C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

12 dic 2013

EXPOSICIÓN 50 ANIVERSARIO DO C. D. BAIO

INAUGURACIÓN: SÁBADO 14 DE DECEMBRO
18:00 HORAS - CASA OVIDIO

O Club Deportivo Baio foi inscrito oficialmente na Federación Galega de Fútbol o 5 de abril de 1964, e o día 12 do mesmo mes celebraba o seu primeiro partido oficial da súa historia fronte ao Laxe. Aínda que xa se viñan disputando partidos de maneira máis ou menos organizada desde principios da década de 1950 (lembremos que o Balsiño foi inagurado en 1958 e xa substituía ao anterior campo do Valonco), tomamos a data da inscrición oficial coma a da orixe do club, polo que este ano se vai celebrar o seu 50 aniversario, as súas vodas de ouro.
 
Con tal motivo creouse hai xa certo tempo unha Comisión para a organización dos actos conmemorativos desta celebración e o vindeiro sábado 14 de decembro van botar a andar. Xa se escollera hai uns meses a imaxe representativa deste acontecemento, para o cal se creara un concurso de ideas entre os alumnos do IES Maximino Romero de Lema de Baio. Máis de trinta rapaces, coa colaboración do profesor de debuxo Carlos Fernández Concheiro, se prestaron a facer o seu deseño. Ao final, o xurado composto por membros da Comisión decidiu que fose o gañador o presentado por Noelia Varela Veloso, de 2º da E.S.O., que casualmente é neta dun dos fundadores deste club, Manolo Veloso.
Logo creado por Noelia Varela Veloso
Agora anunciamos que se vai inagurar unha exposición sobre os 50 anos do C. D. Baio, ou máis ben poderiamos dicir sobre toda a historia do club, pois o material exposto inclúe tamén os anos anteriores a se federar o club. Consta a exposición dun completo repaso fotográfico pola historia, cunha fotografía do equipo de cada unha das cincuenta temporadas, ademais doutras salientables, curiosas, festivas, e tamén das categorías de base do club e de todos os seus presidentes. Ao lado da exposición fotográfica, tamén se fai un percorrido pola prensa, con recortes de periódicos nos que o club baiés é o protagonista. Fichas dos xogadores e adestradores de todas as épocas completarán a mostra gráfica.
 
Á par disto tamén se expoñerán os trofeos conseguidos polo club, ocupando un lugar sobranceiro a Liga da Costa e Copa da Costa da temporada 1982-83, que supuxo un antes e un despois na historia do C. D. Baio. Tamén terán un lugar destacado os outros títulos de liga, os subcampionatos das copas, os das categorías inferiores e galardóns individuais de moitos dos futbolistas no seu paso polo Baio, así como aqueles trofeos conseguidos antes de se federar o club, na que moitos consideran a primeira época dourada do club. Espallados polo local poderase contemplar unha serie de bandeiríns, que os equipos cos que se foi enfrontando o Baio lle ían entregando, como era costume, e incluso as camisetas que vestiron os xogadores en moitas das súas épocas.
 
A exposición que se inaugura o sábado vai estar aberta posteriormente durante un mes, en horario de sábados e domingos de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, con entrada gratuíta. Ademais, todos os asistentes que así o desexen poderán adquirir calquera das fotos expostas, así como outro material conmomorativo do 50 Aniversario: bufandas, camisetas, polos, mochilas, paraugas e, incluso, viño.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario