C. D. BAIO 2016-2017
28 sept 2012
PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA
LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. C. D. ESTEIRANA
Domingo 30 de setembro; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Rubén Rivas Rodríguez.
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - PONTECESO S. D.
Sábado 29 de setembro; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Bernardo Domínguez Manteiga.
INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
E. M. F. VIMIANZO - C. D. BAIO
Sábado 29 de setembro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 15:45 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).
26 sept 2012
O FÚTBOL É ASÍ
C. D. BAIO 1 - U. D. MONTE LOURO 2
Este famoso dito é a mellor forma de resumir o partido disputado na tarde do domingo entre o CD BAIO e UD MONTE LOURO no encharcado Platas Reinoso. Porque a pesar das dificultades de xogar sobre un campo que aguantou o temporal de vento e chuvia da noite do sábado e de todo o domingo, os xogadores baieses fixeron méritos para obteren un mellor resultado, pero a falta de puntería e a mala sorte fixo que se lle escapasen os puntos.
Caras tristes ao final [Montaxe: Santi Díaz] |
Presentouse o Baio co mesmo once inicial que tan bo traballo fixo en Muros o domingo pasado, co cambio de Jorge no canto de Rubio, e mantivo os seus sinais de identidade a pesar das dificultades meteorolóxicas. O xogo de toque e movemento de balón causoulle máis dun susto ante uns rápidos atacantes lourenses, pero que non chegaron a seren ocasións claras. Si tivo o Baio bastantes oportunidades para adiantarse no marcador, pero a precipitación, a falta de acerto e, sobre todo, a mala sorte fixo que non se movese o marcador nesta primeira metade.
Mario ata lle pegaba coa zurda na auga [Foto: S. Díaz] |
A decoración non cambiou na reanudación, cun Monte Louro pechado atrás na busca dalgunha contra coa velocidade de Ancho e Pesco, mentres que os baieses seguían a crear ocasións ante unha defensa numerosa pero bastante endeble. Saltou a sorpresa aos dez minutos cando o defensa Álvaro remataba só unha falta lateral. Moveu peza o adestrador Félix, cambiando o sistema e colocando na punta a Martín MC, que tivo innumerables ocasións de bater ao porteiro Ismael, que a pesar de dar mostras de inseguridade conseguía rexeitar todos os balóns que lle chegaban. As oportunidades sucedíanse pero non era o día dos dianteiros. Martín, Jorge, Norberto, Eloy... intentábano todos pero o balón non entraba. E a can fraco todo se lle volven pulgas, e nunha rápida contra, Pesco arrincaba, en posible fóra de xogo, e batía a Anxo na súa saída. Viñéronse abaixo os locais durante uns instantes, tanto remar sobre o enchoupado campo, para morrer afogado. Pero aínda así sacaron forzas os xogadores para ter varias ocasións de aquí ao final. Nunha delas Martín MC conseguíu acortar distancias e poñer algo de esperanza para conseguir o empate. Un empate que non chegou por unha desas xogadas milagreiras, que ninguén no Platas se explica como non puido ser gol, cando Norberto rematou sobre a liña de gol e saíu da nada a man do porteiro Ismael para desviar a córner. Está visto que non era día, e todos os tópicos se escoitaban nas bancadas: fútbol é fútbol, o fútbol é así... Nun partido que se puido golear, acábase perdendo.
Con todo, bo partido dos baieses, que se manteñen no medio da táboa, á espera de recibir a próxima semana á SCD Esteirana, un dos equipos chamados a loitar pola liga.
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi (Rubio 54'), Mario, Pablo (Cachopo 67'), Yago, Norberto, Eloy Vilas (Fachal 81'), Jorge, Martín MC, Martín.
Goles: 0-1 Álvaro (51'), 0-2 Pesco (78'), 1-2 Martín MC (88').
Impresionante despregue fotográfico de Santi Díaz e Santi Soneira, a quen lles agradecemos as moitas fotos que nos cederon, e das que escollemos as seguintes (pica nelas para agrandalas se non cres o que ves):
Unha ocasión |
O Monte Louro pechouse atrás |
Tres en raia (I) |
Tres en raia (II) |
Tres en raia (III) |
Tres en raia (IV) |
Outra ocasión |
Jorge en Xogando baixo a chuvia |
Pablo 'Robocop' non supera o muro |
Ismael en Atrápao como poidas |
Outra ocasión... |
E outra... |
Parece que a viches pero é outra |
Gol de Álvaro (0-1) |
Entrará? Noooooon! |
Máis ocasións ante Ismael |
Norberto falla o incrible, ou non. |
VITORIA DOS XUVENÍS ANTES DE FIN DE ANO
CORME C. F. 0 - C. D. BAIO 1
Adiantouse á tarde do venres este partido de categoría xuvenil por mor da festa de fin de ano que se celebrou esta fin de semana en Corme. Conseguiron os rapaces do CD BAIO unha merecida vitoria ante un rival que puxo as cousas difíciles e que sempre estivo no partido debido á súa boa colacación no campo e no bo movemento do balón, buscando con perigo as bandas e as incorporacións desde segunda liña.
Chegaba mermado o Baio, coa baixa de Cachopo por culpa da selectividade, e cun Christian renqueante dunha lesión lumbar. Por se fosen poucas as desgrazas, no transcurso do partido tamén se lesionaron Anxo e Xoel. A parte positiva estivo no debut de Carlos, que deixou mostras das súas capacidades.
O partido foi moi igualado, sobre todo na primeira parte, na que o Baio dispuxo dalgunha ocasión, pero o centrocampismo foi a tónica dominante neste período. Cos trocos ofensivos introducidos por Emilio no descanso tivo o Baio os seus mellores minutos con moitas ocasións, pero que non se vían reflectidas no marcador. Houbo que agardar ao minuto 72 para ver o único gol do partido, nunha rápida contra levada por Lucas, que cedeu para Christian, que lla cruzou a Santi Díaz, que dun remate seco ao segundo pau puxo o 0-1 que sería definitivo. Botouse arriba o equipo cormelán nos últimos minutos na busca do empate e conseguiu encerrar aos baieses na súa área, pero tiveron a tranquilidade necesaria para conxurar o perigo creado polos locais e facer bo o gol obtido.
Con esta vitoria continúa o pleno dos baieses, que os mantén na cabeza da clasificación cun partido menos, á espera do gran enfrontamento do próximo sábado contra o Ponteceso, no que agardemos poidan estar todas as pezas da artillería baiesa (incluído o seu adestrador Emilio, mancado na tarde do luns).
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Carlos 45'), Xoel (Iván 70'), Pablo, Alberto, Fachal, David, Lucas, Anxo (Kevin 16'), Hío (Christian 45'), Santi Díaz (Pedro 85').
DEBUT CON GOLEADA DOS INFANTÍS
C. D. BAIO 7 - S. D. SOFÁN 0
Na mañá chuviosa do domingo debutaron esta temporada os infantís do CD BAIO, e fixérono cunha goleada ante o débil Sofán. A pesar do tempo achegáronse moitos afeccionados ao Platas Reinoso, tanto de Baio como de terras carballesas. É de destacar o comportamento destes, que animaron aos seus durante todo o partido e ao final ovacionáronos para levantarlles o ánimo. Con esta ampla vitoria os baieses encabezan a clasificación desta primeira xornada.
A verdade é que foron moitas as ocasións de gol que tiveron os rapaces adestrados por Pastoriza, que puideron conseguir unha goleada de escándalo. A súa maior forza física enfrontábase a un Sofán, novo na categoría, e que presentou un plantel con moitos alevíns, e que non están afeitos a xogar en campo grande.
Con todo, o Baio conseguiu trenzar boas xogadas, desde unha defensa segura e ben colocada a un centro do campo que moveu con criterio o balón sobre os rápidos dianteiros. Tamén é de destacar a eficiencia nas xogadas a balón parado, cun Éver que puxo moitos pases de gol.
Polo CD BAIO xogaron: Julián, Alejandra (Queiro 60'), Carlos, Víctor (Fran 51'), Andrea (Suárez 60'), Santi, José Antonio (Manuel Mª 68'), Éver, Sergio, Eloy, Anxo.
