C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

2 abr 2012

NOVA VITORIA LOGO DUN DURO PARTIDO

C. D. BAIO 4 - MAZARICOS C. F. 1

Novo domingo de fútbol no Platas Reinoso en tarde de sol e moito público, boa parte del chegado desde terras mazaricanas. E é o que o Mazaricos levaba unhas cantas tempadas sen achegarse por estes lares e a importancia dos puntos para eles fixo desprazar a súa afección. A necesidade visitante apreciouse axiña na contundencia coa que se empregaron durante todo o partido, así como o seu nerviosismo que os levou a rematar con dous xogadores expulsados, ademais do seu delegado.
Lucas debutou ao grande cun golazo

O Baio presentábase con moitas baixas a este partido e varios xogadores xuvenís no once titular e no banco, todos eles titulares o día anterior contra o Corcubión. Aínda así o Baio comezou xogando do mesmo xeito, co fútbol de toque que o levou a ocupar prazas altas na clasificación. Os mazaricáns dedicáronse a defender a súa porta e na primeira parte apenas se achegaron á meta de Manuel, a non ser en lanzamentos de faltas colgadas á área baiesa desde calquera parte do campo, que non puxeron en moitos apretos á defensa baiesa. O Baio, con todo, non conseguía chegar co suficiente perigo como para poñerlle o medo no corpo aos visitantes, e cada internada dos dianteiros locais era cortada polas boas ou polas malas polos defensas. A pesar da multitude de faltas recibidas por Javi Suárez, coa permivisidade arbitral, non foron impedimento para que unha rápida combinación súa con Canay acabase cun tiro raso pegado ao poste do porteiro mazaricán. Non cambiou a súa forma de xogar o Mazaricos e o Baio, co marcador a favor, limitouse a mover o balón e que os visitantes corresen detrás del. Non houbo moitas ocasións de mención no resto do primeiro período ata os minutos finais, e un minuto antes de rematar o árbitro sinalaba un penalti cometido sobre Javi Suárez, que el mesmo se encargaría de transformar para poñer a tranquilidade no marcador.
O Baio perde coa baixa de MC, pero a
hostelería gana un auténtico barman.
Comezou a segunda parte con trocos no Mazaricos, de homes e de forma de xogar, pois a derrota non lle valía para nada. Non se levaban cinco minutos cando Kevin, en posición máis que dubidosa, recibe un pase en longo e despois de regatear a Manuel recortaba distancias. Nesta xogado o propio dianteiro mazaricán esvaraba contra o poste ao rematar e sufría un importante golpe que o levou a ter que retirarse. Este gol espoleou por un momento aos visitantes, pero axiña se fixo co control de novo o Baio, e o Mazaricos botouse de novo atrás á espera doutra contra mortal. Pero as continuas faltas e interrupcións no xogo levaron á expulsión de Ramón no minuto 61. A partir de aquí non volveu achegarse á porteria de Manuel e o Baio foi deixando pasar o tempo movendo o balón con rápidas circulacións buscando os puntas, que crearon varias xogadas de perigo sen que Martín, Alberto ou Canay chegasen a materializalas. Á falta dun cuarto de hora tivo que retirarse lesionado Javi Suárez, vítima da contundencia excesiva dos defensas, sen que chegase ningún cartón vermello máis, por moitos méritos que fixeron algúns dos defensas. A retirada de Javi coincidiu co debut de Lucas, co primeiro equipo, premio ao bo labor que viña desenvolvendo co equipo xuvenil. E non puido ter mellor debut, cando aos cinco minutos remataba unha falta coa súa clase habitual colocando o balón de vaselina no segundo pau. Os minutos finais foron xa de sobra, e só serviron para que o Baio aumentase a conta, cun gol de Canay ao aproveitar un pase de Alberto. Para o Mazaricos serviu para que o seu porteiro vise o cartón vermello polas súas protestas camiño dos vestiarios.
Con este resultado o Baio consegue subir unha praza a costa do Muros, e espera dentro de quince días o "mini derby" contra un Nantón que se vai afundindo na clasificación camiño da terceira.

Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, Fredi (Pablo 57'), Mario, Ramón, Fachal, Martín, Bieito (Eloy 66'), Alberto, Javi Suárez (Lucas 77'), Canay.

Goles: 1-0 Javi Suárez (21'), 2-0 Javi Suárez (p., 44'), 2-1 Kevin (53'), 3-1 Lucas (82'), 4-1 Canay (89').  

1 comentario:

  1. jajaja, a foto de martin xa e antigua eh, q aora ta maais chupado! xD

    ResponderEliminar