C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

17 sept 2012

VVV: VITORIA-VODA-VITORIA

Tres citas marcaban esta fin de semana para o Club Deportivo Baio: na mañá do sábado, o partido dos xuvenís fronte ao Laxe coa entrega do Trofeo de Campións da Liga da Costa 2011-12, o sábado de tarde a voda de Alberto, e na tarde do domingo visita a Miraflores para enfrontarse ao Muros SD. E as tres foron saldadas con éxito, sobre todo a segunda (disque ninguén pasou sede).
 
MUROS S. D. 0 - C. D. BAIO 1
 
A pesar do domingo caloroso que tiñamos en Baio, chegamos a Muros cun ceo cuberto, que non trouxo chuvia pero que comezou a cubrir a ría de brétema conforme se disputaba o partido no campo de Miraflores. Nin isto nin a resaca de moitos dos xogadores que a noite anterior foran á voda de Alberto impediron que os baieses realizasen un bo partido e conseguisen a vitoria no sempre difícil campo muradano.
Comezou o partido con dous equipos que trataban de gardar armas, sen arriscar o máis mínimo e o centrocampismo fíxose dono do xogo. Apenas se pisaban as áreas rivais durante a primeira media hora de xogo, tan só en xogadas a balón parado, sobre todo por parte local, que facían dos saques de banda unha melés na área baiesa, que os visitantes resolveron con solvencia. Tan só unha internada do lateral Gael, que rematou nun lanzamento desde fóra da área que o porteiro Anxo despexou a córner puxo algo de perigo neste primeiro terzo do partido. No último cuarto de hora, o Baio achegouse con perigo á meta local, en dúas internadas de Rubio, a primeira delas a máis clara, pois só ante Fabio enviou alto. Foi o preludio do único gol do partido, que naceu nunha impresionante xogada de Martín MC, que recolleu o balón no seu campo e foi sorteando rivais ata internarse na área e deixar de tacón a Martín, quen só fronte ao porteiro resolve con clase. Foi unha desas xogadas que pagan unha entrada. Puido empatar o Muros no saque dun córner, pero a volea de Dani foise alta.
A segunda parte, en contra do esperado, foi dominada polo Baio que puido sentenciar o partido con numerosas ocasións. Coa entrada de Jorge no lugar do cansado Martín, o Baio dispuxo de dúas balas que non puideron ser paradas pola defensa muradana, e só a falta de acerto cara ao gol, fixo que non aumentase a conta goleadora forasteira. A máis clara veu a raíz dunha gran xogada de Martín MC pola banda, que centrou para Jorge que envía o seu lanzamento ao pau dereito, o rebote cáelle a Rubio que, co porteiro batido, lanza de novo ao mesmo pau. Tivo dúas tamén claras Martín MC, un pesadelo para os seus marcadores, pero fóronselle fóra. O Baio dominaba o partido, cun Eloy Vilas que creceu moito na segunda parte, presionando a saída do balón local, e impedindo que estes se achegasen á meta de Anxo. Tan só meteron o medo no corpo nun lanzamento de falta de Mayuyo, que tras tocar en varios xogadores a modo de pinball, petou no poste da portería baiesa e foise fóra. Nos últimos minutos os muradáns fóronse arriba, incorporando a Mayuyo como dianteiro centro, e lanzando balóns á área, pero sen crear ocasións claras debido á seguridade de Anxo e dos defensas que controlaron en todo o momento os atacantes locais, destacando o bo partido de José Antonio, que secou ao perigoso Sexo.
Segunda vitoria consecutiva do CD BAIO, que terá agora dous partidos seguidos na casa, ante dous rivais tamén do concello muradán: o próximo domingo o Monte Louro, e para o seguinte un dos favoritos a gañar a liga, o Esteirana. Con este trunfo son seis os puntos conseguidos en tres xornadas, que nos colocan no pelotón perseguidor dos líderes Esteirana e Sofán.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi (Fachal 60'), Mario, Pablo (Ramón 71'), Yago, Eloy Vilas, Norberto, Rubio (Christian 66'), Martín MC, Martín (Jorge 50').
 
Gol: 0-1 Martín (37').
 
XUVENIL: C. D. BAIO 4 - S. D. LAXE 2
 
Na mañá do sábado tiña lugar o partido de rivalidade entre os xuvenís baieses e laxenses, co engadido de militaren no conxunto visitante varios xogadores que militaron en distintas categorías do CD BAIO. Nos prolegómenos tiña lugar a entrega oficial do Trofeo de Campión da Liga Xuvenil 2011-12 ao CD BAIO, do que falaremos polo miúdo ao longo da semana.
En canto ao partido, saíron os locais totalmente durmidos e foron dominados polos laxenses que na primeira media hora conseguiron poñerse por díante no marcador con dous goles, que puideron ser algún máis, sobre todo coa boa actuación de Adrián, ex-xogador dos cadetes do Baio. Os baieses non lograron crear ocasións, e só melloraron cos trocos introducidos por Emilio, que levou a un cambio de colocación dos xogadores que foi dando os seus froitos. Tivo nesta primeira parte un par de ocasións por medio de Lucas e Santi, pero non conseguiron materializalas.
Saíu o Baio en tromba tras o descanso, que desarbolou por completo ao Laxe, que desapareceu do campo, e vía como unha e outra vez chegan ocasións locais, e con elas os goles. Lucas, ao rematar de cabeza unha falta botada por Cachopo, e Santi, de penalti, empataron o partido; antes de que Christian fixese unha das súas, ao facer un regate cun túnel sobre a liña de fondo e bater o porteiro visitante case sen ángulo. Anxo, ao aproveitar o rexeite do poste tras un penalti lanzado por Hío, puxo o 4-2 definitivo.
Polo CD BAIO xogaron: Guillermo, Marcos (Kevin 25'), Iván (Cachopo 21'), Xoel, Pablo, Fachal, David, Lucas (Anxo 70'), Alberto (Pedro 79'), Christian, Santi (Hío 72').   

No hay comentarios:

Publicar un comentario