C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

13 feb 2012

MAL PARTIDO E DERROTA EN MALPICA

S. C. D. MALPICA 2 - C. D. BAIO 1

Tarde moi fría na Pedra Queimada, cun forte vento que non impediu que acudise numeroso público a un dos partidos da xornada na Liga da Costa. Era este un encontro entre dous equipos que veñen de menos a máis, e que están desenvolvendo un fútbol máis vistoso. En cambio o forte vento impediu que se vise o fútbol habitual nestas escuadras, pois éralles bastante dificultoso controlar ben o balón aos xogadores. Supliuse o bo xogo coa emoción e co disputa de dous conxuntos que xogan ao ataque sempre en busca da portería rival, aínda que no encontro de onte tampouco houbo moitas ocasións de gol.
José Antonio foi o mellor
do Baio en Malpica
Comezou o partido con moita garra e moita ambición por parte dos dous equipos, con moita loita por facerse co control do medio do campo, que se acabou decantando polo lado local polo simple feito de ter o aire a favor. Non obstante, este feito non foi obvice para que o conseguise marcar fose o Baio, nun saque rápido desde o lateral da área, a través dun centro de Canay que se lle escapa ao porteiro Suso das mans e, oportuno, Javi Suárez mete a bota para inaugurar o marcador. Intentou o Malpica irse arriba e embotellou ao Baio no seu campo, pero tampouco creou grandes oportunidades, a non ser nalgún balón parado, sobre todo nos longos saques de banda, e en lanzamentos desde longa distancia aproveitando o vento.
A segunda parte comezou domindo o Baio co vento a favor, pero axiña o Malpica reaccionaría e conseguiría o empate, logo dunha xogada por banda de Cheo, que centra á área, Manuel consegue despexar de puños ante Tato, pero o rexeite quédalle a Neucha só na frontal que bate se problemas a porta baiesa. Con este gol, perdeu o control do partido o Baio e insufloulle ánimos aos locais, que se viñeron arriba, dominaron o centro do campo, e nun córner déronlle a volta ao marcador. Nun córner botado ao segundo pau, erra Mario no despexe e o balón cáelle ao goleador malpicán Pablo, que de tiro cruzado bate a Manuel. O Baio tivo que ir arriba en busca da igualada, pero non conseguía combinar cos seus dianteiros, pois os bálóns íanselle longos por efecto do aire, e quizais botasen en falta a ausencia do seu capitán Martín para dar o pase definitivo. Aínda así tivo Canay unha ocasión clarísima ao chegarlle un balón franco, pero no seu man a man co porteiro Suso, saíu vencedor este cunha magnífica intervención. A mala noticia da tarde ocorría pouco despois cando Alberto recibía un forte golpe na cabeza que o deixaba conmocionado (as primeiras probas realizadas no Hospital falan dun esguince cervical). Acabou o Baio xogando no centro do campo con tres xuvenís, o que non impedíu que no último minuto estivese a punto de empatar por medio dun lanzamento de falta de Matías, que Suso sacou da mesma escuadra.
O tridente non tivo moitas ocasións
(Foto: Toury [Baio-Buño])
En definitiva, mal partido do Baio que apenas creou ocasións de gol, ante un mellor plantado Malpica que foi digno merecedor desta vitoria. Con esta derrota o Baio continúa na sexta praza, á que se achega perigosamente o Muros, e por riba escapan un pouco o Malpica e o Fisterra, próximo rival do Baio o domingo no Platas Reinoso.

Polo Malpica xogaron: Suso, Charly, Iago, Marco, Avelino, Rancaño, Andrés, Cheo, Neucha (Charro 78'), Tato, Pablo (Manu Pardo 83').

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías (Fredi 90'), Iván (Bieito 75'), Ramón, José Antonio, Mario, Eloy (Fachal 70'), Alberto (Rubio 82'), Javi Suárez, MC, Canay.

Goles: 0-1 Javi Suárez (21'), 1-1 Neucha (51'), 2-1 Pablo (64').

No hay comentarios:

Publicar un comentario