Foron os goleadores: Santi (2), José Antonio, Sergio, Anxo, Carlos e Eloy.
Quedades aquí cunhas fotos da autoría de Santi Soneira, entre elas a serie do gol de Carlos e a serie do gol de Anxo, e unha ocasión de Suárez (recorda que podes picar na foto para ampliala):
20 sept 2012
PARTIDOS DESTA SEMANA
LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - U. D. MONTE LOURO
Domingo 23 de setembro; 17:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio)
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
CORME C. F. - C. D. BAIO
Venres 21 de setembro; 18:30 horas.
Saída de Baio ás 17:00 horas.
Campo: O Cairo (Corme)
Árbitro: Luis E. Pérez Rodríguez.
INFANTIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
C. D. BAIO - S. D. SOFÁN
Domingo 23 de setembro; 10:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
ENTREGA DO TROFEO DE CAMPIÓNS XUVENÍS
O pasado sábado, nos prolegómenos do partido de categoría xuvenil que enfrontou ao CD BAIO e a SD LAXE, tivo lugar a entrega do Trofeo de Campións da Liga da Costa Xuvenil 2011-12 ao C. D. BAIO. Comezaron as celebracións co bonito detalle dos xogadores do Laxe, que lle fixeron o "pasillo" aos xogadores locais. Desfilaron ante os laxenses os integrantes do actual plantel e mais aqueles que abandonaron xa o equipo xuvenil. A continuación, o tesoureiro da Federación Galega de Fútbol, don José Gerpe, facía entrega ao capitán do equipo xuvenil do CD BAIO 2011-12, Pablo Romero, do trofeo que os acredita como mellor equipo da Liga da Costa pasada. Tivo outro magnífico detalle o capitán baiés de compartir o alzamento do trofeo co lesionado Valentín e entre os dous izaron ao ceo o preciado título. Acto seguido unha foto de familia antes de comezar o partido.
Deixámosvos aquí coa magnífica reportaxe fotográfica de Santi Soneira.
Foto de familia co trofeo |
Acutal plantel xuvenil saúda no centro do campo |
Os xogadores do Laxe fanlle o pasillo aos xogadores e ex-xogadores do Baio xuvenil |
José Gerpe fai entrega do trofeo |
Pablo e Valentín preparándose para levantar o trofeo |
17 sept 2012
VVV: VITORIA-VODA-VITORIA
Tres citas marcaban esta fin de semana para o Club Deportivo Baio: na mañá do sábado, o partido dos xuvenís fronte ao Laxe coa entrega do Trofeo de Campións da Liga da Costa 2011-12, o sábado de tarde a voda de Alberto, e na tarde do domingo visita a Miraflores para enfrontarse ao Muros SD. E as tres foron saldadas con éxito, sobre todo a segunda (disque ninguén pasou sede).
MUROS S. D. 0 - C. D. BAIO 1
A pesar do domingo caloroso que tiñamos en Baio, chegamos a Muros cun ceo cuberto, que non trouxo chuvia pero que comezou a cubrir a ría de brétema conforme se disputaba o partido no campo de Miraflores. Nin isto nin a resaca de moitos dos xogadores que a noite anterior foran á voda de Alberto impediron que os baieses realizasen un bo partido e conseguisen a vitoria no sempre difícil campo muradano.
Comezou o partido con dous equipos que trataban de gardar armas, sen arriscar o máis mínimo e o centrocampismo fíxose dono do xogo. Apenas se pisaban as áreas rivais durante a primeira media hora de xogo, tan só en xogadas a balón parado, sobre todo por parte local, que facían dos saques de banda unha melés na área baiesa, que os visitantes resolveron con solvencia. Tan só unha internada do lateral Gael, que rematou nun lanzamento desde fóra da área que o porteiro Anxo despexou a córner puxo algo de perigo neste primeiro terzo do partido. No último cuarto de hora, o Baio achegouse con perigo á meta local, en dúas internadas de Rubio, a primeira delas a máis clara, pois só ante Fabio enviou alto. Foi o preludio do único gol do partido, que naceu nunha impresionante xogada de Martín MC, que recolleu o balón no seu campo e foi sorteando rivais ata internarse na área e deixar de tacón a Martín, quen só fronte ao porteiro resolve con clase. Foi unha desas xogadas que pagan unha entrada. Puido empatar o Muros no saque dun córner, pero a volea de Dani foise alta.
