C. D. BAIO 2016-2017

C. D. BAIO 2016-2017

26 sept 2012

O FÚTBOL É ASÍ

C. D. BAIO 1 - U. D. MONTE LOURO 2

Este famoso dito é a mellor forma de resumir o partido disputado na tarde do domingo entre o CD BAIO e UD MONTE LOURO no encharcado Platas Reinoso. Porque a pesar das dificultades de xogar sobre un campo que aguantou o temporal de vento e chuvia da noite do sábado e de todo o domingo, os xogadores baieses fixeron méritos para obteren un mellor resultado, pero a falta de puntería e a mala sorte fixo que se lle escapasen os puntos.
Caras tristes ao final
[Montaxe: Santi Díaz]
Presentouse o Baio co mesmo once inicial que tan bo traballo fixo en Muros o domingo pasado, co cambio de Jorge no canto de Rubio, e mantivo os seus sinais de identidade a pesar das dificultades meteorolóxicas. O xogo de toque e movemento de balón causoulle máis dun susto ante uns rápidos atacantes lourenses, pero que non chegaron a seren ocasións claras. Si tivo o Baio bastantes oportunidades para adiantarse no marcador, pero a precipitación, a falta de acerto e, sobre todo, a mala sorte fixo que non se movese o marcador nesta primeira metade.
Mario ata lle pegaba coa zurda
na auga [Foto: S. Díaz]
A decoración non cambiou na reanudación, cun Monte Louro pechado atrás na busca dalgunha contra coa velocidade de Ancho e Pesco, mentres que os baieses seguían a crear ocasións ante unha defensa numerosa pero bastante endeble. Saltou a sorpresa aos dez minutos cando o defensa Álvaro remataba só unha falta lateral. Moveu peza o adestrador Félix, cambiando o sistema e colocando na punta a Martín MC, que tivo innumerables ocasións de bater ao porteiro Ismael, que a pesar de dar mostras de inseguridade conseguía rexeitar todos os balóns que lle chegaban. As oportunidades sucedíanse pero non era o día dos dianteiros. Martín, Jorge, Norberto, Eloy... intentábano todos pero o balón non entraba. E a can fraco todo se lle volven pulgas, e nunha rápida contra, Pesco arrincaba, en posible fóra de xogo, e batía a Anxo na súa saída. Viñéronse abaixo os locais durante uns instantes, tanto remar sobre o enchoupado campo, para morrer afogado. Pero aínda así sacaron forzas os xogadores para ter varias ocasións de aquí ao final. Nunha delas Martín MC conseguíu acortar distancias e poñer algo de esperanza para conseguir o empate. Un empate que non chegou por unha desas xogadas milagreiras, que ninguén no Platas se explica como non puido ser gol, cando Norberto rematou sobre a liña de gol e saíu da nada a man do porteiro Ismael para desviar a córner. Está visto que non era día, e todos os tópicos se escoitaban nas bancadas: fútbol é fútbol, o fútbol é así... Nun partido que se puido golear, acábase perdendo.
Con todo, bo partido dos baieses, que se manteñen no medio da táboa, á espera de recibir a próxima semana á SCD Esteirana, un dos equipos chamados a loitar pola liga.
 
Polo CD BAIO xogaron: Anxo, José Antonio, Fredi (Rubio 54'), Mario, Pablo (Cachopo 67'), Yago, Norberto, Eloy Vilas (Fachal 81'), Jorge, Martín MC, Martín.
 
Goles: 0-1 Álvaro (51'), 0-2 Pesco (78'), 1-2 Martín MC (88').       
 
Impresionante despregue fotográfico de Santi Díaz e Santi Soneira, a quen lles agradecemos as moitas fotos que nos cederon, e das que escollemos as seguintes (pica nelas para agrandalas se non cres o que ves):


Unha ocasión
O Monte Louro pechouse atrás




Tres en raia (I)
Tres en raia (II)



Tres en raia (III)
Tres en raia (IV)



Outra ocasión
Jorge en Xogando baixo a chuvia



Pablo 'Robocop' non supera o muro
Ismael en Atrápao como poidas



Outra ocasión...
E outra...




Parece que a viches pero é outra
Gol de Álvaro (0-1)



Entrará? Noooooon!
Máis ocasións ante Ismael




Norberto falla o incrible, ou non.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario