóra
do descenso, pero non lonxe del. Estivo de cheo loitando para saír
del ata o final da liga, pero sete partidos sen perder no remate da
competición permitíronlle alcanzar o 13º posto, un por riba dos
postos que marcaban o arrastre de Outes e Sp. Zas.
14-
SD CORISTANCO: Equipo irregular no comezo ligueiro, con pequenas
xeiras de resultados: perdeu os cinco primeiros partidos, non perdeu
nos cinco seguintes, catro máis sen gañar... que fixeron que se
situase nos postos baixos. Mellorou na segunda volta, pero non logrou
escapar dos postos baixos. Tres vitorias nas derradeiras xornadas
colocárono na 14ª posición, que nun primeiro momento supoñía o
descenso por arrastre, pero o ascenso do San Lorenzo na promoción
permitiulle quedar un ano máis na Liga da Costa. Para romper lendas
sobre a dificultade do seu campo, sumou máis puntos como visitante
que como local.
15-
SD CASTRIZ: Foi o equipo sorpresa da temporada, para o bo e para
o malo. Principiou de maneira excelente, sumando 13 dos primeiros 15
puntos, baixando ao remate da primeira volta ata unha lóxica zona
media. Pero sorprendente foi o seu comportamento no tramo final da
temporada, pois un equipo que parecía chamado a non ter problemas
clasificatorios, estivo oito xornadas seguidas perdendo e nin a
vitoria na última xornada fronte ao Corme impediu que descendese á
3ª Galicia polos arrastres da 1ª. Escasos goles a favor e escasos
puntos como visitante foron algúns dos seus problemas.
16-
UD CORCUBIÓN: Volvía o equipo corcubionés á Liga da Costa
despois de algúns anos na 3ª, e facíao cun equipo cun gusto polo
xogo combinativo pero demasiado feble para loitar en duros
compromisos. Fraxilidade defensiva que o mantiveron toda a liga nos
postos baixos e dos que non soubo escapar. A segunda volta non
mellorou a primeira e lonxe do seu campo era rival doado, polo que
non fixo falta agardar ata o remate do campionato para certificar o
seu descenso. Pero a súa aposta pola xente nova e o bo xogo pode
darlles novos éxitos no futuro.
17-
CF PORTEÑO: Cun plantexamento diferente ao do Corcubión, cun
campo que non permite moitas florituras, o Porteño calcou os números
do equipo corcubionés e acabou sumando os mesmos puntos, cos mesmos
parciais nas dúas voltas e os mesmos resultados na casa e fóra. A
pesar de conseguir marcar moitos goles para os postos baixos que
ocupou, a súa debilidade defensiva fixo que o tivese que pagar co
descenso ao remate da temporada.
18-
SD LAXE: Despois de proclamarse campión da 3ª a temporada
anterior, volvía con moita ilusión o equipo laxense á Liga da
Costa. Pero axiña se viu que ía ser un camiño de espiñas, e o
equipo relevábase co Baíñas no último posto da clasificación.
Pero a segunda volta foi aínda máis desastrosa, con dobre cambio de
adestrador que non mellorou a situación. Só sumou 6 puntos neste
segundo tramo ligueiro, perdendo os últimos doce encontros. Foi o
menos goleador e o máis goleado, e dos escasos puntos que fixo sumou
máis como visitante que como local.
UNHA
LIGA DE MOITOS GOLES E BRILLANTES GOLEADORES
Un
total de 1.181 goles se marcaron esta temporada na Liga da
Costa, o que supón unha media de 3'86 goles por partido, moi
cerca dos números acadados na excelente pasada temporada (1205 goles
e 3'94 de media). 229 xogadores lograron marcar polo menos un gol na
portería contraria, destacando Cee, Coristanco e Esteirana con 16
goleadores distintos, mentres que no lado contrario están Corcubión
e Monte Louro, con só 10 xogadores que lograron marcar. Marcáronse
un total de 20 goles en propia meta, sendo o Ponteceso o máis
afortunado, pois 6 dos seus goles foron anotados por xogadores
rivais.
A
nivel de clubs destacou o SD San Lorenzo, que, con 107
goles, foi o máximo realizador do campionato, cifra esta que
supón a 6ª mellor cifra na historia da Liga da Costa, e bater o
récord do propio equipo que estaba nos 104 da temporada pasada.
Tamén superou o centenar o Corme CF, e os 101 goles
colócano no 10º posto histórico, sendo tamén marca propia. Pola
parte contraria, na dos encaixados, os 118 goles que recibiu o
SD Laxe sitúano na 12ª posición, empatado co Volantes de
Baño da temporada 15-16. Evidentemente, ningún dos tres rexistros
desta temporada figuran nos primeiros postos en canto a porcentaxes.
En
canto ao apartado goleador individual, o protagonista da temporada
foi o cormelán Alejo, que sumou a excelente cifra de 56
goles, colleitados en igual número na primeira e na segunda
volta. Tal cantidade de goles supón a segunda marca histórica da
Liga da Costa, moi preto dos 61 do fisterrán Isidro da 91-92, aínda
que neste caso a liga disputábase en 26 partidos fronte aos 34
actuais. Tamén é moi destacable a cifra alcanzada polo baiés
Martín MC, pois os seus 44 goles colócano no cuarto
posto histórico, por detrás dos xa indicados e os 52 de Isidro na
92-93. O dianteiro baiés mellorou na segunda volta os marcados na
primeira. O terceiro posto do podio desta campaña ocupouno o baiñés
Pablo Muíño, que tras apenas participar na primeira volta,
marcou 20 goles na segunda, para sumar un total de 25. O
equipo máis goleador, o San Lorenzo, presenta cinco xogadores entre
os 20 primeiros goleadores, con Fuentefría 4º, Juni 5º e Parafita
6º.
Un
total de 37 hat-tricks se conseguiron esta campaña,
destacando neste feito os dous máximos goleadores, pois tanto Alejo
como Martín MC conseguiron nada menos que cadanseus 7. Dous
xogadores, Fuentefría e Pablo Muíño, lograron cadanseu póker ao marcar catro goles.
MINUTOS
XOGADOS E XOGO LIMPO
Ata
18 xogadores superaron os 2800 minutos xogados esta temporada (para
facernos unha idea, 31 partidos completos son 2790 minutos). Só un
xogador, Paulo, o porteiro do UC Cee, disputou todos os
minutos de todos os partidos da liga. Tres xogadores máis, os
cormeláns Lucas e Alejo e o mazaricán Matías,
foron titulares na totalidade dos encontros, pero non os completaron
na súa totalidade. Facendo unha convocatoria de 16 no cadro vemos os
xogadores que máis minutos disputaron esta temporada, tomando como
base as actas da FGF. Entre eles, hai dous xogadores do Corme, Cee,
Mazaricos, Baio e Cerqueda, e con un figuran Castriz, Buño, Monte
Louro, Porteño, Corcubión e Ponteceso.
Dándolle
a importancia que debería ter, traemos aquí a clasificación do
Xogo Limpo, baseándonos no intento que desde a propia FGF se
fixo por crear un trofeo ao respecto. En base a ela, adoptamos o seu
sistema de puntuación, polo cal se suma un punto por cada cartón
amarelo, dous en caso de dobre amarelo, e os vermellos puntuan con
tres puntos por cada partido ou semana de sanción. Unha vez
comprobados todos os partes de sanción da temporada, os equipos do
CD Baio e Mazaricos CF foron os que sumaron menos
puntos, e polo tanto foron máis "limpos"; seguidos a pouca
distancia polo Corme CF. Na parte contraria están os equipos do
concello camariñán, Porteño CF e Camariñas FC, que dobran en
puntuación aos primeiros.
A
TEMPORADA 2017-18 XA ESTÁ AQUÍ
Para
rematar, xa podemos ofrecer o organigrama da temporada 2017-18, unha
vez se definiron coas promocións de ascenso todas as categorías nas
que figuran os equipos costeiros. Na Preferente Grupo Norte
competirán 3 equipos da Costa (CF Dumbría, SD Sofán e Xallas FC);
en total, serán 12 equipos da provincia coruñesa, 7 da de Lugo e 1
da de Pontevedra. Na 1ª Galicia, no seu Grupo 2, compiten
este ano só catro equipos da Costa (CD Baio, SD Fisterra, SD San
Lorenzo e SD Soneira); cinco serán os equipos pontevedreses e outros
catro da comarca do Barbanza, como desprazamentos máis lonxanos. A
Liga da Costa, na 2ª Galicia Grupo 2, contará esta vindeira
temporada coa novidade de volver ser 16 equipos, coas novidades dos
descendidos Outes FC e Sp. Zas e os ascendidos Muxía CF e Lira CF. O
obxectivo de reducir a Liga da Costa foi aumentar o grupo costeiro da
3ª Galicia, que en principio contaría con 12 equipos, a
falta de confirmar a presenza de todos os que competiron esta última
temporada e que non apareza ningún outro novo (con rumores de
reaparición do Muros SD).
|
Así será a temporada 2017-18 para os equipos costeiros |