A segunda parte, en contra do esperado, foi dominada polo Baio que puido sentenciar o partido con numerosas ocasións. Coa entrada de Jorge no lugar do cansado Martín, o Baio dispuxo de dúas balas que non puideron ser paradas pola defensa muradana, e só a falta de acerto cara ao gol, fixo que non aumentase a conta goleadora forasteira. A máis clara veu a raíz dunha gran xogada de Martín MC pola banda, que centrou para Jorge que envía o seu lanzamento ao pau dereito, o rebote cáelle a Rubio que, co porteiro batido, lanza de novo ao mesmo pau. Tivo dúas tamén claras Martín MC, un pesadelo para os seus marcadores, pero fóronselle fóra. O Baio dominaba o partido, cun Eloy Vilas que creceu moito na segunda parte, presionando a saída do balón local, e impedindo que estes se achegasen á meta de Anxo. Tan só meteron o medo no corpo nun lanzamento de falta de Mayuyo, que tras tocar en varios xogadores a modo de pinball, petou no poste da portería baiesa e foise fóra. Nos últimos minutos os muradáns fóronse arriba, incorporando a Mayuyo como dianteiro centro, e lanzando balóns á área, pero sen crear ocasións claras debido á seguridade de Anxo e dos defensas que controlaron en todo o momento os atacantes locais, destacando o bo partido de José Antonio, que secou ao perigoso Sexo.
Segunda vitoria consecutiva do CD BAIO, que terá agora dous partidos seguidos na casa, ante dous rivais tamén do concello muradán: o próximo domingo o Monte Louro, e para o seguinte un dos favoritos a gañar a liga, o Esteirana. Con este trunfo son seis os puntos conseguidos en tres xornadas, que nos colocan no pelotón perseguidor dos líderes Esteirana e Sofán.
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi (Fachal 60'), Mario, Pablo (Ramón 71'), Yago, Eloy Vilas, Norberto, Rubio (Christian 66'), Martín MC, Martín (Jorge 50').
Gol: 0-1 Martín (37').
XUVENIL: C. D. BAIO 4 - S. D. LAXE 2
Na mañá do sábado tiña lugar o partido de rivalidade entre os xuvenís baieses e laxenses, co engadido de militaren no conxunto visitante varios xogadores que militaron en distintas categorías do CD BAIO. Nos prolegómenos tiña lugar a entrega oficial do Trofeo de Campión da Liga Xuvenil 2011-12 ao CD BAIO, do que falaremos polo miúdo ao longo da semana.
En canto ao partido, saíron os locais totalmente durmidos e foron dominados polos laxenses que na primeira media hora conseguiron poñerse por díante no marcador con dous goles, que puideron ser algún máis, sobre todo coa boa actuación de Adrián, ex-xogador dos cadetes do Baio. Os baieses non lograron crear ocasións, e só melloraron cos trocos introducidos por Emilio, que levou a un cambio de colocación dos xogadores que foi dando os seus froitos. Tivo nesta primeira parte un par de ocasións por medio de Lucas e Santi, pero non conseguiron materializalas.
Saíu o Baio en tromba tras o descanso, que desarbolou por completo ao Laxe, que desapareceu do campo, e vía como unha e outra vez chegan ocasións locais, e con elas os goles. Lucas, ao rematar de cabeza unha falta botada por Cachopo, e Santi, de penalti, empataron o partido; antes de que Christian fixese unha das súas, ao facer un regate cun túnel sobre a liña de fondo e bater o porteiro visitante case sen ángulo. Anxo, ao aproveitar o rexeite do poste tras un penalti lanzado por Hío, puxo o 4-2 definitivo.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Kevin 25'), Iván (Cachopo 21'), Xoel, Pablo, Fachal, David, Lucas (Anxo 70'), Alberto (Pedro 79'), Christian, Santi (Hío 72').
