C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

6 feb 2012

PARTIDAZO E VITORIA ANTE O LÍDER

C. D. BAIO 2 - CLUB DO MAR DE CAIÓN 0


Santi Soneira fixo o saque de honor
(Foto: Santi Díaz)

Tarde nubosa e chuviñenta en Baio que non impediu unha grande afluencia de público ao Platas Reinoso, para presenciar un dos grandes partidos da Liga da Costa, como era o que enfrontaba ao CD BAIO co líder da categoría e máximo candidato ao título, o CLUB DO MAR DE CAIÓN. Visto o visto o partido non defraudou ás expectativas e foi disputado e competido ata o asubío final. Pero antes de principiar o encontro o protagonista foi Santiago Soneira, que fixo o saque de honor con motivo do seu recente título de campión galego de tiro con arco.
Canay volveuse encontrar co gol
(Foto: Santi Díaz)
E o partido non puido principiar mellor para os locais, pois na primeira xogada conseguía adiantarse no marcador, nun balón que cede entre liñas Martín para Javi Suárez, que lle chega de rebote a Canay, que só diante do porteiro caionés bate pola súa esquerda. O tanto reafirmou máis ao Baio no seu ánimo, e durante boa parte da primeira metade presionou moi arriba aos visitantes impedíndolles combinar e chegar á zona de ataque. De feito foron escasas ás aproximación do Club do Mar á portería de Manuel, en cambio o Baio roubaba e combinaba rápido con algún dos tres puntas para crear perigo na porta de Iago. Nunha destas, un marabilloso pase de Martín (deu unha clase maxistral no primeiro tempo) sobre Canay, que controla co peito e sen deixala caer marca de perfecta vaselina. Apenas transcorrera un cuarto de hora e os locais tiñan o partido encarrilado, pero aínda así non se relaxaron e continuaron apertando e presionando sobre a saída do balón e poñendo nerviosos aos caioneses que non atopaban a forma de chegar á meta rival.
Os xogadores do Baio celebran o
segundo gol.  (Foto: Santi Díaz) 
Presumíase unha segunda parte de dominio visitante e así foi. O Club do Mar fíxose dono do balón e o Baio botouse un pouco atrás, á espera de saír á contra por medio dalgunha das súas balas. E de feito, creou máis perigo o Baio nas súas contras que os caioneses, que só atopaban a maneira de crear perigo a través de balóns parados, pois a liña defensiva baiesa era infranqueable, comandados por Iván e Ramón, que secaron ao perigoso Vituco, e Matías e José Antonio nos laterais que daban conta da plantel de extremos que dispuxo o Club do Mar ao longo do encontro. Parecía que as lesións de Canay e MC ían mermar o equipo, pero os xuvenís que entraron por eles deron a talla con nota. Aínda así, MC antes de abandonar o campo tivo a ocasión máis clara da segunda parte, pero xa coxeando chegou sen forzas fronte a Iago e o seu disparo fóiselle desviado. Apertou o Club do Mar nos minutos finais, subindo xente arriba e colgando balóns, pero tanto a defensa como Manuel conxuraron unha e outra vez o perigo. Con todo, estivo máis cerca o terceiro do Baio en dúas claras ocasións, un disparo de Alberto desde a frontal da área que se lle foi lambendo o traveseiro, e nun lanzamento de falta de Javi Suárez que se foi ao poste co porteiro batido. Con motivo desta falta os visitantes quedaron cun home menos pola expulsión de Álex por dobre cartón, e aí xa baixaron os brazos ante a superioridade baiesa.
E dicían que estaba acabado!!
(Foto: Santi Díaz)
Xusta e merecida vitoria dun Baio ante un Club do Mar, que por vez primeira en toda a temporada acaba un partido sen marcar, o que dá conta do bo facer defensivo dos baieses (leva só 1 gol en contra nos últimos sete partidos como local). Con este triunfo mantense na sexta praza da clasificación, pois tamén gañaron o Malpica e o Corme, pero as derrotas dos tres primeiros achégaos un pouco máis, sobre todo ao Fisterra. A próxima semana outro interesante enfrontamento: a S.C.D. Malpica, na Pedra Queimada.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Iván, Ramón (Yago 92'), José Antonio, Eloy, Mario, Martín (Alberto 55'), MC (Fachal 73'), Javi Suárez, Canay (Rubio 65').

Polo CLUB DO MAR xogaron: Iago, David (Carlos 72'), Repi, Álex, Fran Borrazás, Juan Lareo, Jacobo, Jhonny, Santi Silva (Brais 46'), Bertín, Vituco.

Goles: 1-0 Canay (1'), 2-0 Canay (15'). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario