CAMARIÑAS F. C. 0 - C. D. BAIO 1
Na tarde do sábado desprazábase o Baio a Camariñas para disputar o encontro de volta dos dezaseisavos de final da Copa da Costa, un partido case intrascendente logo da ampla vitoria camariñán no encontro de ida. Con todo, o Baio, cunha mestura de xogadores afeccionados e xuvenís, xogou un bo partido e demostrou que foi superior ao Camariñas nos dous encontros da eliminatoria a pesar do que poida dicir o marcador final da serie.
Guillermo, "o gato de Bamiro" deixou a portería a cero |
Ao igual que no partido de ida, o Baio moveu con criterio o balón facendo que os locais se dedicasen a cerrar liñas e a enviar o balón o máis lonxe posible da súa portería. Con todo, non foron moitas as opcións de gol, e as poucas que houbo foron ben atalladas polo meta Pombo, con moito o mellor xogador dos camariñáns na eliminatoria.
Tono non puido ser profeta na súa terra e eliminar o Camariñas. |
Quedou eliminado o Baio, pois da Copa, que xogou máis e mellor que o Camariñas, pero no fútbol o que importan son os goles, e os do Vilán aproveitaron as súas ocasións no partido de ida e pasan a oitavos de final.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Matías, José Antonio, Yago, Ramón, Eloy, Martín, Alberto, Bieito, Javi Suárez, Valentín (Rubio 45').
Gol: Javi Suárez (64').
C. D. BAIO 8 - O PINDO C. F. 1
Despedía este domingo o Platas Reinoso a competición de liga coa visita do Pindo, e a xornada non puido ser máis triste. Presentábanse os pindexos con só sete xogadores a xogar o partido (iniciado este incorporaríase un oitavo), unha mostra máis da mala imaxe que está a dar a Liga da Costa, na que hai un superávit de equipos, sobre todo nalgúns concellos. Á parte da mala planificación que ano tras ano fai a Federación (sen que os clubes fagan nada, claro está), coa coincidencia de Liga e Copa, desvirtuando a competición ligueira.
Con todo, desde a directiva do Pindo fixeron constar a súa "vergonza" por non poder presentar un once inicial e deron a cara presentándose a xogar, e non quedando na casa como foi o caso doutros clubes que se viron na súa situación.
Javi Suárez marcoulle 7 ao Pindo e leva 29 na liga (Foto:Touri) |
Inicíabase a segunda parte cunha baixa nos visitantes, pois o seu porteiro caera "lesionado" no final da primeira. Aproveitou estes primeiros minutos Javi Suárez para anotar dous goles máis, e subir a súa cifra a sete neste encontro, que fai que alcance os 29 no total da temporada e loite con Vituco polo pichichi. Nada máis marcar o oitavo gol os locais, unha nova "lesión" nos visitantes poñía fin ao partido cando só se disputaran 50 minutos.
Con esta vitoria, á espera de que a certifique a Federación, o Baio ascende á sexta praza, que deberá conservar no derradeiro partido do ano en Buño o vindeiro domingo. O mellor do día de hoxe foron os pinchos que os xogadores do Baio lle ofreceron a todos os afeccionados que se achegaron ao Platas Reinoso, así como ao equipo visitante.
Polo CD BAIO xogaron: Manuel, Matías, José Antonio (Ramón 45'), Fredi, Pablo, Eloy, Mario, Andrés, Alberto, Martín, Javi Suárez.
Goles: 1-0 Javi Suárez (9'), 2-0 Martín (11'), 3-0 Javi Suárez (19'), 4-0 J. Suárez (27'), 5-0 J. Suárez (31'), 5-1 Bicho (38'), 6-1 J. Suárez (42'), 7-1 J. Suárez (46'), 8-1 J. Suárez (50').
No hay comentarios:
Publicar un comentario