13 sept 2012
O SÁBADO VODA DE ALBERTO!!!
Alberto recibiu o domingo unha placa de mans do capitán Martín con motivo da súa voda. [Foto: Santi Díaz] |
A mellor zurda de Nantón [Foto: Santi Díaz] |
MOITAS FELICIDADES AOS NOIVOS!!!
O sábado Alberto marcará o mellor da súa vida. [Fotomontaxe: Santi Díaz] |
PARTIDOS DESTA FIN DE SEMANA E ENTREGA DO TROFEO DE CAMPIÓNS DE LIGA XUVENIL
LIGA DA COSTA (2ª AUTONÓMICA - GRUPO 3º)
MUROS S. D. - C. D. BAIO
Domingo 16 de setembro; 18:00 horas.
Saída de Baio ás 15:45 horas.
Campo: Miraflores (Muros).
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA - GRUPO 4º)
C. D. BAIO - S. D. LAXE
Sábado 15 de setembro; 12:00 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
NOS PROLEGÓMENOS DO PARTIDO DO XUVENIL A FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL FARA ENTREGA AO CD BAIO DO TROFEO DE CAMPIÓN DA LIGA DA COSTA XUVENIL 2011-2012, ACTO AO QUE ESTÁN CONVIDADOS TODOS OS QUE FORMARON PARTE DESTE PLANTEL CAMPIÓN.
11 sept 2012
VITORIA NO DÍA DAS FESTAS!!!
C. D. BAIO 3 - MAZARICOS C. F. 1
Coincidindo co último día das festas de Baio disputouse á última hora da tarde do domingo o partido da segunda xornada da Liga da Costa entre o CD BAIO e o MAZARICOS CF. E, en contra do que é habitual nas festas, os locais conseguiron sacar adiante o partido con máis facilidade da prevista, e iso que contaban con algunha baixa de consideración (entre elas, a do mancado Valentín, a quen os compañeiros deron ánimos ao comezo do partido, logo da rotura de tres dedos do pé no trofeo do Concello de Zas). Na alineación titular figuraban tan só tres xogadores maiores de 22 anos, e dos oito restantes, dous aínda en idade xuvenil. Iso non foi óbvice para que demostrasen unha clara superioridade ante un opoñente que apenas creou perigo, e tan só se achegou á meta local nos minutos finais, cando as forzas empezaron a fraquear nos baieses.
ÁNIMO VALENTÍN!!! [Foto: Santi Díaz] |
Momento do penalti a Norberto, "o motor" do novo Baio [Foto: Santi Díaz] |
Martín MC transformando o penalti. Que toque!!! [Foto: Santi Díaz] |
Xa que logo, primeira vitoria do Baio nesta liga, logo do desafortunado debut da semana pasada, que ademais deixa boas sensacións deste equipo moi novo pero con gran calidade para facer un fútbol preciosista, e con perigo cara á porta contraria se Martín MC está de bo pé. Hai que destacar esta semana tamén o debut co CD BAIO do cabanés Chema, por quen parece que non pasan os anos e volveu dar mostras da súa calidade e seguridade; e dos xuvenís Cachopo e Christian, que fixeron un moi bo partido. Agora a agardar estas tres seguintes xornadas de enfrontamentos contra equipos muradáns, comezando o próximo domingo coa visita a Miraflores ante o equipo da capital municipal.
Cachopo e a súa zurda debutaron co primeiro equipo [Foto: Santi Díaz] |
Christian, non hai palabras [Foto: S.D.] |
Polo CD BAIO xogaron: Manuel, José Antonio (Pardo 77'), Chema, Mario, Cachopo, Yago, Norberto, Rubio (Eloy Vilas 54'), Martín (Fachal 74'), Martín MC, Christian.
Goles: 1-0 Martín MC (35', p.), 2-0 Martín MC (55'), 3-0 Martín MC (71'), 3-1 Aldo (82').
Martín MC, "a figura" do partido. [Foto: Santi Díaz] |
Suscribirse a:
Entradas (Atom)